17 maio, 2018

Tempo Ordinario: 7ª semana


20 de maio: domingo de Pentecoste. Solemnidade

Evanxeo: Xn 20, 19-23

Meditación

O Espírito Santo estivo indo e vindo en moitos relatos ao redor da Pascua, da morte e resurrección de Xesús. Na liturxia celebramos a súa chegada aos discípulos, a todas e todos nós, como un acontecemento que sucede aos 50 días da Pascua, pero toda a Pascua está chea do Espírito de Deus, igual que toda a vida de Xesús estivo sempre envolta polo mesmo Espírito de Deus, igual que as nosas vidas están permanentemente envoltas nese mesmo Espírito. Outra cousa é que nos decatemos diso e que lle abramos as portas do corazón, da vida.
Pero, ¿que é o Espírito do que tanto falamos? Non é ningunha cousa máxica, aínda que ten moito de maxia, moito de marabilla, moito de sorprendente. É algo así como ese alento de Deus que o envolve todo, que o nutre todo, que o sustenta todo, que o empuxa todo cara ao ben. É o asento último da nosa existencia. No evanxeo de hoxe o Espírito é o que fai que Xesús sexa home de paz e envolva coa paz e coa alegría a quen andaban en medos; o Espírito é o que empuxa á tarefa a quen estaban encollidos e case renunciando aos soños que Xesús prendera nos seus corazóns; o Espírito é quen nos capacita, quen nos fai valentes para facerlle fronte ao mal; quen nos fai imaxinativos para soñar camiños novos cando estamos atrancados, e a maldade propia ou allea nos bloquea, nos anula. O Espírito dá ás. Xesús experimentouno e gustaríalle que tamén nós o experimentásemos. Por iso nolo pasou, nolo pasa.

Oración

Canto necesitamos o Espírito, o teu Espírito, Xesús,
canto o necesitamos!
Cando nos come a rutina, a preguiza e o desalento,
canto o necesitamos!
Cando hai que volver aos teus pasos, Xesús, con ollos e corazóns limpos,
canto o necesitamos!
Nas horas de desalento que envolven a moitas das nosas comunidades cristiás,
canto o necesitamos!
Cando o mal aniña en nós e nos resta inocencia, vigor, paz,
canto o necesitamos!
Cando nos custa alegrarnos e gozar con tanto ben que nos dá a vida,
canto o necesitamos!
Cando nos adaptamos aos mandatos dos poderes económicos
e renunciamos a soños solidarios coa xente desfavorecida,
canto o necesitamos!
Cando confundimos tristezas e ledicias, éxitos e fracasos, luces e sombras,
canto o necesitamos!
Para aprender a pronunciar palabras santas, como Galicia, España, mundo,
muller, honestidade, pobres, natureza, Deus, amor, fala, a nosa fala,
canto o necesitamos!
Veña o teu Espírito!

Acción

Hoxe, domingo, podemos darnos un bo paseo polo campo, soas ou en grupo, para captar a vida que no campo agroma; esa forza de vida tamén a levamos dentro de nós. ¿Deixámola abrollar, afogámola? ¿En que, de que maneiras?


21 de maio: luns da 7ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 9, 14-29

Meditación

Este relato é un tanto estraño. ¿Había daquela persoas endemoñadas e tiña Xesús tanta forza espiritual que era capaz de liberar a esa xente do poder do mal? ¿Segue habendo hoxe persoas endemoñadas que soamente co poder do espírito do ben poden ser liberadas por persoas expertas? Seguro que haberá opinións moi diferentes.
Podemos ir ao esencial deste relato, á luz de cómo Xesús falaba e actuaba. E o importante, que nos pode valer para nós hoxe, vai por aquí: Xesús andaba enredado sempre en cousa de axuda a xente desfeita; Xesús poñía todo o seu poder de ben ao servizo desa xente, conseguindo recuperacións abraiantes; Xesús liberaba os corpos e os espíritos, cousas dúas que sempre van moi mesturadas; a forza de Xesús víñalle sen dúbida da súa forte vinculación con Deus a través da oración, da vida toda; ter fe en Xesús, crer e confiar na súa forza de ben, era imprescindible para poder gozar dela.
Sen sermos persoas endemoñadas, a todas e todos nos pasa que hai moitos e diversos males que nos enturban a vida, que a apagan, que a entristecen. Xesús está aí ao noso dispor. Se confiamos nel, nel atoparemos luz e forza para sobrepoñernos aos nosos males.

Oración

Gustaríame, Xesús, ser vigoroso coma ti.
Gustaríame andar sempre enredada coa xente que precisa apoios.
Gustaríame ter fe abonda para poder crer contigo
en cousas imposibles de ben, de mellora, de liberdade.
Gustaríame, Xesús, ter trato fondo e limpo con Deus, algo coma ti.
Gustaríame ter voz recia e potente para achicar o mal e quen o defende.
Gustaríame poder coller da man e erguer do chan a tanta xente caída.
Mentres e non, Xesús,
cólleme ti da túa e sándame das miñas miserias.

Acción

¿Que males enturban a nosa vida persoal, a vida da nosa comunidade cristiá, a vida do noso pobo? ¿Qué podemos facer para librarnos dun deles polo menos?


22 de maio: martes da 7ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 9, 30-37.

Meditación

Xesús tiña unha maneira de entender a vida moi orixinal e chocante. Era orixinal e chocante para os homes e mulleres que o rodeaban daquela, e segue a ser orixinal e chocante para todos e todas nós, que normalmente rexémonos por outra maneira de entender a vida. Para Xesús o gozo de vivir estaba en desfacerse pola comunidade, sobre todo pola xente máis débil da comunidade; a súa ilusión era rebaixarse, baleirarse, para encontrarse a fondo consigo mesmo e para que o seu corazón, a súa vida toda se puidese ir enchendo co Espírito de Deus e puidese ir ofrecendo espazo de fraternidade para toda a xente.
Para os seus discípulos, como seguramente para a maioría de nós, o importante era ter poder, ter mando, ser o primeiro, figurar, recibir, encherse aínda que fose á conta, claro, das carencias doutros. Canto nos custa iso de ser o derradeiro e servidor, servidora, de todos! Canto nos custa asumir como forma de vida a inocencia, a sinxeleza, a fraxilidade dun neno ou nena!

Oración

Señor Xesús,
gústame ser persoa respectada, recoñecida, valorada,
ter nome e presenza no medio da comunidade,
no medio do pobo.
Ti apréndesme a vivir isto con paz e equilibrio.
Grazas.
Señor Xesús,
gústanme tamén as chufas, os primeiros postos, o figurar,
empoleirarse sobre a demais xente.
Ti apréndesme a gozar servindo, baleirándome.
Grazas.
Señor Xesús,
gústame ser eu mesma, en verdade e liberdade,
ben integrada na familia, na comunidade, no pobo
polos lazos do ben mirar uns polos outros.
Ti apréndesme a ser persoa servidora e comunitaria en todo.
Grazas.

Acción

Podemos reparar en cómo nos desenvolvemos no medio da familia, da comunidade, do pobo. ¿Cómenos iso de poder, de mandar, de aproveitarnos da demais xente, de figurar? ¿Atopamos gusto servindo a comunidade, con desinterese?


23 de maio: mércores da 7ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 9, 38-40

Meditación

Parece que o problema estaba en facer as cousas de ben ou non facelas no nome de Xesús. Como se os discípulos fosen os donos desa patente, o cal quere dicir seren donos da patente do Espírito, da forza de ben que hai en Deus. Loxicamente Xesús non ara con eses bois. Quen fai o ben no nome de Xesús está dicindo ben de Xesús. O texto valora facer as cousas do nome de Xesús; o texto valora tamén un vasiño de auga que se dea en consideración de Xesús. Pero de ningún modo sacraliza ese nome. Máis aló das palabras, dos nomes, están os feitos. Os feitos son os que honran ou deshonran e non as titulacións. Persoas cristiás, dicíndonos tales, podemos facer, e temos feito moitas parvadas, moitas inxustizas, tamén moitas cousas boas e xustizas; e persoas non cristiás, honrando ou non o nome de Xesús de palabra, téñeno honrado con feitos de respecto, verdade e solidariedade. Todo isto é especialmente importante nos nosos tempos, nos que tanto temos que convivir con persoas de distinta relixión e mesmo con persoas non crentes.

Oración

Bendito o teu nome, Xesús;
bendita a túa persoa,
bendita a túa palabra,
benditos os teus feitos.
Bendito ti, fonte de bendición
para todos e todas nós,
para toda a humanidade,
creamos ou non en ti,
sexamos ou non seguidoras túas.
Bendito na túa liberdade,
na túa entrega servidora
que non agarda recoñecementos.
Bendito en todas as persoas,
que, co teu nome por diante ou sen el,
se fan unhas contigo no agarimo á xente,
e te honran cos seus feitos.
Bendito o teu nome, Xesús.

Acción

Podemos revisar como nos comportamos con persoas que sexan de diferente relixión, de diferente patria, de diferente partido político, de diferentes ideas. ¿Liberámonos da nosa ideoloxía para respectalas na súa diversidade? ¿Valorámolas polos seus feitos de vida e non por outras historias?


24 de maio: Festa de Xesús Cristo sumo e eterno sacerdote.

Evanxeo: Mc 14, 12a.22-25

Meditación

Xesús non tivo nada que ver cos sacerdotes do seu tempo, que realizaban as súas funcións no templo e que vivían daquilo. Probablemente tampouco teña que ver moito con moitos dos nosos curas que pasan a vida de Misa en Misa, servindo Sacramentos como por oficio. Aquela súa “primeira Misa”, cando se deu nos símbolos do pan e no viño, tamén posiblemente teña pouco que ver coas nosas Misas, tantas veces cheas de rutina, nas que con frecuencia nada da vida nos vai e nos vén.
Moito temos que aprender todos, curas e non curas, homes e mulleres, daquel xesto final de Xesús; vía que tiña a morte á porta, por andar no que andaba, por andar con quen andaba, sempre en cousas de servizo, perdóns e solidariedades, sempre en cousas de resistencia e protesta ante quen achicaba a xente do xeito que fose, sempre en cousas de máxima reverencia e agarimo a Deus; pero non recuou. Nun pronto marabilloso, case máxico, entendeu que aquel pan que partía e distribuía entre as persoas asistentes era como un símbolo, un sacramento, do seu corpo, de toda a súa vida desfeita pola xente; e o sangue tamén un símbolo, un sacramento, do seu sangue vertido polo ben do mundo.
Hai que dicir, logo, que Xesús foi sacerdote moi daquela maneira. O seu culto foi a súa vida toda. O seu ritual foi desprenderse, baleirarse de si, desfacerse, para que a irmandade entre a xente se restablecese.

Oración

Grazas, Xesús,
pola túa vida toda
posta ao servizo da xente e de Deus
de forma tan unida, tan compenetrada.
Grazas por ser firme e resistente
sempre en servizo, ata a morte.
Grazas polo sacramento do teu Corpo e do teu Sangue,
co que nos iluminas e fortaleces
para andar sempre en cousas de servizo.
Grazas por todos os homes e mulleres
que á luz da túa vida servidora
se converteron tamén en xente servidora,
para gloria de Deus,
para ben da humanidade toda.
Grazas, Xesús,
polo camiño tan fecundo
aberto naquel xesto humilde, denso, dramático,
de dártenos no pan e máis no viño.

Acción

Á luz da vida de Xesús, todos, homes e mulleres, podemos ser sacerdotes, podemos facer da nosa vida unha ofrenda santa a Deus e á xente, a partir das cousas normais da vida. ¿Vemos que o estamos facendo? ¿Poderiámolo facer algo mellor?


25 de maio: venres da 7ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 10,1-12

Meditación

Xa no tempo de Xesús había un debate entre a xente relixiosa sobre a legalidade do divorcio. Naquel tempo era desde unha actitude descaradamente machista, pois era o home o que podía largar a muller, e case que por calquera cousa. Hoxe seguimos tamén con ese debate, aínda que desde unhas claves menos machistas.
Xesús remítenos ao fundamental, a esa identificación fonda que se dá entre dúas persoas que se queren e que deciden facer vida xuntas. Todos, todas coñecemos moitas parellas felizmente unidas de por vida; tamén coñecemos situacións nas que o divorcio parece a opción menos mala; a mala sería unha convivencia amargada, sen amor. Xa o dicía o mesmo Xesús: “Tendo en conta a dureza (ou a fraxilidade) do voso corazón…”. Non estamos en tempos moi dados a grandes e longas fidelidades. Para quen pensa casar ou vive xa en parella, máis que debater sobre se divorcio si, divorcio non, igual pagaría a pena gastar esforzos en posibilitar e gustar o gozo diario da convivencia. A vida de parella, cos seus esforzos para sacarlle todo o proveito, empeza, non remata, cando un estabiliza a relación. As familias cristiás poderíamos ofrecer un campo de esperanza neste senso.

Oración

Que regalo máis grande nos deches, meu Deus,
facéndonos home e muller,
para complementarnos a fondo entre nós
ata sermos unha soa carne, un só espírito,
á túa sombra, á túa imaxe e semellanza,
en ti!
Que regalo máis grande, meu Deus,
poder amarnos e medrar no amor,
poder respectarnos e medrar na singularidade,
poder ser muller e home a fondo,
sen dominios nin sometementos,
sen agresións de ningún tipo,
desde a máis fonda e limpa liberdade,
no máis grande e impresionante pracer!
Que regalo máis grande, meu Deus,
que marabilla, que tesouro,
iso si, levado sempre en vaixelas de barro,
coa necesidade de mimalo, coidalo, limpalo
cada noite, cada día
con todos as precaucións que a mesma vida nos suxire,
que ti nos inspiras!
Pero, que regalo máis grande, meu Deus!
Grazas!

Acción

O Papa Francisco escribiu un libriño moi fermoso titulado “A ledicia do amor”. Para fortalecernos nas nosas vidas de parella, igual podiamos lelo, empezando, se cadra, polos capítulos 2 e 4. Se o lemos muller e home xuntos, mellor; se o lemos con outras parellas, mellor aínda. Pero que o ler nos valla para ver como nos vai na vida de parella, que fortalezas temos, que debilidades temos, e poder avanzar.


26 de maio: sábado da 7ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 10, 13-16

Meditación

A escena é todo un símbolo dos gustos, das preferencias de Deus, de Xesús. Este símbolo ten varios actores: os nenos ou nenas que andaban por alí e que algunhas persoas lle presentaron a Xesús para que os acollese, acariñase, bendicise. Aos discípulos moléstalles aquilo; a Xesús encántalle, porque ve nos nenos e nenas e en quen é coma elas, e en quen os acolle a clave do seu proxecto de vida e de sociedade.
Os nenos e nenas, naquela cultura máis aínda que na nosa, eran xente que non contaba, que non tiña peso na sociedade, xente fráxil, sempre exposta a calquera abuso ou marxinación. No ser do neno ou nena había unha conciencia espontánea, fonda, de non ter dereito a nada, de ter que estar calado, a un lado; todo o que lle chegaba chegáballe gratis. Xesús intuía, por unha parte, que así somos todos nós en realidade ante Deus. Non podemos reivindicar dereitos ante el; todo o seu cara a nós é absolutamente gratuíto. Nós en por nós non somos fonte de nada. Pero, por outra banda e por iso mesmo, Deus si que reivindica a nosa dignidade, acolle a nosa fraxilidade, ponnos en plan de igualdade absoluta, e apréndenos a que así tratemos a toda a xente que na sociedade estea en condicións similares ás que os nenos e nenas vivían daquela. Deus acolle e ennobrece a nosa fraxilidade, sexa a que sexa.

Oración

Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,
que se achega con mans agarimosas a todos/as nós.
Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,
que nos agarima e nos consola nas nosas fraxilidades,
sexan estas as que sexan.
Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,
que nunca nos marxina, nunca nos deixa de lado,
sempre nos rodea co seu respecto e consideración,
sexamos como sexamos.
Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,
que nos incita a un trato preferente cos máis débiles de entre nós,
sexa cal sexa a súa debilidade.
Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,
porque nos saca da nada e nos colma de dignidade,
sen intereses, sen xogar connosco,
por puro apaixonamento, porque nos quere.

Acción

Hoxe dise moito que malcriamos os nenos e nenas. Podemos revisar, á luz de Xesús, como nos estamos relacionando cos nenos e nenas que nos rodeen: ¿que nos suxiren os nenos e nenas, que nos aprenden, que trato cos nenos e nenas é adecuado, que trato non?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.