Evanxeo: Xn 6, 51-58
Comentario:
Seguimos colectivamente coa crise ao lombo, e, moi probablemente tamén, seguimos cada un, cada unha, coas nosas batallas persoais, familiares, comunitarias, de sindicato, de partido, de asociación veciñal, etc. E o evanxelista Xoán segue intentando iluminar a nosa realidade de cada día con esta súa catequese sobre Xesús e o seu posto na nosa existencia, a partir daquel feito-signo da multiplicación dos pans e dos peixes.
Xa dixemos noutros momentos que o evanxelista Xoán xoga moito na súa comunicación co dobre sentido das palabras, co dobre significado dos verbos, das expresións. Por exemplo, no evanxeo de hoxe isto salta á vista coa expresión de “comer a súa carne”, “comer a carne do fillo do Home”, que para o evanxelista Xoán tiña un sentido, e para a xente que o escoitaba parece que tiña outro, máis primario, e por iso se preguntaban: “como pode este darnos a comer a súa carne?”.
Así, pois, como homes e mulleres cristiás, como comunidade cristiá, poderiamos e deberiamos preguntarnos que pode significar para nosoutros hoxe comer a carne de Xesús, e beber o sangue de Xesús; xa que, segundo Xoán pon en boca de Xesús, nisto xogámonos moitos os cristiáns, as cristiás: Ter vida en nós, ter vida eterna e ser resucitados/as no derradeiro día, permanecer en Xesús e que el permaneza en nós, vivir por Xesús, e, con Xesús, vivir polo Pai, participar nesa vida para o mundo, que o Pai e Xesús se empeñar en facer florecer.
Posiblemente se nos vaia a cabeza a pensar directamente que comer a carne de Xesús, beber o seu sangue será comungar nas celebracións, na Eucaristía. E cremos que, en parte, está ben pensado. Claro, todo depende do sentido e da vivencia real que teñamos do feito de comungar nas Misas. Xa o domingo pasado falabamos de que a carne, o sangue, no xudaísmo significaba a parte corruptible, fráxil, histórica dunha persoa; era a persoa vista desde esa perspectiva. Sendo así as cousas, parece que para poder comer a carne e beber o sangue de Xesús, e así beneficiarnos de todas as bondades que o evanxelista fai depender dese feito, é condición imprescindible aceptar, asumir, acoller, facer nosa a condición terrea de Xesús; é dicir, comungar co estilo de vida de Xesús, coas súas causas concretas, cos seus convencementos, coas súas opcións vitais fundamentais en cousas tan concretas coma, por exemplo, a tenencia e uso do diñeiro, as relacións coa xente e coas formas de poder, a maneira de situarse ante os máis débiles da sociedade, a súa concreta visión do que é ter éxito ou fracaso na vida, a súa busca constante do rostro e da vontade de Deus na súa vida, a súa belixerancia contra quen manipulaba a fe da xente humilde para sacar beneficio propio, etc.
Comer a carne de Xesús, beber o seu sangue: comungar coas causas de Xesús. A tarefa fundamental dun cristián/á, dunha comunidade cristiá é a de preguntarse cales son hoxe as causas de Xesús, que rostro concreto terían hoxe as causas de Xesús, para apuntase a elas en corpo e alma, para poder ser así testemuñas de Xesús, coa nosa existencia diaria. Por iso é tan importante volver aos evanxeos, volver ao Xesús histórico, porque é a comuñón con ese Xesús histórico, e non outra cousa, a que nos abre as portas para experiencias sólidas, como as que nos anunciaba o evanxelista.
De non ser así, facilmente podemos entrar nun mundo de experiencias espirituais raras, que nin nos levan a unha comuñón densa con Deus, nin a un desenvolvemento sólido da “vida” en nós, nin, por suposto, a ser significativos/as para case ningún dos nosos concidadáns/ás, que, no fondo, non teñen fame de banalidades, senón de experiencias cruzadas pola verdade e a transparencia.
“Como pode este darnos a comer a súa carne?” –preguntaban os contrincantes de Xesús. Cambiemos a pregunta nós: “Como podemos comer a carne de Xesús, con verdade, con dignidade”?
QUEN COME A MIÑA CARNE E BEBE O MEU SANGUE
PERMANECE EN MIN E EU NEL.
- Xesús, necesitamos a túa presenza, a túa mantenza; necesitámoste a ti, e por iso escoitamos abertos/as as palabras que ti nos dis.
- Xesús, queremos ser testemuñas túas no medio desta sociedade en crise na que estamos, e por iso escoitamos dispoñibles as palabras que ti nos dis.
- Xesús, sen ti, sen o teu apoio, non podemos apostar polas mesmas causas polas que ti apostaches, e por iso escoitamos agradecidos as palabras que ti nos dis.
- Xesús, so ti nos podes ensinar a estar no medio da conflictividade social que hoxe mesmo temos, e a estalo coa vida, coa forza que ti tiñas; e por iso escoitamos animados/as as túas palabras.
- Xesús, queremos ir contigo, loitar contigo, celebrar contigo, vivir contigo, morrer contigo, levados/as da túa man; e por iso escoitamos alegres as palabras que ti nos dis.
Pregaria:
(Á luz de Santa María, que especialmente lembramos na festa do 15 de agosto; á luz tamén do mártir cristián Alexandre Bóveda, fusilado polas tropas franquistas o 17 de agosto do 1937 na Caeira, Pontevedra)
Facéndose veciña e dándonos compaña,Santa María vén, hoxe aquí non falla,
e oio a súa voz que á ventura chama,
unida a de Alexandre na mesma bafarada:
cómpren homes fortes, mulleres arriscadas
para a aventura nova de soerguer da lama
os soños derrotados nas últimas batallas.
Cómpre o pan e a aperta, unha nova palabra
para dicir Terra desde o fondo da alma,
para dicir pobo en pé, en esperanza,
para dicir Galicia sen que se nubre a cara;
para falar galego sen que nos trema a fala,
para facer un mundo en irmandade clara;
cómpre a fe dos fortes, a humildade mansa,
a paciencia infinita dos que sementan matria
no suco azul e branco das nosas alboradas.
Así falou María, así falou a Santa.
Bendita ti, señora, e o fillo que ti abrazas,
e que nos dás por guía para as nosas andanzas!
Bendita ti, María, que as/os máis humildes alzas
para librar a Terra de pexas e mordazas,
para cantar connosco, cando os abusos caian!
Bendita ti, María, señora e nai de casa,
porque nos dás o viño en cuncas de medranza,
para beber alegres, e pásasnos castañas
no magosto do pobo, que amas e acompañas!
Bendita ti, María, nosa Señora, a Santa!
Signo:
- De novo un pan, un pan roto, partido, repartido.
- Rostros de homes e mulleres ante un rostro de Xesús.
- Un mapa de Galicia, inscrito nun mapa do mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.