22 decembro, 2023

Tempo de Nadal


NADAL

Xa o 24 de decembro empeza o tempo do Nadal, que durará ata o domingo do Bautismo do Señor, este ano o 7 de xaneiro.

O Nadal é un tempo frío e chuvioso normalmente nas nosas latitudes, pero ao mesmo tempo cálido, que envolvemos en sinais de tenrura, de ledicia e de festa: luces, ceas e xantares, compras, regalos, relacións coa familia e con xente amiga. Un tempo no que, no medio de todo isto, hai bastante superficialidade, bastante insatisfacción, bastante baleiro, porque frecuentemente nos quedamos a medio camiño, non imos ao fondo das cousas, das vidas.

O cristianismo achegouse á festa pagá do Sol —que está na base da nosa festa do Nadal— ofrecendo unha fe, un convencemento fondo: os homes e mulleres que imos poboando o mundo non estamos sos, non estamos tampouco ao libre dispor dunhas forzas escuras, nin dun fatídico destino. Todos, todas nós somos persoas acompañadas. Somos persoas habitadas por un misterio de luz e de amor, que nos dá orixe e que camiña ao noso lado, dentro de cada un, de cada unha de nós, invitándonos a entrar nunha dinámica de unidade solidaria, onde todos, todas, atoparemos a nosa máis limpa identidade, a nosa paz. Un misterio de luz e de amor que podemos percibir, nomear coa palabra que máis nos praza, e que sempre se nos ofrece para unha relación misteriosa e fecunda. Todo isto, iso si, vivido nas ás da inseguridade, da fe, desde o respecto máis profundo polo que somos os seres humanos, sen xogar para nada coas nosas nudeces, cos nosos medos, coas nosas aspiracións.

Deus é amor. Deus é presenza. Deus éncheo todo. Deus é carne, é materia, é historia. Deus é ser humano e natureza. Deus ofrécesenos en todo. Deus é amigo. Deus anuncia solidariedades fondas. En Deus vivimos e existimos.

O Nadal vainos permitir entrar neste mundo. Faino con relatos, con escenas moi sinxelas, moi familiares, recubertas, se cadra, por unha nube de fantasía que non intenta sobar o misterio, senón poñernos humildemente ás súas portas, para que o percibamos con inocencia. Algo delicado, que podemos estragar co noso afán de querer razoar e dominar todos os bordes dese misterio de Deus, que, ao tempo, é o misterio dos seres humanos.

25 de decembro: Nacemento do Señor.

Misa da noite:
1ª lectura: Is 9, 1-6. Salmo 95. 1-2a. 2b-3. 11-12. 13
2ª lectura: Tit 2, 11-14

Evanxeo: Lc 2,1-14.

Naqueles días, saíu un decreto do emperador Augusto ordenando facer un censo do mundo enteiro. Este primeiro censo fíxose no tempo en que Quirino era gobernador de Siria. E todos se ían empadroar, cada quén á súa cidade. Tamén subiu Xosé desde Galilea, da cidade de Nazaret, ata Xudea, á cidade de David chamada Belén, por ser el da casa e da familia de David, para se empadroar con María, a súa prometida, que estaba embarazada.

Estando alí, chegoulle a María o tempo do parto e deu a luz o seu fillo primoxénito, envolveuno nuns capizos e deitouno nunha manxadoira, porque dentro da pousada non había lugar para eles.

Había naquela comatca uns pastores que pasaban a noite ao descuberto vixiando o seu rabaño. Presentóuselles un anxo do Señor e a gloria do Señor rodeounos co seu resplandor e colleunos un gran temor. Pero o anxo díxolles:
—Non teñades medo, que vos veño trae a boa nova dunha grande alegría para todo o pobo: hoxe, na cidade de David, naceuvos un Salvador, o Mesías, o Señor. E este será o sinal para vós: Atoparedes un neno, envolto en capizos e deitado nunha manxadoira.

E, de súpeto, arredor do anxo apareceu unha multitude do exército celestial, que loaba a Deus dicindo:
—Gloria a Deus no ceo e na terra paz aos homes que gozan do seu amor.

Misa do día:
1ª lectura: Is 52, 7-10. Salmo: 97: 1. 2-3ab. 3cd-4. 5-6
2ª lectura: Heb 1, 1-6.

Evanxeo: Xn 1, 1-18 (Breve: 1, 1-5. 9-1)

No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus. Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da xente; a luz aluma na tebra, e a tebra non a deu apagado. A Palabra era a verdadeira luz que aluma a todo ser humano que vén a este mundo.

Ela estaba no mundo e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron –aos que cren no seu nome— deulles o poder de seren fillos de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus.

E a Palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade.

Meditación

Podemos celebrar o Nadal ben na Misa da noite do 24, no amencer do 25, ou na Misa do día do 25. Para cada un destes momentos a liturxia ofrécenos lecturas distintas, que contribúen a achegarnos desde diferentes vivencias e perspectivas a un acontecemento tan fundamental para a vida cristiá: a presenza total de Deus na nosa historia, concentrada fundamentalmente no corpo fráxil dun neno nacido de pouco.

O relato de Lucas ten un aire completamente humanizado, vivo e cordial. Unha parella en viaxe obedecendo ordes políticas do poder establecido; unha muller a punto de parir obedecendo leis normais da natureza, nas que o autor intúe fonduras de amor dado e respondido, que van máis aló das simples aparencias; un parto apresurado, atendido como mellor se podía nunhas circunstancias pobres, limitadas, marxinais; uns pastores que van e veñen obedecendo sentimentos espontáneos de solidariedade, nos que se visibiliza a solidariedade fondísima de Deus con toda a humanidade sufrinte; anxos por aquí e por alí (onde aparece un anxo sempre se está a falar de algo maior que nos transcende ou pola súa grandiosidade, ou –como é neste caso— pola súa desconcertante simplicidade), que nos incitan a arrecantar os medos e a abrir os corazóns á ledicia máis fonda e plena; presenza de Deus desbordante nun marco vivo e real de pobreza e de solidariedade, que non é doado entender, acoller, agradecer, celebrar, e que por iso demanda corazóns silenciosos, acolledores coma o de María.

Faríamos mal en entrar a preguntarnos se tal ou cal cousa pasou ou non pasou así. Lucas non pretende narrar historia, senón transmitir certeza, convicción, fe, vivencia: Deus presente de forma absoluta e total na persoa e na vida de Xesús de Nazaré; o mundo da pobreza e da marxinación, onde xurde e medra a solidariedade coidadora, como espazo preferido por Deus para a súa manifestación en carne humana.

O evanxelista Xoán dinos o mesmo, pero neste caso na forma dunha viva e sentida meditación teolóxica, na que quedamos todos e todas incluídas. Deus non é absentista; o seu ser realízase na presenza, na comunicación; estamos vivos/as, vivimos en Deus; a carne, a existencia humana, a historia, a debilidade do presente todo iso é lugar propio de Deus; todo iso está embarazado de Deus. Xesús, coma fillo de Deus, vivenciou a fondo todo isto, desvelounos a nosa identidade máis fonda e real, a nosa condición de fillos/as, de criaturas onde Deus nun máximo de humildade se materializa e nos descubre o máis limpo e fermoso da nosa condición humana. Xoán invítanos a entrar neste mundo de luz e de dignificación humana.

Podemos caer na tentación de ler e meditar o texto de Xn 1,1-18 converténdoo nunha fantasía espiritual, tanto menos divina canto máis a apartemos da realidade humana que nos rodea. Lucas, coa súa narración humanizada e contextualizada, pódenos axudar a vivir o misterio do Nadal –Deus encarnado, mundanizado—, empuxándonos e poñerlle rostro presente ás conviccións relixiosas, e animándonos e escoller os espazos de solidariedade real coma os únicos onde se realiza a presenza de Deus, que todo el é apego, amor, solidariedade.

Preces

QUE A LUZ DE DEUS ALUME AS NOSAS VIDAS

Que nos deixemos visitar e acompañar por Deus en todas as horas e circunstancias da nosa vida. Oremos xuntos/as.

Que sexamos sempre xente positiva, e acollamos a luz, a alegría, a forza que nos pode vir das persoas que nos rodean a diario. Oremos xuntos/as.

Que, sendo crentes e precisamente por selo, saibamos estar moi a carón das persoas que vexamos débiles, necesitadas, marxinadas e nos poñamos ao seu servizo en todo o que podamos. Oremos xuntos/as.

Que nos animemos a participar en asociacións de todo tipo, en sindicatos e partidos políticos, e que o fagamos honestamente, buscando non as nosas comenencias, senón que a vida lles vaia mellor a quen nestas horas de crise o están pasando tan mal. Oremos xuntos/as.

Que o novo goberno de España acerte a defender o pan dos pobres, o traballo dos parados, a dignidade das mulleres, a esperanza dos inmigrantes, as expectativas da xente nova, os dereitos de todos os cidadáns. Oremos xuntos/as.

Oración
Feliz aniversario, Xesús,
feliz aniversario!

Lembras?
Aquel nacemento teu tan chocante,
tan pobre, tan humilde,
como era normal en quen era fillo
dun pai e dunha nai pobres e humildes,
dun pobo pobre e humilde,
afeito a abusos e exclusións!

Aquel nacemento teu
por fonda e sinxelamente humano tan divino,
e por divino tan fonda e sinxelamente humano!

E logo os días, os meses, os anos,
os coidados da nai, do pai e da familia,
as influenzas do teu pobo, da túa cultura,
o Espírito humildemente actuando
lentamente, coma quen non quere a cousa,
ata ese estoupido de graza e de verdade
no que te convertiches
para gloria e bendición de todos e todas nós.

Feliz aniversario, Xesús!
Felices nós no teu aniversario,
sabendo que as cousas son así para todo o mundo,
que Deus é así de familiar e de entregado para todo o mundo,
que misteriosamente
xongue a súa sorte coa nosa,
a súa vida, coa nosa,
o seu Espírito, co noso,
a súa carne, coa nosa.

Feliz aniversario, Xesús!
Felices nós por ti,
que desde aquela bendita hora
quedamos asolagados nun mar de amor,
de solidariedade real e eficiente,
que lle dá norte e forza aos nosos amores cotiáns,
aos nosos compromisos e desvaríos!

Estaremos á altura de tanta bendición?
Saberemos acollela, agradecela, vivila felizmente?
Saberemos ir vertendo nos pequenos moldes do cotián
tal enxurrada de luz e de solidariedade?

Feliz aniversario, Xesús!
Sabemos que a túa presenza
se perpetúa entre nós
no rostro de cada criatura habitada por Deus,
nos rostro sen rostro de calquera pobre sufrinte.

Por iso, máis aínda,
un bico, unha aperta,
agarimosa e agradecida,
comprometida.

Feliz aniversario, Xesús!
Acción

Bo día para visitar algún Belén, agradecer as persoas que o prepararon, e facer por non quedarse no símbolo do mesmo, senón pasar do símbolo ao misterio da presenza de Deus entre nós. Bo día tamén para visitar algunha familia, persoa, criatura que ande en pobrezas; tamén aí se realiza o nacemento de Xesús en carne humana.


26 de decembro: festa de santo Estevo o primeiro mártir

1ª lectura: Heb 6, 8-10. Salmo: 30, 3cd-4. 6 e 8ab. 16bc-17.

Evanxeo: Mt 10, 17-22

Naquela hora díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Tende coidado coa xente, porque vos han entregar aos tribunais e golpearanvos nas sinagogas, e pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis; así daredes testemuño de min diante deles e dos pagás.

E cando vos entreguen, non andedes angustiados polo que ides dicir e por como dicilo, porque naquela hora Deus vos suxerirá o que tedes que dicir. Non sodes vós os que falaredes, senón que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós. Haberá irmáns que entreguen a seus irmáns á morte, pais a fillos, fillos que denuncien a seus pais ata facelos matar. Pola miña causa hanvos odiar, pero o que persevere ata o final, ese salvarase.

Meditación

Chama ben a atención que, despois da paz, do gozo, da tenrura do Nadal, deseguida nos poñamos a celebrar a memoria de santo Estevo, considerado o primeiro mártir, a primeira persoa que foi matada por manterse fiel ao seu seguimento de Xesús, o neno aquel que nacera en Belén. A paz que se anunciara no seu nacemento non quita do medio as dificultades da vida, que nalgúns casos chegan á mesma morte. Non as quita do medio, pero a paz do Nadal dános sentido e forza para afrontalas dun xeito positivo, con serenidade. Sabernos en Deus e a Deus en nós —iso celebramos no Nadal— permítenos encaralo todo desde a humilde valentía que o mesmo Xesús tantas veces amosou.

Oración
Nas horas de dor,
a túa paz, Señor.
Nas horas de conflito,
saberte ben ao meu ladiño.
Nas horas dos desprezos,
o teu maternal aprecio.
Nas horas de abatemento,
o gozo do teu seguimento.
Acción
Evitas en ocasións dicirte persoa cristiá por medo a desprezos ou ridiculizacións? Fagamos a proposta de non calar os nosos convencementos cristiáns, con humildade, sen chulerías, cando sexa do caso.


Dia 27 de decembro: festa de san Xoán Apóstolo e Evanxelista

1ª lectura: 1 Xn 1, 1-4. Salmo: 96, 1-2. 5-6. 11-12

Evanxeo: Xn 20, 2-8

O primeiro día da semana María Magdalena botou a correr ata onde estaban Simón Pedro e o outro discípulo a quen Xesús amaba e díxolles:
—Colleron do sepulcro o Señor e non sabemos onde o puxeron.

Pedro e máis o outro discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á par, pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro e chegou primeiro ao sepulcro. Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, entrou no sepulcro e viu os lenzos pousados alí, pero o sudario que envolvera a súa cabeza non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón entrou tamén ao sepulcro o outro discípulo que chegara primeiro; viu e creu.

Meditación

Co Nadal, que estamos celebrando estes días, abriuse a vida de Xesús, unha vida de busca, de apego fondo a Deus e ao pobo nun mesmo e firme amor solidario. Unha vida que, a forza de fidelidades, acabaría en cruz, en morte violenta por plantarlle cara, no nome de Deus, a tanta hipocrisía social e relixiosa. Pero a vida de Xesús cativou a moita xente no pasado e no presente. Entre eles Pedro e Xoán, o discípulo amado polo Señor, a quen hoxe recordamos.

Nós tamén nos sentimos atríd@s por esta corrente de vida e de ilusión que brotou do nacemento, da vida e da morte de Xesús, da súa paixón amante por nós, pola xente máis diminuída, por todo o mundo. E corremos coa Magdalena, Pedro e Xoán cara ao sepulcro, á espera de poder ver e percibir, á nosa maneira, os sinais desa presenza viva de Deus nas nosas vidas. Todo é cuestión de amores. E parece que o apóstolo Xoán era experto nisto. Disto viviu e disto falou no Evanxeo e cartas que levan o seu nome.

Oración
Paixón para moverme, Xesús,
pernas para correr,
ollos para verte,
fe para crer,
corazón para amarte,
decisión para seguirte,
verbas para contarte,
comunidade para celebrarte,
gozo para acompañarte
e pobres cos que avalar tantos soños,
para que a miña vida non se perda en fantasías.
Que así sexa, Xesús.
Acción
Fai hoxe unha ruta andando, e mesmo correndo, ata o lugar onde podas verte con algunha persoa empobrecida. Míraa, comparte con ela, agasállaa como queiras, e fai dese encontro o encontro con Cristo resucitado.


28 de decembro: festa dos Santos Inocentes

1ª lectura: 1 Xn 1, 5—2, 2. Salmo: 123, 2-3. 4-5. 7b-8

Evanxeo: Mt 2, 13-18

Cando os sabios se foron, un anxo do Señor apareceulle a Xosé en soños e díxolle:
—Érguete, colle o neno e máis a nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el.

Xosé ergueuse, colleu o neno e máis a nai pola noite e marchou para Exipto. Alí permaneceu ata a morte de Herodes, e así cumpriuse o que dixera o Señor por medio do profeta:
—De Exipto chamei o meu fillo.

Daquela Herodes, ao decatarse de que os sabios se burlaran del, aborreceuse moito, e, botando contas polo que os sabios lle dixeran, mandou matar a todos os nenos de dous anos para abaixo que vivían en Belén e na súa bisbarra. E así cumpriuse tamén o dito polo profeta Xeremías:

Oíuse un berro en Ramah,
choros e lamentos por todas partes;
é Raquel que chora polos seus filliños,
e non se quere consolar porque xa non existen.
Meditación

O Evanxeo de hoxe converte a familia de Xesús e ao mesmo Xesús nunha familia de prófugos, que foxe buscando refuxio nun país onde poder conservar a vida. Tocoulle pasar polas que hoxe están pasando moitas familias máis ben do Sur, que veñen a Europa na procura de seguranza, de medios de vida. Non está mal que pensemos que esa xente refuxiada de hoxe son coma unha representación, un sacramento vivo da presenza de Xesús no medio de nós. Os inocentes que hoxe veneramos sono eses nenos e nenas, homes e mulleres, que, a causa dos abusos e animaladas dos señores da guerra e de cantos os seguen, padecen inocentemente e con inocencia petan ás nosas portas.

Non ten xeito celebrar o Nadal con moita panxoliña, moitas luces e adornos, moita boa mesa, se non nos solidarizamos coa inocencia, e con quen con inocencia pasa penalidades. A festa dos santos Inocentes non vai de inocentadas, senón de inocencia, vivida e defendida ante quen queira burlarse dela. A festa dos santos Inocentes vai incluso de martirio, por apegarse a Xesús e á súa causa.

Oración
Que a inocencia me namore, Xesús,
e me leve a vivir sen malicia.
Que me namore o teu corpo fráxil,
e todas as fraxilidades que poboan esta terra.
Que o meu corazón, a miña casa se volva fogar
para quen precise teito, leito, pan
e dignidade.
Que a miña voz se sume convencida
a quen te vive, canta, sofre e loita na inocencia.
Acción

Grazas a Deus, grazas á boa humanidade, hai moita xente que se está agrupando para dar acollida e atencións á xente refuxiada ou inmigrante ou derreada por calquera razón. Igual poderían integrarte nalgunha asociación que ande nesas cousas, para andar así polos camiños de Xesús.


29 de decembro: día 5º dentro da oitava de Nadal

1ª lectura: 1 Xn 2, 3-11
Salmo: 95, 1-2a. 2b-3. 5b-6

Evanxeo: Lc 2, 22-35

Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor; pois así está escrito na Lei do Señor: "Consagraredes ao Señor a todo varón primoxénito"; e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".

Vivía daquela en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo estaba con el e prometéralle que non había morrer sen ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colleuno nos brazos e loou a Deus dicindo:
—Agora, Señor, segundo a túa promesa,
podes deixar que o teu servo morra en paz,
porque xa os meus ollos viron o teu salvador,
o que ti preparaches para todos os pobos:
luz de revelación para todas as xentes
e gloria do teu pobo Israel.
O pai e máis a nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:
—Mira, este está disposto para caída ou levantamento de moita xente en Israel, para ser signo de contradición, e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma; así quedarán ao descuberto as intencións de moitos corazóns.

Meditación

Xosé e María aparecen facendo o que por lei e costume todos facían cando tiñan un picariño. Algo ordinario que os responsables do templo vían unha e mil veces ao ano. Pero o vello Simeón, home xusto e bo, familiarizado co Espírito, co que tiña intimidades fondas, intúe, ve, anuncia o que os outros asistentes non podían nin ver nin proclamar. As cousas de Deus son así, onte e hoxe: están aí, envoltas nas miudezas e normalidades da vida, á espera de que alguén, familiarizado co Espírito, as descubra, goce con elas e as comparta para bendición da demais xente. As cousas de Deus sempre son cousas de liberación, aínda que o camiño sexa complexo e arrastre sufrimentos.

Oración
Quero ser coma o vello Simeón.
Quero saber agardar coma o vello Simeón.
Quero ter complicidades co Espírito, coma o vello Simeón.
Quero ollar a vida miúda cos ollos fondos do vello Simeón.
Quero albiscar o paso de Deus polos sucesos coma o vello Simeón.
Quero loar o Deus solícito coma o vello Simeón.
Quero bendicir a xente toda coma o vello Simeón.
Quero aceptar as penalidades coma o vello Simeón.
Quero..., meu Deus, .... quero ...
Só o teu Espírito é quen de cumprir os meus quereres.
Señor, polo teu amor...
Acción

Seguro que coñeces algún velliño ou velliña sabia nas cousas da vida, nas cousas do Espírito. Visítaa. Escóitaa. Móstralle o teu agradecemento e admiración.


30 de decembro: día 6º dentro da oitava de Nadal

1ª lectura: 1Xn 2, 12-17
Salmo: 95, 7-8a. 8b-9. 10

Evanxeo: Lc 2, 36-40

Naquel tempo (cando Xesús foi presentado no templo) había tamén alí unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer; casara e vivira sete anos co seu marido, e logo seguiu viúva ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo, senón que de noite e de día servía a Deus con xaxúns e oracións. Presentouse naquel intre no templo e empezou a loar a Deus e a falar do neno Xesús a todos os que esperaban a redención de Israel.

Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para a aldea de Nazaré en Galilea. O neno ía medrando ben criado, forte e intelixente e o favor de Deus estaba con el.

Meditación

A figura de Ana faise entrañable. Muller que casa e enviúva —cousa moi dura naqueles tempos e lugares— e que se refuxia en Deus, co que se encariña e a quen serve botando man do que ela coñecía: andar polo templo, rezar, xaxuar... Unha muller de limpa relixiosidade popular, que a habilita para entender que alí algo moi grande estaba pasando; e logo iso de falar do neno Xesús a quen tivese ansias de que as cousas cambiasen para que o pobo levantase a cabeza. Unha muller misioneira, que comparte o misterio que a súa fe traballada lle permite ver e vivir.

Mentres o neno, coma un neno calquera, vai medrando ben criado no corpo e no espírito, empezando a gustar o favor que Deus lle ofrecía gratuitamente. Cómo un neno, un adolescente, un mocete iría construíndo fidelidades e apegos fondos? Cousas de Deus, cousas do Espírito, cousas dos seres humanos todos, que en tales enredos de graza andamos tan envoltos.

Oración
Grazas, meu Deus, por Ana
e por todos os homes e mulleres
que na relixiosidade popular
van construíndo a súa fidelidade a ti,
e te aman e serven e anuncian
como mellor saben e entenden.
Grazas, meu Deus, polo neno
que medra grazas aos mil coidados
que a familia e a xente lle foi dando,
ata chegar a ser aquel home cabal,
ben curtido no corpo e no espírito
no que descansa tanta luz, tanta esperanza
para todo o pobo.
Grazas por todos os nosos nenos e nenas.
Cando se acaba o ano, meu Deus,
qué ben pechalo con estas figuras entrañables,
e contigo vivo dentro delas!
Grazas!
Acción

Se tes maneira de visitar algunha muller velliña crente para escoitar dela a fe que a anima, faino. Se podes participar en algo que anime a formación, o divertimento, a ledicia dos nenos e nenas, faino tamén. E saúda o ano novo coa túa esperanza cristiá.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.