Evanxeo: Mc 16, 15-20
Comentario:

A liturxia vai separando e invitándonos a ver e revivir cada un dos momentos desa densa experiencia (morte, resurrección, ascensión, pentecostés); esta é unha pedagoxía apropiada, para que poidamos descubrir a fondura de cada un deses momentos cruciais desa experiencia humana única. Contemplar a Ascensión, a parte de nos adiantar en promesa e esperanza o que será o noso porvir coma fillos e fillas de Deus, tamén nos supón, como lles supoñía aos primeiros seguidores e seguidoras de Xesús, ter que nos enfrontar con estas dúas realidades: non temos a Xesús fisicamente connosco, e, ademais e por iso mesmo, quédanos nas mans a tarefa de seguir desenvolvendo o proxecto persoal e social no que Xesús comprometeu a súa existencia.

E quedamos coa tarefa de Xesús nas mans, que é anunciar a Boa Noticia de Deus a toda criatura. Para poder anunciar a Deus coma boa noticia é imprescindible vivilo primeiro coma boa noticia para cada un, cada unha de nós. Ninguén transmite o que non cre, o que non vive, o que non experimenta gozosamente. Moitas veces as persoas cristiás non vivimos a Deus coma unha Boa Noticia, que cada día nos levante o ánimo, nos dea esperanza para vivir, nos afiance no esforzo por humanizar a nosa existencia e a dos demais. Se é así, estaría ben que nos preguntásemos por que nos pasa iso; sobre todo se, por rutina ou por oficio, seguimos dicindo palabras fabulosas sobre Deus, que logo a vida contradí.

Falamos, ou polo menos oímos falar moito, de nova evanxelización. Que podemos facer cada un, cada unha, que pode facer a nosa comunidade cristiá para que a nosa palabra, a nosa vida cristiá recupere a frescura que Xesús soubo poñer --non outra— en momentos complexos e carentes de esperanza coma os nosos?
Preces:
DEUS, TI ES BOA NOTICIA!

Que saibamos contaxiar a xente que nos rodea da túa presenza que nos foi dada. Oremos.
Que coa túa axuda saibamos reproducir en nós algo do vigor, da tenrura, da valentía, do apaixonamento de Xesús. Oremos.
Que saibamos ser esperanza e alegría para as persoas concretas que ao noso carón o están pasando mal; que as vaiamos visitar, acompañar. Oremos.
Que nos comprometamos nos sindicatos, partidos políticos, movementos sociais que realmente buscan mellorar a vida da xente máis débil e marxinada. Oremos.
Que gustemos e agradezamos as pequenas satisfaccións da vida, coma un adianto da satisfacción total en Deus cando morramos. Oremos.
Pregaria:
So
non podo nada,
non vallo nada,
non chego a nada.
Contigo a carón,
co teu espírito roldándome a alma,
cos compañeiros e compañeiras de grupo,
coas veciñas e veciños,
si,
daquela si,
contigo si,
conta comigo.
Contigo, con Francisco,
onde haxa malas novas,
poña eu a túa boa nova
ou cousas que lle abran unha miguiña as portas.
Onde haxa desesperación,
poña eu esperanza miúda
ou cousas que lle sinalen o camiño.
Onde haxa desprezo aos sindicatos,
poña eu crítica e apoio para que sexan o que deben ser.
Onde haxa trampas e enganos,
falacias,
que auguran e prometen boa convivencia
sobre o a base do abuso e o atropelo,
poña eu lucidez e verdade
sobre o corpo desenganados da xente débil.
poña eu, contigo, perdón e contundencia,
para que o mal non se asente na casa do abusador,
e tampouco na do abusado.
Onde haxa medo e pánico,
encollemento,
poña eu serenidade e audacia,
disposición,
para afrontar en grupo, en comunidade,
os retos do presente.
Onde haxa unha fe apagada ou morta,
fofa e palabreira,
poña eu con humildade a graza do teu nome
e a túa presenza nova e soñadora sobre o ronsel das horas.
Signo:
- Unhas gallas secas, e, ao seu lado, outras gallas cheas de flores e froitos.
- Un rostro apagado e outro rostro vivo, alegre.
- Alguén construíndo un edificio, alguén labrando un campo, alguén sementando na terra.
- Persoas illadas, de costas unhas para outras; ao lado, o grupo, conversando, debatendo, bailando.
- Algunha asemblea do 15 M.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.