Evanxeo: Mc 10, 35-45
Comentario
No evanxeo de Marcos son os discípulos irmáns Santiago e Xoán os que se dirixen persoalmente a Xesús para lle facer unha petición, coa que demostraban non estar entendendo nada do espírito e da práctica de Xesús. Tan chocante e case vergonzoso lles resultou este relato aos primeiros cristiáns/ás, que o evanxelista Mateu, no canto de dicir que eran Santiago e Xoán os que facían a petición, di que foi a súa nai. Unha muller ben podía con todo, e, se era mai, aínda máis.


Non é doado andar en cousas de servizo; váisenos deseguida a man, a mente, o corazón, a cousas de poder, de prestixio, a cargos, ao diñeiro de aí derivado. Quitamos doadamente a Deus e aos irmáns débiles do centro e poñémonos nós mesmos, como individuos, como comunidade ou coma Igrexa. Pero temos a sorte de ter un guieiro que non se dedicou a falar e falar do servizo –como moitas veces facemos nós--, senón que viviu en servizo. Non veu a que o sirvan –dicía o mesmo Xesús--, senón a servir e a entregar a súa vida polo ben de todos/as. Mirar a Xesús é a mellor maneira de acertar cos camiños do servizo. Mirar a Xesús, coa vista posta na realidade concreta da xente que me rodea, da comunidade da que formo parte, é a mellor maneira de acertar nisto sagrado de servir.

Outro acontecemento é o do día do Domund: DOMingo MUNDial das misións, xornada dedicada na igrexa a valorar, agradecer e apoiar a presenza evanxelizadora de miles de homes e mulleres que polo mundo adiante van ensinando os camiños de Xesús, acompañando moi frecuentemente a súa palabra con obras de solidariedade, con actividades múltiples encamiñadas a aportar unha vida digna á xente coa que conviven. Purificada esta tarefa de pasados aires colonizadores, é un espello limpo do que pode ser unha vida de servizo ao estilo de Xesús. Mirarnos nese espello pode axudarnos a recuperar o servizo como a maneira de ser cristiáns/as nos lugares onde vivamos.
Preces
QUEN QUEIRA SER O PRIMEIRO /SER A PRIMEIRA,
QUE SIRVA AOS OUTROS/AS.
- Señor Xesús, que nos deixemos levar polo teu Espírito de servizo, e darlle así a volta aos nosos soños de mando e de poder. Oremos.
- Señor Xesús, que ao teu carón descubramos a inmensa alegría que hai en ser solidarios/as, en entregarnos en servizo á xente máis débil. Oremos.
- Señor Xesús, que o teu Espirito nos fortaleza nos momentos en que por servir teñamos que afrontar problemas e desilusións. Oremos.
- Señor Xesús, que quen saia elexido/a das eleccións de hoxe saiba servir non aos seus intereses e aos do seu partido, senón aos seu pobo e á xente máis débil que hai nel. Oremos.
- Señor Xesús, que saibamos agradecer e apoiar o traballo das persoas que anuncian o teu nome polo mundo enteiro, e que fan tanto ben nos países máis pobres e oprimidos. Oremos.
Pregaria
Ai, Xesús,
canto necesito de ti!
Que cheas están as miñas mans,
o meu pensamento,
o meu corazón
de ansias de poder!
Camúflanse arteiramente
nas reviravoltas da miña vida
coma un colesterol pernicioso
que ameaza constantemente
con neutralizar a vida
que corre pola miñas veas.
da túa purificación!
Cantas veces,
nos enredos normais da vida,
remexendo un pouco no me corazón,
te escoito dicíndome:
“Ansia de poder,
ansia de ser centro,
estaste poñendo onde non che toca,
por aí non hai solidariedade,
nin liberdade, nin alegría.”
Canto necesito ollar para ti,
que viñeches servir
e dar a túa vida por todos e todas!
Canto necesito ollar para as persoas servidoras,
que che fixeron caso
e converteron a súa existencia nun servizo
e o seu servizo
nun camiño de liberdade
e nunha forma revolucionaria de facer comunidade,
coma ti,
de facer país, Terra,
de facer Reino de Deus!
Ai, Xesús,
canto necesito de ti!
Signo
- Algunha imaxe de Xesús servindo a xente
- Algunha imaxe de Cristo crucificado, dando a vida.
- Imaxes de poder ou de poderosos, e sobre deles palabras como: poder, cartos, tiranía, opresión.
- Algunha pancarta coas letras de “Quen queira ser o primeiro, que sirva a xente”.
- Imaxes de misioneiros ou mesmo de políticos como Alexandre Bóveda, asasinado por servir na política.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.