Benqueridas amigas e amigos,
Todos os anos por estas datas convocamos o Foro Encrucillada. Este ano non é posible, pois en Galicia están limitadas as xuntanzas a 10 persoas por mor da pandemia.Na Asociación Encrucillada non queremos deixar pasar a nosa cita, e no canto do Foro convocamos os COLOQUIOS NA ENCRUCILLADA.Imos aproveitar os relatorios que tiñamos encargados.
- Como nace a Biblia, xeración e escritos do Antigo Testamento, por Marta García Fernández, profesora adxunta da Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia Comillas, Departamento de Sagrada Escritura e Historia da Igrexa
- O Novo Testamento, xeración e escritos, por Carmén Bernabé Ubieta, profesora Titular de Cristoloxía fundamental, Sagrada Escritura e Escritos Xoánicos na Universidade de Deusto (campus Bilbao)
- Hermenéutica, como ler a Biblia hoxe, por Andrés Torres Queiruga, profesor emérito de Teoloxía Fundamental no ITC e de Filosofía da relixión na USC.
Publicarémolos na Revista Encrucillada 220 (Dec 2020), pero ademais pedimos ás autoras e autor que suxeriran, partindo do texto, preguntas que abran á reflexión, coas que poder animar un diálogo.
A nosa idea é que todas as persoas que queiran afondar na lectura actual da Biblia o fagan, de xeito individual ou en pequenos grupos, lean e reflexionen, poñendo en común achados e dúbidas.Logo, no mes de febreiro, convocaremos encontros virtuais coas tres persoas relatoras, en diferentes días, cos que poidamos arbitrar un diálogo coas reflexións de todos.Quedades todos emprazados logo para este traballo de reflexión e formación, individual ou en grupos, e do que vos seguiremos informando en próximos días.Quedamos á vosa disposición para calquera dúbida ou aclaración neste correo mailGrazas por segir aí con fidelidade, e por apostar pola fe e a galeguidade.Saúdos cordiaisConsello de Encrucillada
Por outra banda, o Equipo Coordinador da Escola de Espiritualidade animamos a aquelas persoas que, aínda, non sexan subscritoras da revista e estean interesadas nos relatorios que serán publicados no número 220 (novembro-decembro 2020), que poden subscribirse na seguinte ligazón: http://www.encrucillada.gal/index.php?s=3.
Hai dúas modalidades de subscrición: en papel (25,00 €/ano) ou dixital (15,00 €/ano).
Recibirían gratis o referido número 220, xa que a cota de subscrición sería para o ano 2021, iso si, sempre que se faga antes do 30 de novembro, porque o 1 de decembro comezará o envío da revista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.