xoves, 15 de outubro de 2020

Tempo Ordinario: 29ª semana

 

18 de outubro: domingo 29 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 22, 15-21

            Unha vez os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de pillar a Xesús nalgún dito. E mandáronlle algúns dos seus discípulos e dos partidarios de Herodes, que lle dixeron:

            —Mestre, sabemos que es sincero, que ensinas o verdadeiro camiño de Deus e que non andas con miramentos, porque non te deixar levar polos respectos humanos. Dinos, logo, ¿qué che parece, está permitido pagarlle o tributo ao César ou non?

            Xesús, catando a malicia, contestoulles:

            —¿Por qué me queredes comprometer, hipócritas? Mostrádeme a moeda do tributo.

            Eles presentáronlle un denario. E el preguntoulles:

            —¿De quen é este busto e máis a inscrición?

            Contestáronlle:

            —Do César.

            Entón replicoulles:

            Pois logo dádelle ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus.

            Ao oíren isto, ficaron pasmados e, deixándoo, marcharon.

Meditación

            O evanxeo de hoxe sitúanos ante tres realidades importantes da nosa vida. A primeira ten que ver con como nos relacionamos, como nos falamos, como nos escoitamos, como procuramos aprender uns dos outros/as, para construír mellor a nosa mesma persoa, a nosa sociedade, a nosa comunidade cristiá, a nosa igrexa. Os fariseos, os discípulos de Herodes non son un exemplo precisamente. Van onde unha persoa que os cuestiona, pero non co ánimo de escoitar, de aprender, senón con malicia, coa intención de facer trampa, para así afirmarse no seu e non cambiar en nada. Iso segue pasando hoxe. ¿Canto diso nos pasa a nós tamén?

            Unha segunda cousa moi preciosa que aparece no evanxeo de hoxe é a foto de Xesús que fai aquela xente que se achegaba a el con malicia. Convencidos ou non do que dicían, o que din de Xesús é marabilloso: un mestre, que é sincero, que de verdade ensina o camiño de Deus, que non anda con miramentos, porque non repara na aparencia das persoas. É un orgullo para nós vivir á sombra de Xesús; dános confianza absoluta; estamos en boas, en moi boas mans; podémonos aplicar con fidelidade ao seu seguimento, que temos a garantía de que as nosas vidas irán por bo camiño; temos razóns de sobra para achegarnos a el co corazón, coa alma espida, con ganas de deixarnos envolver de todo polo seu Espírito. E de paso quizabes aprender del tamén, algo polo menos, a ter ese mesmo xeito de persoa crente: sermos sinceros na vida, na fe, fuxindo de simulacións e aparencias; andar con verdade no camiño de Deus, para tamén axudar a quen ande na súa procura; manifestarnos con humildade e valentía, con liberdade, nos nosos convencementos humanos, crentes, sen lle ter medo a quen, por ter poder –poder de cartos ou de opinión—, pode amedrentarnos. ¿Como vivimos todo isto? ¿Como axudamos a vivir todo isto na comunidade cristiá da que formamos parte?

            E, por último, a terceira cousa ten que ver co punto central da cuestión que, con malicia, lle propoñen a Xesús: pagar ou non pagar tributo ao emperador romano. O debate era moi forte para os crentes daqueles tempos, porque pagar significaba, a parte de aceptar un dominio asoballante, recoñecer que o emperador era coma o representante de Deus ao que se lle debía obediencia absoluta. E non pagar significaba rebelarse contra todo iso, no nome do pobo asoballado, no nome da obediencia última e exclusiva a Deus. ¿Que facer? Tamén nós, coma persoas, coma comunidades cristiás, nos vemos envoltas moitas veces en tensións semellantes: obediencias a Deus ou a partidos políticos nos que militamos, por exemplo; obediencias a Deus ao á lóxica asoballante dunha economía neoliberal que ata as nosas vidas; obediencia a Deus ou á cultura dominante que nos quere condicionar tanto á hora de comer, de vestir, de divertirnos, de comunicarnos, de vivir a sexualidade, etc. ¿Que facer?

            Na tradición de Igrexa a resposta de Xesús interpretouse con frecuencia como que a fe tiña que ir por un lado e a vida económica, política, polo outro. Foi un error. Grazas a Deus e ao seu Espírito, hoxe vemos con claridade que crer, implicarse na fe, leva consigo implicarse nas realidades todas do mundo, na economía e na política por suposto, porque é aí onde se xogan moitas cousas importantes para a construción dunha sociedade ao estilo fraterno, como a Deus lle gusta. Pero aínda quedan en nós moitas mostras desa mentalidade pasada; por exemplo, con canta desconfianza ollamos para o político, que pouco participamos nese mundo, canto o criticamos desde fóra, que pouco nos metemos dentro con espírito crítico, construtivo, coma cristiáns! Algo fondo, delicado, pero algo que unha persoa, unha comunidade cristiá non pode deixar de lado.

            Na Eucaristía encontrámonos con Xesús, coa comunidade cristiá; se o facemos con ánimo e corazón sincero, gozaremos e aproveitaranos moito para a vida.

Oración

Para cando, Xesús, para cando,
para cando esa vida limpa de trampas e simulacións,
de aparencias e de comenencias?
Para cando esa busca limpa da verdade,
achegándome a ti,
achegándome á xente, á vida, aos acontecementos, ás cousas todas
con todo o meu ser nas mans,
exposto en todo momento aos aires do teu Espírito?
Para cando aceptarte coma mestre,
sen máis rodeos,
e sentarme ao teu carón
para verte e escoitarte,
para verme e escoitarme
á luz da túa transparencia infinita?
Para cando deixar de lado dunha vez
toda clase de miramentos,
todo respecto humano baleiro,
todo encubrimento de non sei que escuras reviravoltas persoais,
toda consideración medrosa con quen ten poder e influencia,
todo pavor a perder creto e nome ante a xente?
Para cando ser eu espido e transparente ante ti,
para mirarte á cara con ollos limpos, inocentes,
e para ser por ti mirado
coa túa ollada que sanda e que libera?
Para cando, Xesús, vivir así,
simplemente,
e así moverme en todo, con todos e con todas,
na casa, na parroquia, no pobo,
na oración, nas xuntas, no partido,
e así, simplemente tamén,
morrer algún día?
Para cando, Xesús, para cando?

Acción

            Revisemos a nosa maneira de tratar coa xente. ¿Achegámonos ás persoas con ganas de escoitar, de aprender? ¿Ou andamos en algo con simulacións, sen sinceridade? Cando veñen outras persoas onda nós, falamos con franqueza e claridade, ou andamos con reviravoltas, simulando ser ou pensar o que non somos ou pensamos?

 

19 de outubro: luns da 29ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 12, 13-21

            Unha vez un que estaba entre a xente díxolle a Xesús:

            —Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.

            El contestoulle:

            —Home, ¿quen me nomeou xuíz ou árbitro entre vós?

            E logo díxolle á xente:

            —Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que unha persoa teña, non por iso a súa vida depende dos seus bens.

            E propúxolles esta parábola:

            —As terras de certa persoa rica déranlle moito froito. Púxose entón a cavilar: “¿Cómo vou facer, que non teño onde almacenar a colleita?” E dixo: “Xa o sei: vou desfacer os meus celeiros e construirei outros máis grandes e alí almacenarei o trigo todo e todos os meus bens. Logo heime dicir: amigo, tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e a vivir!” Pero Deus díxolle: “Insensato, esta mesma noite váiseche reclamar a túa vida, ¿para quen será todo o que xuntaches?”

            Así é a persoa que atesoura riquezas para si mesma, pero non é rica para Deus.

Meditación

            O evanxeo de Xesús ofrécenos con frecuencia unha maneira de nos situar na vida moi diferente do que habitualmente acontece. Vímolo onte mesmo coa cousa de relacionarnos coa xente desde o poder ou desde o servizo. Vémolo hoxe coa maneira de nos relacionar cos bens que poidamos ter. A persoa rica da parábola que conta Xesús adquire os seus bens lixitimamente, iso parece. E lixitimamente pensa que ten dereito a facer con eses bens o que lle pete: comer, beber, folgar, vivir alegremente. Cantos, cantas de nós non faríamos outro tanto!

            Xesús era do pobo pobre, reivindicaba pan, vida e dignidade para a xente empobrecida no nome do mesmo Deus, e por iso mesmo tamén advertía á xente rica e pobre, sobre todo á rica, que unha persoa non se constrúe só con cartos, nin medra como tal á medida das súas posesións. Ao contrario, corremos o risco grande de nos facer cada vez máis pequenos humanamente, cantos máis bens posuamos. Era un pensamento firme que Francisco de Asís mamara do Evanxeo de Xesús: cando posuímos algo, deseguida levantamos barreiras para defender a nosa posesión, deseguida establecemos distancias coa xente, deseguida esvaece en nós ese grande soño humano e divino de sermos simplemente irmáns e irmás.

Oración

Quero entenderte, Xesús,
como Francisco de Asís te entendía.
Quero facer da irmandade o meu soño diario,
e quero poñer os meus bens ao servizo dese soño.
Quero ser persoa desde o compartir
e non desde o acumular.
Ti fas nacer en min estes quereres,
ti mantelos vivos en min;
que eu non te defraude, Xesús,
que os secunde con humildade e decisión.

Acción

            É normal que traballemos para gañar, para poder vivir con dignidade. Se o facemos así, estamos honrando a Deus. Pero tamén sería normal que, canda iso, traballemos tamén para facernos persoas humanas, coidar a irmandade, desenvolver calidades, aptitudes, servizos. ¿Estámolo facendo así? Seguro que poderemos mellorar en algo.

 

20 de outubro: martes da 29ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 12, 35-38

            Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:

            —Tede posta a roupa de traballo e as lámpadas acesas; sédeme coma quen agarda que volva o seu amo da voda, para lle abrir axiña que chegue e chame. Ditosos os criados e criadas aquelas a quen o amo atope agardando cando chega. Tede por certo que poñerá a roupa de traballo, sentaraos á mesa e serviraos un por un. Sexa pola anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles.

Meditación

            Estar coa roupa de traballo posta e coas lámpadas acesas; estar coma quen agarda que o amo da casa volva para lle abrir nada máis pete á porta; e facelo non desde a ansiedade nin desde o medo ao castigo de quen chega. Facelo sabendo que somos persoas sempre expostas ás felices sorpresas de Deus, que nos poden chegar de mil maneiras a través de persoas e de circunstancias imprevistas. Deus é así, sorprendente sempre, e gustoso de traer nas mans bens necesarios para unha vida feliz: paz, alentos, perdóns, entusiasmos, exemplos, palabras, silencios, sinxeleza, astucia da boa, apegos á xente, apegos á dignidade, apegos á natureza,… Así é Deus. Algún ousaría presentalo, se non fose Xesús, coma un  criado ou criada que pon o seu mandil para que todos os homes e mulleres do mundo gocemos dunha estupenda mesa fraterna? É que iso, e non outra cousa, é Deus: o gran servidor.

Oración         

Grazas, meu Deus,
porque nos queres e nos coidas sempre.
Grazas porque nos queres en vixilia,
para que nada do duro e do feliz da vida nos pase de largo.
Grazas, meu Deus,
porque te fixas en nós,
e, cando menos o esperamos, paras na nosa porta
e dis con voz fecunda e servidora:
aquí estou co que vos cómpre nas mans.
Grazas porque nos mandas sentar á mesa
—á mesa da irmandade, iso si—,
pos o mandil de quen serve
e gozas agasallándonos cos teus ricos manxares.
Grazas, meu Deus, grazas.
Así es ti,
así nos invitas a sermos nós.

Acción

            Hoxe podiamos andar moi atentos/as ao  que a vida nos vaia ofrecendo coa xente que se cruce connosco, coas circunstancias diversas polas que pasemos. Podemos intentar vivir alerta. Seguro que percibiremos o paso benfeitor de Deus pola nosa vida.

 

21 de outubro: mércores da 29ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 12, 39-48

            Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:

            —Entendede que se o dono da casa soubese a que hora vai chegar o ladrón, non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén vós estade preparados, porque á hora menos pensada ha vir o Fillo do home.

            Díxolle Pedro:

            —Señor, ¿a parábola que acabas de contar vai por nós ou por toda a xente en xeral?

            Contestoulle o Señor:

            —¿Quen é, logo, o administrador ou administradora fiel e prudente, a quen o seu señor encargará o coidado da servidume, para lle dar ao seu tempo a ración de alimento? Ditosa a criada ou criado aquel a quen o seu amo, cando chega, o atopa cumprindo coa súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a facenda. Pero, se a criada ou criado aquel di para si: “O amo aínda non vén polo de agora”, e empeza a mallar na servidume, e a comer e beber ata se emborrachar, o día menos pensado e á hora máis imprevista, chegará o seu amo e botarao fóra coa xente que non é fiel. A criada ou criado  que, coñecendo as vontades do seu amo, non ten todo preparado nin feitas as cousas como a el lle gustan, levará moitos paus; pero o que non as coñece, aínda que faga algo que mereza castigo, levara poucos. A quen moito se lle dá, moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.

Meditación

            Na vida podemos funcionar desde o medo ou desde a responsabilidade. Funcionar desde o medo nin é san nin eficaz. O medo destrúe as persoas e fainos vivir na amargura máis fonda. Moitas veces vivimos a fe, a vida cristiá desde o medo: o medo ao ambiente, ao que dirán de min, se non cumpro con tales cousas; o medo a eses supostos castigos nesta vida ou na outra, se non cumpro co que Deus me manda. Pero iso non funciona. Comprobámolo no apagamento da vida cristiá, cando eses medos desaparecen de enriba de nós.

            Xesús non nos invita a actuar desde o medo, senón desde a responsabilidade, por nós mesmos e polas persoas que ocasionalmente teñamos ao noso cargo da forma que sexa. Cos nosos abandonos podemos danarnos a nós e podemos danar a quen nos rodea. Isto é algo especialmente importante para quen teña responsabilidades sobre outras persoas, tanto no campo relixioso coma no civil. O cargo non é un choio, unha oportunidade para medrar, chulearse e enriquecerse, con trampas ou sen elas. O cargo implica responsabilidade sobre outras persoas; e responsabilidade quere dicir ter que responder do seu benestar ou malestar, do seu éxito ou do seu fracaso.

Oración        

É a tarefa que nos pos :
velar pola xente,
coidar da xente,
que non lle falte a ración de alimentos,
a ración de dignidade,
a ración de acompañamento na vida,
a ración de Deus, co nome que sexa,
que todo o mundo precisa.
Canto máis conscientes nos fixeches disto,
máis responsabilidade temos;
canto máis ti e a vida
nos capacitastes para este labor,
máis esperas amorosamente de nós.
Que sexa o amor, a solidariedade,
repleta de humildade e confianza,
a que nos mobilice cada dia, Deus noso.
Grazas, por confiares en nós.

Acción

            Máis ou menos todas, todos temos algún tipo de responsabilidade sobre outras persoas a diferentes niveis, no civil e no relixioso. Podemos ver como estamos desenvolvendo esa responsabilidade. Seguro que o Evanxeo de hoxe nos pode motivar.

 

22 de outubro: xoves da 29ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 12, 49-53

            Unha vez díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:

            —Lume vin traer á terra e canto me gustaría que xa estivese a arder! Hanme bautizar cun bautismo e que angustia ata que se cumpra! ¿Pensades que vin traer paz á terra? Abofé que non; vin traer división. Pois dende agora na casa onde haxa cinco persoas, estarán divididas tres contra dúas e dúas contra tres. Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.

Meditación

            Podémoslle dar grazas a Xesús por abrir o seu corazón diante de nós, falándonos desas intimidades que conmoven a súa existencia: o seu desexo de que o mundo arda, pero non con lumes de violencia, senón con lumes de verdade, de solidariedade, de respecto exquisito pola xente máis fráxil; os seus medos a ter que pasar por situacións moi difíciles por opoñerse a calquera autoridade que xogaba coa honra de Deus negándolle solicitude infinita polos seus fillos e fillas; o seu convencemento de que as súas palabras, a súa vida toda sería motivo de enfrontamento e de división entre a xente, e non porque iso a el lle guste, senón pola complexidade humana, polas resistencias da xente.

            Ábrenos o seu corazón, comparte connosco o que o move e conmove. ¿Cómo resoan no noso corazón esas súas vivencias? ¿Qué é o que a nós nos conmove no momento presente? ¿Andamos na onda de Xesús?

Oración

       Que prenda en min, Xesús, o teu lume! 

Que as túas lapas me envolvan por dentro e por fóra,
que me fagan limpo e transparente,
que me fagan arder en solidariedade,
que me fagan persoa incendiaria,
algo coma ti polo menos, Xesús!
Que os teus medos sosteñan os meus medos,
que a túa valentía alimente diariamente a miña!
Que se divido sexa á sombra da túa división,
e que a división nunca mate en min
o desexo permanente de unidade absoluta
na paixón pola xente
na paixón por Deus.
Algo coma ti, Xesús,
algo coma ti.

 Acción           

            Podemos mirar cales son as cousas fondas que nos moven na vida. ¿Gustaríanos que algunhas cousas deixasen de afectarnos tanto, e que outras, en cambio, influísen máis no noso día a día? Seguro que, se o pensamos e queremos, podemos dar pasos ao estilo de Xesús.

 

23 de outubro: venres da 29ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 12, 54-59

            Unha vez díxolle Xesús á xente:

            —Cando vedes que do poñente vén unha nube, axiña dicides: “Temos chuvia”, e así é. E cando venta do sur, dicides: “Vén o calmizo”, e así é. Que parvos sodes! Sabedes interpretar o cariz da terra e máis do ceo, ¿e como non sabedes interpretar o tempo presente?

            E ¿por qué non xulgades en por vós o que cómpre facer? Cando vaias coa persoa contraria ao xuíz, mira de amañar as cousas con el polo camiño, non sexa que te te leve á forza onda o xuíz e este te entregue ao garda para que te meta na cadea. Seguro que de alí non saes ata que pagues o último céntimo.

Meditación

            Se Xesús, tan amigo el de buscar e cumprir a vontade de Deus, nos incita a saber interpretar o tempo presente, é porque entende que no que vai acontecendo nas nosas vidas, nos tempos que vivimos, hai unha manifestación da vontade de Deus para nós. E se nos fala da necesidade de interpretar, é que as cousas non son claras e evidentes de todo; que fai falla pararse, ver, facer silencio, analizar, deixarse afectar, para descubrir esa vontade de Deus presente na vida, na historia, e implicarse con ela.

            Nos tempos presentes hai unha serie de feitos significativos, algúns de aspecto positivo, outros de aspecto negativo, nos que Deus nos está falando: o feminismo, a ecoloxía,  os movementos autoritarios en política, o dominio das finanzas, as emigracións, a xente refuxiada, a crispación en España, a violencia contra o  diferente, o empobrecemento de moitísima xente, os movementos solidarios, a visibilización da pederastia na Igrexa etc.

            Xesús invítanos a amañar estas cousas mentres imos de camiño, antes de que sexa tarde, e o ben se nos vaia das mans e o mal nos destrúa. Que todo pode ser.

Oración

Critícasnos, Xesús, por sermos parvos,
por sermos hipócritas, xente de pouco xuízo.
Invítasnos a fuxir do rebumbio da vida,
onde todo se enzarapalla e escurece;
para calmarnos e facer silencio,
para escoitar voces fondas que nos falan
desde a vida que vai e vén,
desde o que os nosos ollos contemplan, admirados ou temerosos.
Disnos que ás veces a maior revolución é calar,
ollar, escoitar, deixar que os acontecementos nos batan
e nos conmovan
cara á solidariedade máis completa.
Son as horas, os tempos, de xuntar intelixentemente
a astucia das serpes coa sinxeleza das pombas.
Antes de que todo acabe en desfeita.
Grazas, Xesús. Oxalá acollamos a túa advertencia!

Acción

            Se nos está pasando algunha cousa importante na nosa vida, na nosa comunidade, parroquia ou cidade, na nosa sociedade, podemos pararnos sos ou en grupo para escoitar, pensar, discernir, rezar, acoller, actuar en consecuencia. Seguro que nos fará ben.

 

24 de outubro: sábado da 29ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 13, 1-9

            Nunha ocasión presentáronse onda Xesús algunhas persoas para contarlle o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. El respondeulles:

            —¿Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que, como non vos arrepintades, acabaredes todos igual. ¿Seica pensades que aquelas dezaoito persoas que morreron esmagadas pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.

            E contoulles esta parábola:

            —Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle á persoa encargada: “Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, ¿para que vai cansar máis a terra?”. A persoa encargada respondeulle:

            —Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco; a ver se así dá froito; e, se non, poderala cortar”.

Meditación

            Aínda que parece que o insinúa a primeira parte deste Evanxeo, as enfermidades, accidentes, desgrazas de calquera tipo que poidamos padecer nunca son un castigo de Deus. Non é propio de Deus andar castigando. Non o ía facer ese Deus do que Xesús di que é bo con todo o mundo, e fai saír o sol por igual sobre a xente boa e sobre a xente mala.

            Pero Deus non é indiferente ao mal que fagamos ou suframos. O seu é estar ao noso lado urxíndonos a levar unha vida coidadosa connosco e coidadosa tamén coa xente que nos rodea. Todas, todos, estamos chamados a ser a figueira que dea bos froitos de xustiza, de paz, de respecto preferente pola xente vulnerable, froitos de fraternidade. E Deus, unha vez máis, non é aquí o amo da viña e da figueira, senón a persoa encargada, que se compromete e cavar, estercar e regar para que a figueira, nós, dea bos froitos. Nesas está permanente connosco.

Oración

Ditosos nós, homes e mulleres do mundo,
por terte a ti, Deus noso,
por hortelán paciente,
que miras por cada un de nós
esmerándote nas faenas,
para que a terra nos sexa mol,
para que o bo esterco nos nutra
e a auga nos dea lentura.
E así sermos figueiras de froitos saborosos
para galanura propia,
para gozo e fartura de quen nos rodea
e se achegue a nós con fame de humanidade.
Ditosos nós por ti, Deus noso,
paciente labrego do mundo e da xente que o habitamos.

Acción

            ¿Cómo lemos as desgrazas que caen enriba de nós ou da xente veciña, familiar ou amiga que coñezamos? ¿Asumimos a nosa posible responsabilidade sobre moito do mal que nos pode pasar, que pasa no mundo?

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.