Evanxeo: Mc 4, 26-34
Comentario:
Despois do tempo especial da Coresma e da Pascua, e despois tamén das festas da Trindade e do Corpo e Sangue de Cristo, volvemos ao que na linguaxe litúrxica se chama “tempo ordinario”. É o tempo normal, poboado polas circunstancias normais que compoñen a nosa vida, cos imprevistos que sempre nos poden chegar, no que imos sustentando a nosa existencia, a nosa vida, o noso compromiso, no recordo de Xesús. Ese recordo chéganos entre outras cousas pola lectura continuada dun Evanxeo, neste caso do Evanxeo de Marcos; invítasenos a lelo, meditalo, traballalo pacientemente, comunitariamente se podemos, para sacarlle toda a forza de vida que no Evanxeo sen dúbida se nos ofrece. Así, vida diaria e Evanxeo seguido, poden sosternos pacientes e valentes para a vida. Non está de máis máxime tendo en conta os tempos que corren.

O Evanxeo de hoxe cóntanos dúas parábolas, ao redor do tema da semente e da sementeira, cousa que vía practicar e que tamén el practicaría. Vese que isto das sementes lle afectou moito a Xesús. A primeira, a da semente que medra mentres o sementador/sementadora dorme, é exclusiva de Marcos. Unha semente que prende e medra sen que quen a botou se decate, fálanos de que é preciso que haxa sementeira, de que alguén certamente semente; pero fálanos tamén de que hai dinamismos internos, fondos, que non controlamos, que sosteñen a eficacia da semente e garanten a chegada dos froitos. O traballo é necesario, pero o activismo é malo; o traballo faise imprescindible, pero necesita da confianza, da humildade, porque a garantía última non está nas nosas mans. E isto non é pasividade. Isto é darlle á acción o contrapunto imprescindible para que leve realmente a algo novo, mellor.
Que pode significar isto, por exemplo, nos tempos nos que estamos vivindo? Invítasenos a multiplicar a reflexión sobre do que pasa, invítasenos a multiplicar accións de xustiza, de solidariedade, pero invítasenos a escoitar e acoller no silencio os dinamismos fondos, creativos, que abren alternativas. Acoller, agradecer, deixarse arrastrar, gozar do que aquí e acolá vai xurdindo, con humildade, pero que é capaz de levantar a esperanza. Todos, todas, coñecemos rostros e feitos que nos poden introducir nesta nova dimensión .

Preces:
ACOLLÉMONOS, XESÚS, NAS PONLAS DA TÚA ÁRBORE
- Que saibamos sementar neste mundo contigo sementes de humanidade, humildes e vigorosas, capaces de resistir ante as ameazas do poder e dos cartos. Oremos.
- Que saibamos, Xesús, traballar de día e durmir de noite, deixando que a serenidade e a confianza na xente, en Deus, humanice tamén o noso traballo. Oremos.
- Que non nos deixemos arrastrar polo grande en ningunha das súas manifestacións; que amemos e coidemos o pequeno, que nos sumemos ás pequenas iniciativas que leven o sinal de Deus e da vida dentro de si. Oremos.
- Que como persoas e como comunidades cristiás busquemos con afán cousas alternativas, como pode ser a Banca Ética, ou outras que se dean no noso entorno. Oremos.
- Que saibamos gozar coas poucas cousas que temos, que saibamos descansar e gozar de días de vacacións, que coidemos o noso corpo cada día e o noso espírito cada día tamén. Oremos.
Pregaria:
Grazas, meu Deus,
por todas as sementes humildes,
por toda a xente insignificante
que cada día aposta por vivir, amar e coidar.
Grazas, meu Deus,
pola xente que semente e traballa,
programa e organiza pacientemente,
e pacientemente tamén
cala, reza, acolle, festexa, agradece e dorme.
Grazas por esa familia que acolle o fillo no paro,
por esa filla que renunciou a tantas cousas merecidas
para acompañar o seu pai na enfermidade e na morte,
por esas casas nas que houbo que descubrir de novo con sorpresa
o valor da austeridade e mesmo da pobreza.
Grazas, meu Deus, pola xente solidaria,
que bebe humanidade nas túas diversas fontes,
e a practica no día a día,
andando camiños e rúas,
para descubrir o rostro pobre necesitado de pan e de compaña.
na súa condición de rico ben pagado
ou de menos rico ben asistido,
opta por romper seguridades,
por poñerse contigo e cos teus pobres á intemperie
reclamando o necesario para todos/as.
Grazas, meu Deus, por ti,
dona e servidora de todas as sementes,
de todas as esperas produtivas,
de todas as árbores fornecedoras de amparos e de sombras,
de todos os froitos saborosos,
dona e servidora, ti, meu Deus,
do tempo novo que, no fondo, desde a fe ou desde o desespero,
todos anhelamos.
Signo:
- Sementes pequerrechas
- Sementador, sementadora.
- Xente sentada, tranquila, relaxada, durmida.
- Grupos de xente humilde que se xunta para facer algo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.