25 novembro, 2015

29 de novembro: Domingo 1º de Advento (C)




Evanxeo: Lc 21, 25-28.34-36


Comentario:

Empezamos o tempo do Advento, tempo da chegada, tempo do Deus que chega e das cousas de Deus que chegan. Un tempo para decatarnos de que Deus e as súas cousas de vida están chegando sempre; elas están aí ofrecéndose permanentemente, en cada caso, iso si, envoltas nas circunstancias persoais, comunitarias, sociais, que van variando segundo tempos e lugares. Polo tanto, e a diferenza do que habitualmente se di e se canta e reza neste tempo do Advento, non é tanto un tempo de clamar: Ven, Señor Xesús!, senón tempo de abrir os ollos, o corazón, a casa, a vida, a comunidade, a un Señor Xesús que está chegando –el nunca falta á cita--, que se nos está ofrecendo en cada caso, xa o dixemos antes, a través das circunstancias concretas que esteamos vivindo. Por iso o Advento é un tempo especial para pararnos a ver qué é o que está a pasar, o que nos está a pasar, o que lle está a pasar aos veciños e veciñas, ao pobo do que formamos parte, e ver aí a presenza de Deus, a súa voz, o seu ofrecemento, a súa chamada.

19 novembro, 2015

22 de novembro: Domingo 34 do Tempo Ordinario, festa de Cristo Rei.



Evanxeo: Xn 18, 33b-37

Comentario:

Pechamos con esta festa de Cristo Rei o ano litúrxico, que se iniciará de novo o domingo que vén coa entrada do Advento. A festa de Cristo Rei é unha festa relativamente recente dentro da liturxia católica; foi instituída polo Papa Pío XI no ano 1925, cando se conmemoraba o XV centenario do Concilio Ecuménico de Nicea, concilio no que entre outras cousas se engadiron ao Credo Apostólico as palabras “... e o seu reino non terá fin”. A festa, logo, foi instituída para celebrar este reinado e a persoa que o realiza, que é Xesús.

16 novembro, 2015

Para a nosa amiga Encarna



Con estas palabras quero facer recordo e homenaxe á nosa amiga e compañeira da Escola, Encarna Picoaga. Ela que xa está totalmente en Deus, participa con nós nesta xuntanza. É o misterio da presenza–ausente que non podemos explicar con palabras, só desde o que sentimos e experimentamos.

Encarna dedicou moita parte da súa vida a ensinar, ao mesmo tempo que foi quen de aprender , de seguir aprendendo ata o final.

10 novembro, 2015

15 de novembro: Domingo 33 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Mc 13, 24-32


Comentario:

A situación tensa, tensísima vivida polas primeiras comunidades cristiás, que houberon de afrontar conflitos serios co mundo xudeu e co mundo romano; as circunstancias de guerra e destrución vividas polo pobo xudeu co que convivían as comunidades cristiás; a tardanza da chegada do Reino de Deus cumprindo a promesa dunha volta do Fillo do Home para restablecer as cousas todas..., todo isto deu pé a este tipo de literatura relixiosa, chamada apocalíptica, que recollen os evanxeos sinópticos, e que vén representada en forma de discursos postos na boca de Xesús nos últimos días da súa vida terrestre. O evanxeo de hoxe é un anaquiño do discurso apocalíptico de Xesús, segundo o evanxelista Marcos.

Que nos ofrece este evanxeo? A que nos invita? En que nos cuestiona? Que esperanzas nos abre? En que pode ser Boa Nova para nós?