10 outubro, 2024

Tempo Ordinario: 28ª semana



13 de outubro: Domingo 28º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Sab 7, 7-11. Salmo: 89, 12-13. 14-15. 16-17
2ª lectura: Heb 4, 12-13

Evanxeo: Mc 10, 17-30

Un día estaba Xesús saíndo para se poñer en camiño e chegou correndo un home, que se axeonllou diante del e que lle preguntou:
—Mestre bo, ¿qué teño que facer para acadar a vida eterna?

Xesús respondeulle:
—¿Por qué me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e máis a túa nai.

El replicoulle:
—Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.

Xesús fitouno cunha mirada chea de agarimo e engadiu:
—Aínda che falta unha cousa: Vai, vende todo o que tes e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.

Pero el tornou triste ante estas palabras e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.

Xesús, mirando ao redor, díxolles aos discípulos:
—Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no reino de Deus!

E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu insistir:
—Fillos, que difícil é entrar no reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no reino de Deus.

Eles, aínda máis asombrados, comentaban entre si:

¿E quen se vai poder salvar?

Xesús fitounos coa súa mirada e dixo:
—É imposible para os homes, pero non para Deus; porque todo é posible para Deus.

Entón comezou Pedro a dicirlle:
—Mira que nós deixámolo todo e seguímoste.

Dixo Xesús:
—Dígovolo de verdade: non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás ou nai ou pai ou fillos ou leiras por cousa miña e por cousa do Evanxeo, que pase sen recibir agora, neste tempo, cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nais, fillos e leiras, xunto con persecucións, e no mundo futuro, a vida eterna.

Meditación

Chama a atención, primeiro, a decisión do home que, correndo, se achega a Xesús, se axeonlla ante el e lle pregunta: que teño que facer para acadar a vida eterna. Os xestos, as palabras, denotan unha persoa con verdadeiro interese; interese, paixón, que nos viría ben recuperar ou reforzar na nosa experiencia cristiá. Preocúpalle acadar a “vida eterna”, ese futuro de paz e de gloria no espazo definitivo de Deus; sabemos que esa “vida eterna” empeza xa agora, aquí, na terra, e implica unha vida plena, pacificada, socializada, irmandada, tocada polo novo permanente de Deus, acollida, agradecida, ofrecida, dada, fundida nun abrazo solidario con todos e todas, con todo, coa natureza en cada un dos seus elementos irmáns, que so terá redondez e plenitude en Deus, só, no fondo, se pode conseguir como regalo de Deus, porque o noso non dá para tanto. Quen non desexa “vida eterna” así entendida? Que bo é ter ou suscitar en nós este desexo radical de vida, para nós, para todo e todos/as cantas nos rodean! É imposible avanzar, se non é desde este desexo fondo, auténtico, limpo.

Xesús ofrécelle a quen lle fai a pregunta unha serie de pautas que teñen que ver cunhas correctas relacións, xustas relacións co próximo. Nada pouco, pero ao home aquel non lle chega. Xa o cumpre, e quere máis. Xesús pousou os ollos nel cunha mirada chea de agarimo. É ben que reparemos nesta mirada de Xesús, que demostra que vía a aquela persoa capaz de abrirse a algo máis que lle posibilitaría descubrir e gozar do “tesouro” de Deus para todos nós. Non sempre estamos nese punto de arranque cara á plenitude. Que ben, que o poidamos ter! Pero o evanxeo tamén nos di que o podemos ter, pero non ousar dar o salto a un certo baleiro, que é condición imprescindible. O baleiro é a nudez, o desapego, a inseguridade, a pobreza; pero tamén, precisamente por iso, o baleiro é a paz fonda, a liberdade, a alegría, a fraternidade completa, nunha relación nova con todo, con todos, con todas. O home aquel colleu medo. Nós tamén collemos medo moitas veces á proposta radical de Xesús. E perdémonos o mellor del, o mellor de Deus. Que pena por aquel home! Que pena por cada un de nós cando o imitamos!

Aos contemporáneos de Xesús, afeitos a ver a riqueza coma unha bendición desexada de Deus, as palabras de Xesús resultáronlles algo tolas: como ía ser a riqueza algo que os arredase da proximidade de Deus! Para nós tamén son unhas palabras tolas, e non xa porque vexamos as riquezas como bendición de Deus, senón porque estamos convencidos de que son elas as que poden abastecernos de todos o que precisamos para ser persoas, por dentro e por fóra. Descansamos nelas. Poñémolas como responsables últimas da nosa felicidade.

Xesús fala dos ricos, non das persoas que empregan os bens da terra para coidarse no necesario que nos permite vivir con dignidade. Prevennos contra a riqueza porque frecuentemente, como dicía algún dos Padres da Igrexa, quen a ten ou é ladrón, ou é herdeiro de ladróns. Cousa que podemos comprobar ben no sistema de acumulación de capital que se dá tamén nos nosos tempos. Xesús prevennos contra a riqueza, porque pecha os corazóns ao don humanísimo da solidariedade, de pensar nos outros/as con amor e con vontade de compartir; as riquezas róubannos a liberdade do corazón, fannos escravos, dependentes, aínda que aparentemente nos pareza o contrario; as riquezas péchannos pouco a pouco ao máis fermoso da humanidade e de Deus nela; as riquezas, por todo iso, impídennos seguir a Xesús, acompañalo, e introducirnos no seu mundo novo. Xesús prevennos contra as riquezas. Debiámoslle ter medo coma ao lume, tanto a nivel de persoas, como de comunidades, como Igrexa. Debiamos escapar delas e dos ricos que as sosteñen, ao estilo de Xesús, que sempre deixaba portas abertas e encontros establecidos, para que tamén os ricos se decatasen da súa tolemia. Estaría ben que coa da nova evanxelización tivésemos isto moi en conta.

Pero Xesús non nos deixa no aire, espidos/as, baleiros, sen sustento. Ábrenos as portas cara a tesouros novos, cara a familias novas, cara a novas formas de usar o necesario para vivir, de relacionarnos coas cousas, coa xente, con Deus. Non evita dicirnos que a cousa non é doada, que terán problemas as persoas e comunidades que se propoñen as cousas así, pero é a xente pobre, fraterna, libre, desapegada, solidaria, a que fará un mundo novo, a que terá o Reino de Deus nas súas mans coma regalo sobreabundante, coma tesouro.

Preces

O SEÑOR ENSÍNANOS OS CAMIÑOS DA VIDA

Xesús, ti avivas en nós a ansia de buscar a Deus, de buscar o bo e xusto, de buscar o mellor, de buscar unha vida densa e feliz. Que saibamos abrirnos á túa palabra, ao teu Espírito. Oremos.

Xesús, ti prevesnos contra o diñeiro, contra a riqueza. Que che fagamos caso, que descubramos a grande liberdade e alegría que hai en vivir en pobreza digna e solidaria. Oremos.

Xesús, ti alértasnos contra os modelos económicos que tentan acumular sen solidariedade. Que sintamos a túa forza en nós nestes tempos de crise, para apostar decididamente por unha sociedade solidaria, onde o traballo, a ensinanza, a saúde chegue a todos/as por igual. Oremos.

Xesús, ti soubeches combinar moi ben a esixencia coa misericordia, para que a vida triunfase sempre. Que o persoal todo que asiste ao Sinodo de Roma sobre a Familia acerte a orientala con fondura e misericordia, ao teu estilo sempre. Oremos.

Xesús, ti fasnos propostas audaces, onte coma hoxe. Que non che teñamos medo, Xesús, que en cousas pequenas e pouco a pouco nos vaiamos introducindo polo camiño das túas propostas. Oremos

Oración
Grazas, Xesús,
porque ti non falas por falar;
o que dis experimentáchelo,
vivíchelo,
e ofrécesnolo coma camiño seguro
que leva á vida redonda, feliz,
permanente, eterna.

Grazas por ti, Xesús,
e grazas por tantos e tantas seguidoras túas
que che fixeron caso,
e que se introduciron polos estreitos carreiros da pobreza,
para chegar á máis fonda liberdade,
á máis fonda ledicia,
á máis fonda solidariedade,
a máis fonda fraternidade.

Grazas por ti, Xesús,
e grazas por Francisco de Asís,
e por Carlos de Foucauld,
e por Alexandre Bóveda,
e por tantos militantes cristiáns e non cristiáns,
homes e mulleres,
de onte e de hoxe,
que non puxeron o diñeiro coma meta da súa vida,
senón o servizo a todo o débil,
a solidariedade no nome de Deus.

Grazas, Xesús,
porque a pesar do meu pecado, do noso pecado,
as túas palabras,
as túas propostas de vida
atopan eco no meu corazón,
e atópome disposto, animado
a experimentar contigo
a liberdade e a alegría da pobreza,
todos os camiños de vida que me ofreces
se me distancio dos cartos e do poder,
e che sigo no abandono amante e solidario.

Para os homes e mulleres,
para min,
é imposible.
Pero para ti, Xesús,
para Deus,
todo é posible.
Grazas, Xesús.
Acción
Para o día de hoxe e mesmo para toda a semana, podemos propoñernos observar as diferentes formas que temos de buscar seguridade para a vida: cartos, imaxe, ascendencia, enchufes, afectividade.... E ver, logo, á luz do evanxeo de hoxe, de que nos poderiamos ir liberando para ser máis da xente, máis de Deus. Para ser máis nós.


14 de outubro: Luns da 28ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 1, 1-7. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
Ano 2: 1ª lectura: Gál 4, 22-254. 26-27. 31—5,1. Salmo: 112, 1-2. 3-4. 5a e 6-7

Evanxeo: Lc 11, 29-32

A xente xuntábase ao redor de Xesús e el púxose a dicirlles:
—Esta é unha xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal có de Xonás. Pois como Xonás foi sinal para os ninivitas, así o será tamén o Fillo do home para esta xeración. A reina do Sur enfrontarase no xuízo con estes homes e fará que os condenen, porque ela veu dende o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón; e aquí está que é máis ca Salomón. Os habitantes de Nínive enfrontaranse no xuízo con esta xeración e farán que a condenen, porque eles convertéronse ao escoitaren a predicación de Xonás, e aquí está quen é máis ca Xonás.

Meditación

Cada xeración tenos o noso aquel, as nosas grazas e as nosas desgrazas. De común podemos ter esa resistencia a entender que Deus está totalmente por nós, por cada persoa humana que vén a este mundo, e polo mundo no seu conxunto que a acolle e a pode axudar a converterse nunha persoa integrada. O medo a Deus é unha gran desgraza. Xonás, contra o seu gusto primeiro, anunciaba a disposición sempre aberta e acolledora de Deus con todo ser humano. E ese é o único e principal sinal que de Deus nos dá Xesús. Desde dentro ou desde fóra da Igrexa parece que nos reina presentar a Deus como un ser irritable, avaricioso da súa gloria, empeñado en subxugarnos, inaccesible, inhumano. Nada máis contrario ao ser de Deus, todo vida, todo benevolencia, todo inclinación servidora cara ao ser humano que somos nós.

Oración
Cantas veces, meu Deus,
me vexo a min mesmo con ollos turbios!
Cantas veces tamén
me fago o inimigo de min mesmo,
inculpándome, machucándome,
considerándome unha persoa indigna, desprezable!
Cantas veces, meu Deus,
te asocio a este triste oficio de condenación!
Quen puidese ver sequera
un levísimo reflexo do teu rostro,
do teu corazón,
para contemplarme a min mesmo
como ti me contemplas,
e curar de tanta tristura,
de tanta negritude!
Acción
¿Como vemos e sentimos a Deus na nosa vida? ¿Alguén que nos espía, alguén que nos xulgará, alguén que se desentende de nós? ¿Ou alguén que abraza e se deixa abrazar, sexamos como sexamos? Sería fermoso que falásemos con alguén destas posibles maneiras de entender e vivir a Deus na nosa vida.


15 de outubro: Festa de Santa Tareixa de Xesús

1ª lectura: Eclo 15, 1-6. Salmo 88.

Evanxeo: Mt 11, 25-30

Nunha ocasión dixo Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece ao Fillo agás o Pai, nin coñece ao Pai agás o Fillo e aquela xente a quen o Fillo llelo queira revelar.

Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas vidas; porque o meu xugo e doado de levar e a miña carga liviá.

Meditación

O evanxeo de hoxe foi escollido pensando en Santa Tareixa de Xesús (1515-1582), monxa carmelita, reformadora, fundadora de moitos conventos e escritora, declarada doutora da Igrexa polo Papa Paulo VI no ano 1970. Cando ser muller pechaba moitas máis portas na Igrexa do que hoxe nos podemos supoñer, converteuse nunha desas persoas humildes coas que o Pai comparte os seus segredos; Tareixa de Ávila chamouse Tareixa de Xesús, porque co Xesús dos evanxeos vinculou fondamente a súa vida toda. Del recibiu luces e consolos, nel atopou alivio nos seus días de agudo cansazo, por enfermidades, por múltiples tarefas como responsable das comunidades que fundaba e reformaba, polas críticas e controis que recibía dalgúns eclesiásticos; con Xesús compartiu xugo e tarefa, gozou con Xesús da dozura dos seus amores, nel atopou sempre acougo e alento para a vida complexa que lle tocou vivir, vida que así se lle fixo doada de levar, liviá.

Escribiu varias obras de espiritualidade, non como escritos académicos, senón a partir do que ela mesma ía vivindo. As máis importantes foron: Libro de la vida, Camino de perfección, Las moradas e Las fundaciones. A pesar de pasar 500 anos, estes escritos seguen alimentando a vida espiritual de moita xente, representan o mellorciño da experiencia relixiosa cristiá de todos os tempos. Aínda que foron libros escritos por unha monxa e destinados sobre todos tamén a monxas, a súa vitalidade e frescura conmoven e estimulan a todo o mundo. Foi unha gran experta no acompañamento espiritual.

Estamos invitadas e ler algún dos seus escritos. Estamos invitados, sobre todo, a facernos coma ela desas persoas humildes que se deixan atraer pola sabedoría de vida que Tareixa primeiro vivía a fondo e logo compartía cos seus escritos. Estamos invitadas a teorizar e discutir menos das cousas da fe e a vivilas para experimentar a súa forza e o seu consolo para a vida.

Oración
(oración de Santa Tareixa moi coñecida, que traducimos ao galego)
Nada te turbe,
nada te espante,
todo se pasa,
Deus non se muda,
a paciencia
todo o acada.
Quen a Deus ten
nada lle falta.
Só con Deus basta.
Acción

Podiamos ler algo dalgún dos escritos de Santa Tareixa, por exemplo, do Libro de la vida. Podiamos mirar se falamos, teorizamos, debatemos sobre cousas da fe, da Igrexa, pero despois realmente non somos xente embarcada en ningún plan que nos leve a vivir a nosa fe cristiá con sinxeleza, con verdade. O recordo de Santa Tareixa pódenos axudar a cambiar e poñer a vida por diante dos discursos.


16 de outubro: Mércores da 28ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 2, 1-11. Salmo: 61, 2-3. 6-7. 9
Ano 2: 1ª lectura: Gál 5, 18-25. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6

Evanxeo: Lc 11, 42-46

Nunha ocasión dixo Xesús:
—Ai de vós, fariseos! Pagades o décimo pola menta, pola ruda e por todas as verduras, e deixades a un lado a xustiza e máis o amor de Deus. Pero é isto o que hai que practicar, sen descoidar o outro.

Ai de vós, fariseos, que devecedes polos primeiros postos nas sinagogas e porque vos fagan reverencias nas prazas! Ai de vós, que sodes coma sepulcros que non se ven e que a xente tripa sen se decatar!

Entón un mestre da lei tomou a palabra e replicoulle:
—Mestre, dicindo estas cousas tamén nos aldraxas a nós.

El contestoulle:
—Ai tamén de vós, os mestres da lei, porque botades enriba da xente fardos insoportables, e vós nin cun dedo os tocades!

Meditación

Segue o evanxeo coa súa crítica aos fariseos. Debemos dicir que non todos os fariseos eran así, aínda que a súa maneira de ver e de vivir a experiencia relixiosa levaba moito a ese tipo de historias que aparecen no texto. Ser moi minuciosos no que non ten tanta importancia e deixar de lado o realmente importante: a xustiza, o amor, a misericordia de Deus. O gusto por aparentar estando cheos de inmundicia. Poñer normas e normas, sen implicarse nas dificultades da vida da xente.

Calquera persoa relixiosa –tamén o pobo cristián— pode caer nestes absurdos que critica o evanxeo de hoxe. De feito hai moita xente das nosas sociedades que critica a Igrexa católica por cousas semellantes. Canto vestido e aparencia vana nos nosos líderes, nas nosas cerimonias! Pensemos no tema da pederastia; vaia sepulcro de podremia! É doado ver se estamos nós na onda de Xesús: se andamos pola vida con humildade, se nos doen as cargas que a xente ten que tolerar, sobre todo a xente máis vulnerable; se nos move o afán por andar en xustiza e en amor, para nós e para a xente que nos rodea. É tan doado andar acusando pola vida!

Oración
Que o meu corazón, meu Deus,
que a miña intención se centre en amar e comprender,
en verter amor,
en promover xustiza,
que na inxustiza sempre o débil sae malparado.
Que o meu esforzo se oriente sempre,
coma o de Xesús,
a aliviar cargas que pesan sobre os lombos da xente
e non a multiplicalas,
coas medidas cotiás da solidariedade,
cos recursos maiores da organización social.
Querer a xente,
coidar a xente,
consumirme pola xente,
con humildade sempre,
con decisión sempre.
Algo coma Xesús, meu Deus,
algo coma Xesús.
Acción

¿Vémonos persoas apaixonadas pola xente que nos rodea? ¿Dóennos as penalidades que sofren, as inxustizas que soportan? ¿Dunha maneira ou doutra estamos ao seu lado? Se non o facemos, ¿cómo poderiamos mellorar niso, que é tan importante para unha persoa cristiá?


17 de outubro: Xoves da 28ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 3, 21-30. Salmo: 129, 1-2. 3-4b. 4c-6.
Ano 2: 1ª lectura: Ef 1, 1-10. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4. 5-6

Evanxeo: Lc 11, 47-54

Nunha ocasión falou así Xesús, referíndose aos fariseos:
—Ai de vós, que lles facedes grandes panteóns aos mesmos profetas que asasinaron vosos pais! Así aprobades co voso testemuño o que fixeron vosos pais; eles asasinaron e vós facedes os panteóns.

Por iso dixo a sabedoría de Deus: Mandareilles profetas e apóstolos, e perseguirán a uns e asasinarán a outros"; de xeito que a esta xeración se lle han pedir contas do sangue dos profetas vertido dende a creación do mundo: desde o sangue de Abel ata o sangue de Zacarías, que morreu entre o altar e o santuario. Si, seguro que se lle han pedir contas a esta xeración.

Ai de vós, xuristas, porque levastes a chave do saber! Nin vós entrastes nin deixastes entrar aos que querían entrar.

E saíndo de alí, os letrados e fariseos empezaron e encirralo, tirándolle da lingua, para ver se o pillaban no que dicía.

Meditación

Ditas para os letrados e fariseos, estas palabras ofrécensenos agora a nós como corrección e axuda. Que nos quere dicir Xesús a nós con estas palabras? É un aviso para os nosos líderes eclesiais (bispos, curas, frades, ...) que dalgunha maneira teñen, ou pretenden ter, a chave do saber, do coñecemento e da experiencia de Deus, do bo sentido da vida cristiá; ás veces cumpren ben con esa misión, pero cantas veces nin eles entran nese mundo marabilloso nin polo tanto facilitan que o pobo cristián entre! A xente normal da Igrexa, as persoas que chamamos laicas e laicos, ao tempo que podemos agradecer os servizos que o clero nos presta, tamén estamos chamadas a acceder por nós mesmas ao coñecemento e servizo de Deus, porque todas, todos somos xente bautizada, e, como tal, habilitada para ter trato persoal con Deus, para falar no nome do Deus co que tratamos, e mesmo para decidir sobre da marcha das comunidades cristiás. Todo en familia, todo en comunidade, aportando e respectando o servizo de cantas persoas facemos a comunidade.

Oración
Grazas, meu Deus,
por todas as persoas que me axudan
a coñecerte e a gustar de ti.
Grazas tamén
polas que me axudan a avanzar
polo camiño da adultez humana e espiritual.
Grazas por todos os momentos
nos que me alentas
para dar pasos de servizo
dentro da comunidade cristiá e fóra dela.
Grazas porque me chamas
a responsabilizarme da vida propia e comunitaria
e a gozar responsabilizándome.
Grazas porque me queres viva onda ti,
no medio do pobo.
Acción

¿Vemos cousas no clero que non nos gustan e criticámolas? Igual, no canto de criticar, podiamos ir falar coa persoa concreta e transmitirlle con calma as razóns do noso descontento.


18 de outubro: Festa de San Lucas evanxelista

1ª lectura: 2 Tim 4, 9-17a. Salmo: 144, 10-11. 12-13ab. 17-18

Evanxeo: Lc 10, 1-9

Un día designou o Señor a outras setenta e dúas persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas a todas as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:
—A anada é ben boa, pero hai pouco quen a traballe; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros e xornaleiras para a seitura. Ide e sabede que vos mando como años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa ten dereito ao seu xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha aldea e vos acollan, comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e dicídelles: “Xa chega a vós o reino de Deus”.

Meditación

Este texto saíu da man do evanxelista san Lucas que hoxe celebramos. Con canto agradecemento debemos lembrar aos evanxelistas, e, en concreto, ao evanxelista San Lucas! Grazas a eles podemos alimentar hoxe a nosa fe cristiá cuns relatos que recollen o que narraron as mesmas persoas que coñeceron e acompañaron a Xesús, pasado pola man, pola intelixencia, polo corazón de cada evanxelista en concreto. Transmiten apaixonadamente o que viron e viviron tamén con moita paixón. Que sería da vida cristiá sen evanxeos? Sempre están aí nas encrucilladas da historia, cando máis nos deixamos levar pola vaidade humana, para provocar e facilitar unha volta a Xesús, unha volta a aquel home, fillo de Deus, que revolucionou a fe, a esperanza, o amor.

Invítanos hoxe Lucas a andar os camiños, a encontrarnos coa xente, a envolvernos en pobreza e liberdade por dentro e por fóra, a ofrecer gratuitamente o que tamén gratuitamente nos foi dado, a compartir o soño de Deus que Xesús espertou en nós, a ser xente xeradora de paz. Estamos invitados a vivir hoxe o que Lucas viviu hai dous mil anos.

Oración
Grazas, meu Deus,
por toda a xente que te vive con convencemento
e que logo, coa palabra ou coa escrita,
comparte connosco as súas experiencias.
Grazas polas persoas que non falan
senón do que previamente viviron.
Grazas, meu Deus, polos homes e mulleres
que coa palabra e coa vida
nos recordan a persoa e os feitos de Xesús,
e nos permiten entrar na súa mesma paixón.
Grazas por esa fonte de vida e de esperanza
de paz e de alento,
que son os evanxeos e os evanxelistas que os escribiron.
Grazas, meu Deus, grazas.
Acción

Podemos tomar conciencia da xente que ao longo da nosa vida nos foi axudando a encontrarnos con Xesús de Nazaré, o Cristo. Dámos grazas por esas persoas. Pensamos de que maneira tamén nós podemos axudar a que algunhas persoas coñezan mellor a Xesús e se decidan a seguilo.


19 de outubro: Sábado da 28ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 4, 13. 16-18. Salmo: 104, 6-7. 8-9. 42-43
Ano 2: 1ª lectura Ef 1, 15-23. Salmo: 8, 2-3a. 4-5. 6-7

Evanxeo: Lc 12, 8-12

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Asegúrovos que quen volva por min diante da xente, tamén o Fillo do Home volverá por tal persoa diante dos anxos de Deus; pero quen me negue diante da xente, tamén será negado ante os anxos de Deus. A todo home ou muller que fale en contra do Fillo do Home perdoaráselle; pero a quen blasfeme en contra do Espírito Santo non se lle perdoará. Cando vos leven ás sinagogas, ante os maxistrados e autoridades, non vos preocupedes de cómo vos ides defender e do que ides dicir; xa vos ensinará o Espírito Santo naquela mesmo hora o que é preciso dicir.

Meditación

A palabra non o é todo na vida, por riba da palabra están os feitos. Pero, con todo e iso, que importante é a palabra nunha persoa! Coa palabra podemos amigar ou tomar distancias coa xente e con Deus; podemos defender ou achicar aínda máis a xente pequena e a Deus nela; podemos renegar de Deus ou mostrarlle o noso recoñecemento e admiración; podemos alentar ou afundir a quen faga vida connosco, a veciñanza, a xente da comunidade, do partido político no que militamos; coa palabra podemos mentir contra a xente e contra Deus, ou afirmarnos na verdade ante a xente, ante Deus; coa palabra transmitimos afecto ou desprezo, causamos risas ou bágoas, gusto ou medo pola vida. Coa palabra podemos dicirnos a nós mesmos, ou agacharnos, simularnos ante nós, ante a xente, ante Deus.

Se nos deixamos levar polo Espírito Santo, teremos sempre palabra construtiva, palabra de liberdade, de salvación. Se non nos deixamos levar polo Espírito Santo, que grande pode ser a nosa desfeita!

Oración
Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,
que nos ofreces gratuitamente en todo momento.
Grazas porque con el apréndesnos
a falar cando conveña e como conveña,
e a calar tamén cando conveña e como conveña.
Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,
que nos leva ata Xesús,
e nos permite recoñecelo como fillo teu,
e nos empuxa a querelo, a admiralo,
a intentar seguilo en todo canto poidamos.
Grazas porque, deixándonos levar por el,
fasnos libres e valentes
ante o mal que nace en nós,
ante o mal que maquinan os poderes inxustos deste mundo.
Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,
que tanto brillou en Cristo Xesús.
Acción

¿Vémonos con medo a defender a nosa fe cristiá, os nosos convencementos cristiáns, ante calquera persoa ou grupo, ante calquera poder? Falamos disto con outras persoas cristiás e vemos que facer para non nos deixar levar por eses medos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.