07 febreiro, 2012

12 de febreiro: Domingo VI do Tempo Ordinario (B)

Evanxeo: Mc 1, 40-45

Comentario:

  • Este relato pecha esa xornada completa de Xesús, que o evanxeo de Marcos sitúa case ao comezo do seu escrito, para ofrecernos o contido e as formas de actuación de Xesús na súa tarefa evanxelizadora.
  • O cadro que describe ten unha intensidade especial, pois Xesús co seu poder de ben e de rehabilitación, persoal e social, sitúase ante a circunstancia extrema dun cidadán daquela época: un leproso. Por ser tal, era unha persoa que soportaba as dores físicas propias da súa condición, pero ademais e sobre todo, era unha persoa que padecía a exclusión social e relixiosa máis fonda: non podía vivir coa xente nas aldeas ou vilas, non podía ser tocado, un impuro que, como tal ser impuro, non podía acceder a nada que o puidese situar ao amparo de Deus e da súa tenrura. Tamén era un excluído de Deus.
  • E vai Xesús e tócao. Quebranta a lei que prohibía tocar a un leproso, e incorre el mesmo na mesma condición do leproso, por iso despois Xesús, como ben di o Evanxeo, tampouco podía entrar nas vilas e aldeas e, coma os leprosos, tiña que se quedar ás aforas, nos arredores apartados.. O que Xesús fai é algo realmente sorprendente: de entrada identifícase a fondo co leproso, ata se facer un con el, asumindo as consecuencias todas de tal feito. Enfróntase ás prohibicións sociais e relixiosas, rompendo o valado de exclusión que todo o mundo levantara, para protexerse, ante a existencia dun leproso. Unha vez máis Xesús actúa en liña con aquela convicción súa de que a lei, por moi sagrada que sexa, está sempre ao servizo do ser humano, e non este ao servizo da lei
  • No relato ten, pois, unha importancia especial  o momento en que Xesús, estremecido, conmovido a fondo, estende a man e toca ao leproso. Canta importancia ten o xesto cotián de tocar, de tocar algo, de tocar a alguén con tenrura, desde a conmoción interior, transmitíndolle á persoa tocada toda a forza de apego, de solidariedade, de compromiso coa súa realidade concreta. De cantos milagres, pequenos pero importante milagres, somos capaces deste xeito no noso día a día. Seguro que todos e todas temos experiencias desta densidade do tocar con tenrura e compromiso e tamén do ser tocados coa mesma tenrura e compromiso. Xesús afonda ata o extremo esta experiencia humana liberadora.
  • Pero o tocar de Xesús ten por beneficiaria a unha persoa que sufría gravísima marxinación social. É inevitable que nos paremos a pensar que persoas entre nós sofren marxinación social. Se cadra eu mesmo, eu mesma?  E é inevitable tamén que nos preguntemos cal é o noso tipo de relación con esas persoas marxinadas pola sociedade e mesmo polas institucións relixiosas que temos: Prostitutas, proxenetas, persoas drogodependentes, borrachas, a típica persoa rara, extravagante, con enormes dificultades de integración social, os homes e mulleres homosexuais,  os homes e mulleres presidiarias ou ex-presidiarias, a xente de cor, a xente xitana, a xente do sur, ... Vémonos en relación con algunhas destas persoas? Non temos relación con elas porque as evitamos, porque para nada me aproximo a elas, ao seu mundo, aos espazos que elas habitan, porque me fago inaccesible ás súas seguras demandas? Como nos situamos ante esas persoas?
  • Xesús sae de si, da súa casa, anda os camiños da vida, por forza tense que atopar e atópase con xente de todo tipo, loxicamente é chamado, é requirido por esas persoas, escóitaas nas súas demandas, conmóvese a fondo ante esas e o que elas viven e solicitan, estende a man, achégase, tócaas, dálles a calor e a tenrura do seu corpo e do seu vigor interior, dáse no que sabe e no que pode, que é moito, implícase na existencia da outra persoa, como dixemos, saltándose leis e normas, e acábase convertendo nunha forza de curación, de liberdade, de reintegración persoal e social. E Deus é plenamente recoñecido e honrado neste tipo de acontecementos. A vida relixiosa acada o seu cumio cando estas cousas suceden na nosa vida.
Preces:

SE QUERES, SEÑOR, PÓDESME LIMPAR.

·         Da nosa indiferencia ante as persoas que teñen poucas calidades, que están lonxe de ser a flor da sociedade. Confiados no teu poder, oramos.
·         Da noso falar e falar, co que frecuentemente tocamos o tema da marxinación, sen dar pasos á fronte para arrimarnos á existencia de quen a padece. Confiadas no teu poder, oramos.
·         Da pretensión que moitas veces temos a xente de Igrexa de excluír do agarimo de Deus a persoas que non encaixan cos nosos valores e comportamentos. Confiados no teu poder, oramos.
·         Do noso afán tolo pola seguridade e por arredar de nós a calquera persoa que nos descoloque nas ideas, na economía, no noso uso do tempo, na organización da nosa vida. Confiadas no  teu poder, oramos.
·         Da covardía de non confiar, de non poñer toda a carne no asador para axudar a curar as persoas das súas pobrezas e marxinacións. Confiados no teu poder, oramos.

Pregaria:

Señor, Señor,
que a túa querencia me reanime,
que o teu poder me cure,
que as túas entrañas conmovidas por min me reconforten,
que a túa man me toque,
que a túa tenrura me pacifique,
que a túa palabra de aposta por min me restaure,
que o meu corpo quede limpo
e o meu ánimo recuperado,
que a túa atención me gratifique,
e me faga agradecido/a,
que a túa aperta me inclúa entre os irmáns e irmás,
que a túa man me leve ao abrazo de Deus,
que o que fas comigo me converta,
que os teus ollos me ensinen a ver doutra maneira,
a verte a ti doutra maneira,
a ver a Deus doutra maneira,
a verme a min mesmo/a doutra maneira,
a ver as persoas tidas por menos doutra maneira!

Señor, Señor,
se me tocas,
só con que me toques,
o meu mundo terá outra cor,
o mundo todo terá outra cor para min.

E escoito a túa voz conmovida:
Pois quero,
claro que quero,
como non vou querer!
Pois quero,
queda limpa,
queda limpo.

Signo:

ü  A foto dalgunha persoa excluída.
ü  Unha man de novo, tocando a alguén.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.