mércores, 21 de febreiro de 2018

Tempo de Coresma: 2ª semana


25 de febreiro: domingo 2º de Coresma

Evanxeo: Mc 9, 2-10

Meditación

Que marabillosas deberon ser aquelas horas de retiro de Xesús cos seus discípulos Pedro, Santiago e Xoán no cume daquel monte! O relato seguramente está moi recomposto polo evanxelista que o conta, pero sen dúbida aquilo debeu ser algo moi especial para Xesús e para os seus compañeiros. Na cultura relixiosa do momento, o cumio dos montes eran lugares que facilitaban o contacto co divino, como nos pasa a nós mesmos aínda hoxe ante lugares fermosos, case máxicos: a Ribeira Sacra, as costas do Xistral, a Terra Cha vista desde os montes de Toxoso etc. Pois alí Xesús e tres dos seus discípulos senten a Deus dentro deles, enchéndoos de paz, de alentos, de ledicia e benestar, e mesmo os corpos, os rostros, deixan translucir o que por dentro están vivindo. Non nos pasa algo así tamén a nós, aínda que en moi menor grado, cando nos xuntamos co desexo de deixarnos coller por Deus, de acollelo, de sentilo ben vivo dentro de nós mesmos, de nos poñer aos seu dispor, ao dispor da xente, para que a vida vaia adiante entre nós, nos nosos pobos e parroquias? O Espírito aléntanos, os ánimos refréscanse, os corpos collen novas forzas e non nos asusta tanto a tarefa que teñamos por diante.
A Xesús aquela experiencia animouno moito, seguro, para afrontar todo o que lle agardaba, por esa teima súa de se poñer tanto do lado de Deus nas vidas da xente máis débil e marxinal. Deus era un pai para el; Deus nunca lle fallaría. A nós correspóndenos mirar, admirar, escoitar, aprender, deixarnos levar en todo pola onda de Xesús. Iranos ben, moi ben.

xoves, 15 de febreiro de 2018

Tempo de Coresma: 1ª semana


18 de febreiro: domingo 1º de Coresma

Evanxeo: Mc 1, 12-15

Meditación

Aínda que nos sorprenda, Xesús tamén foi tentado polo mal espírito. Non sabemos con seguridade o que lle pasou a Xesús naquela hora. Se foi tentado, iso quere dicir que no seu interior rebuliron ideas, proxectos de vida, maneiras de desenvolverse coa xente moi distintas das que logo escolleu. A el, como a todos e todas nós, por seremos seres humanos, tentouno o mal espírito para que falase de Deus e da xente desde o poder, desde a fama, desde o aplauso do pobo. Pero preferiu facelo desde un estilo de vida humilde, para que a xente pobre o sentise ben próximo, para que entendésemos que o ben, a recuperación das nosas vidas nunca nos chega polo camiño do poder, exercido ou soportado, senón polo camiño do servizo; servindo, o eu chuliño e egoísta que levamos dentro acaba por parecernos algo ridículo, botámolo lonxe de nós e deixámoslle sitio a esa forza de amor solidario que chamamos simplemente Deus.
A coresma que empeza préstase para que cada un, cada unha de nós, vexamos tamén cales son as nosas tentacións persoais e comunitarias; que é o que nos priva de experimentar a Deus con gozo no achegamento e no servizo desinteresado á xente que nos rodea, sobre todo á máis fráxil. Urxe facelo, dinos Xesús, porque é unha pena que perdamos as oportunidades que a vida nos ofrece xa, hoxe mesmo.

luns, 12 de febreiro de 2018

Tempo de Coresma


TEMPO DE CORESMA

Co mércores da cinza comezamos o tempo da Coresma. Temos por diante corenta días de preparación para a Pascua, que é a celebración do triunfo da vida en Xesús de Nazaré e tamén o triunfo da vida nas nosas existencias humildes, e na comunidade e pobo do que formamos parte.

Na Coresma Deus invítanos a baleirarnos para nos poder encher del e do seu Espírito.

Na Coresma Deus invítanos a compartir a nosa presenza, palabra, tempo, cartos, empobrecéndonos algo para que outra xente medre na vida coa nosa axuda.

Na Coresma Deus invítanos a descubrir unha maneira nova de nos relacionar coa xente, véndoa en todo coma irmá e non como rival ou competidora.

Na Coresma Deus invítanos a descubrir a ledicia que dá o pouco, o pequeno, o simple, e ofrécenos, polo tanto, unha maneira nova e accesible de ser persoas felices.

Na Coresma Deus invítanos a ollar con paz e con esperanza para nas nosas propias vidas, aínda que receemos facelo por mor das trapalladas que ás veces nos consentimos.

Na Coresma Deus invítanos a ollar para a xente do noso redor, para decatarnos de que vivimos grazas aos demais, e de que os demais tamén vivirán grazas a nós, se non nos negamos a esta preciosa correspondencia.

Na Coresma Deus invítanos a ollarnos con tenrura e a ollar con tenrura tamén a toda persoa que se cruce connosco na vida.

Na Coresma Deus invítanos a gozar e medrar dando e recibindo perdóns.

Na Coresma Deus invítanos a tomar en serio a construción da sociedade na que vivimos, pois diso depende que moita xente máis humilde poida vivir con dignidade.

Na Coresma Deus invítanos a serenarnos e acougar, a atoparnos connosco e con el na soidade compartida.

Na Coresma Deus invítanos a andar con humildade pola vida, confiad@s na forza de ben que Deus gratuitamente nos ofrece.

Na Coresma Deus invítanos a contemplar o espertar da vida na natureza e a acompañala e protexela sempre.

Na Coresma Deus invítanos a saír das nosas casas para visitar a xente veciña e levarlle algo de compaña e calor.

Na Coresma Deus invítanos a volver a falarlle a aquela persoa á que, polo que sexa, lle deixei de falar.

Na Coresma Deus invítanos a cabrearnos contra a inxustiza e a envolver en paz os nosos cabreos.

Na Coresma Deus invítanos a sentirnos viv@s, libres, alegres, esperanzad@s.

Na Coresma Deus invítanos a ollar con alma de discípul@ para o mestre Xesús que vai sempre diante ou ao lado abríndonos o camiño.

mércores, 7 de febreiro de 2018

Tempo Ordinario: 6ª semana


11 de febreiro: 6º domingo do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 1, 40-45

Meditación

A relixión de Xesús, a súa fe, non era de estar pechado nunha casa á espera de que a xente puidese acudir onda el. Non. Xesús nun momento da súa vida decidiu que o seu era andar os camiños, para poder bater coa xente. Así, nos Evanxeos Xesús aparece con moita frecuencia batendo con toda clase de persoas, pero moi especialmente con xente rota no corpo ou no espírito, rota na vida. E non pasaba de largo. Parábase, atendía a xente, iniciaba con ela procesos de curación, de humanización, de reintegración na comunidade. Tal foi o caso do leproso que hoxe nos conta o Evanxeo. Dous mil anos antes de que o Papa Francisco nos falase de ir ás "periferias", ás zonas apartadas, marxinadas, para encontrarse alí coa vida que busca alentos de todo tipo, xa Xesús practicaba iso mesmo. Fixo diso, vivíndoo moi a fondo, todo o seu programa evanxelizador.
É unha verdadeira alegría saber que Xesús foi e é así, saber que Deus mesmo é así, para a xente excluída, para todas e todos nós. É tamén un reto, un compromiso grande para as persoas que nos dicimos cristiás, porque en algo polo menos se nos debería notar este estilo de vida de Xesús.
Hoxe celébrase o Día mundial da xente enferma, e tamén a Colecta da campaña contra a fame no mundo. Dous espazos, enfermidade e fame, nos que as persoas e comunidades cristiás deberíamos estar presente, con mans curadoras, cheas de caridade e de xustiza.