23 novembro, 2023

Tempo Ordinario: 34ª semana


 


26 de novembro: Xesús Cristo, rei do universo.

1ª lectura: Ez 34, 11-12. 15-17. Salmo: 22, 1-2a. 2b-3. 5. 6.
2ª lectura: 1Cor 15, 20-26. 28.

Evanxeo: Mt 25, 31-46.

Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—“Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse todas as nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda.

Entón dirá o rei aos da súa dereita:
—“Vinde, benditos do meu Pi, recibide a herdanza do reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven en coiro e vestístesme; enfermo e visitástesme; na cadea e viñéstesme ver.”

Entón preguntaranlle os xustos:
—“Señor, cando te vimos famento e che demos de comer, ou sedento e che demos de bebe? Cando te vimos forasteiro e te acollemos ou en coiro e te vestimos? Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?”

O rei contestaralles:
-_”Dígovolo de verdade: Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo.

E diralles logo aos da súa esquerda:
—”Arredade de min, malditos, ide para o lume eterno, preparado para o Santán e para os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede e non me destes de beber; fun forasteiro e non me acollestes; estiven en coiro e non mevesdtiste3s; enfermo e na cadea e non me visitastes.”

Entón tamén eles lle preguntarán:
—“Señor, cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou en coiro, enfermo ou na cadea, e non che acudimos?”

El responderalles:
—“Dígovolo de verdade: Canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min.”

Estes irán ao castigo eterno e os xustos á vida eterna.”

Meditación

Ao ler esta parábola é doado que nos situemos como ante algo xa sabido, ante algo do que, polo tanto, non esperamos gran cousa. E mira que é unha parábola ben contundente esta do así chamado “xuízo final”, que unicamente nos transmite o evanxelista Mateu. Coma todas as parábolas de Xesús, esta tamén é ben suxestiva e provocadora. Cómpre achegarnos a ela con suma humildade, con ganas de conversión; os camiños que nela se nos abren son sorprendentes e lévannos ao corazón da experiencia relixiosa de Xesús, da que en principio nos sentimos amantes e seguidores.

Preséntase no marco dun xuízo, o xuízo final. Non intenta Xesús meternos medo con iso do xuízo final. O evanxeo de Xesús nunca é para poñermos medo, por moito que na Igrexa, na voz de moitos cregos, na maneira de entender de moitos homes e mulleres crentes, se deixara entender que si que era para meter medo. Hoxe, grazas a Deus, isto do medo ao xuízo final xa non funciona, xa non motiva, xa non empuxa; e, repetimos, cremos que por graza de Deus. A parábola e a súa presentación na escena dramática dun xuízo, dun xuízo final, está orientada a axudarnos a caer na conta da transcendencia para as nosas vidas, para a vidas das comunidades cristiás, de toda a Igrexa, dos criterios últimos, máis determinantes, que Xesús nos ofrece para valorar a calidade, a autenticidade, da nosa vida, sobre todo se esta se quere dicir cristiá. Esa calidade, esa autenticidade, vén definida pola postura que na vida tomemos ante a xente famenta, sedenta, forasteira, espida, enferma, encadeada,..., é dicir ante a xente pobre, diminuída, marxinada... de todos os tempos. Xesús pónnolo ben fácil. É ben doado ver, saber, comprobar como nos tratamos coa xente máis débil da sociedade. É ben doado saber como é ou non é a nosa vida cristiá. A calidade que ten, a verdade que ten. Podemos pensar por uns momentos que caras e que nomes lle poñeríamos a esa xente concreta en relación coa cal se xoga a nosa verdade cristiá.

A calidade dunha vida cristiá non se centra en referencias doutrinais. É frecuente que na Igrexa queimemos moitas enerxías en debates sobre doutrinas. As páxinas de Internet están cheas de comunicacións, a maior parte das cales mostran persoas apaixonadas polos debates de doutrinas. En cambio, case nunca se debate nada sobre como mellorar en amor, en servizo, en colaboración, en achegamento a persoas que andan en moita debilidade. Sae un tema destes e apenas suscita debate, ideas, propostas. O cal non quere dicir que na realidade da vida non se faga. Normalmente a xente que máis implicada está no traballo a carón das persoas máis marxinais, é a que menos se preocupa e a que menos tempo ten para andar chismorreando nas páxinas Web. De todas as maneiras, é frecuente que as nosas conversas sobre cousas de fe, de Igrexa, se centren sempre en debates doutrinais, en posicións ante tal ou cal postura de tal ou cal cura ou bispo, e poucas veces se centran no que Xesús nos propón como realmente importante. Xesús quere axudarnos a restarlle importancia a eses xogos doutrinais, tantas veces estériles, e a centrarnos nos realmente importante: as vidas rotas de tantas persoas que nos rodean e o noso trato con elas.

Sorprende que ao falar do asunto, Xesús non se quede tampouco en ideas. El fálanos desde o compromiso da súa existencia. Coñecemos de sobra cal foi a postura de Xesús, de palabra e de obra, con toda clase de persoas con vidas rotas: pobres, enfermas, pecadoras, mulleres adúlteras, putas, ladróns, xente de mala vida, xente de vida moi digna só aparentemente. Pero neste evanxeo dá un paso máis. Chega a dicir que el se identificaba con esa clase de xente, que era motivo de desprezo por parte da xente relixiosa, piadosa do seu tempo. Asombroso! Xesús identifícase, cédelles o rostro e a dignidade humana, divina, a esas persoas que deambulan polas nosas rúas cos corpos ou coas almas rotas. Xesús rompe esquemas, descolócanos. E, claro, se está identificado con esa xente (o que lle fixestes ou deixastes de facer a un destes, fixéstesmo ou deixastes de mo facer a min), quen queira amar, servir, honrar a Deus, quen queira ser crente devoto, fiel, xa ten sinalado claramente o camiño. Quen queira ser devoto admirador de Cristo Rei, xa sabe onde atopalo, onde servilo, onde honralo.

Introducirnos polo camiño proposto por Xesús é garantía dunha vida feliz, colmada en Deus. Abandonar ao débil na súa sorte só fai minguar a vida, o corazón, e a capacidade de gozo eterno en Deus. Non é cuestión de meternos medos. É ganas de axudarnos a achegarnos con pé firme ao corazón de Deus, ao núcleo da felicidade: a que entre todos podemos construír neste mundo e a que se expandirá na solidariedade total en Deus no máis alá, cando chegue a hora.

A celebración eucarística permítenos palpar e ver, no misterio do Pan e do Viño santos, este mundo de solidariedades que son as que abren camiños, as que salvan.

Preces

SEÑOR, SEÑOR,
VELAQUÍ O TEU SERVIDOR
VELAQUÍ A TÚA SERVIDORA.

Que nos deixemos arrastrar por Xesús polos camiños do servizo á xente que na familia, na parroquia ande máis necesitada de nós, do noso. Preguemos.

Que nos namoremos de ti, Xesús, que saibamos descubrirte, adorarte e servirte no corpo ferido da xente máis pobre. Preguemos.

Que non sirvamos por obrigación, á forza; que descubramos o gozo de servir, que se nos baleire e encha o corazón apegándonos a ti nos máis débiles. Preguemos.

Que na Igrexa todos e todas discutamos basicamente por ver como podemos servir máis e mellor nos tempos de hoxe, nas nosas comunidades concretas. Preguemos.

Que valoremos e participemos honradamente no servizo político, sindical, asociativo, para defender estruturalmente os dereitos da xente máis débil das nosas sociedades. Preguemos.

Oración
Canta discusión
para nada, Señor!
Canta palabra, canto debate, canto discurso
para nada, Señor!

Cóllesme da man,
entre farto e agarimoso,
lévasme á casa do débil,
do máis débil do pobo,
e disme:
“Aquí estou eu.
Este sono eu.”

Se queres amarme,
sabes como.
Se queres servirme,
sabes como.
Se queres seguirme,
sabes como.

Cóllesme da man,
entre canso e esperanzado,
fasme entrar contigo no fogar da marxinación
e disme:
“Esta é a casa de Deus.
Este é Deus en persoa.”
O camiño está franco e expedito,
as portas sempre abertas.
Ven e verás.

Que doado bater con Deus
da man do amor acollido e respondido!
Que peado intentar facelo
de costas a quen precisa do teu servizo!

Todo, Xesús, meu Señor, todo
vivido co rostro divino do débil:
durmir, espertar, comer, festexar,
rezar, traballar, asociarse, militar,
vivir, finar, soñar, resucitar...,
no nome bendito dos teus irmáns máis pequenos,
das túas irmás máis pequenas.

E puxéchesme, Xesús, a casa patas arriba,
e puxéchesnos a Igrexa patas arriba,
e puxeches as persoas crentes patas arriba,
afortunadamente, Xesús.

Perdón!
Grazas!
Acción:

Hoxe, no remate do ano litúrxico, podemos facer un balance, persoal e comunitario, do que medramos durante este ano no apego á persoa, ao estilo de vida de Xesús. Ou, simplemente, facer con algunha persoa algunha desas cousas das que nos falaba Xesús no evanxeo.


27 de novembro: Luns da 34ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Dn 1, 1-6. 8-20. Salmo: Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56
Ano 2: 1ª lectura: Ap 14, 1-3. 4b-5. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6

Evanxeo: Lc 21, 1-4

Nunha ocasión Xesús ergueu a vista e viu uns ricos que botaban os seus donativos na boeta do tesouro. E viu tamén unha viúva moi pobre, que botaba unha pouca cousa. Entón dixo:
—Asegúrovos unha cousa: esta pobre viúva botou máis ca todos. Porque todos estes botaron do que lles sobra, pera ela na súa pobreza botou canto tiña para vivir.

Meditación

Este evanxeo, tan curto el tamén en palabras, quere ser en si mesmo como un símbolo da importancia, do valor de todo o curto, de todo o pequeno nas nosas vidas, cando o sabemos encher de corazón, de vida. En realidade a vida está toda ela composta de pequenísimas achegas que, sumadas unhas ás outras, fan posible moitas grandes cousas. A moeda insignificante da viúva desvalida e pobre podémola converter nunha palabra amable de ánimo, ou nunha breve conversa coa que envolvemos en tenrura a unha persoa algo desalentada, ou nunha visita a unha persoa enferma, ou no acompañamento a aquel par de velliñas que envellecen soas na aldea, ou no sinxelo servizo de voluntariado en tal institucións benéfica, ou en apoiar coa miña firma, coa miña presenza a unha asociación veciñal, a un partido político que considero que está do lado tamén da xente máis pequena etc. Estas cousas, na medida en que lles damos entrada nas nosas vidas e as enchemos de afecto gratuíto, son a máis grande revolución da vida, o que permite que a esperanza se multiplique ao noso redor cada día.

Oración
Grazas, meu Deus,
por todas as cousas pequenas
que a xente máis pequena é capaz de facer,
buscando vida para a familia,
para a comunidade, para o pobo.
Grazas porque grazas a ti
aprendemos a valorar o pequeno
e a facer do pequeno
a forza que move o mundo.
Grazas polo gran pequeno
que foi Xesús,
que tanto nos abriu os ollos
para descubrirmos no pequeno
o camiño que leva
á maior verdade,
á maior paz,
á maior revolución.
Grazas, meu Deus!
Acción

Podémonos esforzar hoxe por estar atentas ás pequenas cousas coas que facer máis agradable a vida á xente que nos rodea. Fixámonos nas cousas que nos fan a nós e tamén nas que nós facemos ou podemos facer a outras persoas.


28 de novembro: Martes da 34ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Dn 2, 31-45. Salmo: Dn 3, 57. 58. 59. 60. 61
Ano 2: 1ª lectura: Ap 14, 14-19. Salmo: 95, 10. 11-12. 13.

Evanxeo: Lc 21, 5-11

Nunha ocasión comentaban algunhas persoas a fermosa cantería con que estaba construído o templo e os exvotos que o adornaban. Pero Xesús díxolles:
—Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra.

Eles preguntáronlle:
—Mestre, ¿cando van pasar estas cousas? ¿Cal será o signo de que van suceder?

El díxolles:
—Andade con coidado, para que ninguén vos engane. Porque ha vir moita xente no meu nome, dicindo: “son eu” e tamén “está a chegar o momento”, pero non sigades a esas persoas. Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes, porque iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.

Entón díxolles:
—Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares, cousas espantosas e grandes sinais no ceo.

Meditación

A historia, a vida, o bo sentido cristián foinos apartando desa especie de obsesión pola fin do mundo na que viviron moitas xeracións de persoas crentes e non crentes. Preocúpanos o mundo, o seu presente e a súa posible fin, porque entendemos que nós mesmos, e non a suposta ira de Deus, o podemos destruír cos nosos comportamentos egoístas, irresponsables. Polo demais, todos vemos cómo cousas, edificios, institucións, que noutros tempos tiveron moito brillo, están agora desaparecendo, empezando por moitos mosteiros, institutos relixiosos, obras de relixión. Estamos vendo tamén como, para moita xente polo menos, para moitos países, están pasando cousas espantosas, que lles afogan a vida. O que permanece e permanecerá, o que ten solidez indestrutible, máis aló de calquera desgraza ou acontecemento negativo, o que lle dará sentido e futuro a calquera situación, por moura e fatal que sexa, é o amor, a solidariedade, a decisión compartida de andarmos con afán unhas persoas velando polo ben das outras, polo ben de todo o mundo. Isto non pasará. Isto é Deus.

Oración
Que bo que nos aprendas, meu Deus,
a temer,
pero non a ti,
que es todo solicitude servidora!
Que bo que nos aprendas, meu Deus,
a coidarnos,
pero non de ti,
que tes oficio de coidador universal!
Que bo que nos aprendas, meu Deus,
a velar por nós,
a coidarnos a nós,
para que nunca o afán de riqueza
nos peche no egoísmo sen solidariedade,
para que nunca a ansia de dominio
nos leve a desfacer o mundo,
esta casa común que nos deches!
Que bo que esteas ao noso lado, meu Deus,
educándonos para a vida grande e feliz!
Aquí estou meu, Deus,
quero aprender de ti.
Acción

Unha maneira de coidar a vida, de coidar o mundo, é saber como van as cousas do mundo. Podiamos hoxe dedicar algún tempo a saber do mundo, das situacións dolorosa dalgúns pobos, dalgunha xente emigrante ou refuxiada que ande preto de nós. Coñecer de cerca axudaranos a ser xente máis solidaria.


29 de novembro: Mércores da 34ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Dn 5, 1-6. 13-14. 16-17. 23-28. Salmo: 3, 62. 63. 64. 65. 66. 67
Ano 2: 1ª lectura: Ap 15, 1-4. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 7-8. 9

Evanxeo: Lc 21, 12-19

Nunha ocasión díxolle Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Botaranse sobre vós e perseguiranvos; levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teredes a oportunidade de dar testemuño. Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, pois eu heivos dar unhas palabras e unha sabedoría que non poderán resistir nin replicar os vosos adversarios. Hanvos entregar os vosos mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós e aborreceravos todo o mundo por causa miña, pero nin un pelo da vosa cabeza se perderá. Coa vosa perseveranza salvaredes as vosas vidas.

Meditación

Non era doado soster a fe, a esperanza daqueles homes e mulleres cristiás que empezaban a ser perseguidas e matadas por seren seguidoras de Xesús. Por iso o evanxelista recolle e reforza as palabras de Xesús para dar ánimos. Nós, aquí en Galicia, non vivimos hoxe nesa situación extrema. Si que a viven moitos cristiáns en Oriente Medio, por exemplo, onde están sendo literalmente aniquilados. Acabo de ler un testemuño estarrecedor dun sacerdote sirio narrando a triste sorte de moitas persoas cristiás, de moitas comunidades cristiás que están sendo esquilmadas criminalmente. E os seus cregos con eles. E todo por seguir a Xesús, pola súa causa, por dar coa vida testemuño de Xesús! Quen nos vería a nós nunha situación así! ¿Que importancia ten para a vida cristiá que nós levamos dar testemuño de Xesús, coa palabra, cos feitos? ¿Qué estamos dispostos a loitar, a sufrir, pola causa de Xesús, que en teoría dicimos que é tamén a nosa causa? Que frouxos e vendidos estamos sendo!

Oración
Perdón, meu Deus,
por ter renunciado tantas veces a dar testemuño de ti.
Perdón por velar coidadosamente
de non pasar por ningún conflito
pola mor túa,
pola mor do teu nome, da túa causa.
Perdón polos nosos medos,
pola nosa covardía,
por carecer de palabra e sabedoría
coa que facer valer ante o mundo
a nosa condición de seguidores/as túas.
Perdón por non nos fiar de ti,
e das túas seguridades.
Perdón pola nosa cativa perseveranza,
que non garante nada bo
nin para a gloria do teu nome
nin para a consistencia das nosas vidas.
Que o teu perdón nos refaga, meu Deus,
que o teu perdón nos renove!
Acción

É moi posible que nalgunha ocasión, ante algunhas persoas, teñamos agachado a nosa condición de persoas que sentimos agarimo e admiración por Xesús e polo seu estilo de vida. Facémonos conscientes diso e miramos de non ser tan covardes cando se nos volva dar o caso.


30 de novembro: Festa do apóstolo Santo André

1ª lectura: Rom 10, 9-18. Salmo: 18, 2-3. 4-5

Evanxeo: Mt 4, 18-22

Un día, camiñando Xesús pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e André; os dous, que eran pescadores, estaban largando as redes no mar. Díxolles Xesús:
—Vide comigo e fareivos pescadores de xente.

Eles deixaron de contado as redes e seguírono. Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e máis Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando as redes. Tamén os chamou e eles coa mesma deixaron a barca e máis a seu pai e seguírono.

Meditación

Foron Pedro e André, Santiago e Xoán, irmáns entre si, pescadores todos eles, con familia e traballo máis ou menos decente; foron eles e somos nós: Policarpo e Xosé, Manolo e Lupe, Pilar e Cristina, homes e mulleres normais, con traballos normais, ou no paro, con ilusións de vida por diante. Ante todos e todas a misteriosa ollada de Deus, a través de Xesús ou de calquera outra persoa que no seu nome se achegou á nosa vida; a misteriosa elección, caer na conta de que está aí, queréndonos, compartindo connosco a súa ansia polo ben da xente, polo ben do mundo, pedíndonos colaboración para sermos nós algo as súas mans. E decidinos facerlle caso, seguilo, deixando a familia e o traballo que tiñamos, ou seguindo na familia e no traballo, pero abrindo a familia e o traballo a unha nova dimensión: sermos xente de comunidade, que non nos contentamos con facer nós vida de calquera maneira, senón que a queremos para todas e todos e dunha maneira fonda, xusta, solidaria, feliz. E aí estamos, á sombra de André no día de hoxe.

Oración
Deixárono todo
e seguíronte, Xesús.
Quen nos dera
vivir esa atracción túa tan fonda
sobre as nosas vidas!
Quen nos dera
que o corazón se nos desapegase algo
do meu, do noso,
e se abrise coma o teu
a soños solidarios!
Quen nos dera ser
libres de nós,
do noso, de todo,
para andar contigo aventuras fraternas!
O revolucionario camiño
cara á gran felicidade!
Cando acabaremos de crerte, Xesús,
cando?
Acción

Se sabemos algunha persoa que nos parece que foi cativada por Xesús para unha tarefa solidaria, podemos falar algo con ela, para ver como escoitou a súa chamada e como a vive.


1 de decembro: Venres da 34ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Dn 7, 2-14. Salmo: Dn 3, 75. 76. 77. 78. 79. 80. 81
Ano 2: 1ª lectura: Ap 20, 1-4. 11—21,2. Salmo: 83, 3. 4. 5-6a e 8a

Evanxeo: Lc 21, 29-33

Unha vez propúxolles Xesús esta parábola aos seus discípulos:
—Reparade na figueira e nas demais árbores; cando as vedes agromar, sabedes por vós mesmos que está vindo o verán. Pois vós igual; cando vexades que pasan estas cousas, caede na conta de que xa está preto o reino de Deus. Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes aconteza todo isto. O ceo e máis a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.

Meditación

Pídenos Xesús que nós mesmos esteamos atentos para valorar o que vai pasando nas nosas vidas, nos nosos días. Soamente así poderemos dicir con criterio: mirade por onde asoma o reino de Deus. É dicir: mirade as cousas que o ocultan e as que o fan presente no medio da barafunda que sempre é o mundo no que nos movemos. O reino de Deus, aquilo que a Deus lle reina, sempre anda envolto en sinxeleza, non busca altofalantes, móvese áxil entre o respecto ao vulnerable, é gratuíto, gózase no comunitario, é fondamente alegre. Certamente entre nós está acontecendo xa o reino de Deus.

Oración
As miñas palabras non pasarán.
Prométovolo.
O mundo está enchoupado das bendicións de Deus,
por riba, por baixo, polo medio do rebumbio
que ameaza revolvelo todo,
engulilo todo.
Abride os oídos, a mente, o corazón;
estade atentos/as, reparade.
Esa é a vosa tarefa:
detectar, vivir e compartir
canto no seu seo leva gravado a Espírito
os trazos invisibles de Deus..
Acción
Hoxe, ao longo do día, podemos estar atentos ao que imos vendo e vivindo, para poder descubrir detalles da vida nos que o reino de Deus se está amosando xa no medio de nós. Se o podemos compartir con alguén, mellor.


2 de decembro: Sábado da 34ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Dn 7, 15-27. Salmo: Dn 3, 82. 83. 84. 85. 86. 87
Ano 2: 1ª lectura: Ap 22, 1-7. Salmo: 94, 1-2. 3-5. 6-7

Evanxeo: Lc 21, 34-36

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Andade con coidado, non sexa que se vos atorde o corazón coa bebida, os vicios e as preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día; porque caerá como un lazo sobre todos os habitantes da terra. Vós vixiade sempre e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir e mantervos en pé diante do Fillo do Home.

Meditación

Este texto, coma outros que estivemos lendo estes días pasados, é para contemplar á sombra dese convencemento fondo que sempre nos debe acompañar: Deus non é para meter medo, o evanxeo de Xesús non é nunca unha escola de xente medrosa. Ao contrario, Deus, o evanxeo de Xesús son sempre para axudarnos a quitar de enriba de nós os medos que paralizan; son para espelirnos cara á vida, cara á audacia, cara á esperanza. Si, é certo, unha vida atoleirada sexa coa bebida, co xogo, con calquera comportamento dependente non nos trae nada bo; unha preocupación obsesiva polas cousas da vida tamén nos pode bloquear a existencia, e nos pode levar a non gozar do que cada día a vida mesma nos vai dando. Claro que podemos errar na vida; claro que é bo que esteamos alerta para non rebaixar o potencial de vida que levamos dentro de nós por graza de Deus; claro que é bo coidarnos a nós e coidar este mundo. Pero nunca desde o medo, sempre desde a seguridade de que Deus anda sempre ao noso lado como compañeiro que nos coñece ben e que nunca nos vai fallar.

Oración
Creo en ti, meu Deus,
confío en ti,
espero en ti.
Síntote ao meu lado
en todos os momentos da miña existencia,
nas duras e nas maduras.
Grazas por nunca me fallares,
grazas pola túa compaña fiel,
grazas polas túas correccións e aloumiños,
grazas polo inmenso agarimo que me tés,
que nunca, nunca,
poderei sopesar abondo.
Amo a vida,
pero, por iso mesmo, tárdame verte cara a cara.
Amo e gozo este precioso mundo que nos deches,
esta terra galega que tanto me namora,
pero, por iso mesmo,
tárdame achegarme a fonte de tanto ben
e beber nela
ata a fartura total.
Grazas!
Acción

¿Hai algunha cousa que nos estea obsesionando, que nos estea envolvendo en medos e desesperanzas? Podemos identificala, para poder vivila á luz de Xesús.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.