15 maio, 2012

Escrito de apoio a Andrés Torres Queiruga

Publícase o "Escrito de apoio a Andrés Torres Queiruga", elaborado por persoas da Escola, que foi lido na última sesión e remitido as autoridades e organismos convenidos.


ESCRITO DE APOIO A QUEIRUGA

     Estes días véñense oíndo moitas voces de solidariedade co profesor  Andrés Torres Queiruga. Son testemuños claros, fondos  e ben fundamentados, que poñen de manifesto unha vez máis que contamos cunha igrexa plural e dinámica.

     Nós, persoas de toda condición e formación, que nos reunimos varias veces ao ano en Santiago, desde hai moito tempo; seguidores de Xesús que temos o privilexio de sermos acompañados  por Andrés en lecturas, estudos, debates e reflexións, queremos sumarnos a esas voces. Non porque vaiamos aportar argumentos superiores ou máis interesantes, senón porque cremos de xustiza dada a  situación actual, manifestar publicamente a nosa gratitude e satisfacción polo seu labor; e dar testemuña do beneficio que produce en nós a experiencia,  o saber e máis o traballo do noso querido e admirado irmán na fe.

     Se cadra, cumpriría para non confundirmos  a opinión pública, aclarar que San Anselmo define a teoloxía como “a fe que procura entenderse ou comprender  coa razón”, é dicir, a fe que busca entender. O punto de partida é a fe e o punto de chegada é entender. A teoloxía é, polo tanto, unha obra de fe dirixida pola graza que busca entender. Os teólogos non propoñen as súas verdades como definitivas, senón coma  un camiño que pode ser explorado. Neste sentido destacamos a fidelidade de Andrés Torres Queiruga  á súa vocación de teólogo e admiramos o seu labor como buscador que ofrece camiños que podemos seguir ou non, que podemos aceptar ou cuestionar, sen que iso signifique poñer en dúbida a seriedade do seu estudo teolóxico. Fomos e somos testemuñas de que o seu traballo sempre é un intento leal e sincero de axudar a nosa fe, para intentar comprender. Agradecemos fondamente esta dedicación e esforzo por facernos comprensible a fe para persoas de hoxe,  nós mesmos,  nun cuestionamento sensato e intelixente   á luz da razón e da crítica, en diálogo coherente coa ciencia e a cultura.

     Sempre vimos en Andrés Torres Queiruga, un home de intelixencia amplia e mansa, leal membro da igrexa, convidando a unha pertenza sincera e lúcida, que fai o imposible por  abrir, con infinito respecto, canles de diálogo, comprensión e participación. Non entendemos como se  pode ver ningunha  ameaza nunha persoa e nunha obra que é  dialogantemente crítica, si, pero claramente destinada a servir, dar á luz, cunha xenerosidade que deixa claro o principio máis fundamental do cristianismo: amar e servir. Nunca, en todo o tempo que tivemos o privilexio de  relacionarnos con Andrés, (algúns máis de vinte anos), nunca,  escoitamos unha palabra de desprezo por quen hoxe o intenta desprestixiar. Damos fe de  que Andrés ademais de  sabio é basicamente un home bo e de arraigada espiritualidade, que se manifesta no seguimento de Xesús e na  esperanzadora  visión da relación do home con Deus, por iso  prodúcenos maior mágoa  tan inxusto apercibimento público.

     É de xustiza salientar en Andrés Torres Queiruga a súas cualidades persoais: paciencia, humildade, coherencia, actitude conciliadora (non acrítica), enorme sentido didáctico para explicar, escoitar, atender e  responder a todas as nosas inquietudes e preguntas de xeito fraterno  e desinteresado, asumindo un inxente traballo divulgativo co que nos facilita a información que el posúe tras anos de estudo e análises dos autores máis destacados de todos os tempos en materia de teoloxía  e filosofía, e faino ademais, con actitude de servizo e doazón.

     Somos e sentímonos igrexa, “pobo de Deus en marcha”, que  acollemos, recoñecemos,  testemuñamos e celebramos o enorme beneficio producido polas ensinanzas de Andrés Torres Queiruga. Grazas, Andrés, e  dicímoscho dirixíndonos a ti. Grazas por ir abrindo canles de acceso a Deus, grazas por facer posible que as persoas que buscaban  madurar na fe, encontrasen en ti un camiño para facelo. Grazas polas persoas que  no reino da descrenza ou agnosticismo, achegáronse a  abrazar unha fe viva, esperanzada e comprometida. Grazas por todos aqueles que,  por ti caeron na conta da presenza amorosa de Deus que nos move cara a un mundo mellor: un mundo solidario para compartir os bens, un mundo sobrio para  gozalos  e un mundo  razoado para comprendelo a través dos ollos da fe.

     Estes asinantes teñen a honra de chamar a Andrés amigo, irmán, profesor, e manifestan compartir con el a experiencia de fe como liberación, a fe que quere entender. É a comunidade quen outorga a autoridade e o recoñecemento dun saber e dunha forma de estar na vida. Pensamos que debera ser un orgullo para  a diocese de Santiago e para o pobo galego poder contar cunha persoa coas cualidades intelectuais e persoais de Andrés, coa súa categoría humana e teolóxica. Para nós como membros desa diócese e  doutras próximas, sen dúbida éo.  Alentamos a don Julián Barrio, arcebispo de Santiago,  a perseverar no seu papel de pastor para evitar divisións innecesarias e, segundo nós, infundadas, xa que ninguén  posúe a exclusividade  da inspiración e o  pulo do Espírito.  Ás  veces, os ataques son sinais de que estamos no bo camiño (“benaventurados cando vos inxuren, vos persigan…pola miña causa”).

     Por último, desexar que se cumpran as palabras  de San Agustín:  “In necesariis unitas, in dubiis libertas, in omnibus caritas”. No esencial, unidade, no dubidoso, liberdade; en todo, caridade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.