xoves, 31 de decembro de 2015

3 de xaneiro: Domingo 2º despois do Nadal



Evanxeo: Xn 1, 1-18

Comentario:

Normalmente ao redor do Nadal armamos moito rebumbio. Arma rebumbio a sociedade de consumo incitándonos ao gasto de todo tipo, rodeándonos de luces, músicas, desexándonos regalos, cantándonos felicidades. Tamén dentro das mesmas comunidades cristiás abonda o rebumbio nestas datas: panxoliñas, Beléns, felicitacións, versos, obriñas de teatro, festiñas e encontros especiais. Moitas cousas destas están moi ben; necesitamos eses empuxóns que nos manteñan na alegría, na esperanza. Pero tamén pode ser que todo quede en nada, porque pasamos por riba das cousas, por riba do “misterio” do Nadal, sen apenas asomarnos con algo de calma á ventá desde a que contemplar, admirar e agradecer o que nel se nos mostra, se nos regala.

martes, 29 de decembro de 2015

1 de xaneiro: Solemnidade de Santa María, nai de Deus



Evanxeo: Lc 2,16-21

Comentario:

Podemos empezar contemplando pausadamente a escena que o evanxeo nos ofrece, deixándonos levar pola súa simplicidade, polo seu encanto, pola súa fondura. Imaxinamos un cortello, un cabano calquera; alí, nun recanto, ou no medio segundo a costume de cada lugar, un presebe ou manxadoira. Nel o neno deitado, durmindo ou esperto. Ao seu carón, caéndolles a baba, Xosé e María, os pais do pequeno; ambos cheos de contento e ambos vivindo a fondo aquel momento excepcional: Deus presente naquela criatura (Sempre que nace un neno ou nena o misterio da encarnación do Verbo de Deus ponse en funcionamento, a niveis misteriosos, pero verdadeiros, que o nacemento de Xesús nos axudou a descubrir e valorar na súa xusta medida).

xoves, 24 de decembro de 2015

27 de decembro: Domingo despois do Nadal. Festa da Sagrada Familia


Evanxeo: 2, 41-52

Comentario:

Esta pasaxe segue formando parte dos relatos da infancia de Xesús que Lucas nos ofrece non tanto para detallar aspectos históricos, como para responder á pregunta que os primeiros cristiáns/ás se facían sobre a orixe de fondo da personalidade, da forza, do solidariedade, do Espírito que percibían en Xesús; da súa vinculación fondísima con Deus e da súa entrega incondicional, libre, arriscada, en favor de toda a xente, maiormente en favor da máis desfavorecida.

martes, 22 de decembro de 2015

Ansias do Nadal

Manuel Regal Ledo

(sobre o Cantar dos Cantares, 2,8-14)

Ai, se soubese verte
coma o amado que vés correndo,
choutando coma un toliño
por min!


Ai, se puidese adiviñarte
albiscando as miñas fiestras,
asomando o teu rostro entre os meus enreixados,
cheo de amor por min!

Ai, se puidese escoitar a túa voz namorada
dicíndome ao corazón:
“érguete, amada miña,
fermosa miña
e ven.”

Ai, se puidese imaxinar sequera,
na miña vida,
no meu mundo,
contigo,
as flores nas campías,
os tempos de ruadas,
os gromos do figueiral,
as vides recendentes,
coa túa xente pobre,
contigo!

Ai, se tivese por ti tanto ardor
como ti tes por min!
Ai, se gustase tanto da túa figura
como ti gustas da miña
--pobriño de min!--,
se ansiase tanto oír o teu falar
como ti ansías oír o meu!

Daquela si,
daquela sería o Nadal.


(sobre o Cantar dos Cantares 2, 8-14 e Lc 1, 39-45)

Ven,
dáme a man
--disme--,
queres que sexa o Nadal?
Ven comigo.

Ven,
corre, brinca,
á présa, apura,
coma o amado do Cantar por montes e outeiros,
como a mamá María por terras palestinas,
deixa o que fas,
axiña,
non te embobes,
vamos.

Hai moito a quen visitar,
moita xente ignorada
a quen ver polas fiestras sequera
ou axexar entre as reixas,
para falarlles con voz de amadas,
e invitalas a entrar en rodas solidarias
e anunciarlles primaveras e ledicias,
gromos e recendos de vida
que curiosamente xa levan no seu seo.

Hai moitas Sabelas preñadas
na vellez,
cando ninguén nada esperaba xa,
moitas pobriñas de Deus
con vida no seu ventre
á espera de que chegue alguén
tocada, movida polo Espírito
para anunciar e celebrar fidelidades.

Vén,
axiña,
dáme a man,
déixate levar polo Espírito,
abre os ollos, os corazóns, a boca,…
berra,
proclama bendicións e agradecementos
asegura felicidades,
non te reprimas,
que Deus é xeneroso, abundante, espléndido.

Non o ves?
O mundo todo está tocado polo Espírito de Deus.

Saúdos, risas, apertas, bendicións, ledicias, cantos,
por nenos brincando nos ventres estériles!

Ven,
que sexa o Nadal,
que sexa o Nadal como queres.


25 de decembro: Solemnidade do Nadal (Misa da noite)



Evanxeo: Lc 2,1-14

Comentario:

O evanxelista Lucas reconstrúe á súa maneira o nacemento de Xesús. Os trazos cos que o debuxa son dignos de ter en conta, porque adiantan xa as maneiras de ser de Xesús, o seu estilo de vida, as súas preferencias, a fondura da súa presenza, da súa tarefa no medio de nós.

martes, 15 de decembro de 2015

20 de decembro: Domingo 4º de Advento (C)



Evanxeo: Lc 1, 39.45

Comentario:

Os relatos da infancia de Xesús escritos por Lucas, máis que datos históricos, pretenden ofrecernos cadros simbólicos, cos que describir as formas da presenza de Deus no medio de nós –presenza sinxela e misteriosa a un tempo--, e as mellores maneiras de captar esa presenza e de gozar con ela, pois trátase dunha presenza de vida e de liberdade para todos nós, para o conxunto da nosa sociedade. Son relatos sinxelos, moi vivos, construídos ao redor de figuras crentes moi expresivas, que se desenvolven con maneiras das que moito podemos aprender. Neste contexto, a figura de María colle importancia nas celebracións cristiás do Advento na medida en que se van achegando os días do Nadal.

luns, 7 de decembro de 2015

13 de decembro: Domingo 3º de Advento (C)


Evanxeo: Lc 3,10-18

Comentario:

Xoán Bautista foi un personaxe moi querido polo noso Señor Xesús. Xesús sentiuse chamado por Xoán e acudiu onda el, coma quen acude onda a un mestre. Isto di moito de Xesús e di moito tamén de Xoán. Xesús integrouse no grupo de Xoán, aprendeu moito del, onda el se bautizou, coma el fíxose tamén bautizador de xente como maneira de prepararse para a chegada do Reino. Posteriormente o Espírito levou a Xesús por outro camiño, non oposto ao de Xoán, pero si un camiño no que se acentúan aspectos que Xoán parece que non chegara a descubrir; aspectos que teñen que ver coas entrañas de misericordia de Deus, coa proximidade incondicional mesmo aos pecadores/as, e que teñen que ver tamén cos “métodos” de evanxelización de Xesús: non esperar a que a xente veña, senón saír, andar os camiños á procura do pobo pobre, débil, oprimido, pecador. Os primeiros cristiáns tiveron verdadeiras dificultades para ensamblar a Xesús con Xoán Bautista, por non considerar razoable que Xesús fose aprender onda Xoán coma discípulo. Destas dificultades fanse eco os evanxelistas nalgunhas reflexións que fan comparando a Xesús con Xoán.

domingo, 6 de decembro de 2015

8 de decembro: Solemnidade da Inmaculada Concepción.



Evanxeo: Lc 1,26-38

Comentario:

Hai xente que pensa que esta Solemnidade da Inmaculada Concepción ten que ver coa concepción de Xesús, por iso de que se le neste día o Evanxeo que a conta; pero non, a Solemnidade da Inmaculada Concepción ten que ver coa concepción da Virxe María, aínda que ningún evanxeo nos diga nada dela. O dogma da Inmaculada Concepción, declarado tal polo papa Pío IX no ano 1854, vén afirmar que desde o primeiro momento da súa concepción a Virxe María estivo limpa de todo culpa, sen mácula, inmaculada, “polos méritos de Xesucristo, o seu fillo, redentor do xénero humano”. O misterio da presenza e da acción de Deus entre a xente toda, en María tamén, desborda as nosas capacidades de comprensión e, posiblemente, todo canto afirmemos, se quede moi lonxe da simplicidade e da fondura do actuar de Deus. Máis ca intentar analizar, descifrar, deberamos adorar, agradecer e deixarnos coller e levar pola forza do misterio sagrado de moitas cousas da vida, e das persoas que a vivimos.

mércores, 2 de decembro de 2015

6 de decembro: Domingo 2º de Advento (C)



Evanxeo: Lc 3, 1-6

Comentario:

Sabemos o importante que era para o evanxelista Lucas contextualizar os feitos de salvación que narraba: o nacemento de Xesús, a aparición profética de Xoán o bautizador, o paso mesmo de Xesús á súa actividade pública como militante do anuncio vivo da presenza nova e salvadora de Deus. Situalos na historia é moito máis ca un exercicio de erudición, moito máis ca uns apuntes curiosos dun historiador coidadoso. Pois na historia concreta de cada día é onde poden ser entendidas e collen sentido as palabras e os feitos de Xoán o Bautizador, ou do mesmo Xesús de Nazaré, que o era de Nazaré e non de calquera outro pobo ou cidade. A historia do pobo xudeu neste intre estaba marcada polo dominio asoballante dun emperador romano (Tiberio César), dun gobernador de Xudea (Poncio Pilato), dun Tetrarca de Galilea (Herodes), doutros dous Tetrarcas veciños (Filipo e Lisanias), e de sumos sacerdotes ou pontífices coma Anás e Caifás. Nese contexto de dominio e opresión das masas populares por parte de autoridades políticas e relixiosas, a palabra de Deus chegoulle a Xoán, fillo da Zacarías, no deserto.

do 15 de novembro ao 19 de decembro de 2015



Lecturas:

  • TORRES QUEIRUGA, A., Os sacramentos hoxe: significado e vivencia (do material entregado pola Escola de Espiritualidade)
  • GONZÁLEZ-CARVAJAL SANTABÁRBARA, L.: Un cristiano solo no es cristiano: La Iglesia (do material entregado pola Escola de Espiritualidade)


Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:
  1. Como che ensinaron que Deus actúa nos Sacramentos, e como pensas ti acerca diso?
  2. Que cres que significa a expresión “ex opere operato”?
  3. Se os Sacramentos non son un milagre invisible ou unha acción máxica, que eficacia poden ter?
  4. Como entendes ti a acción de Deus e a acción humana nos Sacramentos?
  5. Que experiencia tes ti da vida sacramental?

Tamén podes ler:

SACROSANCTUM CONCILIUM (O Santo Concilio), Constitución do Concilio Vaticano II sobre a Sagrada Liturxia, no seu capítulo II, que trata sobre o “sacrosanto misterio da Eucaristía”, e no capítulo III, que trata sobre os demais sacramentos e sacramentais. Son cousas moi sinxelas, orientacións e reformas que nos poden parecer tímidas, pero que naquel tempo tiveron moita importancia; cousas sinxelas que interesa coñecer e manter, porque hoxe hai correntes na Igrexa que nin eses mínimos de reforma queren manter.

Palabra de Deus:

EVANXEO DE XOÁN, e del especialmente o que se deu en chamar “libro dos signos”: Xn 1,19-12,50.
O evanxeo de Xoán é un evanxeo todo el sacramental, no que o autor pon na boca de Xesús catequeses bastante longas, coas que fai unha presentación de Xesús Cristo a partir da interpretación simbólica, metafórica, sacramental de cousas ordinarias que forman parte da nosa vida diaria: auga, viño, comida, pan, luz, porta, morte, vida...).
Desde esta perspectiva simbólica, sacramental, podes ler todo o Evanxeo, ou, a modo de exemplo, o diálogo de Xesús coa muller samaritano (Xn 4,4-42), a curación do cego de nacemento (Xn 9,1-41), a morte e resurrección de Lázaro (Xn 11,1-57).
Non hai que buscar aquí ningún tipo de definición ou teoría sacramental, pero si coma un magma simbólico no que a realidade sacramental ten os seus cimentos. Sen esta capacidade de entrar e vivir a fondura palpitante dos símbolos, a súa capacidade de suxerir, de orientar cara ao misterio de Deus na nosa vida, é difícil poder vivir despois con gozo, proveito e agradecemento os sacramentos concretos da Igrexa.
Podemos descubrir que a vida toda ela é un espazo sacramental, que nos abre aos Sacramentos e no que os Sacramentos atoparán ou non realización cumprida.