14 decembro, 2023

Tempo de Advento: 3ª semana



17 de decembro: Domingo 3 de Advento

1ª lectura: Is 61, 1-2a. 10-11. Salmo: Lc 1, 46-48. 49-50. 53-54
2ª lectura: 1 Tes 5, 16-24.

Evanxeo: Xn 1,6-8. 19-28

Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todos cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz. 

E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el para lle preguntar:
—¿Ti quen es?

El declarou e non negou. Declarou:
—Eu non son o Cristo.

Preguntáronlle:
—Entón ¿quen es ti? Es Elías?

Contestou:
—Non son.

—¿Es o profeta?

Respondeu:
—Non.

Daquela dixéronlle:
—¿E, logo, quen es?, para que poidamos darlle unha resposta aos que nos mandaron. ¿Qué dis de ti mesmo?

El dicía:
—Eu son a voz do que clama no deserto: "Endereitade o camiño do Señor!" (como escribira o profeta Isaías).

Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:
—Entón, ¿por qué bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?

Xoán respondeulles:
—Eu bautizo con auga, mais entre vós está quen vós non coñecedes, o que vén detrás miña, e eu non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia.

Todo isto pasou en Betania, pola outra banda do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.

Meditación

Xoán Bautista foi un personaxe moi significativo na traxectoria persoal de Xesús, da súa vida, da súa misión, moito máis seguramente do que transmiten os textos evanxélicos que leemos. A admiración era mutua. Os evanxeos ofrecen unha imaxe de Xoán Bautista integrada xa na perspectiva cristiá, onde Xesús é o centro, o importante, e Xoán ocupa un papel de servizo para a comprensión de Xesús e da súa misión.

Formamos parte dunha sociedade en crise; todos coñecemos datos ben concretos que nola debuxan cun dramatismo angustioso. E o noso non é nada comparado co que pasa noutros países do mundo. Nunca nada do noso lle é indiferente a Deus. No Advento deste ano estamos acollendo a oferta dun Deus que coa súa presenza quere contribuír a levantar o noso ánimo, a poñer luz nas nosas escuridades, a devolvernos a alegría que se nos encolle no corazón. Sen escapes, cos pés ben chantados na terra.

Xoán foi testemuña da luz, para que a xente descubrise a novidade de Xesús. A nosa misión coma cristiás/ans nos días de hoxe, persoal e comunitariamente, é ser tamén testemuñas da luz, testemuñas da forza curadora, liberadora de Xesús. Con absoluta humildade. Con absoluto vigor. Xesús tampouco é indiferente ante calquera situación creada nos tempos que vivimos. En nós, a través de nós, máis alá de nós, a forza humanizadora de Xesús pode desenvolver todo o seu poderío.

Podémonos preguntar pola fondura e calidade da nosa experiencia de Xesús, pois mal podemos testemuñar o que non vivimos. Podémonos preguntar pola fondura e calidade do noso testemuño. Véndonos vivir, coas opcións concretas que a vida demanda ante todo, ante todos e todas, ante o máis cotián, adiviñarán os nosos veciños e veciñas que somos xente tocada, atraída, dinamizada, alegrada pola persoa de Xesús de Nazaré?

Xoán Bautista está presentado coma un humilde admirador de Xesús, en quen el intuía unhas posibilidades desbordantes, un pozo sen fondo de vida, de esperanza. Mantemos nós esta fe admirada, expectante ante Xesús, ante todo o de Xesús? Quéimanos Xesús dentro, abrímonos diariamente á súa novidade, ofrecémolo á demais xente como o que é: unha grande esperanza para un pobo derreado e esmorecido?

Preces

QUE A TÚA LUZ, SEÑOR, ILUMINE AS NOSAS VIDAS

Que gocemos agradecidos/as, coa túa presenza firme no centro das nosas vidas débiles. Oremos.

Que nos deixemos levar polo teu Espírito en cada palabra que falemos, en cada acción que levemos a cabo diariamente. Oremos.

Que as comunidades cristiás das que formamos parte, coa súa vida sobre todo, transmitan o teu vigor, a túa esperanza. Oremos.

Que colaboremos coa xente encarcerada, parada, deprimida, enferma, e saibamos crear redes de vida e liberdade no teu nome. Oremos.

Que os pobos pequenos do mundo deixen de ser abusados e explotados, que non nos deixemos engaiolar polos poderosos que queren impoñer as súas leis e comenencias. Oremos.

Que o novo goberno de España se sitúe do lado de quen menos ten, de quen menos pode, de quen menos espera. Oremos.

Oración
Quen son eu, Xesús,
quen son eu
—podíanme preguntar tamén os meus veciños e veciñas,
ou os mandos da Igrexa, coma a Xoán?

Envoltos como andamos nunha situación cega,
na que á xente máis débil lle toca apandar
—coma sempre—,
quen son eu,
que digo eu,
que fago eu,
que represento eu,
cara a onde apunto eu
e comigo a comunidade cristiá da que formo parte?

Canto desexo sentirme atraído por ti,
coma Xoán!
Se a túa luz iluminase a fondo a viña vida,
para descubrirme no pouco e moito que son:
anaquiño de Deus presente nesta hora!
Se o teu vigor prendese no meu ánimo minguado,
e o levase ata as ribeiras da ousadía,
cada día, a cada hora,
en servizo do pobo ao que me debo!

Encantado por ti, coma Xoán,
desbordado por ti, coma Xoán,
desconcertado por ti, coma Xoán,
humilde seguidor teu,
que non sabe senón desatar amorosamente o amalló das túas sandalias,
para que as túas pisadas de paz e liberdade
sinalen limpamente na terra fría
o camiño a andar,
a carón dos meus veciños e veciñas,
a carón da xente máis ferida.

Ai, Xesús,
por que te quererei tanto!
Acción

Seguro que calquera de nós temos persoas de referencia, que na nosa vida nos axudaron a aproximarnos a Xesús de Nazaré e ao seu estilo de vida. Podemos mostrarlles o noso agradecemento, comentar con eles o noso momento presente, alentarnos mutuamente para sermos boas testemuñas de Xesús e do de Xesús no noso momento histórico, nos nosos pobos.


18 de decembro: luns 3ª semana de Advento

1ª lectura: Xer 23, 5-8
Salmo: 71, 1-2. 12-13. 18-19

Evanxeo: Mt 1,18-24

O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; pero antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, como non a quería aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Xa tiña pensado facelo así, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños dicíndolle:
—Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. María dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.

Todos isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
Mirade, a virxe concibirá e dará a luz un fillo,
e poñeranlle de nome Emmanuel
(que quere dicir "Deus connosco").
Acordou Xosé do seu soño, fixo tal como lle mandara o anxo do Señor e levou consigo a súa prometida.

Meditación

Os primeiros homes e mulleres cristiás quedaron moi impresionadas pola figura de Xesús, pola súa palabra, pola súa vida totalmente fiel a Deus, totalmente entregada en servizo á xente, e preguntáronse como sería posible que un home así dese aparecido entre nós, que normalmente somos tan fráxiles, tan inconsistentes, tan atentos ao noso e punto. E chegaron á acertada conclusión de que Xesús non podía ser froito máis ca do Espírito Santo de Deus, que obra a través da normalidade humilde da vida: María, Xosé, os soños...

Este evanxeo ademais pode animarnos a non desesperar ante situacións complicadas que poidamos ter na vida. Invítanos a non acelerarnos, a escoitar o noso corazón, a acoller a palabra doutras persoas amigas que poden facer para nós como de anxos de Deus, a confiar en Deus, e por onde menos se espera xurdirá a luz. Porque é certo que Deus é sempre un Deus con nosoutros.

Oración
Grazas, meu Deus,
por teres acompañado a Xosé, a María,
e a tantos homes e mulleres ao longo da historia.
Grazas por seres un "Deus connosco",
alguén sempre achegado a nós,
sempre preocupado por nós,
sempre disposto a acompañarnos,
a abrir camiños,
a anunciar auroras,
a abrir esperanzas.
Grazas, meu Deus, grazas.
Acción
Se tes algunha dúbida sobre que facer ou non facer acerca de algo de certa importancia, non deixes de compartilo con alguén que che ofreza confianza. A luz de Deus chéganos con frecuencia a través de persoas que nos acompañan na vida.


19 de decembro: martes 3ª semana de Advento

1ª lectura: Xuí 13, 2-7. 24-25a
Salmo: 70, 3-4a. 5-6ab. 16-17

Evanxeo: Lc 1, 5-25

Houbo no tempo de Herodes, rei de Xudea, un sacerdote chamado Zacarías, do grupo de Abías, casado cunha muller descendente de Aharón, chamada Sabela. Ambos eran xustos ante Deus, pois gardaban sen fallas os seus mandamentos e preceptos. Non tiñan fillos, por ser Sabela estéril e estaren os dous moi entrados en anos.

E resulta que, estando el exercendo o sacerdocio cos da súa quenda diante de Deus, tocoulle entrar no Santuario do Señor para ofrecer o incenso de acordo co ritual, mentres a xente do pobo facía oración fóra. Nisto, aparecéuselle de pé un anxo ado Señor á dereita do altar do incenso. Ao velo, Zacarías turbouse todo e encheuse de temor. Mais o anxo díxolle:
—Non teñas medo, Zacarías, que foi escoitada a túa petición, e Sabela, a túa muller, vaiche dar un fillo e vaslle chamar Xoán. Será para ti gozo e alegría e moita xente se alegrará polo seu nacemento. Será grande ante o Señor e non beberá nin viño nin licor. Desde o mesmo ventre da súa nai estará cheo do Espírito Santo. Converterá a moitos fillos e fillas de Israel ao Señor, o seu Deus. Camiñará diante del co espírito e poder de Elías, para reconciliar pais e fillos, para ensinarlles aos rebeldes o proceder dos xustos e preparar así un pobo ben disposto para o Señor.

Preguntoulle Zacarías ao anxo:
—E que probas diso me dás a min, que xa vou vello e a miña muller tamén xa pasa dos anos?

O anxo respondeu:
—Eu son Gabriel, o que estou preto de Deus; el envioume para falar contigo e darche esta boa nova. E fíxate ben, vas quedar mudo e non poderás falar ata o día no que aconteza todo isto, xa que non criches nas miñas palabras que se han cumprir no seu tempo.

E, mentres, o pobo agardaba por Zacarías e estaba sorprendido de que se demorase tanto dentro do Santuario. Cando por fin saíu, non podía falar, e a xente comprendeu que tivera algunha visión no Santuario. El facíalles señas, pero non falaba.

Cando rematou o tempo do seu servizo, foi para a súa casa. Días despois concibiu a súa muller Sabela, que durante cinco meses estivo escondida, dicindo para si:
—Isto é obra do Señor, que se dignou librarme desta miña vergonza pública.

Meditación

Se Xesús non podía senón ser cousa do Espírito, algo semellante pasou con Xoán o Bautista; tampouco aquel home xusto, que tanto tivo que ver na madureza humana e espiritual de Xesús, podía ser tal sen que a forza do Espírito andase polo medio. E o evanxeo cóntanolo así, con tanta graza, imaxinación e fondura a un tempo.

Este evanxeo invítanos a implicar toda a nosa vida en todo o que sexa xusto. Invítanos tamén a fiarnos de Deus sen medida, poñendo nas súas mans todas as nosas aflicións e vergonzas. Invítanos a crer que por debaixo da normalidade e do peso diario da vida podemos palpar e vivir unha presenza do Espírito de Deus, dando paz, dando forza, abrindo camiños onde todo parecía estar completamente pecho. Ese Espírito con frecuencia ten nome de persoas moi concretas que nolo fan evidente. Isto é o que fai posible que o Nadal exista.

Oración
Grazas, Pai noso, Nai nosa,
porque nos acompañas coa túa forza
nas horas de angustia e debilidade.
Grazas porque nunca nos deixas da túa man,
por moi mouras que se poñan as cousas.
Nesta hora de incerteza
para a xente que queremos vivir e crer na aldea,
que saibamos acoller o teu Espírito
e colaborar con el.
Acción

Se sabes dalgunha persoa que estea pasando por un mal momento, achégate a ela e, como mellor poidas, dálle o teu apoio e invítaa a confiar tamén no que Deus mesmo lle dá.


20 de decembro: mércores 3ª semana de Advento

1ª lectura: Is 7, 10-14
Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6

Evanxeo: Lc 1, 26-38

Sucedeu que aos seis meses (do anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.

O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o señor está contigo.

Ela turbouse con estas palabras, cavilando que podería significar aquel saúdo. O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus. Mira, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, a quen chamarás Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob e o seu reinado non terá fin.

María respondeulle ao anxo:
—E como pode ser isto, si non convivo con ningún home?

O anxo contestoulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que consideraban estéril, pois para Deus non hai imposibles.

María contestou:
—Pois aquí está a escrava do Señor: que se cumpra en min canto dixeches.

E o anxo marchou de onda ela.

Meditación

É algo moi fermoso ver que as grandes cousas de Deus se desenvolven moi especialmente en persoas humildes, en medios humildes. María era unha simple muller de aldea, ignorante en moitísimas cousas, pero sabia en levar a vida adiante, sabia en traballar, en amar o seu mozo Xosé, sabia en atender as fonduras do seu propio corazón e en telo aberto ás sorpresas de Deus.

O que María viviu é o que dalgunha maneira vivimos todos, todas nós. Coma ela somos persoas que gozamos do agarimo total de Deus, porque Deus non sabe querer soamente a anaquiños poucos. Coma ela somos persoas invitadas a deixar que Deus tome carne en nós, que as cousas de Deus enchan as nosas vidas, os nosos pensamentos, as nosas accións. Coma ela contamos coa garantía do Espírito de Deus. Coma ela podemos dicir si ou non á proposta de Deus. Oxalá a saibamos imitar e poidamos dicir desde o fondo da nosa vida: aquí está tamén unha persoa disposta a que estas cousas fondas de Deus tomen corpo na miña vida.

Oración
Recoñezo que che teño algo de medo, meu Deus,
que a miña fe é cativa,
que dubido
á hora de darche entrada no meu corazón,
na miña vida toda.
Que o teu Espírito me aclare e me fortaleza,
para poderche dicir sempre “si”,
coa humilde convicción coa que cho dixo Santa María.
Acción

Observa a túa vida. Deus preséntasenos moitas veces na voz, nas propostas de diferentes persoas ou realidades que nos falan de cousas que saben a Deus: acompañar a alguén, participar en algo comunitario, sumarse a algunha protesta digna, rexeitar unha chamada ao odio, á vinganza, etc. Case sen nos decatar, a diario estamos practicando iso do “si” e do “non” a Deus. Repara en como vives isto no día de hoxe.


21 de decembro: xoves 3ª semana de Advento

1ª lectura: Sof 3, 14-18a
Salmo: 32, 2-3. 11-12. 20-21

Evanxeo: Lc 1, 39-45

Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

Meditación

É ben fermosa esa solicitude, esas présas de María por ir compartir coa súa parente Sabela o que estaba acontecendo na súa vida. É ben fermoso ver como tamén a Sabela se lle revolven as entrañas ao entrar en contacto coas cousas do Espírito. E de fondo está todo o que o Espírito é capaz de facer en nós, connosco, cando lle abrimos de par en par as portas do corazón, da vida.

Todas, todos estamos chamados a vivir e compartir cousas semellantes. Por Deus non queda. Polo Espírito non queda. De nós depende acoller ou non a proposta de Deus de deixar que as cousas do Espírito de Deus —todo o que ula a coidados e solidariedades— tomen corpo, collan carne, na nosa existencia diaria. De nós depende gozar ou non compartindo entre nós o que o Espírito vai facendo florecer nas nosas vidas.

Oración
Bendita ti entre as mulleres, María visitadora,
e bendito o froito do teu ventre, Xesús!
Bendita ti, Sabela acolledora,
por saberes captar e espallar os ecos do Espírito!
Bendita a inmensidade de mulleres
que xeraron e pariron vida de mil maneiras!
Benditos todos nós,
invitados a facer que a vida floreza nas nosas mans
para ben, sobre todo, de quen de menos vida goce!
Acción

Visita a alguén que necesite ser visitada. Comparte bens materiais e espirituais que a vida che foi poñendo nas mans. E cantade algo xunt@s.


22 de decembro: venres 3ª semana de Advento

1ª lectura: 1 Sam 1, 24-28
Salmo: 1 Sam 2, 1. 4-5. 6-7

Evanxeo: Lc 1, 46-56

Entón María exclamou:

A miña alma proclama a grandeza do Señor, e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña.

Velaí, desde agora todas as xeracións me van felicitar, porque o Poderoso fixo en min marabillas. Santo é o seu nome! A súa misericordia chega sempre a toda a xente que o honra.

Manifesta todo o seu poder desbaratando os plans dos soberbios. Derruba os poderosos do seu trono e fai subir os humildes; enche de ben os famentos e despide baleiros os ricos.

Ampara a Israel, o seu servo, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera aos nosos pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.

María permaneceu con ela (Sabela) tres meses e logo volveu para a súa casa.

Meditación

Estamos invitados todos, todas, a participar na ledicia de María. A ledicia de María nace da súa conciencia de ser pequeniña cousa diante de Deus, pero pequeniña cousa querida e agraciada. Pequeniña cousa disposta toda ela para acoller as propostas liberadoras de Deus en favor de todo o seu pobo.

María ve que se realiza nela o que en verdade Deus viña realizando con todo o seu pobo, con toda a humanidade, ao longo dos séculos: unha ondada de paixón amorosa que o envolve todo, e que se manifesta expresamente na vontade de Deus de remediar a humanidade desde unha atención preferente polas necesidades e dereitos da xente máis débil. A salvación no vén desde o poder, desde a riqueza, senón desde a debilidade.

María vive e celebra este xeito de ser do Deus do seu pobo. Estamos invitados a participar, ben desde dentro de nós mesmas, desta ledicia de María.

Oración
Quen me dese pequeniño diante túa, meu Deus,
asombrado pola humilde marabilla da túa forza
que non para de amosarse nos feitos miúdos
da xente miúda que confía cegamente en ti!
Quen me dese facerme música das túas fazañas,
cantora en todos os escenarios da vida
onde o máis pequeno e humilde é valorado
e o máis poderoso e soberbio, rebaixado!
Quen me dese levar no meu corazón a túa festa, Deus,
e poder contribuír con ela á festa e ledicia do meu pobo!
Quen me dese, Deus, quen me dese!
Que ti me deas, que Santa María me dea!
Acción

Apúntate a algún festexo do Nadal, onde se poidan cantar, con voz crente ou non, as marabillas de Deus no medio do seu pobo.


23 de decembro: sábado 3ª semana de Advento

Mal 3, 1-4. 23-24
Salmo: 24, 4bc-5ab. 8-9. 10 e 14

Evanxeo: Lc 1, 57-66

Cando se lle cumpriron os meses a Sabela, deu a luz un fillo. E oíron dicir os seus veciños e parentes con canta misericordia o Señor a favorecera, e compartían a súa alegría.

Aos oito días, foron circuncidar o meniño e queríanlle poñer de nome Zacarías, coma seu pai. Pero interveu a nai, dicindo:
—Non, chamarase Xoán!

Eles replicáronlle:
—Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!

Entón con acenos preguntáronlle ao pai do meniño como quería que se chamase. El pediu unha taboíña na que escribir e puxo:

Xoán é o seu nome.

Todos ficaron sorprendidos. E no intre a el ceibáronselle os labios e a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus. Os veciños quedaron todos abraiados e por toda a montaña de Xudea difundiuse a noticia destes feitos. E cantos oíron gardábanos no corazón e dicían:
—¿Qué virá a ser este neno?

Porque a man de Deus estaba con el.

O meniño medraba e facíase forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel.

Meditación

Os nomes tiñan un significado especial na vida das persoas e familias xudías. Con eles sempre se quería dicir algo, revelar algo do xa sucedido, do pasado que se quería manter vivo, ou expresar algún desexo, algunha ilusión, algunha esperanza cara ao futuro. Case sempre en clave relixiosa. Zacarías é un nome composto de dúas raíces: lembranza e Deus, Deus lémbrase, un nome moi acaído para a criatura nacida, porque Deus lembrárase da esterilidade de Sabela para remediala. Pero a nai preferiu o nome de Xoán, tamén de dúas raíces: Deus e misericordia. Todo o acontecido quedaba envolto na presenza misericordiosa de Deus, que en Xoán, o precursor de Xesús, iniciaba unha etapa nova, final, na que a misericordia de Deus había ser o feito máis sorprendente.

E iso é o que Lucas nos quere transmitir con este relato todo el orientado a nos ir preparando para o encontro coa presenza de Deus entre nós. Preparádevos para entrar en clave de misericordia. Preparádevos para lle abrir as portas a un Deus a quen lle doedes vós, a quen lle doen as persoas, a historia, os acontecementos, sobre todo cando polo medio hai pobrezas de todo tipo e marxinación. Preparádevos para acoller e practicar a misericordia, a solidariedade máis ampla e máis fonda, con vos mesmos, coa demais xente.

Oración
Grazas, Deus noso queridiño,
por te lembrares de nós.
Se un pai ou unha nai
son incapaces de esquecer a súa crianza,
como te ías esquecer ti de nós,
de cada un, de cada unha de nós,
coa nosa particular graza e desgraza,
co noso particular mérito e demérito!
Grazas, Deus noso queridiño,
por ser un Deus doído da túa creación toda,
sempre disposto a acompañarnos con solicitude extrema
para que nada da nosa rica humanidade se perda,
para que a semente de divindade que inseriches en nós
frutifique nunha vida inocente, xusta, colmada, feliz.
Deus da lembranza,
Deus da misericordia,
si, pon entre nós a túa tenda!
Acción

A parte de preparar as cousas materiais para o encontro e a celebración do Nadal, podemos dispoñernos tamén a esta celebración facendo memoria de persoas e grupos sociais significativos para nós, por proximidade, por fraxilidade, e dispoñernos tamén a entrar en feitos de solidariedade, recibida e dada.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.