15 de setembro: Domingo 24º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Is 50, 5-9a. Salmo: 114, 1-2. 3-4. 5-6. 8-9
2ª lectura: Sant 2, 14-18.
Evanxeo: Mc 8, 27-35
Un día ía Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo e polo camiño preguntoulles:
—¿Quen di a xente que son eu?
Eles responderon:
—Hai quen di que Xoán Bautista; hai quen di que Elías; e tamén hai di que algún dos profetas.
El preguntoulles:
—¿E vós quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías.
E prohibiulles diciren nada a ninguén.
Entón empezou a adoutrinalos dicíndolles:
—O Fillo do home ten que padecer moito e ser rexeitado polos sumos sacerdotes e polos letrados, e ser axustizado e despois de tres días ha de resucitar.
E dicíao con toda claridade.
Entón Pedro levouno consigo e empezou a rifarlle. Pero Xesús deu a volta e, mirando cara aos seus discípulos reprendeu a Pedro:
—Camiña detrás min, Satanás, que ti non consideras as miras de Deus senón ás da xente.
E chamou a xente onda os seus discípulos e díxolles a todos:
—Se alguén quere vir detrás de min, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo.
Meditación
É ben interesante ver o labor formativo de Xesús coas persoas que o seguían e acompañaban. Nós, con dous mil anos polo medio, na fe, no Espírito, de moitos modos e maneiras, podemos revivir con Xesús esta mesma experiencia de ser por el formados/as na comprensión da súa persoa, da súa tarefa, da súa causa, para máis lucidamente vincularnos a ela, se así nos prace. O lóxico sería que, coma bos seguidores e seguidoras de Xesús, individualmente e coma comunidade cristiá, estivésemos desexando que así fose e puxésemos da nosa parte todos os medios para facelo posible.
A pregunta de Xesús, a pregunta que hoxe nos podemos facer na celebración ou fóra dela, non é unha pregunta retórica, nin tampouco unha pregunta teórica, á que haxa que responder con palabras tamén retóricas ou de libro. Non. É unha pregunta vital, que demanda tamén respostas vitais. Quen é, quen está sendo Xesús para min, para ti, para a comunidade cristiá da que formo parte? Como se está introducindo Xesús e o seu Evanxeo nas nosas vidas, nos nosos planes, nas nosas tarefas de cada día, no noso estilo de vivir, de relacionarnos, de gañar e gastar os cartos, de tomar postura nas grandes cuestións que hoxe se están debatendo na nosa sociedade?
É moi ilustrativo ver a secuencia do relato que nos ofrece Marcos. Xesús pregunta: “E vós, quen dicides que son?”, e Pedro dá unha resposta correcta, mesmo dogmática: “Ti es o Mesías”. Xesús, di Marcos, prohíbelles dicir nada a ninguén. Os estudosos téñennos falado moito desta afección de Marcos polo “segredo”, pola ocultación que o mesmo Xesús quere facer da súa verdadeira identidade. A realidade é que Xesús séguelles aclarando aspectos da súa realidade, da súa persoa –aspectos que nunca ocultou a ninguén, ao contrario—, que teñen que ver precisamente co seu conflito coas autoridades relixiosas do seu tempo, que teñen que ver tamén cos seus traballos, coas súas penalidades, coa súa morte, coas súas ansias e expectativas, coa súa confianza de vida plena en Deus. E entón Pedro, o que antes tan serenamente definira quen era Xesús, xa non entende nada, rebélase e mesmo ousa reprender a Xesús. O ser de Xesús era o que a realidade de cada momento estaba demostrando que era, máis que as palabras exactas que pretendían encadralo. Xesús era “o conflitivo”.
Todos, todas, tendemos a facer o mesmo ca Pedro; tendemos a buscar respostas perfectas, que nos deixan cómodos nos nosos estilos de vida. Moitas das nosas loitas eclesiais teñen que ver precisamente con estas respostas teóricas perfectas. Enredámonos tanto nelas, que acabamos ignorando o lugar preciso onde se xoga a identidade de Xesús e, polo tanto, tamén a nosa identidade como seguidores del e da súa causa. Se algunhas veces vos dá por entrar nos diferentes blogues aos que podemos entrar en Internet, vemos con moita frecuencia que as cousas son así. Establécese o debate, a batalla –moitas veces cunha linguaxe nada respectuosa, nada cristiá (ata niso nos arredamos xa, de entrada, do estilo de Xesús)— onde realmente non importa, onde realmente Xesús non a colocaría, e perdemos enerxías onde realmente non paga a pena perdelas.
E onde é que se xoga a identidade de Xesús e, polo tanto, tamén a nosa coma seguidores, seguidoras del? Dínolo o mesmo Xesús na parte final deste Evanxeo: a identidade de Xesús está no sentirse vinculado a fondo a una realidade solidaria maior, que chamamos Deus, que chamamos Pai/Nai, que chamamos Amor; está, en consecuencia, en vivir totalmente despegado de si mesmo, descentrado, ata o punto de relativizar a propia vida, a propia existencia, que non é o importante, senón que o importante é que a vida de todos, de todas, se vaia enchendo desa forza de amor asentada en Deus, que leva a crear irmandade e consideración especialmente con quen é máis débil, e máis pode quedar ao marxe dun proxecto tan fermoso. Xesús é o que “se perde” niso; porque vivir no amor solidario leva á conflitividade e mesmo á morte. Pero, curiosamente, aí está o segredo da vida, aí está a nosa felicidade, aí está a identidade de Xesús, e, se queremos seguilo, tamén a nosa.
Crer en Xesús é un acto de vida, é unha maneira de estar día a día coa xente da familia, cos veciños e veciñas, coa nosa sociedade en conxunto, cos máis débiles dela. Estar aí desde o soño comunitario de Deus ou desde as nosas comenencias particulares. Temos que escoller.
Preces
QUE APRENDAMOS A VER A VIDA
COA TÚA MIRADA, DEUS NOSO
Que aprendamos de ti, Xesús, a facer da vida cristiá unha militancia activa, e non unha confesión baleira de verdades teóricas. Oremos.
Que non teñamos medo a entrar en conflito con quen sexa, con tal de defender a gloria de Deus realizándose na vida sobre todo da xente máis débil. Oremos.
Que coa túa forza, Xesús, non temamos saír de nós mesmos, esquecernos de nós mesmos, para coidar e servir mellor a quen de nós precise. Oremos.
Que, agora que empeza o curso, lle prestemos especial atención aos nosos nenos/as e mozos/as, que retoman a súa tarefa escolar, e que os saibamos acompañar coma pais ou mestres. Oremos.
Que nos tempos de outono e de recolleitas, lle saibamos agradecer á xente do campo o seu traballo, os alimentos que producen, o coidado do campo; e que os apoiemos nas súas reivindicacións, en concreto na dun prezo xusto para o leite que producen. Oremos.
Oración
Perdón, Señor,polas moitas veces que teño feito da miña vida cristiáunha rutina, un baleiro,unha labia sen xeito nin proveito.Perdón, Xesús,polas veces que teño pronunciado o teu nome inutilmente,ou lido os teus evanxeospoñendo unha coiraza sobre o meu corazón,para que non me afecten,para que non me convertan.Perdón, Señor,polas veces que mirei por min por riba de todo,poñéndome no centro da miña historia,no centro da comunidade da que formo parte,no centro incluso da túa presenza en min.Perdón, Xesús,por non saber perder a vida, morrer,ocultarme, desaparecer,para acollerme gozoso e agradecidoá sombra do amor, do teu amor, do amor total,que é a nosa fonte e a nosa plenitude.Perdón, Señor,por dicir tantas veces “noso Pai”, sen sentirme irmán,por dicir “irmán, irmá”, sen que me trema a voz,por dicir “pobre”, sen levar a man ao peto,por dicir “comunidade”, sen poñerme a construíla,por dicir “pobo, sen dedicarlle o meu servizo,por dicir “conflito”, sen buscarte no seu centro.Perdón, Señor!
Acción
Que dicimos de Xesús as persoas cristiás coas nosas palabras, cos nosos comportamentos? Podo repasar, por exemplo, este última semana, e ver en que momentos dixen ou desdixen algo de Xesús, coas palabras ou cos feitos. Pódome propoñer hoxe dicir algo de Xesús, cos feitos e tamén coas palabras.
16 de setembro: Luns da 24ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 2, 1-8. Salmo: 27, 2. 7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 11, 17-26. 33. Salmo 39, 7-8a. 8b-9. 10. 17
Evanxeo: Lc 7,1-10
Nunha ocasión, cando Xesús acabou de lle falar á xente, entrou en Cafarnaum. Había alí un centurión que tiña un criado enfermo, a quen estimaba moito e que estaba á morte. Ao oír falar de Xesús, mandou onda el uns anciáns dos xudeus, para lle rogaren que fose curar o criado. Eles presentáronse a Xesús e suplicábanlle encarecidamente:
—Merece que lle fagas isto, pois ama o noso pobo, e el mesmo nos construíu unha sinagoga.
Xesús foi con eles; mais cando xa estaba preto da casa, o centurión mandou unhas persoas amigas a lle dicir:
—Señor, non te molestes, pois non son merecente de que entres baixo o meu teito; por iso coidei que non era digno de ir eu ao teu encontro. Abonda cunha palabra túa e o meu criado quedará curado. Pois eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes, e dígolle a este: “vai”, e vai; ao outro: “ven”, e vén; e ao meu criado: “fai isto”, e faino.
Oíndo isto, Xesús ficou abraiado e, virándose cara á xente que o seguía, díxolle:
—Asegúrovos que nin en Israel atopei tanta fe.
E, ao volveren á casa, as persoas mandadas atoparon san o criado.
Meditación
Podemos considerar a figura do centurión. O centurión era un oficial do exército romano que ocupaba Palestina. Este centurión parecía un home ben especial: tiña un criado que estimaba moito; preocúpase pola súa saúde e búscalle un remedio. Aínda que seguro que non era ben visto polos xudeus por formar parte do exército ocupador, el amaba o pobo xudeu; e, aínda que seguramente practicaría calquera relixión do imperio, construíralles unha sinagoga. Ao que se ve, era un home humano, colaborador, aberto. O seu corazón estaba aberto, a súa mente tamén. Oe falar de Xesús e aló vai contactar con aquela fonte de vida e de ben. Era un home de confianzas humanas, de confianzas espirituais. Á súa maneira cre en Xesús, e con que fe! Ata o punto de que o mesmo Xesús queda sorprendido de atopar tanta fe nun oficial do exército ocupador.
Ben é que esteamos alerta coas nosas actitudes relixiosas. Pode haber xente aparentemente moi crente, pero que no fondo é moi cerrada, cun corazón e cunha mente pechada, á defensiva, mesmo agresiva. Para esta xente crer é unha arma de ataque máis ca un espazo de encontro, de respecto, de convivencia con quen cre e con quen non cre, ou con quen cre con sensibilidades diferentes. E pode haber xente con fe relixiosa diferente á nosa, ou mesmo sen fe relixiosa, que se cadra, está máis aberta ao de Deus do que nos podemos imaxinar.
Oración
Bendito centurión,chufado por ti, Xesús.Bendito centurión,que non se deixa condicionar polo ambiente negativo.Bendito centurión,aberto ao distinto, ao novo, ao descoñecido.Bendito centurión,atento ao que pasa, distinguindo e valorando.Bendito centurión,que se deixa cativar pola túa presenza, Xesús.Bendito centurión,que acode a ti, á túa forza de ben.Bendito centurión,exemplo de fe simple e fonda, razoada.Bendito centurión,que nos regalou unha humildísima confesión de fe:“non son merecente de que entres baixo o meu teito”,“abonda cunha palabra túa para que cure”.Bendito ti, Xesús,que tal fe promoves e sostés.
Acción
¿Somos ou non somos mulleres e homes de fe? ¿Somos homes e mulleres dadas xa a unha fe que lle poderiamos chamar humana, ou somos xente de entrada desconfiada de todo, ante todo, sen crer nas posibilidades da vida? Seguro que poderiamos medrar algo na nosa fe.
17 de setembro: Martes da 24ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 3, 1-13. Salmo: 100, 1-2ab. 2cd-3ab. 5. 6
Ano 2: 1ª lectura:1 Cor, 12, 12-14. 27-31a. Salmo: 99, 2. 3. 4. 5
Evanxeo: Lc 7, 11-17
Un día foi Xesús a unha vila chamada Naín, co grupo que o acompañaba máis de cerca e con outra moita xente. Cando estaba chegando á entrada da vila, sacaban a enterrar a un morto, fillo único da súa nai, que era viúva; esta ía acompañada por moita xente da vila. Ao vela, o Señor compadeceuse e díxolle:
—Non chores.
E achegándose, tocou o cadaleito –os que o levaban pararon— e dixo:
—Rapaz, falo contigo, érguete!
O morto incorporouse e empezou a falar, e Xesús entregoullo á súa nai. Toda a xente quedou impresionada e loaba a Deus dicindo:
—Un grande profeta xurdiu entre nós; Deus visitou o seu pobo.
E a noticia do feito correu por toda aquela comarca e pola Xudea enteira.
Meditación
Noutros casos é a xente en aperto a que acode a Xesús, a que berra, a que pide. Aquí non. A desgraza está alí, ben representada nesa muller viúva, cando a viuvez era xa en si mesma unha desgraza grande, enterrando o seu fillo único aínda ben novo. A xente doída acompañaba a muller. Xesús ve o cadro e actúa. El dá o primeiro paso. Soamente o evanxelista Lucas narra este suceso, que se suma ás moitas intervencións de Xesús a favor da xente vulnerable. Podemos discutir o que hai de milagre ou non; non dubidamos da paixón de Xesús pola debilidade e a súa vontade firme e eficaz de actuar sempre levando alivio e abrindo camiños e esperanzas. Como persoas, como comunidades cristiás, ¿somos das que dan o primeiro paso, das que non agardan na súa casa a que as noticias cheguen, se chegan? Como di o Papa Francisco, ¿primereamos?
Oración
Andar os camiños,coma ti, Xesús.Ter os ollos sempre abertos,coma ti, Xesús.Levar o corazón sempre na man,coma ti, Xesús.Doerse a fondo das dores alleas,coma ti, Xesús.Achegarse e tocar os sinais da dor,coma ti, Xesús.Ter palabras de consolo e de alento,coma ti, Xesús.Facer o posible e o imposible por remediar a situación,coma ti, Xesús.Agradecer e celebrar os progresos da xente, do pobo,coma ti, Xesús.Gozar do teu ben.Espallar o teu ben!Quen mo dera, Xesús, quen mo dera!
Acción
É ben que non nos pechemos na casa, coa TV, co que sexa. É mellor saír, bater coa xente, visitar veciños e veciñas. E facelo cos ollos e co corazón aberto. Ao estilo de Xesús. Seguro que algo novo nacerá en nós, de nós. Probemos, a ver.
18 de setembro: Mércores da 24ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 3, 14-16. Salmo: 110, 1-2. 3-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 12, 31—13-13. Salmo: 32, 2-3. 4-5. 12 e 22
Evanxeo: Lc 7, 31-35
Unha vez dixo Xesús:
—¿Con quen compararei a xente desta xeración? ¿A quen se asemella? Semellan esas criaturiñas que, sentadas nos rueiros, berran entre si, dicindo: “Tocamos a frauta e non bailastes, entoamos lamentos e non chorastes”. Porque aparece Xoán Bautista, que non come pan nin bebe viño, e dicides: “Ten o demo no corpo”. E aparece o Fillo do Home, que come e bebe, e dicides: “Mira que larpeiro, que bebedor e que amigo dos cobradores de impostos e da xente pecadora”. Con todo, a xente filla da sabedoría si que lle deu creto.
Meditación
Cando non se quere, non se quere. Pasa coa fe en Xesús e con calquera outra cousa. Pasa sobre todo con todo aquilo que nos revolve algo, que nos cuestiona algo, que nos empuxa a saír das nosas comodidades e rutinas. É incrible a capacidade que temos de poñer obxeccións, de amorear dificultades, reais ou inventadas, con tal de poder seguir no meu, no que eu penso, no que eu fago. Pódennos entrar por aquí e por alí, que tanto dá.
Iso foi o que Xesús observou en moita xente contemporánea súa. ¿E que facemos nós e a xente contemporánea nosa? ¿Qué facemos coa proposta de Xesús, chamándonos a un recoñecemento de Deus como Pai maternal, próximo e implicado a fondo no ben da nosa vida? ¿Qué facemos coa proposta de irmandade real, de solicitude cara todo aquilo que é débil –persoas ou realidades sociais ou natureza—? ¿Qué facemos co seu criterio de entender a vida como servizo? ¿Qué facemos coa súa práctica exemplar de gozar comendo e bebendo, cando sexa o caso, e de alternar con xente de mal nome e conduta? ¿Qué facemos coa súa manía de andar sempre envolto con persoas débiles, marxinais?
Oración
Como lle pasa a tantísima xente, Xesús,as escusas amoréanse no meu interiorpara recuar ante as túas propostas,ou para darlles creto a medias,ou para aprobalas coa palabra,pero seguir máis ou menos instalado no meu.Pídoche perdón.Pídolle perdóna toda a xente ante a que me confeso cristián,para defraudala logo cos meus feitos.Gustaríame formar grupocos fillos e fillas da Sabedoría que che dan creto,que se fían de ti con verdade,e medran día a día no teu seguimento.¿Cando, meu Deus, tirarei as barreirasque che impiden entrar e agasallarmeco que ti queiras?
Acción
¿Cómo reaccionamos ante calquera proposta que nos chegue de fóra, sexa da comunidade cristiá, sexa do mundo civil, invitándonos a participar, a enredarnos en cousas de humanidade, de mellora social, de crecemento persoal? ¿Sopesámolas con boa disposición ou de entrada botamos man de escusas ou desculpas?
19 de setembro. Xoves de 24 semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 4, 12-16. Salmo: 110, 7-8. 9. 10
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 15, 1-11. Salmo: 117, 1-2. 16ab-17. 28
Evanxeo: Lc 7, 36-50
Unha vez un fariseo convidou a Xesús a comer. Xesús entrou na súa casa e púxose á mesa. Unha muller, coñecida como pecadora na vida, sabedora de que estaba alí Xesús, levou un frasco de alabastro con perfume de mirra, botouse por detrás aos pés del chorando e comezou a regarllos coas báboas; secáballos cos cabelos da súa cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume. Vendo aquilo, o fariseo que o convidara dixo para si:
—Se este fose un profeta, coñecería quen é e que caste de muller é a que o está a tocar, unha pecadora.
Xesús tomou a palabra a díxolle:
—Simón, teño algo que che dicir.
El contestou:
—Pois dimo, Mestre.
—Había dúas persoas que lle debían cartos a un prestamista; unha debíalle cincocentos denarios e o outra cincuenta. Como non tiñan con que lle pagar, o prestamista perdooulles ás dúas persoas. Ora, ¿quen delas o amará máis?
Respondeulle Simón:
—Supoño que aquela a quen máis lle perdoou.
El contestou:
—Ben dito.
E volvéndose cara á muller, díxolle a Simón:
—¿Ti ves esta muller? Entrei na túa casa e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos. Non me deches o bico, pero ela dende que entrou non parou de me bicar os pés. Non me unxiches a cabeza con aceite, pero ela unxiume os pés con perfume. Por iso dígoche: moitos pecados se lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra.
E díxolle a ela:
—Os teus pecados están perdoados.
Entón a demais xente convidada empezou a comentar entre si:
—¿Quen é este, que mesmo pretende perdoar os pecados?
Pero el díxolle á muller:
—Salvoute a túa fe, vai en paz.
Meditación
Hai dúas olladas coas que podemos mirar para nós e para a xente que nos rodea: a ollada do corpo e a ollada do corazón. A ollada do corpo depende da ollada do corazón. Se a ollada do corazón é limpa, transparente, pacífica, perdoadora, solidaria, xusta, misericordiosa, tamén a ollada do corpo será así. O evanxeo de hoxe fálanos destas dúas olladas, unha a do fariseo: unha ollada superficial, legalista, acusadora, excluínte, insolidaria, propia de quen se cre persoa perfecta, unha ollada que pecha camiños e vidas, unha ollada triste, amarga e que entristece e crea amargura tamén; outra a de Xesús: unha ollada que vai ao fondo onde ve ou intúe procesos fondos, unha ollada incluínte, solidaria, perdoadora, propia de quen comunga coa fraxilidade humana e ansía o ben das persoas e por iso acaba abrindo camiños de vida; unha ollada leda, esperanzada, que suscita alegría e esperanza, que remata en bágoas de amor e felicidade.
Que diferentes son as persoas, os que miran e as miradas, cando ollamos coa ollada de Xesús! Que diferente sería o mundo, se educaramos un pouco a nosa ollada para aproximala algo á de Xesús!
Oración
Quen me dese, Xesús,ollar como ti ollas!Quen me dese ter o corazón pacificadocomo ti sempre demostras telo!Quen me dese unha ollada amante,para poder ver a xente toda con comprensión e esperanza!Quen me dese ter unha ollada iluminada,para poder ver ou intuír fonduras aparentemente ausentes!Quen me dese ter unha ollada inocente,para detectar e suscitar inocencias!Quen me dese ter unha ollada sabia,para transmitir sabiamente perdón e alentos para o cambio!Quen me dese, Xesús, sentir sobre de mina mesma ollada túa que tanto agradeceu a pecadora!Quen me dese ollarme a min mesma, Xesús,cos ollos acolledores cos que ti me ollas!
Acción
¿Como ollamos habitualmente a xente? Podemos repasar o noso xeito de ollar sobre as persoas que nos rodean, maiormente sobre aquelas que nos parecen máis negativas. ¿Que poderiamos facer para cambiar o noso corazón, para que así cambie tamén a nosa maneira de ollar e estar coa xente?
20 de setembro: Venres da 24ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 6, 2c-12. Salmo: 48, 6-7. 8-10. 17-18. 19-20
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 15, 12-20. Salmo: 16, 1. 6-7. 8b e 15
Evanxeo: Lc 8, 1-3
Xesús púxose a camiñar por vilas e aldeas, predicando e anunciando a boa nova do reino de Deus. Ían canda el os Doce e máis algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada a Magdalena, curada de sete demos; Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes; Susana e outras moitas que o servían cos seus bens.
Meditación
Lucas refírese á gran camiñada de Xesús, que o levaría de Galilea a Xerusalén, para confrontar alí cos líderes relixiosos do seu tempo, cos que mantiña serias diferenzas. Unha viaxe chea de riscos, que remataría na súa morte en cruz. E van canda el os Doce e con eles un grupo significativo de mulleres, algunhas das cales citadas expresamente polo seu nome e, seguro, tamén polo significado que tiveron no grupo: María a Magdalena, Xoana, Susana. Todo o mundo está de acordo en admirar esta incorporación de mulleres no fato misioneiro, en tempos nos que estaban absolutamente anuladas na visibilidade social e relixiosa. ¡Que non faría hoxe Xesús, cando a cultura reclama unha absoluta igualdade, dentro do ser de cada persoa ou grupo social! ¡Canta da liberdade de Xesús nos fai falla á Igrexa predominantemente masculina para vivir de preto o Evanxeo!
Oración
Grazas polas mulleres,na súa historia amarga, sufrida,fóra e dentro da Igrexa.Grazas polo testemuño da súa fe,do seu seguimento de Xesús,a pesar de todo.Grazas polas súas voces reivindicativas,clamando polo seu recoñecementodentro e fóra das nosas comunidades.Grazas polos seus soñosde seren o que están chamadas a ser,como revolución no mundo e na Igrexa.Grazas a ti, Xesús,por abrires a porta a tanta normalidade.
Acción
Se somos homes, reparamos como estamos tratando as mulleres dentro e fóra da comunidade cristiá. Se somos mulleres, reparamos se nos encollemos ou non ante prácticas eclesiais que intentan rebaixarnos e agocharnos. Nos dous casos, pensamos en como dar pasos no espírito do Evanxeo.
Virxe das Dores
Oración
Santa María das Dores,nai de Xesús e nai nosa,lévanos da túa manpolos camiños da historia.Contigo queremos serde Xesús fieis seguidoras,mulleres e homes de fe,na cruz da presente hora.A cruz de males e abusosque desde dentro ou de fórarevolven o corazón,e estragan a vida toda.A cruz de tantas mulleresvivindo ou morrendo á sombrade mans e de relaciónsamargas, abusadoras.Nas cruces da nosa vidapor nai te temos, xaora,consolo, forza e alentode quen sofre, de quen loita.Con Xesús do berce á cruz,en paciencia vigorosa,día a día, en noite ou luz,fidelidade amorosa.
21 de setembro: Festa de San Mateu
1ª lectura: Ef 4, 1-7. 11-13. Salmo: 18, 2-3. 4-5
Evanxeo: Mt 9, 9-13
Un día, ao pasar viu Xesús un home chamado Mateu, sentado ao mostrador dos impostos, e díxolle:
—Sígueme.
El ergueuse e seguiuno.
E resulta que, estando á mesa na casa de Mateu, viñeron moitos recadadores e outra xente pecadora e puxéronse tamén á mesa con Xesús e coas persoas que o acompañaban de cerca. Cando tal viron os fariseos, dixéronlles ás persoas que andaban canda Xesús:
--¿Cómo é que o voso Mestre está a comer con recadadores e xente pecadora?
El oíunos e dixo:
—Non son as persoas sas senón as enfermas as que precisan de médico. Ide, pois, aprender o que significa aquilo de misericordia quero e non sacrificios. Porque non vin para chamar pola xente xusta, senón pola pecadora.
Meditación
Xesús era escandaloso. Gaña a confianza, a admiración e a amizade de Mateu, un “publicano”, que así chamaban aos recadadores de impostos, xente moi mal vista por seren axentes do sistema político que os asoballaba. E iso ata o punto de convidalo a formar parte do seu grupo. Xesús tiña un don especial para intuír fonduras de ben nas persoas, que a demais xente non daba visto. Xesús era fondamente acolledor. Xesús era provocador. Acepta o convite de Mateu, ao que asisten recadadores de impostos e outra xente pecadora. Incrible! Comer con alguén, daquela moito máis ca hoxe, era un sinal de amizade, de compenetración, de comuñón. Xesús móvese polo principio de misericordia, que o levaba a arrimarse a xente que andase en debilidade de calquera clase: de saúde, de diñeiro, de moral. Xesús era un reparador de vidas feridas. Iso valía máis que os rituais relixiosos, que as normas sagradas de pureza e de exclusión.
Se andamos en calquera debilidade, podemos contar con ese apego especial de Deus a través de Xesús. Se nos encontramos ou convivimos con xente envolta en calquera debilidade, temos en Xesús un mestre para aprender a situarnos ante a debilidade cos criterios mesmos de Deus.
Oración
Sentemos á mesma mesa,no nome de Xesús,compartamos pan, soños e esperanzassen rituais predefinidos,sen exclusión de ningún tipo;conversemos abertamente para mellor coñecernos,para dicirnos o que nos enche o corazón,para comprendernos mellor,para querermos mellor,para servirnos mellor.Pousemos os xuízos e prexuízos,admiremos o don de Deusagochado quizais en aparencias esquivas.E fagamos distoa lei maior da nosa vida.No nome de Xesús.
Acción
¿Funcionamos con prexuízos, arredándonos das persoas que temos fichadas como persoas malas por calquera razón? Co exemplo de Xesús, ¿non poderiamos empezar a tratalas doutra maneira?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.