04 abril, 2012

8 de abril: Domingo de Pascua (B)


Evanxeo: Vigilia Pascual: Mc 16,1-7.   Día de Pascua: Xn 20,1-9.

Comentario:


     Ningún evanxelista narra a resurrección de Xesús en si, como narraron outros acontecementos vividos por Xesús. Ninguén o viu, para o poder narrar. O que si nos transmiten os catro evanxelistas son circunstancias ao redor da resurrección, experiencias sobre da mesma, conviccións, modos de acceso a esa experiencia, consecuencias dunha fe na resurrección de Xesús, que é o que realmente lles interesaba transmitir. Todo rodeado dunha linguaxe simbólica, moi suxestiva, que apunta ao fundamental: a experiencia de encontro con Xesús resucitado como factor de relanzamento dunha vida de seguimento no que el dixera e vivira.

    Curiosamente os catro evanxelistas, con diferenzas de detalle dignas de ter en conta, están de acordo en que as primeiras persoas que experimentan, senten e narran a resurrección de Xesús son mulleres: María Madalena (Xn), as mulleres que o acompañaban desde Galilea (Lc), María Madalena e máis a outra María (Mt), e María Madalena, María a de Santiago e máis Salomé (Mc). Quere dicir algo este feito? Das mulleres dise nos relatos da paixón de Xesús que, aínda que ao lonxe, seguiron o desenvolvemento completo da crucifixión e morte de Xesús. Que o seguiron moi entregadas á persoa e á causa de Xesús, con moito sufrimento e con moita disposición de colaborar con toda humanidade nas necesidades dun corpo vivo e dun corpo morto cando a lei xudía llelo permitise. Esta paixón por Xesús non é, seguramente, allea ao feito de que estivesen especialmente receptivas ao regalo da fe na resurrección, á experiencia forte do seu encontro con Xesús resucitado.

     Os evanxelistas, nos diferentes relatos cos que falan da vivencia de Xesús como resucitado, acumulan detalles: lousa corrida, sepulcro baleiro, lenzos tirados, sudario, mozo vestido de branco, anxo, hortelán, incluso a presenza física de Xesús, pero todos acentúan que nada de todo iso é abondo para crear a experiencia de encontro con Xesús resucitado. A pesar de todo iso os ollos e o corazón estarían pechados para a vivencia de Xesús resucitado, se non se dese un algo máis, gratuíto, que lles abre os ollos da alma para decatarse de que Xesús está vivo, de que a súa presenza é real, de que segue empeñado na mesma tarefa de sempre, e de que para a mesma tarefa de sempre os segue convocando, cousa que se indica co feito de convocalos de novo a Galilea. O importante, o central dos relatos, é este don. As mulleres recibírono e, con medo e desconcerto, fóronllo transmitir aos demais do grupo de Xesús, que abundaron despois nesa mesma experiencia.

     “O kerigma pascual –di o biblista Antonio Rodríguez Carmona— coñécese pola revelación de Deus e pola fe, non como consecuencia da pedra removida nin do sepulcro baleiro, que son feitos ambiguos que, neste contexto, so subliñan o poder de Deus.” E, por dicir algo coma isto e razoalo a fondo, o noso Andrés Torres Queiruga, foi advertido pola Comisión Doutrinal da CEE. (!)

     Os evanxeos invítannos ao mesmo que relatan: á experiencia de Xesús resucitado, ao encontro coa súa persoa, ao relanzamento nos tempos de hoxe da súa tarefa, da súa misión. E empúxannos tamén a que poñamos en xogo todo aquilo que posibilite esa experiencia: entusiasmo por Xesús, capacidade de acollida na fe, disposición a sermos desbordados polo novo de Deus, apertura a quen ten experimentado e narra o que lle pasou, opción real de meternos no mundo, nas alegrías, nas loitas dos máis débiles da sociedade, decisión de volver ás andadas de Xesús, en Galilea, no día a día humilde, reeditando atención e servizo ás persoas e grupos sociais máis marxinais, e restándolle importancia a outro tipo de debates nos que tendemos a enredarnos onte coma hoxe, hoxe coma onte.


Preces:

BENDITO SEXAS, XESÚS RESUCITADO!

  • Que entre todos os cristiáns e cristiás nos alentemos mutuamente para o encontro contigo, para a experiencia da túa presenza viva no medio de nós. Oremos.
  • Que levemos a alegría da Pascua, nos ollos, no corazón, na palabra, e contaxiemos de ilusión e de esperanza ás persoas que nos rodean. Oremos.
  • Que saibamos acompañar ou deixarnos acompañar nestes momentos de crise económica e social, no que moitas persoas e familias o están pasando moi mal. Oremos.
  • Para que mimemos a vida, para que multipliquemos os coidados, as atencións, para que nada se perda, e todo o bo se multiplique. Oremos.
  • Que saibamos encaixar e loitar os momentos de enfermidade, de morte, de fracaso, coa esperanza de tempos mellores, coa serenidade de quen se sabe acompañado/a por Xesús vivo e resucitado. Oremos.
  • Que saibamos acompañar e defender as causas perdidas: todo o débil e condenado a esmorecemento: o campo galego, a lingua galega, as culturas pequenas, os pobos ignorados. Oremos.


Pregaria:

E foi a resurrección.
E foi a Pascua.

Corazóns amantes,
madrugar nas ansias e nas solicitudes,
nos servizos e coidados,
sen crerse de todo
que estivese pechada e morta
tanta ilusión, tanta vida,
tanta paixón.

Mulleres,
mañás,
frescuras,
buscas,
amores,
e rebentou a vida.
E empezou algo novo,
coma regalo e don
a quen para o regalo se vai aprestando.
E empezou a Pascua.

Máis aló das dúbidas,
máis aló dos medos,
máis aló dos datos,
empezou a Pascua
no remol apaixonado
de quen seguía crendo,
de quen seguía esperando,
de quen seguía amando.

E volveron xuntarse as mans e os corazóns,
e as ilusións reverdeceron,
e volveron florear os espiños e as cerdeiras,
e volveuse a soñar,
a ilusionarse,
a organizar a vida coma nos tempos máxicos de Galilea,
cando todos e todas crían no pan universal, común,
en que os últimos/as serían primeiros/as
e en que ao amor de Deus non se lle podían poñer cancelas,
simplemente porque Deus non ten cancelas.

E empezou a Pascua
naquela mañá de primavera.
E ofrécese hoxe coma froita cobizosa
para corazóns amados,
para corazóns amantes,
para vidas collidas polo misterio de Deus,
polo misterio do humilde e do pequeno.

E foi a Pascua.


Signo:

  • Xente humilde falándose, alegres.
  • Un icono de Xesús.
  • Un rostro pobre e alegre.
  • Unha imaxe de loita e de festa.
  • Unha árbore en flor.
  • Un neno/a sorrindo.

 

1 comentario:

  1. Marcial16:59

    Andrés, que decirche que ti non sepas de porque este comportamento da CEE, que argumentar que ti non teñas xa reflexionado. Solo me queda enviarche unha aperta non estas illado.
    Grazas por estar dentro da Iglexa por ser comprensivo cos seus pecados, con a súa vocación mais gran de nai supervivencia que de nai mística. ¡Non nos quere deixar medrar ten medo a quedar soliña!.

    Dios atendede a todos os paxariños ata a morte inclida, porque a morte e parte da vida. Todos lle temos medo a morte e a CEE tamén.

    Ánimo estamos no camiño.

    Marcial

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.