24 marzo, 2024

4º Encontro 2023-2024: Celebración do perdón

 


UN TEMPO CON XESÚS


1.-Que ben estar contigo, Xesús,
que ben estar contigo
nesta comunidade de irmáns e irmás.
Ti sempre tes tempo para nós,
o teu gusto é estar cos seres humanos,
homes e mulleres,
calquera que sexa a nosa procedencia,
sexo, relixión, condición moral.
Sempre aí,
abrindo as portas da casa,
invitando a pasar, a ver, a experimentar.
Grazas. Xesús.
Grazas de corazón.


2.-Coas portas abertas,
meu irmán e mestre Xesús,
coas portas abertas
para poder acoller o que veña, a quen veña;
para poder saír á busca do sempre máis
ao que ti nos provocas.

Así quero estar ante ti, meu Xesús,
ante quen me rodea,
ante a vida.

Coas portas sempre abertas,
para que todo entre e todo saia
nun exercicio humilde de comuñón,
de solidariedade,
de agradecemento,
de alegría comunitaria.

Coas portas abertas, meu Xesús,
para que nada do teu,
nada do de Deus
quede á espera na soleira do meu ser;
para que nada do meu
quede agochado nos pregues do meu egoismo
ou da miña covardía.


3.-Confío en ti, meu Deus.

Na vida e na morte,
     confío en ti, meu Deus.
Na hora da graza ou da desgraza
     confío en ti, meu Deus.
Con sufrimento ou sen sufrimento,
     confío en ti, meu Deus.
Aínda que o meu pecado me leve á desconfianza,
     confío en ti, meu Deus.
Nas horas de éxito e nas horas de fracaso,
     confío en ti meu Deus.
Máis alá de calquera medo, que me poida invadir,
     confío en ti, meu Deus.
Porque sei que me queres moito,
     confío en ti, meu Deus.
Pola palabra e exemplo do teu mesmo fillo Xesús,
     confío en ti, meu Deus.
Pola preciosa semente irmandiña
que sementaches no meu corazón,
     confío en ti, meu Deus.
Porque te quero,
     confío en ti, meu Deus.


4.-“Cantas persoas pobres hai na nosa axenda?
Cantas horas do día pasamos con algunha delas?
Cantas delas nos rouban o sono?
Con cantas delas temos lazos de fonda amizade
e compartimos o pan a palabra, o diñeiro, a casa?
A cantas delas incluímos na nosa pregaria diaria
como imaxe viva do Deus que veneramos?
Pensemos e deduzamos.
Pensade e dicídeme ser realmente me queredes,
se realmente credes en min. Falamos.”


5.- O AMOR É O MEIRANDE
Cobizade os dons máis perfectos,
e non os que campan mellor,
preferindo sempre entre aqueles
o meirande que é o amor.

O AMOR É O MEIRANDE
DOS DONS QUE NOS VEÑEN DE DEUS.
O AMOR É O MISTERIO
QUE A TODOS NOS CÓMPRE ENTENDER.
Podo do divino e do humano
en estrañas linguas falar;
se non teño amor, son talmente
coma o badalar da campá.


6.-
SANTO, TI ES O SANTO,
TI ES O SANTO, TI, SEÑOR,
DEUS DO UNIVERSO,
DEUS DE VIDA, DEUS DE AMOR. (BIS)



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.