14 outubro, 2012

Un día na Escola


Cada curso nos reunimos ao redor de Andrés Torres Queiruga na Escola de Espiritualidade. El e mailo seu Equipo traballan para que todas e todos saquemos o mellor de cada sesión e para que todo o que xuntos vamos descubrindo nos axude a coñecer, comprender, celebrar e vivir a nosa fe dun xeito máis consciente e renovador. É esta unha riqueza que só se comprende, coma o amor e a amizade, si se experimenta.

    
     Todo empeza á mañanciña, coa acollida. Pouco a pouco vamos chegando, Pilar espéranos cun sorriso agarimoso. Saudámonos uns a outros, se cadra coa sensación de frío na cara ou có paraugas na man, pero coa ledicia de sentir o calorciño de estar en familia. Xa o grupo reunido, dispoñémonos para comezar o día. Facémolo cunha oración preparada sempre con moito acerto e moito mimo por Manolo, para que sintamos a grandeza da nosa fe, que nos une como irmáns. Este momento, abofé que é ben profundo e fai que algo se mova dentro de min aínda que ás veces unha tivera chegado coa preguiza da madruga.
 
 
     Na sesión de traballo da mañá, Andrés responde ás nosas dúbidas, isto e as experiencias compartidas axúdannos a crecer na fe. Cada idea, cada exposición súa son como un sopro de aire fresco cando unha leva moito tempo encerrada. A mensaxe liberadora de Xesús que Andrés nos transmite, a certeza do amor de Deus a toda a humanidade, axúdannos a continuar na nosa tarefa de testemuñas e sobre todo para a nosa vida.
 
 
     O café das doce danos folgos para continuar ata a hora da comida. Maricarme, Mencha, Soedade, María... esfórzanse en organizalo, pero xa nos encargamos nós de desorganizalo. As ganiñas do café, que xa hule, o contento por ter descuberto e comprendido coa axuda de Andrés, que Deus está sempre connosco, como un pai ou coma unha nai, á nosa veira, e o desexo de compartilo con todas e con todos, fai que este momento do café sexa unha algarabía, pero... é tan agradable! Porque tamén compartimos as nosas vivencias dende a última vez que nos encontramos.
 
 
     Ao rematar a mañá, sempre, sempre levo dentro de min a mesma sensación: gratitude a todo o Equipo por facer todo isto posible, a José María, o meu marido, por terme animado a asistir á Escola fai xa uns anos e gratitude tamén a Andrés pola súa grande xenerosidade, por compartir connosco o seu saber.
 
     Despois do xantar volvemos ao traballo, cada un ao obradoiro elixido. É importante pasar por todos pois todos son interesantes.
 
    

Á tardiña reunímonos para celebrar a Eucaristía. Xabi axúdanos para que todo o que descubrimos ao longo do día, os sentimentos que moveron a nosa alma, a ledicia por ter compartido un día de amizade, de irmandade e de fe, todo iso...e máis poñémolo diante de Deus e, abofé que me sinto renovada.
 
    
 
Por todo isto, graciñas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.