19 xuño, 2012


Pasos para un Novo Éxodo
Santiago González Avión

Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, dicindo:
- O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos e crede na Boa Nova. Mc 1, 14-15

Os anos das vacas gordas

A volta de dous anos, o faraón tivo un soño. Soñou que se atopaba á beira do Nilo.
Da beira do río subían sete vacas ben feitas e cebadas, e púñanse a pacer xuncos. Ex. 41, 1-2

Podíamos seguir polo camiño que levábamos?

Leo textualmente no informe de WWF - Adena, no seu Informe Planeta Vivo 2012, que veño de recibir no meu correo electrónico:


Actualmente, a demanda da humanidade excede en preto dun 50% a capacidade rexeneradora do planeta, polo que estamos a destruír o capital natural en lugar de utilizar tan só os intereses, que sería o sustentable.
A Pegada Ecolóxica da Humanidade é a medida da deterioración que as actividades humanas producen nos sistemas naturais, representada pola superficie de ecosistemas que ditas actividades necesitan para producir os recursos e absorber os impactos que xeramos.
A resposta, daquela, é moi clara: polo camiño que imos, non podemos seguir. A humanidade ao completo necesita un camiño novo. Esta afirmación, tan rotunda, é moi perigosa. Porque pode dar a impresión de que sei (ou sabemos) o camiño que debemos percorrer. Nada máis lonxe!

E a nosa economía, podía seguir polo camiño en que andaba?

A economía española en xeral, e a de Galicia non foi unha excepción, viviu durante catorce anos, dunha economía baseada na construción e na especulación. O que hoxe era comprado por cinco, mañá vendíase en dez... Non se creaba capital, no sentido clásico de traballo acumulado. Tampouco era incorporación do coñecemento aos procesos de produción ou de servizo. A riqueza era froito da capacidade de pedir prestado e de que outros nos deixasen o que non era noso; e máis ben tarde que cedo deberíamos devolver.
 Pero a cousa non paraba aí: os créditos hipotecarios, que conforme ao manual, debería cubrir como máximo o 70% do custe da vivenda, chegaban a concederse polo 110% do que custaba a casa, para incluír tamén os mobles. E os créditos, ampliábanse para comprar coche e ir de vacacións. Parecía que o único límite verosímil era o que estableceu don Juan Tenorio: “ahí me las den todas, si tan largo me lo fiais”. 
Pero hai un momento en que a máquina deixa de xirar e descubrimos que estabamos sobre o baleiro. É o momento da creba do sistema financeiro americano! Con todo, como non nos tocou enteiro, pensamos que podíamos pasar sobre o problema sen consecuencias. Botámoslle as culpas a Zapatero e tiramos para adiante. Así, as cousas foron a peor, pero non chegaron a tocar fondo ata agora...

Será o fin deste sistema económico?

Desde logo, o sistema capitalista non se vai acabar desta. O que está a acontecer, máis ben, é que está a piques de rematar a arquitectura financeira e os discursos sobre ética económica que acompañaron ás institucións de Bretton Woods. Xa se dera un primeiro paso durante a Guerra de Vietnam, cando os EEUU se negaron a converter dólares en patrón ouro. Pero os derivados financeiros, centuplicados desde aquel momento, fan irrecoñecible o fundamento do diñeiro na economía real. Non esquezamos que o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional forman parte do sistema nacido en Bretton Woods.
Pero está a terminarse o dominio do mundo occidental sobre a economía mundial. A emerxencia de China como potencia mundial e as aspiracións da India (xuntas forman a cuarta parte da humanidade) non deixa lugar a dúbidas sobre cal será o centro do poder e dos conflitos no século que estamos a comezar. Desde logo, a nós quédanos ser unha periferia. A pregunta é que tipo de periferia queremos ser e se nos deixarán ser o que queiramos.
Entre a visión apocalíptica que predica o fin do sistema capitalista, acaso cunha nova invasión dos bárbaros, eu máis ben penso no comezo dunha nova época helenística, no que os sátrapas empregan a cultura, a tecnoloxía e o conxunto da civilización ao servizo de proxectos políticos que non están fundamentados no humanismo, senón na idolatría do poder.

Os anos das vacas fracas

Detrás delas subían outras sete, feas e ensumidas e parábanse onda as primeiras, á beira do río.
As vacas feas e ensumidas devoraban as sete ben feitas e cebadas. Xen 41, 3-4.

Todos tivemos parte da culpa

Vivíamos felices (como sociedade) e confiados no futuro, cando, de súpeto, chegou a crise e devorou a expectativa dun crecemento sen fin e dun benestar crecente. A Sociedade do Benestar (que predicaron os teóricos da Terceira Vía, e que era tamén unha sociedade do risco) foi substituída pola Sociedade do Malestar. Non serviu cambiar aos gobernantes: estamos nun pozo que parece non ter fondo.
Desde o punto de vista das responsabilidades hai dúas mentalidades que debemos rexeitar completamente. Unha é a que procura a orixe de todos os males no exterior e outra a que fai do conxunto da cidadanía, de cada quen de nós, responsables últimos do que está a pasar. As sociedades complexas raramente admiten explicacións unilaterais. Sen a nosa complicidade non chegaríamos a onde estamos. Pero non ten a mesma responsabilidade un albanel que o gobernador do Banco de España. O victimismo e a teoría conspirativa da historia non aclara os mecanismos de complicidade entre os poderosos e as beneficiados dos anos das vacas gordas. A autoflaxelación exculpa, polo menos parcialmente, aos mecanismos do poder (especialmente do poder económico) para levalo todo ao camiño da ética e da cultura.
Cando insisto na intuición de Marcelino Legido de que non estamos en Exipto, senón en Babilonia, é porque o primeiro cativerio fora violento ata o final. O segundo, creado por unha violencia inicial, buscaba a conformidade do Pobo do Éxodo coa vida de Babilonia.

Pero sofre máis quen menos culpa ten

Insisto en que a cuestión non radica en repartir as culpas, porque nin todo o mundo disfrutou do mesmo xeito dos anos de bonanza, nin todo o mundo está a pasar polas mesmas privacións nos anos de necesidade.
Mentres que o número de persoas en situación de pobreza permaneceu invariable en Galicia e en España durante vinte anos, a pesar de que o número de millonarios foi multiplicado por catro, co conseguinte incremento da desigualdade, o comezo da crise deu como resultado a incorporación de dous ou tres millóns de persoas á pobreza (e outras tantas ao desemprego).

Os depredadores ameazan con devorar o sistema de convivencia moderno

Aínda que neguei e continuarei a negar que veña ningún tipo de fin dos tempos no momento que estamos a vivir, non quero ignorar os perigos que estamos a vivir. Porque, no fundamental, vimos dun orde en que a equidade tiña un sentido ou, mellor dito, formaba parte do consenso básico en que se asentaba a sociedade. Nos ideais da revolución burguesa, eran: “Égalité e Fraternité” xunto coa liberdade os piares do novo orde social. Pero estamos a presenciar unha revolución en que o darwinismo social gaña predicadores e adeptos cada día, e no que se relacionan os servizos públicos e a solidariedade social co despilfarro e coa falta de ética. Esa revolución ten dous pés para andar, onde un aposta polo liberalismo e outro polos discursos identitarios e excluíntes, especialmente desde a óptica do fascismo.
Pero, a máis da súa articulación política, están as súas fórmulas de articulación económica e financeira. Resulta curioso que as transaccións se sucedan sen cesar, programadas as máis das veces por máquinas, procurando algoritmos sen alma e sen función produtiva. E que os donos do diñeiro sexan tamén en boa parte clientes corporativos, centos ou miles de persoas agrupadas nun fondo na procura da rendibilidade. Un sistema sen alma! Pero a ese sistema chámaselle eficiencia dos mercados.
Co paradoxo de que primeiro os Estados rescataron aos Bancos, sen cargas e sen procesos xudiciais, e agora os Bancos rescatan aos Estados, impoñendo o corte radical dos servizos públicos para convertelos en mercadorías.

A ollada de Xesús e as alternativas na historia

Pero, vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela,
porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor. Mt 9, 36.

O orde que integra e entristece

Quero comezar esta reflexión pola intuición de M. Legido: o orde actual “integra e entristece”. E continuar formulando a súa pregunta: “Que vai ser da Teoloxía da Liberación o día que América Latina despegue social e economicamente?”. Porque o despegue xa se produciu, apareceu a democracia e a clase media, reduciuse a pobreza e incrementouse a integración global da súa economía, lonxe do proteccionismo do pasado e da dependencia dos Estados Unidos. E agora da T.L. queda o testemuño, un resto con capacidade de crear ilusión e esperanza, pero cada día menos relevante socialmente.
Nós, a cambio, somos unha sociedade efectivamente entristecida, cansa, vella, sen horizontes nin ilusión.
Nin sequera iniciativas como “Esto lo arreglamos entre todos”, coa súa chamada aos valores colectivos, foi capaz de xerar e manter a ilusión. Estamos diante dun “sálvese quen poda” colectivo.

“Perroflautas” e “yayoflautas”: o mundo desde as marxes

Hai un movemento colectivo que se ergue desde as marxes para reclamar un cambio, chámese 15 M, Democracia Real xa!, “Perroflautas” ou “yayoflautas”.
A súa acampada ven lembrarnos que, en Xesús, Deus plantou a súa tenda entre nós (Xn 1, 14). Ora ben, entre a acampada do 15 M (que tiven ocasión de presenciar no verán do 2011) e as tendas dos beduínos plantadas no deserto, no medio dunha treboada de neve, como puiden vivir entre o Sáhara e o Atlas no inverno de 2009, hai unha diferenza abisal.
Estas dúas imaxes cruzadas na experiencia da miña vida serven para afirmar que hai que relativizar á nosa sociedade desde movementos alternativos como o 15 M. Pero, na humildade do Espírito de Xesús, hai que relativizar o 15 M desde os últimos da terra.
Podemos adoptar dous exemplos para emprender esa desmitificación e ese descentramento dos que falo: os yayoflautas, xente maior afectada polas Preferentes dos Bancos (p. ex. de Nova Galicia Banco) piden a devolución dos seus aforros de toda a vida. É de xustiza! E cuestiona o actual status. Pero non cuestiona o conxunto do sistema; xulga a nosa condición actual de vítimas.
Digo outro tanto da cuestión das hipotecas. Conservar unha débeda por vida, tras un impago, parece inxusto. Pero resulta paradoxal que as clases medias e baixas en España o mesmo que nos Estados Unidos, vivisen tres lustros de incremento do seu patrimonio (capital ou riqueza) que non se correspondía coa súa renda. Ou cuestionamos de raíz as políticas económicas e as estratexias de vida que relacionan o valor de cambio da vivenda co seu prezo, e optamos por un valor de uso (onde os parques públicos teñan presenza maioritaria). O movemento contra o desafiuzamento non se corresponde aínda cunha mentalidade maioritaria na que o ideal de vida non é unha vivenda en propiedade desde idades moi temperás. Máis ben é un movemento contra a perda dese privilexio. Cuestiona unhas inxustizas, pero non entra a fondo en outras.

O decrecemento como base da alegría

Varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono. Lc 5, 11.
As raposas teñen tobeiras e os paxaros niños, pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza. Mt 8, 21.

Quero insistir en que a condición actual do seguimento de Xesús, pero tamén da pervivencia do Planeta, pasa pola renuncia (voluntaria ou forzosa) a un determinado nivel de consumo e mesmo de vida.
A vinculación na teoría económica (entre a ciencia e a teoloxía laica do deus Mammón) entre Desenvolvemento e Crecemento, forzou á humanidade toda a vivir incrementando a pegada ecolóxica, consumindo xa os recursos de un planeta e medio como a terra e camiño de precisar dous planetas coma o noso antes de mediados de século.
Hoxe, máis que nunca, cómpre unha crítica a esa teoloxía dun deus depredador e que non só esixe sacrificios humanos, senón a inmolación da terra enteira no seu altar, chamándolle “externalidades”. Pero non hai ningunha crítica seria e crible que non pase por facer unha renuncia voluntaria (aínda que só sexa parcial) ao que constitúe a razón de ser non só das persoas, senón das sociedades capitalistas en xeral e do sistema económico e da civilización mundial.

A fraternidade no mundo

Pero el respondeulles: Dádelles vos de comer. Mc 6, 37

Tamén M. Legido titulaba así o seu estudo sobre a eclesioloxía paulina. Escollo esta frase como cabeceira da terceira parte da miña exposición porque sinala un horizonte, a fraternidade e un lugar onde acontece, o mundo.

Utopía
La utopía está en el horizonte. Camino dos pasos, ella se aleja dos pasos y el horizonte se corre diez pasos más allá. ¿Entonces para que sirve la utopía? Para eso, sirve para caminar.
Eduardo Galeano
Durante a modernidade, as utopías do progreso estaban fundamentadas no convencemento de que o mundo camiñaba a unha mellora continuada. E mesmo as formas de loita política e de dialéctica intelectual estaban encamiñadas a procurar os mellores e máis doados camiños para a utopía. Pero a crise da modernidade (nas actuais condicións que podemos chamar posmodernas ou de modernidade avanzada), non apuntan para un logro real de ningunha utopía, se entendemos por tal unha mellora das condicións de vida que chegue a todas as persoas e que as faga felices. Certo que a esperanza de vida da xente mellorou moito durante o último século. Tanto, que na vida dos meus avós, a poboación humana do planeta multiplicouse por dous dúas veces. Pero tamén foi o século do Holocausto e do Gulag, da represión do movementos populares en América Latina e do xenocidio de Pol Pot, en Camboxa. Aínda que queiramos, xa no podemos crer que todo seguirá indo a mellor. E, porén, as persoas que cremos na solidariedade, e sobre todo se acreditamos no camiño de Xesús, estamos chamadas a dar mostras de que as cousas poden cambiar e a vida da xente pode ser mellor, desde a óptica do benestar e da ledicia.
As leccións aprendidas lévannos a dúas afirmacións de modestia e de simplicidade. Por unha parte, a escada global é difícil atopar un camiño único que leve ao benestar e á emancipación das persoas e dos pobos. Xorden friccións entre liberdades, entre intereses e entre culturas, para os que non temos un árbitro doado, salvo desde o uso da poder da forza. Podemos e debemos construír utopías de escada humana, en territorios e dimensións manexables; pero a pretensión de humanizar o planeta no seu conxunto aparece como unha empresa prometeica. Ora ben, a escada humana non se mide, sen máis, pola individualidade, senón tamén pola comunidade.

As formas da comunidade

Temos dous camiños en que a comunidade pode realizar a súa función, e estes veñen de vello, e non teñen nada que ver coa situación en que estamos. Acaso a día de hoxe son máis actuais do que nunca, pero sempre estiveron aí. Un deles, tenta curar as feridas e levar ledicia aos lugares onde nos tocou vivir. Outra tenta crear novas formas de convivencia, marcadas pola utopía, onde a igualdade e a fraternidade sexan unha realidade, e onde non esperemos por unha creba na burbulla ecolóxica para comezar a vivir desde a sobriedade, lonxe do consumismo.
Non é doado facer unha elección por unha delas. As máis das veces, haberá unha hibridación entre ambas. Pero non perdamos de vista que entre a vida consagrada e a militancia para a transformación do mundo desde dentro hai pontes, pero son as dúas ribeiras do río da Vida no Espírito.
Por veces, quen está a construír fraternidades que anticipen a Utopía, sente a urxencia da transformación social, máis alá dos modelos que poda achegar a súa experiencia comunitaria. E fará ben e tratar de achegar, o máis posible, a súa experiencia para a humanización dos espazos en que convive.
Outras, quen está do lado da militancia, sentirá a necesidade de ter un recuncho cálido e acolledor no que se fagan realidade, polo menos por un tempo, algúns dos anceios nos que andamos. Pero a complementariedade non deixa de ser unha forma máis de indicar as diferenzas existentes entre os dous camiños.

Alegría

Cousa diferente é a necesidade de nutrir a vida do Espírito. Hai, de feito, formas de intervención social e de transformación baseadas en virtudes puramente laicas. Pero existe, no marco de sociedades esgotadas desde o punto de vista vital e desde os seus proxectos cultuais, unha forte dificultade por soster esa mística. Pero o máis habitual é que as formas modernas de espiritualidade adopten a un tempo formas contemplativas e activas, transformadoras do ámbito persoal e do comunitario.
Unha boa metáfora é a que afirma que precisamos persoas sólidas para tempos líquidos. Persoas con sensibilidade e con fortaleza, con introspección e con capacidade de comunicación, con sensatez e con capacidade de arriscarse.
Cun último apuntamento: como dicía San Francisco de Sales, un santo triste é un triste santo. Acaso aínda no coñecemos a perfecta alegría. Pero se somos capaces de saír de Babilonia e cruzar o deserto, camiño de Xerusalén, acaso coñezamos algo similar ao gozo dun pobo que se recoñece vivo e cun motivo para camiñar.

Sobrado dos Monxes, 9 de xuño de 2012

2 comentarios:

  1. María Potel11:34

    Alégrame ter o artigo completo. Dado que me interpelou bastante, vou tratar de levalo ao grupo de reflexión do que formo parte ( ao marxe da Escola de espiritualidade)para dalo a coñecer e dedicar polo menos unha reunión a comentalo.
    Gracias pola oportunidade de compartir isto en Sobrado.
    Unha aperta.María

    ResponderEliminar
  2. Gracias, Santiago, por termos agora a oportunidade de "escutar" o teu texto na íntegra... Te pedimos perdão pelo calor das nossas intervenções, no Sobrado. Por vezes é difícil ver em todos os quadrantes. Pedimos desculpa e agradecemos o texto, que vamos recuperar para um encontro com amigos aqui, em Forjães, dia 7 de Julho. Abraços Emília e Mário

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.