08 outubro, 2020

Tempo Ordinario: 28ª semana


11 de outubro: domingo 28 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 22, 1-14

            Daquela púxose de novo Xesús a falarlles en parábolas:

            Parécese o reino dos ceos a un rei que celebrou o casamento do seu fillo. Mandou os seus servos ir chamar polos convidados á voda, pero estes non querían ir. Volveu mandar outros servos, encargándolles: “Dicídelle aos convidados: Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e máis os demais animais cebados; todo está disposto, vide á voda!” Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse uns ás leiras, outros aos seus negocios e os demais botáronse aos servos, maltratáronos e matáronos. Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos seus servos: “A voda está preparada, pero os convidados non a merecían. Así que ide ás encrucilladas dos camiños, e a cantos atopedes, convidádeos á voda”.

            Saíron os servos aos camiños e xuntaron a todos os que atoparon, bos e malos, de xeito que se encheu de convidados a sala da voda.

            Cando entrou o rei para ollar os convidados, viu un home que non vestía traxe de voda e díxolle: “Amigo, ¿cómo entraches aquí sen traxe de voda?” El ficou calado. Entón o rei díxolles aos camareiros: “Atádeo de pés e mans e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e máis o renxer dos dentes”.

            Porque as persoas chamadas son moitas, pero poucas as escollidas.

Meditación

            Se hoxe lemos esta parábola contada por Xesús hai 2000 anos, é porque pensamos que a todos nós nos pode vir moi ben. Sigamos a parábola paso a paso. Non é cousa sen importancia que a convocatoria sexa a unha voda, co que teñen as vodas de amor vivido, celebrado, compartido; co que teñen de encontro, de comunidade; co que teñen de abundancia compartida; co que teñen de festa, de celebración. As vodas recollen, concentran cousas moi fermosas da experiencia humana; por iso mesmo Xesús falaba do reinado de Deus coa comparanza dunha voda: algo fermoso, algo atraínte, algo que trae felicidade, ánimo, alento, algo que anima a vivir. Iso sería ben que fose a nosa experiencia relixiosa persoal e comunitaria; a iso sería ben que seguísemos convidando desde as nosas comunidades cristiás. ¿Estámolo vivindo e ofrecendo así?

            Na parábola dise que o pai do noivo manda o aviso da voda unha, dúas, tres veces aos convidados á mesma, con diferentes medios e persoas. Deus vólvese tolo, por dicilo de algunha maneira, para que acudamos á voda, para que participemos na experiencia humanísima do amor, da solidariedade, do compartir, da festa da vida, e que iso sexa cousa de todo o pobo, algo do que ninguén quede excluído. Nós tamén somos das persoas invitadas por Deus. A invitación pódenos chegar de moitas maneiras e en momentos moi distintos. Pódenos vir pola man de xente de Igrexa ou pola man de calquera persoa, grupo, asociación que estea apostando polas cousas que a Deus lle pracen, que son –ben o sabemos— todo aquilo que leva en si humanidade, humanidade da densa, da que vai ao fondo das cousas, ao fondo das persoas, da que realmente sacia e sostén as vidas. ¿Poderíamos sinalar unha, dúas voces que hoxe nos están transmitindo esta invitación de Deus?

            O aviso chega aos oídos dos invitados/as, pero non fan caso e mesmo se atreven  a maltratar os emisarios. A xente que, en principio, parecía especialmente sinalada para asistir á voda négase, non acepta a invitación. Entre esa xente tamén podemos estar nós. Cantas veces chega aos nosos oídos a chamada a escoitar a proposta de Xesús, a deixarnos transformar por ela, a formar comunidades ao redor de Xesús, a ser boa xente, xente xusta, fiable, cabal, a participar en movementos solidarios, a converter o noso malestar e protesta social en accións ordenadas, coordenadas, eficaces en favor da xente máis débil,… cantas veces, e non facemos caso ou case non facemos caso. E o que perdemos son sólidas experiencias de humanización que nos abren o camiño cara ao corazón de Deus. Nada menos! ¿Estou agora mesmo, como persoa e como comunidade, negándome a escoitar e seguir algunha voz que vai na liña de Xesús? Por que? Que vou facer?

            A Eucaristía de cada domingo é unha pequena e espléndida festa de vodas, á que Deus nos invita a todos, a todas, para celebrar o amor de quen amou ata o extremo, para deixarnos envolver na festa dese amor, para volver á rúa fortes en humanidade.

Oración

Grazas, Xesús,

por me convidares ás festas da voda,

por me ofreceres a Deus

coma un regalo e unha compaña permanente,

por desbloquear o acceso a el

recordándome que non son os meus méritos senón o seu don

o que marca o comezo da nosa aventura.

Grazas, Xesús,

por me brindares a oportunidade de coñecerte e de seguirte,

de poder amigar contigo,

de ir descubrindo ao teu lado

o gozo e a esixencia da fraternidade real.

Grazas, Xesús,

por me abrires as portas da comunidade cristiá,

onde podemos experimentar o gozo da unión, da comuñón,

onde nos queremos e coidamos,

onde velamos uns polos outros, polas outras,

coma unha miúda escola de misericordia e de responsabilidade

na que aprender a amar e a servir con verdade.

Grazas, Xesús,

porque nos sinalas a parroquia, o pobo, a vila, a cidade,

como lugar de festa e de tarefa,

como lugar de vodas,

para que non desvariemos con fantasías relixiosas

e descubramos no veciño, na veciña,

sobre todo se é débil, pecador, marxinal,

o templo no que ti habitas,

o terreo sagrado ante o que descalzarse

para mellor amar,

para mellor servir,

para mellor amar e servir o noso Deus.

Grazas, Xesús,

pola persistencia da túa chamada,

polos homes e mulleres

a través das cales me foi chegando na vida

o murmurio da túa voz

invitando á vida,

invitando á festa,

invitando ao amor.

Grazas, Xesús.

Saberei, poderei, quererei eu responder

a tanta esplendidez túa?

 

12 de outubro: Festa da nosa Señora do Pilar.

Evanxeo: Lc 11, 27-28

            Nunha ocasión, cando Xesús lle estaba falando ao pobo, unha muller de entre a xente dixo berrando:

            —¡Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron!

            Pero Xesús replicoulle:

            —Ditosas máis ben as persoas que escoitan a palabra de Deus e a gardan.

Meditación

            Quizais nunca Santiago veu a España, nin a Zaragoza, nin ao mesmo Santiago de Compostela. Quizais nunca, polo tanto, se atopou Santiago coa nosa Señora sobre dun piar en Zaragoza. Pero na vida moitas veces vivimos de historias, de lendas, que van configurando a nosa maneira de ser, de pensar, de crer. O importante, neste noso caso, é ver se esa lenda da nosa Señora do Pilar nos orienta ben cara a unha vida cristiá apegada ao Evanxeo de Xesús. E o Evanxeo de Xesús de hoxe fálanos da admiración que Xesús causaba na xente, ata o punto que unha muller exclamou o que nós tamén adoitamos dicir en situacións similares: “Bendita a nai que te pariu”. A nosa Señora, en calquera das súas advocacións, participa algo desta admiración por Xesús, pero sempre é Xesús o centro.

            Por outra banda, Xesús mesmo nos advirte que esa relación familiar, de carne e sangue, tan íntima como pode ser a da mesma maternidade e a da crianza, non é tampouco o máis importante. O importante é escoitar, gardar e cumprir a palabra de Deus que nos pode chegar de maneiras moi diversas na vida. Nisto Santa María é un bo exemplo para nós: escoitou, acolleu e cumpriu. Asentándonos niso, a nosa vida cristiá estará asentada nun bo piar.

Oración

Santa María, señora do Pilar,
que a morea enorme
de flores aos teus pés
nós leve a admirar
a túa humilde sinxeleza,
a túa capacidade de escoitar
as múltiples voces de Deus na vida,
a túa capacidade de gardar a palabra,
de deixar que colla corpo en ti
e de convertela nunha vida aberta a Deus e á xente.
Santa María, señora do Pilar,
que a morea multicolor
de flores aos teus pés
nos leve a admirar a Xesús,
na súa habilidade desmedida
de acoller a toda clase de xente marxinal,
coa súa particular historia desfeita,
coa súa dignidade maltratada.
Santa María, señora do Pilar,
lévanos onda Xesús,
para formar con el unha familia nova, universal,
na que a xente débil sexa sempre o centro
da nosa fe, das nosas ansias comunitarias.

Acción

            É normal que teñamos un fondo respecto e agarimo por Santa María, a nai de Xesús. Se participamos nalgunha celebración na súa memoria, por respecto a ela precisamente fagámolo con sentido, non coma unha feira relixiosa onde todo se compra e se vende.

 

13 de outubro: martes da 28 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 11, 37-41

            Unha vez, cando Xesús rematou de falar, un fariseo convidouno a comer na súa casa. Entrou Xesús e púxose á mesa. Estrañoulle ao fariseo que non se lavase antes de comer, pero o Señor díxolle:

            —Vós, os fariseos, limpades por fóra a copa e máis o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e maldade. Sodes parvos! O que fixo o de fóra, ¿non fixo tamén o de dentro? Pois logo dade esmolas do que hai dentro e veredes como todas as cousas serán limpas para vós.

Meditación

            Volvemos a ese choque entre Xesús e os fariseos por unha cousa pequena: lavar ou non as mans antes de comer. En principio podemos dicir que o fariseo tiña razón, como non vai ser bo lavar as mans antes de comer! Pero o que pasaba era que para eles ese rito máis que unha cuestión de hixiene era cuestión de pureza relixiosa; convertíase nun criterio moi externo para considerarse cumpridor ou non da vontade de Deus, para considerarse ou non persoa querida de Deus. Co agravante de que para a xente máis pobre e marxinal, que moitas veces vivía en lugares onde non había moita auga, por non lavaren as mans acababan sendo, para eles, xente permanentemente impura, arredada de Deus. Enténdese o cabreo de Xesús por todo isto. Invítaos a que se deixen de parvadas, que teñan máis ansia en limpar o corazón, e que, se queren vivir en pureza permanente, empecen por compartir o que acumulan na casa, moitas veces a base de prácticas inxustas.

            Nós podemos ser coma o fariseo da historia. Sómolo se lle dámos importancia ao que non a ten, para agarrarnos a iso e esquecer o realmente importante, que é ter un corazón limpo e levar unha solidaria. O espírito fariseo sempre marxina; o espírito de Xesús sempre integra.

Oración

Amigo Xesús,
mestre Xesús,
canto me tarda
acabar co fariseo que levo dentro de min,
agarrado ás miñas entrañas,
amosándose nos meus pensamentos,
lucíndose tantas veces na miña fala!
Canto me tarda, Xesús,
que o teu espírito me envolva por dentro e por fóra,
me somerxa na túa verdade limpa,
faga de min unha humilde irmá!
Canto me tarde, meu Xesús,
ser amiga sempre de abrazar e non excluír,
ser agradecida polo ben da xente,
andar contenta por poder compartir o que son e o que teño,
para que a irmandade sexa cada vez máis real.
Amigo Xesús,
mestre Xesús,
canto me tarda
ser con verdade
un chisquiño coma ti.

Acción

            ¿Levamos connosco o espírito fariseo? ¿Gústanos andar xulgando a xente, condenando a xente? ¿Facémolo de xeito que nós sempre quedamos libres diso que condenamos, sempre quedamos por xente xusta, correcta, ecuánime etc? O fariseísmo para Xesús era un verdadeiro perigo para unha vida de fe en comunidade. Podemos mirar se en algo somos fariseos. Podemos empezar por recoñecelo e cambialo.

 

14 de outubro: mércores da 28ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 11, 42-46

            Nunha ocasión dixo Xesús:

            —Ai de vós, fariseos! Pagades o décimo pola menta, pola ruda e por todas as verduras, e deixades a un lado a xustiza e máis o amor de Deus. Pero é isto o que hai que practicar, sen descoidar o outro.

            Ai de vós, fariseos, que devecedes polos primeiros postos nas sinagogas e porque vos fagan reverencias nas prazas! Ai de vós, que sodes coma sepulcros que non se ven e que a xente tripa sen se decatar!

            Entón un mestre da lei tomou a palabra e replicoulle:

            —Mestre, dicindo estas cousas tamén nos aldraxas a nós.

            El contestoulle:

            —Ai tamén de vós, os mestres da lei, porque botades enriba da xente fardos insoportables, e vós nin cun dedo os tocades!

Meditación

            Segue o evanxeo coa súa crítica aos fariseos. Debemos dicir que non todos os fariseos eran así, aínda que a súa maneira de ver e de vivir a experiencia relixiosa levaba moito a ese tipo de historias que aparecen no texto. Ser moi minuciosos no que non ten tanta importancia e deixar de lado o realmente importante: a xustiza, o amor, a misericordia de Deus. O gusto por aparentar estando cheos de inmundicia. Poñer normas e normas, sen implicarse nas dificultades da vida da xente.

            Calquera persoa relixiosa –tamén o pobo cristián— pode caer nestes absurdos que critica o evanxeo de hoxe. De feito hai moita xente das nosas sociedades que critica a Igrexa católica por cousas semellantes. Canto vestido e aparencia vana nos nosos líderes, nas nosas cerimonias! Pensemos no tema da pederastia; vaia sepulcro de podremia! É doado ver se estamos nós na onda de Xesús: se andamos pola vida con humildade, se nos doen as cargas que a xente ten que tolerar, sobre todo a xente máis vulnerable; se nos move o afán por andar en xustiza e en amor, para nós e para a xente que nos rodea. É tan doado andar acusando pola vida!

Oración

Que o meu corazón, meu Deus,
que a miña intención se centre en amar e comprender,
en verter amor,
en promover xustiza,
que na inxustiza sempre o débil sae malparado.
Que o meu esforzo se oriente sempre,
coma o de Xesús,
a aliviar cargas que pesan sobre os lombos da xente
e non a multiplicalas,
coas medidas cotiás da solidariedade,
cos recursos maiores da organización social.
Querer a xente,
coidar a xente,
consumirme pola xente,
con humildade sempre,
con decisión sempre.
Algo coma Xesús, meu Deus,
algo coma Xesús.

Acción           

            ¿Vémonos persoas apaixonadas pola xente que nos rodea? ¿Dóennos as penalidades que sofren, as inxustizas que soportan? ¿Dunha maneira ou doutra estamos ao seu lado? Se non o facemos, ¿cómo poderiamos mellorar niso, que é tan importante para unha persoa cristiá?

 

15 de outubro: Festa de Santa Tareixa de Xesús.

Evanxeo: Mt 11, 25-30

            Nunha ocasión dixo Xesús:

            —Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece ao Fillo agás o Pai, nin coñece ao Pai agás o Fillo e aquela xente a quen o Fillo llelo queira revelar.

            Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas vidas; porque o meu xugo e doado de levar e a miña carga liviá.

Meditación

            O evanxeo de hoxe foi escollido pensando en Santa Tareixa de Xesús (1515-1582), monxa carmelita, reformadora, fundadora de moitos conventos e escritora, declarada doutora da Igrexa polo Papa Paulo VI no ano 1970. Cando ser muller pechaba moitas máis portas na Igrexa do que hoxe nos podemos supoñer, converteuse nunha desas persoas humildes coas que o Pai comparte os seus segredos; Tareixa de Ávila chamouse Tareixa de Xesús, porque co Xesús dos evanxeos vinculou fondamente a súa vida toda. Del recibiu luces e consolos, nel atopou alivio nos seus días de agudo cansazo, por enfermidades, por múltiples tarefas como responsable das comunidades que fundaba e reformaba, polas críticas e controis que recibía dalgúns eclesiásticos; con Xesús compartiu xugo e tarefa, gozou con Xesús da dozura dos seus amores, nel atopou sempre acougo e alento para a vida complexa que lle tocou vivir, vida que así se lle fixo doada de levar, liviá.

            Escribiu varias obras de espiritualidade, non como escritos académicos, senón a partir do que ela mesma ía vivindo. As máis importantes foron: Libro de la vida, Camino de perfección, Las moradas e Las fundaciones. A pesar de pasar 500 anos, estes escritos seguen alimentando a vida espiritual de moita xente, representan o mellorciño da experiencia relixiosa cristiá de todos os tempos. Aínda que foron libros escritos por unha monxa e destinados sobre todos tamén a monxas, a súa vitalidade e frescura conmoven e estimulan a todo o mundo. Foi unha gran experta no acompañamento espiritual.

            Estamos invitadas e ler algún dos seus escritos. Estamos invitados, sobre todo, a facernos coma ela desas persoas humildes que se deixan atraer pola sabedoría de vida que Tareixa primeiro vivía a fondo e logo compartía cos seus escritos. Estamos invitadas a teorizar e discutir menos das cousas da fe e a vivilas para experimentar a súa forza e o seu consolo para a vida.

Oración

            (oración de Santa Tareixa moi coñecida, que traducimos ao galego)

Nada te turbe,
nada te espante,
todo se pasa,
Deus non se muda,
a paciencia
todo o acada.
Quen a Deus ten
nada lle falta.
Só con Deus basta.

Acción

            Podiamos ler algo dalgún dos escritos de Santa Tareixa, por exemplo, do Libro de la vida.  Podiamos mirar se falamos, teorizamos, debatemos sobre cousas da fe, da Igrexa, pero despois realmente non somos xente embarcada en ningún plan que nos leve a vivir a nosa fe cristiá con sinxeleza, con verdade. O recordo de Santa Tareixa pódenos axudar a cambiar e poñer a vida por diante dos discursos.

 

16 de outubro: venres da 28 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 12, 1-7

            Nunha ocasión tanta era a xente reunida ao redor de Xesús que se pisaban entre si. El comezou a falar dicíndolles primeiramente ás persoas que o acompañaban máis de cerca:

            —Coidadiño co fermento dos fariseos, que é a hipocrisía! Non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. Porque o que digades na escuridade oirase a plena luz e o que faledes ás agachadas nos dormitorios hase pregoar dende as azoteas.

            E a vós, amigas e amigos meus, tamén vos digo: non lle teñades medo a quen mata o corpo, pero xa non pode pasar de aí. Vouvos dicir a quen lle tedes que ter medo: temede a quen despois de matar pode meter no inferno. Si, repítovolo, temede a esa persoa. ¿Non se venden cinco pardais por dous patacos? Con todo Deus non esquece a ningún deles. E mesmo os pelos da vosa cabeza están contados. Por iso non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.

Meditación

            Dúas advertencias moi importantes de Xesús ás persoas que o acompañaban, tamén ás que hoxe o queremos ter como compañeiro na vida. A primeira ten que ver coa hipocrisía; a hipocrisía é a falsidade, a dobrez, sentir unha cousa e simular que se sente outra. Canta hipocrisía, canta simulación polo mundo adiante! Que aguda é a tentación de hipocrisía, de simulación, de falsidade! Ninguén está libre desa tentación. Xesús foi sempre home de transparencias, nos sentimentos, nas palabras, nos feitos. A iso nos invita como a algo moi importante para ser persoa cabal e cristiá.

            E a segunda advertencia ten que ver cos medos. ¿Quen non ten medos na vida? Onde están os nosos medos, está tamén o noso corazón, a nosa vida. O medo máis grande é a morrer, a que nos maten. Xesús advírtenos de que hai cousas moi importantes da persoa, que perdelas é algo tan serio ou máis que a mesma morte: a honradez, a verdade persoal, non abusar da xente, tratarnos coma irmáns/ás etc., todo isto, para el, como mostra da nosa fidelidade a Deus. Xesús invítanos a non encollernos, baseándonos non unicamente nas nosas forzas, que son cativas, senón na seguridade que nos dá saber que Deus está absolutamente por nós, e que nada se perde de canto fagamos por manter estas fidelidades.

Oración

Grazas, meu Deus,
por pasar tempo contando os pelos da miña cabeza.
Grazas por te parares comigo,
porque te esforzas en coñecerme por dentro e por fóra,
porque son importante para ti.
Grazas porque non queres que nada en min se perda
do que en min haxa de mérito e estima,
que para ti é moito,
aínda que a min non mo pareza.
Grazas porque me queres,
coma o mellor pai ou nai quere a súa crianza.
Grazas porque velas por min, porque me coidas
e reservas para min a diario un anaco do teu corazón
e un recanto glorioso no teu ceo,
que non sei o que é,
pero que, sendo cousa túa, será algo bo, moi bo.
Grazas, meu Deus,
co teu amor podo vencer todos os meus medos,
ou, cando menos, vivir pacificamente con eles.
Grazas.

Acción

            Podemos facer un pequeno exercicio: coller un papel, un boli, e ir escribindo que cousas me poñen medo na vida, que cousas me dan confianza para seguir vivindo con firmeza. E saquemos as conclusións á luz das palabras de Xesús. El non está onda nós coma xuíz, senón como compañeiro co seu espírito.

 

17 de outubro: sábado da 28 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 12, 8-12

            Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:

            —Asegúrovos que quen volva por min diante da xente, tamén o Fillo do Home volverá por tal persoa diante dos anxos de Deus; pero quen me negue diante da xente, tamén será negado ante os anxos de Deus. A todo home ou muller que fale en contra do Fillo do Home perdoaráselle; pero a quen blasfeme en contra do Espírito Santo non se lle perdoará. Cando vos leven ás sinagogas, ante os maxistrados e autoridades, non vos preocupedes de cómo vos ides defender e do que ides dicir; xa vos ensinará o Espírito Santo naquela mesmo hora o que é preciso dicir.

Meditación

            A palabra non o é todo na vida, por riba da palabra están os feitos. Pero, con todo e iso, que importante é a palabra nunha persoa! Coa palabra podemos amigar ou tomar distancias coa xente e con Deus; podemos defender ou achicar aínda máis a xente pequena e a Deus nela; podemos renegar de Deus ou mostrarlle o noso recoñecemento e admiración; podemos alentar ou afundir a quen faga vida connosco, a veciñanza, a xente da comunidade, do partido político no que militamos; coa palabra podemos mentir contra a xente e contra Deus, ou afirmarnos na verdade ante a xente, ante Deus; coa palabra transmitimos afecto ou desprezo, causamos risas ou bágoas, gusto ou medo pola vida. Coa palabra podemos dicirnos a nós mesmos, ou agacharnos, simularnos ante nós, ante a xente, ante Deus.

            Se nos deixamos levar polo Espírito Santo, teremos sempre palabra construtiva, palabra de liberdade, de salvación. Se non nos deixamos levar polo Espírito Santo, que grande pode ser a nosa desfeita!

Oración         

Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,
que nos ofreces gratuitamente en todo momento.
Grazas porque con el apréndesnos
a falar cando conveña e como conveña,
e a calar tamén cando conveña e como conveña.
Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,
que nos leva ata Xesús,
e nos permite recoñecelo como fillo teu,
e nos empuxa a querelo, a admiralo,
a intentar seguilo en todo canto poidamos.
Grazas porque, deixándonos levar por el,
fasnos libres e valentes
ante o mal que nace en nós,
ante o mal que maquinan os poderes inxustos deste mundo.
Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,
que tanto brillou en Cristo Xesús.

Acción

            ¿Vémonos con medo a defender a nosa fe cristiá, os nosos convencementos cristiáns, ante calquera persoa ou grupo, ante calquera poder? Falamos disto con outras persoas cristiás e vemos que facer para non nos deixar levar por eses medos.

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.