Evanxeo: Mc 7,1-8. 14-15. 21-23
Comentario:
Neste domingo volvemos ao Evanxeo de Marcos, que deixaramos hai cinco domingos para ler neles o capítulo 6 de Xoán, no que este evanxelista nos ofreceu a súa catequese sobre Xesús como pan de vida. O Evanxeo de Marcos que hoxe lemos preséntanos un dos moitos enfrontamentos que Xesús mantivo cos representantes oficiais da relixión no seu tempo: fariseos e letrados, algo así como a xente máis devota e os teólogos do seu tempo. Este enfrontamento concreto versaba sobre os rituais de purificación, cousa quizabes para nós de pouca importancia, pero que nos tempos de Xesús, na vivencia relixiosa do seu pobo, era algo realmente transcendental, porque eran eses rituais os que abrían ou pechaban as portas de acceso ao posible trato con Deus.


Xesús cita a Isaías para recordarlles, recordarnos, que podemos honrar a Deus cos labios, que podemos darlle un culto inútil, e que o noso corazón quede lonxe del. Isto era un risco para eles, é un risco para nós, e é un risco para todos/as cantas pretendemos acceder ao misterio de Deus e vivir, algo polo menos, ao seu abeiro. Todos/as tendemos a ritualizar a experiencia relixiosa; é dicir, a limitala a aquelas catro cousas, de máis ou menos fácil control, que nos permitirían asegurarnos o acceso a Deus, mandar sobre a súa presenza nas nosas vidas, controlar a Deus. E defendemos eses ritos a capa e espada. Acaso non se seguen dando nas nosas comunidades, na nosa Igrexa, moitas discusións por cuestións de ritos, de tradicións humanas, coma se nos ritos ou tradicións humanas se xogase a verdade nosa ante Deus. Xesús recórdanos que non esta aí o importante, que o importante está en como somos honestos con nosoutros/as mesmas, e como somos honestos/as con Deus e, por suposto, coa xente que a vida vai poñendo no noso camiño.

Preces:
QUE O NOSO CORAZÓN, SEÑOR,
ESTEA PRETO DE TI
- Que te deixemos entrar nas nosas vidas e enchelas coa túa presenza crítica e alentadora. Oremos.
- Que nos deixemos criticar e ensinar polas persoas que andan ao noso redor, e que seguramente teñen palabra túa para nós. Oremos.
- Para que o noso corazón non se seque, non se peche nunca, e vibremos coas alegrías e cos traballos das persoas que nos rodean. Oremos.
- Para que saibamos achegarnos a esas persoas ben concretas, que para cada un, cada unha de nós están sendo motivo de gozo ou preocupación nesta hora. Oremos.
- Para que aprendamos a facer do compromiso social, do compromiso político serio un camiño de acceso a Deus, que quere que haxa boa organización social onde a xente máis débil sexa a máis protexida. Oremos.
Pregaria:

que nunca o corazón se me arrefríe,
que nunca as mans me queden tesas,
nin a palabra afogada aló na gorxa
cando a vida me pasa pola porta.
Non, Xesús, non,
que non simplifique nada,
que non lle responda con banalidades á riqueza da vida,
que non lle peche as portas a nada,
que non me escude de ninguén
cando a diario no que vivo me visitas.
É tanto o que a diario peta á miña porta!
Son tantos e tan variados os nomes
que se pronuncian cada día na miña presenza!
Como deixalo pasar, Señor,
como permitir que esvare pola codia da miña existencia!
Aséntate en min, Señor,
como ti queres facelo.
Que nada en min enturbe a túa presenza,
a túa luz, a túa claridade.
Que o amor ordene ou desordene
diariamente as cousas da miña vida,
que as encha de eficacia e de alegría.
Bendita a túa liberdade, Señor,
que me fai atrevido/a buscador/a!
Bendito o teu amor, a túa paixón, Señor,
que me acende e pacifica a cada hora!
Signo:
- Unha prancha (“témpano”) de xeo e ao lado unha laparada grande de lume.
- Escena de alguén involucrado na “sucidade” de xente débil.
- Algunha manifestación que teña que ver coa crise presente.
- Unha árbore seca e a carón unha árbore con moito froito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.