24 marzo, 2024

4º Encontro curso 2023-2024



ORAR COA CASA COMÚN


1.CONTEMPLAR. ADMIRAR.

En silencio. Música suave de fondo. Pechando os ollos. Centrándonos en calquera criatura (mineral, vexetal, animal) da Casa Común que nos teña impactado pola súa fermosura, pola súa complexidade, pola súa grandeza, ...; o noso propio corpo, ou mesmo algunha parte concreta do noso corpo: ollos, corazón, pulmóns.

...e contemplar, admirar, agradecer...

Cérrase este momento (5 m.) cantando

SEÑOR, DEUS NOSO, QUE ADMIRABLE É O TEU NOME
EN TODA A TERRA, EN TODA A TERRA.

2.-AFONDAR, INTEGRAR.UNIFICAR, AGRADECER

A Creación, a Casa Común non é un conxunto de individualidades sen conexión. A Casa Común é un todo interrelacionado, interdependente. O noso propio ser: corpo, individuos, grupo, sociedade, no ser, no actuar; eternos debedores de todo o que nos fai indiviudos e sociedade.

A Casa Común é un UN en Deus, a súa orixe, sustento e plenitude.

Oramos escoitando a canción : Tudo está interligado (ofrecemos a versión en galego): Sumámonos polo menos no retrouso (estribillo)

TODO ESTÁ INTERLIGADO COMO SE FÓSEMOS UN,
TODO ESTÁ INTERLIGADO NESTA CASA COMÚN.
O coidado coas flores do xardín,
coas matas, os ríos e mananciais.
O coidado co aire e os biomas,
coa terra e máis cos animais.

A loita polo pan de cada día,
o traballo, saúde e educación,
A loita para librarse do egoísmo
e a loita contra toda corrupción.

O diálogo na escola e na familia
entre pobos, culturas, relixións.
Os saberes da ciencia, da política,
da fe, da economía en comuñón.

O coidado co ser en xestación,
coas crianzas, un amor especial.
O coidado cos enfermos e velliños,
e cos pobres, opción preferencial.

O esforzo contra o mal do consumismo
a busca da verdade e do ben.
Valerse do tempo de descanso,
da beleza deste mundo e do alén.

O coidado polo eu e polo ti
pola nosa ecoloxía integral.
O cultivo do amor de San Francisco
feito solidariedade universal.
Agora en silencio, gozando a nosa integración e comuñón.


3.-VER. APRENDER. DISCIPULADO

Todos os seres estamos tocados polo amor creador de Deus. Todos os seres, todos, fomos creados máis ou menos a imaxe e semellanza de Deus. O ser de cada cousa, de cada animal, de cada persoa ábrenos á completa marabilla de Deus. Cada ser ten un aquel de mestra, ante o que cómpre poñernos en discipulado. Vexamos.

Mt 6, 26-30: Ollade para as aves do ceo: nin sementan, nin segan, nin recollen nas arcas e, con todo, son mantidas polo voso Pai celestial. Non valedes vós máis ca elas? E quen de vós, por máis que se angustie pode engadir un anaco máis ao tempo da súa vida?

E polo vestido, por que vos angustiades? Aprendede dos lirios do campo: como medran, e non traballan nin fían. E asegúrovos que nin Salomón en toda a súa gloria se chegou a vestir coma un deles. Pois se a herba do campo, que hoxe verdea e mañá será botada ao forno, Deus así a viste, canto más non fará por vós, persoas de pouca fe?

Lc 15, 4-7: “Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado, e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? E cando a atopa, volve con moita alegría para a casa con ela no lombo; e, chamando pola xente amiga e veciña, dilles: “Alegrádesvos comigo, que atopei a ovella que perdera!”. Pois asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis alegría por unha persoa pecadora que se converta que por noventa e nove persoas xustas que non precisan conversión”.

Silencio: Que me din os paxaros do ceo, e os lirios do campo?
Que me di a ovelliña perdida, carrexada ao lombo polo pastor ou pastora?

Observo os seres da creación querendo aprender deles algo?


4.-COIDAR, RESPONSABILIZARSE

Para Xén 2, 4b-25 (segundo relato da creación): “O Señor Deus estableceu o home no xardín de Edén, para que o traballase e o coidase”(v.15). Non que o dominase, poñéndoo debaiso dos seus pés.


PREGARIA
Toma,
poño a Casa Común nas túas mans:
agradécea, gózaa, ámaa, cóidaa;
para que os minerais poidan seguir sendo o que son,
gozándose a si mesmos;
para que vexetais e animais vivan placidamente a súa vida,
que a iso teñen dereito;
para que os seres humanos todos
desenvolvan hábitos de respecto e non de dominio,
relacións de irmandamento e non de poder;
para que outras persoas coma ti, de hoxe e de mañá
poidan sentirse integradas gozando a fondo
na Casa Común que entre todos coidamos.

Toma,
poño a Casa Común nas túas mans,
desenvolve a intelixencia, a humanidade,
a conciencia, a firme decisión, o espírito
pensa, móvete, organízate, loita, ...
Eu non te deixo en orfandade.
Dentro de todo atoparasme a min
como vida que todo o enche,
como vigor que todo o sostén,
como vencello que todo o une,
como escudo que todo o defende,
como premio que todo o coroa,
como amor que todo o vertebra.

Toma,
póñoo todo nas túas mans,
cóidate tamén a ti, xaora,, integramente,
e contigo a todas as mulleres e homes
de calquera clase e condición,
empezando sempre polo máis baixo polo máis débil,
e veraste entrañablemente coidado,
maravillosamente exaltado,
humanizado, divinizado.
Ti e eu sendo Un/Unha con todo, con todxs.
Así te soño comigo,
así te soño na Casa Común:
agora e sempre Un/Unha en todo, en todxs.

5.-LOANZA A DEUS PAI/NAI
QUE NOS FIXO COUSA TAN MARAVILLOSA

Cantiga: SANTO, TI É-LO SANTO (Xaquín Rodríguez Pomares)
SANTO, TI ES O SANTO,
TI ES O SANTO, TI, SEÑOR,
DEUS DO UNIVERSO,
DEUS DE VIDA, DEUS DE AMOR. (BIS)
Bendito sexas ti, Deus do universo,
Bendito sexas ti, Deus creador.
Proclaman a túa gloria ceo e terra,
Proclama o ceo e terra o teu amor.

Bendito sexa sempre Xesús Cristo
que é o que vén no nome do Señor.
Hosanna nas alturas proclamamos
A ti que estás no noso corazón.

SANTO, TI ES O SANTO,
TI ES O SANTO, TI, SEÑOR,
DEUS DO UNIVERSO,
DEUS DE VIDA, DEUS DE AMOR. (BIS)


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.