Evanxeo: Mc 7, 31-37
Comentario:
Estamos ante un relato de curación, que só Marcos narra. De entrada recórdanos cousas básicas sobre Xesús, que xa noutras ocasións se nos teñen ofrecido para a nosa meditación e proveito: a afección de Xesús por andar próximo da xente que se vía envolta en debilidade, en enfermidade, e, en consecuencia, en marxinación social e relixiosa. Esta afección de Xesús é, sen dúbida, unha garantía para nós mesmos, na medida en que participamos da condición de xente abundante tamén en carencias e debilidades de todo tipo. Somos obxecto da proximidade de Xesús. Xesús está a fondo por todos/as e cada un, cada unha de nós. Isto é un consolo grande.
As maneiras de Xesús convértense para nós en indicación para orientar a nosa maneira de nos situar na sociedade coma cristiáns, coma comunidade cristiá: a afección pola xente débil e marxinal é, estaría moi ben que fose, un sinal, o sinal maior da nosa identidade cristiá. E, para ver como isto o imos vivindo na nosa vida, ás veces é importante facernos preguntas sinxelas, que mesmo poden parecer excesivamente simples, pero que acaban sendo reveladoras de como imos respondendo a esta identidade cristiá: con cantas persoas débiles, marxinais tratei neste día, nesta semana, nesta tempada? Que tipo de trato tiven con elas? Que recibín delas? Que lles aportei? Como, a conta diso, renaceu en min a presenza e a paixón do mesmo Xesús? Outra cousa que nos recorda este Evanxeo é a capacidade curadora que tiña Xesús. É voz común entre os estudosos da historia de Xesús recoñecer que Xesús tiña unhas capacidades curadoras extraordinarias, tiña un don especial de curar, os corpos, as almas, a persoa toda, para pacificala, para poñela a ben consigo mesma, con Deus, para reintegrala con dignidade na convivencia social. Este don de curación Xesús ségueo exercendo hoxe con cada un ou cada unha de nós mediante a súa presenza no Espírito. Na fe podémonos abrir a este don de curación a fondo, que non ten por que implicar que as enfermidades desaparezan da nosa existencia.
Ser persoas e comunidades de curación é outra das tarefas que temos por diante. É inmenso o traballo de acompañamento para a curación que podemos levar a cabo unhas persoas coas outras. A crise dos tempos presentes veu engadir un aspecto máis, e ben importante, ao mundo de fraxilidade persoal e comunitaria no que estamos metidos/as, baixo unha imaxe ou aparencia de éxito, de forza, de poder, de felicidade. Unhas persoas con outras, nun empeño común por acoller, escoitar, comprender, aportar, recibir, agradecer, acompañar, celebrar.
O relato do xordomudo do Evanxeo de hoxe ofrécenos perspectivas particulares que nos poden ser de proveito. Ser xordos implica ser mudos. Non escoitar implica a dificultade para falar, alomenos para falar con xeito. Primeiro é escoitar, e logo falar. Un aprende a falar escoitando. A realidade física das cousas lévanos da man a outras realidades comunitarias, sociais, espirituais, ás que sen dúbida nos quere orientar o evanxelista. Que preciosa a arte de saber escoitar, escoitar a fondo! Escoitar as persoas, os ecos do corazón; escoitar o que se di e o que se insinúa; escoitar a vida, escoitar o que sucede ao redor dun; escoitar o momento histórico que nos toca vivir. Escoitarnos a nós mesmos, o noso corazón, os nosos berros interiores, onde o Espírito xurde e se nos amosa con sorpresa moitas veces, levándonos cara á paz, cara á vida, cara á fidelidade, cara ao compromiso.
E despois falar. Xesús era un gran conversador. Tiña o don, a graza da palabra. Non era unha palabra vana, inútil, precisamente porque antes escoitaba a fondo, cordialmente, amorosamente. Esta é a maxia de Xesús, á que se nos invita. Que pena, por exemplo, que os bispos españois, colectivamente, se negasen a darnos unha valoración cristiá do momento presente! Negáronnos a graza da palabra. Quizabes porque antes non escoitaran abondo? Pero non son eles sos. Cantas veces todos/todas non ofrecemos o regalo da palabra doce, forte, agarimosa, provocadora, capaz de xerar vida, de incorporar as persoas á tarefa humana e divina de escoitar e falar?
Preces:
TI FAS, XESÚS, QUE OS XORDOS OIAN E QUE OS MUDOS FALEN
- Que os nosos oídos se abran, Xesús, para escoitar o clamor da xente máis humilde, que máis precisa do noso apoio. Oremos.
- Que a nosa lingua se desprenda, Xesús, para dicir palabras de alento a quen ande angustiado/a na vida. Oremos.
- Que saibamos acompañar debidamente ás persoas que teñen carencias de calquera tipo e ás que a vida se lles pode facer moi costa arriba. Oremos.
- Que teñamos voz para protestar contra todo aquilo que sexa un abuso da xente máis débil, para sumarnos a protestas sociais xustas. Oremos.
- Que oiamos o clamor das persoas e dos pobos africanos, que de maneira máis ou menos rebelde están petando ás nosas portas. Oremos.
Pregaria:
así estou eu hoxe,
bloqueado,
cos sentimentos apertados no meu interior,
co xenio enfurruñado,
apático,
sen ganas de moverme por nada,
para nada.
Cos oídos pechados a calquera voz,
a calquera demanda;
coa lingua presa ao padal
sen implicarme en nada,
nin no canto,
nin na conversa,
nin no simple murmurio do nome dunha amiga,
dunha persoa amada,
dun pobre ou marxinado.
ao pé do camiño da vida,
esperando o teu paso,
a túa presenza,
o teu contacto,
a túa voz: Ábrete!
Aquí estou, Xesús,
desexando poder exclamar
desde o fondo da propia experiencia:
Que ben o fas todo:
fas que oian as persoas xordas,
e que falen as mudas!
Xordo e mudo ante ti, Xesús,
así estou eu.
Signo:
- Algunha orella, ou o lado da cara onde se vexa ben a orella.
- Unha lingua, unha boca.
- Un rostro metido en si mesmo, só.
- Unha persoa apática, desganada.
- Como contraste, un grupo, unha comunidade gozosa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.