08 agosto, 2012

12 de agosto: Domingo XIX do Tempo Ordinario (B)

Evanxeo: Xn 6, 41-51

Comentario:
Estamos nun momento convulso, a nivel social e, para moita xente, tamén a nivel persoal. Guiados polo evanxelista Xoán, estamos dándolles voltas á súa catequese sobre Xesús como pan de vida, que ten capacidade de soster o mundo. Pero a realidade é que hai moita xente, millóns de persoas, que están razoablemente preocupados polo pan de cada día, polo alimento cotián, polo fogar cotián, polo traballo cotián, pola súa integración cotián nunha sociedade que lles permita vivir con dignidade. A nivel persoal e a nivel comunitario non debemos evitar facernos a pregunta: como podemos combinar estas dúas realidades? E darlle unha resposta que atenda ás necesidades da xente e que estea atenta tamén ao ofrecemento de Xesús.
     No é máis complexo o noso tempo do que o era o tempo de Xesús. Por iso a pretensión de Xesús e/ou das primeiras comunidades cristiás de presentalo como o remedio de vida para a situación presente chocou moito no ánimo da xente. Estamos moi afeitos/as a escoitar con rutina as palabras de Xesús (ou do seu comentarista Xoán): “eu son o pan que baixou do ceo”, ou “eu son o pan da vida”, ou: “eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre”. Con estas palabras Xesús, as primeiras comunidades cristiás, afirmaban o seu convencemento de que en Xesús hai remedio de vida para calquera situación, por complexa que esta sexa. A pretensión de Xesús foi obxecto de ridículo por parte de moitos conveciños/as, coa crítica que ben coñecemos: “Non é este Xesús, o fillo de Xosé? Non lle coñecemos o pai e máis a nai? Como di, logo: ‘Eu baixei do ceo’?”.
     Os comentaristas están de acordo en dicir que cando o evanxelista Xoán afirma: “o pan que eu darei é a miña carne...”, ao empregar a palabra “carne” no canto da palabra “corpo”, da que botan man outros evanxelistas, quere recalcar o carácter de debilidade, de fraxilidade, co cal se acentúa a realidade chocante de todo o de Xesús. É coma dicir: no pouco, no débil, no non poder, no non éxito, na cruz, no perder a vida, (e todo iso embebido na corrente maxestosa, pero calada, do amor, da solidariedade, que invade todo o de Xesús), aí é onde misteriosamente hai vida, hai presente e hai futuro para as persoas, para as sociedades, para a humanidade.
     O papel dunha comunidade cristiá nos tempos de hoxe, coma nos de onte, é, primeiro, crer esta oferta de Xesús. Crer nela, aceptala, incorporala á propia existencia, vivila gozosamente, vivila creativamente, que quere dicir tanto coma buscarlle saída e realizacións concretas nos tempos concretos que estamos vivindo, nas situacións concretas nas que os homes e mulleres de hoxe nos estamos vendo envoltos/as.
     Que pode significar hoxe para nós aceptar o pan-carne, que Xesús nos dá? Que pode significar aceptar a fraxilidade namorada, a fraxilidade solidarizada, que Xesús nos ofrece? Con que formas de palabra, de feitos de vida, podemos espallar hoxe este convencemento de Xesús e das primeiras comunidades cristiás, de que na fraxilidade dada, entregada, baleirada, hai futuro, máis aínda, está o futuro? Cremos que na pobreza namorada, solidarizada, activa e pasivamente, está a clave da solución das cousas? Embarcámonos con Xesús nese gozo, nesa tarefa? Ou é que, no fondo, tamén nós pensamos que isto é unha inxenuidade, e que quén é Xesús e o de Xesús, a causa de Xesús, para semellante pretensión de querer ser vida do mundo amortuxado, curación para unha sociedade ferida? Ou é que, no fondo, tamén nós pensamos que é no poder, frecuentemente insolidario, non amante, onde hai futuro, bo ou malo?
En tempos de “nova evanxelización”, no que se nos quere meter a todos/as –e iso está moi ben--, sería ben que nos preguntásemos como persoas, como membros de comunidades cristiás, se realmente estamos sendo coa vida realizadores, realizadoras, desta pretensión de Xesús. E estaría ben que este, e non outros, fosen os puntos de conflicto que tivésemos cos nosos coetáneos non crentes: pero onde van estes pretendendo, desde a fe en Xesús, poñerlle remedio ao mundo desde a pobreza, a fraxilidade solidaria?


Preces:
TODOS, TODAS, SERÁN ENSINADAS POR DEUS
  • Que, coma ti, Xesús, todos, todas nos deixemos levar e ensinar por Deus, para vivir efectivamente en amor solidario nos tempos que corren. Oremos.
  • Que saibamos seguirte, Xesús, que saibamos ofrecer con humildade, con vigor, con frescura ás nosas sociedades o alento que ti nos deches para a vida do mundo .Oremos.
  • Que, algo coma ti, nos fagamos pan para os débiles, cos nosos cartos, co noso acompañamento, co noso apoio. Oremos.
  • Que abramos as nosas comunidades cristiás ao que pasa no mundo, na parroquia; que saiamos das Misas, das celebracións, sempre máis atentos ao que no pobo se vive, se loita, se sofre, se goza. Oremos.
  • Que acompañemos no día a día nas súas accións aos que están loitando por defender os seus dereitos, o seu pan. Oremos.


Pregaria:
E cóllesme da man, Xesús,
e lévasme á escola de Deus,
onde todos e todas son ensinadas
para o exercicio simple e diario do amor,
para que aprenda,
para que deixe enchoupar a vida de afectos solidarios,
e me perda contigo na nobre tarefa
de ser froito e semente de fraternidade.
Grazas!

Cóllesme da man
e lévasme a casas e lugares insospeitados,
onde viven persoas insospeitadas,
que falan de ti cunha linguaxe insospeitada,
persoas insignificantes, populares,
pegadas á práctica diaria de amar e servir,
de dar, de darse,
de facerse soño e mantenza de excluídos/as,
e chégame o eco das túas mesmas palabras:
“eu son o pan que baixou do ceo”.
Grazas!

Cóllesme da man, Xesús,
a túa man quente, vigorosa,
afeita ao traballo e ás apertas,
ás bendicións e aos perdóns,
aos alentos e ás esperanzas novas,
e dásme a túa mantenza, o teu espírito,
a túa fe, as túas conviccións, a túa causa,...
posme diante da hora presente,
e disme: chégache o meu pan, a miña carne,
chégache a fraxilidade, a pobreza namorada,
apúntate comigo á pequena comunidade soñadora
que cambiará a sorte deste mundo.
Grazas!

 Signo:
  • Rostros anónimos.
  • De novo o pan.
  • Un Cristo en debilidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.