24 maio, 2018

Tempo Ordinario: 8ª semana


27 de maio: solemnidade da Santísima Trindade

Evanxeo: Mt 28, 16-20

Meditación

As persoas que fomos bautizadas fómolo todas no nome do Pai ou Nai, do Fillo e do Espírito Santo. Hai unha maneira sinxela de entrar no mundo diso que chamamos Trindade, o mundo de Deus Pai ou Nai, do Fillo e do Espírito Santo. Non se trata de darlle voltas á cabeza, senón de darlle voltas ao corazón. En primeiro lugar para que o corazón perciba que todas as persoas (incluso as non bautizadas) somos persoas benqueridas por parte dun Deus fonte de amor a quen, non por casualidade e si polo exemplo de Xesús, demos en chamar Pai ou tamén Nai, que tanto ten; Xesús, impulsado sempre polo Espírito, axudounos coma ninguén a decatarnos deste amor de Deus e a deixarnos envolver por el, a gozar con el. E en segundo lugar darlle voltas tamén ao corazón para que, amando, solidarizándose e servindo como Xesús, algo como Xesús polo menos, descubramos o marabilloso que é amar e non só ser amado, servir e non só ser servida. O Espírito que impulsou a Xesús tamén nos impulsa a nós, se o deixamos.
Desta maneira, na vida, sen entrar en historias raras, irémonos introducindo nese mundo máxico, divino, do amor, que por forza é sempre comunitario, na súa fonte e nas súas prolongacións nas nosas existencias pequenas. Se entramos no enredo comunitario do amor, estamos entrando en Deus, no Deus que é Trindade.


Oración

Deus, noso Deus,
ti es a fonte do amor,
aínda máis: ti es amor.
Non vexo persoa no mundo
que non ame algo, dalgunha maneira,
aínda que o seu amor sexa limitado, imperfecto, eivado.
E iso dime, meu Deus,
que nese anaquiño de amor que todos, todas levamos connosco
estás ti presente,
porque es amor,
e todo o que é amor leva o teu nome.
Por iso, meu Deus,
pola porta ancha e estreita do amor
podemos acceder a ti,
podemos coñecerte, un chisquiño polo menos,
podemos coñecer tamén o mellor do que somos e temos.
Polo amor,
vivido ao estilo de Xesús,
podemos ser un contigo, case sen sabelo.
Grazas, meu Deus, grazas.
Que simple e inabarcable es, meu Deus!
Pero, ao tempo, que simple e accesible es, meu Deus!

Acción

Coas cousas de Deus podemos entrar doadamente en moitas trampas. Se queremos saber como de sa e forte é a nosa vinculación con Deus, podemos mirar como é a nosa vinculación coa xente, sobre todo coa xente que ao noso redor ou en calquera parte do mundo ande envolta en fraxilidade.


28 de maio: luns da 8ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 10, 17-27

Meditación

Quedou desconsolado o home aquel que se achegou a Xesús preguntándolle qué máis tiña que facer para ter unha vida densa, feliz, redonda, eterna. Pensando, seguro, que os moitos bens que tiña eran unha bendición de Deus, ¡cómo os ía repartir entre a xente necesitada e logo seguir a Xesús! Tamén os discípulos, escoitando a proposta de Xesús, se quedaron sorprendidos, asombrados. E seguro que todos e todas nós tamén.
Normalmente pensamos que ter vida con éxito, ter éxito na vida, é cuestión de acumular cousas: cultura, bens, diñeiro, vivendas, bo nome, fama, poder… Encher, encher, encher. En cambio a proposta de Xesús vai por baleirar, baleirar, baleirar. Baleirarnos por dentro e por fóra, para que dentro de nós quede espazo para a demais xente, para a solidariedade, para o comunitario, para o amor, para Deus, que é quen promove en nós todas estas cousas. ¿Hai que ser, logo, unha xente parva, analfabeta, miserable, para ser bo seguidor de Xesús? Non, porque hai unha cultura, un consumo, un manexo dos cartos, un uso da autoridade e aínda do poder desde a solidariedade e para a solidariedade.
A todas e todos se nos fai difícil entendelo e vivilo. Practicándoo é cando empezamos a ver que si, que é certo, que aí hai vida da boa, da que nunca remata.

Oración

Xesús, eu fíome de ti.
Aínda que me custe entenderte,
eu fíome de ti.
Aínda que o instinto me leve a sentirme seguro
rodeándome de cousas, de afectos de todo tipo,
fíome de ti.
Aínda que toda a propaganda me asegure
que só hai felicidade no moito ter e consumir,
eu fíome de ti.
Aínda que na Igrexa te anunciemos pobre
e con frecuencia te vivamos con gusto desde a riqueza,
eu fíome de ti.
E ao teu carón quero andar o prometedor camiño
que polo baleiro e a nada leva á solidariedade e á plenitude.
Xesús, coas miñas resistencias, fíome de ti.

Acción

Igual estamos pechados/as aos demais no tema dos cartos, ou non deixamos que ninguén ocupe o noso tempo de ocio, ou nunca imos a algunha charla sobre os problemas que outra xente poida ter, ou nunca participamos nunha manifestación apoiando algo xusto, ou nunca lemos o Evanxeo para poder coñecer ben as propostas de Xesús. Seguro que poderemos facer algo nalgún destes sentidos, sos ou en grupo.


29 de maio: martes da 8ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 10, 28-31

Meditación

O evanxeo de hoxe é continuación do de onte. Ante a proposta de Xesús de deixalo todo para seguilo, Pedro afirma que o grupo de seguidores e seguidoras de Xesús deixárono todo e seguírono. Pensamos que a resposta de Xesús non hai que tomala ao pé da letra, como se quen deixe algo por seguilo vaia recibir unha chea de cousas. Baleirarse para encherse de máis cousas do mesmo tipo non tería sentido ningún.
Quen pola causa de Xesús se desprende de todas esas seguridades, ás que normalmente estamos tan atados, acaba atopando unha seguridade máis fonda que sustenta toda a súa vida; quen pola causa de Xesús enuncia a esas ofertas de benestar e felicidade, acaba atopando un benestar e unha felicidade maior, que non fraquea nin que teñamos que pasar por momentos de aperto. É esta unha fonda sabedoría de vida, que podemos aprender a vivir seguindo a Xesús.

Oración

Xesús, teño tanto que aprender de ti!
Hai tantas cousas túas que me descolocan!
Aquí estou en silencio ao teu carón.
Como todo home ou muller buscando fontes.
Como todo home ou muller soñando felicidades.
Xesús, teño tanto que experimentar contigo!
Aquí estou ao teu carón co corazón aberto.
Disposta a camiñar ao teu lado,
comprometido a amar e servir no que poida,
sentada a gusto entre as últimas.
Xesús, fai de min un instrumento dos teus soños.

Acción

Seguro que entre nós hai algunhas persoas desas que, para a opinión xeral, son das últimas. Fai o que poidas por pasar hoxe algún tempo con algunha delas. Faino co pensamento, co corazón de Xesús.


30 de maio: mércores da 8ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 10, 32-45

Meditación

Chama a atención a celeridade de Xesús camiñando cara a Xerusalén, onde sabía que o agardaba o conflito, a morte. Que de cousas fondas, esas que collen a vida toda, ían rebulindo na cabeza e no ánimo de Xesús! Compárteas cos discípulos que o acompañan, pero estes non entenden nada. Estaban asentados no vello esquema do poder, do mando, do señorío. Levaban xa un tempo con Xesús, pero non entraran no seu mundo, nos seus soños e proxectos. Así o transmiten os dous que lle piden honores, e así o transmiten os outros que se anoxan por unha pretensión á que tamén se consideran chamados.
Seguro que tampouco nós entendemos o de Xesús. É posible que saibamos repetir coa palabra os ditos de Xesús: quen queira ser importante que se faga persoa servidora, e quen queira ser primeiro/a, que se faga coma escravo de todos. Pero con moita frecuencia quedámonos na palabra. Xesús viviuno. Realmente andou entre nós como servidor ata morrer como tal por todos/as nós.

Oración

Que as túas palabras entren en min, Xesús,
e mobilicen todo o meu ser.
Que as túas palabras, feitas vida en ti,
se fagan vida tamén en min,
algo polo menos, Xesús.
Que asuma as dores de quen serve,
sen renunciar por iso ao servizo.
Que descubra o gozo de servir,
para facelo con paz, humildemente.
Que grande fuches no teu servizo, Xesús,
que humilde e marabilloso fuches!

Acción

Podemos fixarnos en persoas que sirvan a comunidade, o pobo, para agradecerllo. Podemos fixarnos en nós mesmos/as, para ver en que servimos e en que poderiamos facelo e non o facemos. Todo para avanza no servizo ao estilo de Xesús.


31 de maio: Festa da Visitación de Santa María

Evanxeo: Lc 1, 39-56

Meditación

Todo se move entre visitas, saúdos, alegrías, bendicións e agradecementos. Todo é así por parte de dúas mulleres, María e Sabela, que entraron na roda misteriosa de Deus e se fixeron servidoras dela. Unha roda que repara sempre no humilde, que o escolle con preferencia para facer del o berce dun futuro novo para as persoas, para as comunidades, para os pobos. É o estilo permanente de Deus, que na visitación de María queda tanto de manifesto.
¿Andamos nós así enredados no estilo de Deus? ¿É o noso estilo andar de visitas, de coidados, de compartir experiencias, de motivarnos mutuamente, de empuxarnos á ledicia e á esperanza, de cantar e bailar doadamente as sortes da xente desherdada da terra, de levar a Deus como fonte de todo no fondo de todos e cada un dos nosos movementos? ¿É o noso estilo contaxiar isto a quen nos vexa, a quen nos trate, na familia, na comunidade cristiá, no mundo laico no que nos movamos?

Oración

Bendita sexas, María,
pola présa que levabas
para ver a túa prima!
Bendita sexas, María,
polo neno que no ventre
anunciaba xa ledicias.
Bendita sexas, María,
que a todos nos contaxias
a túa fe sen medida.
Bendita sexas, María,
señora de canto e baile
en honor do Deus da vida.
Bendita sexas, María,
falándonos do Deus grande
que a humilde prefería.
Bendita sexas, María,
o mundo cheo de esperanza,
da que ti es profecía.

Acción

Hoxe podemos imitar algo a María, indo visitar a algunha persoa para compartir algo do máis fermoso que levemos dentro de nós, polo que alegrarnos e festexar algo xuntas.


1 de xuño: venres da 8ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 11, 11-26

Meditación

Non sabemos ben o que pasou coa ditosa figueira. Custa crer nun capricho de Xesús secando unha figueira que non daba froitos porque non era tempo de dalos. Poida que esteamos ante unha construción literaria simbólica: a figueira cuberta de follas, pero que non dá froitos, parécese a aquel sistema relixioso que tiñan os contemporáneos de Xesús, cheo tamén de moito rebumbio, de comercio, de compra e venda de animais sacrificados, de sacrificios estériles, porque na maioría dos casos non ían acompañados dunha vinculación limpa con Deus; todo era aparencia, fume, vaidade, e, no fondo, case unha burla de Deus. E Xesús cabreouse con todo aquilo e mesmo se puxo violento, porque estaba en xogo a honra do Deus a quen el tanto quería, e estaba tamén en xogo o acerto da xente á hora de ter unha experiencia relixiosa sa, positiva, liberadora.
¿Cabrearíase tamén Xesús connosco contemplando moitas das nosas movidas relixiosas: enterros, santuarios, misa das festas? ¿Miramos a maneira de ter unha experiencia relixiosa acertada, curadora, que honre a Deus e que realmente nos faga libres e solidarios en todo?

Oración

Xesús, mestre noso,
canto nos terás que corrixir,
canto nos terás que ensinar,
para atender a tratar a Deus coma un Pai ou Nai,
a tratar a xente coma irmá!
Xesús, mestre noso,
perdón polas moitas veces nas que tamén nós
xogamos coa honra de Deus,
xogamos coa honra da xente.
Xesús, mestre noso,
contáxianos o teu celo,
a túa rabia, a túa indignación
ante todo o que menospreza a Deus
menosprezando a vida da xente máis humilde
na que o mesmo Deus asenta coma nun templo.

Acción

Pensamos no que nos invitan a facer e facemos cando acudimos ás igrexas para algunha función. ¿Hai cousas chocantes, algunha clase de negocio, que, ao noso parecer, non honran a Deus? Con respecto, podemos protestar por iso ante quen corresponda.


2 de xuño: sábado da 8ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 11, 27-33

Meditación

Cando lle preguntan a Xesús “¿con que autoridade fas esas cousas?”, refírense neste caso ao comportamento de Xesús do día anterior tirando mesas, berrándolle aos tendeiros, reclamando respecto pola casa de Deus como casa de oración e non de negocio. ¿Quen lle daba realmente autoridade a Xesús para facer tales cousas? Pois non outra cousa, creemos, que ser un home fondamente libre, porque era un home fondamente asentado en Deus e no seu Espírito. Onde hai amor, hai liberdade. Por iso os homes e mulleres que son fondamente de Deus desconcértannos moitas veces con palabras e con decisións que rompen moito coas rutinas ás que estamos afeitos; que rompen moito tamén, sobre todo, con abusos, excesos, desprezos de todo tipo, cos que convivimos case se nos decatar.
Todas, todos estamos invitados por Xesús a participar nesta súa autoridade; a sermos persoas ben asentadas en Deus, e desde aí ser libres, superar medos, ousar falar, protestar, defender a verdade das cousas, da vida, dos feitos relixiosos, de todo.

Oración

Quéresnos libres, Xesús,
persoas libres e ousadas.
Pero canto medo hai dentro de nós
a ser verdadeiramente libres,
verdadeiramente nós!
Quéresnos libres, Xesús,
cunha identidade cimentada
na nosa máis fonda e limpa verdade,
no Deus maior que nos quere simples como somos,
pero amplas e expansivas como tamén somos.
Quéresnos libres, Xesús,
para falar e actuar en verdade,
de acordo co que sentimos,
de acordo co que queremos,
sen medos,
sen covardías,
a proba de críticas e desprezos.
Quéresnos libres, Xesús,
pero ben ves que receamos selo,
que preferimos vivir na cómoda escravitude,
na cómoda docilidade.
Pobres de nós!

Acción

Seguramente hai cousas nas que non nos sentimos libres, nas que actuamos pola presión social, polo que dirán. Podemos pensar nalgunha cousa desas e decidirnos a dar un paso adiante na nosa liberdade, actuando sen lle ter medo ao que diga a xente.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.