Evanxeo: Mt 20, 20-28
Comentario:
Hoxe é a festa de Santiago Apóstolo, patrón de Galicia, patrón de España. Hoxe é o Día de Galicia, e para moitos galegos e galegas é tamén o Día da Patria Galega. Para o Evanxeo, para a Boa Nova de Xesús, para Xesús mesmo polo tanto, Galicia non é algo indiferente, nin o é todo o que somos e vivimos os galegos e galegas que vivimos nesta Terra; como tampouco non é indiferente ningunha outra parte de España e do mundo. No Evanxeo Xesús ofrécenos a todos un plan de construción coma persoas e unha maneira de vivir as nosas relacións coas persoas coas que convivimos na familia, no barrio, no pobo, no País, no mundo. O proxecto de Xesús ten transcendencia social, política. E sería normal e bo que as persoas cristiás, galegas ou de calquera outra parte do mundo, nos preocupásemos por trasladar á vida social e política, aquilo que imos aprendendo de Xesús para as nosas vidas. Que podemos aportar como cristiáns, cristiás, a esta tarefa común que é Galicia nos días de hoxe? Que podemos aportar a esa Galicia que o poeta Díaz Castro evocaba fermosamente con estas palabras:
“¡Galiza en min, meu Deus, pan que me deron,leite e centeo e soño e lus da aurora!Longa rúa da mar, fogar da terra,e esta crus que nos mide de alto a baixo.


