Evanxeo: Lc 3,1-6
Comentario
Sabemos o importante que era para o evanxelista Lucas contextualizar os feitos de salvación que narraba: o nacemento de Xesús, a aparición profética de Xoán o bautizador, o paso mesmo de Xesús á súa actividade pública como militante do anuncio vivo da presenza nova e salvadora de Deus. Situalos na historia é moito máis ca un exercicio de erudición, moito máis ca uns apuntes curiosos dun historiador coidadoso. Pois na historia concreta de cada día é onde poden ser entendidas e collen sentido as palabras e os feitos de Xoán o Bautizador, ou do mesmo Xesús de Nazaré, que o era de Nazaré e non de calquera outro pobo ou cidade. A historia do pobo xudeu neste intre estaba marcada polo dominio asoballante dun emperador romano (Tiberio César), dun gobernador de Xudea (Poncio Pilato), dun Tetrarca de Galilea (Herodes), doutros dous Tetrarcas veciños (Filipo e Lisanias), e de sumos sacerdotes ou pontífices coma Anás e Caifás. Nese contexto de dominio e opresión das masas populares por parte de autoridades políticas e relixiosas, a palabra de Deus chegoulle a Xoán, fillo da Zacarías, no deserto.


Preparar camiños para que Deus pase, entre, renove, potencie, cure, alegre. Achanzar camiños, facer limpo e libre o paso, o acceso, a entrada de Deus. Nós non somos os importantes. Nos non somos salvación. Hai salvación de Deus, e haina para todos e todas. Iso si, a través das nosas mans, grazas ao noso traballo de camiñeiros. Camiñeiros, camiñeiras de Deus para este mundo necesitado de tanta cousa boa como Deus sabe e pode e quere ofrecer. Que cada un, cada unha se saiba, se sinta invitado a este oficio sinxelo e marabilloso de facilitadores/as da salvación de Deus.
Preces
QUE TODO O MUNDO VEXA A SALVACIÓN DE DEUS!
- Que loitemos unidos, para que as persoas paradas poidan traballar dignamente. Oremos.
- Que nos rebelemos contra os donos e donas das finanzas que queren afogar as nosas vidas para seguiren eles señoreando no mundo. Oremos.
- Que lle deamos paso a Deus nas nosas vidas, que nos deixemos converter e guiar por el, para poder experimentar a súa forza de salvación. Oremos.
- Que defendamos un ensino público gratuíto e de calidade, que defendamos tamén unha sanidade pública para todos e todas. Oremos.
- Que nos doamos das miserias que pasan noutras partes do mundo, e esteamos dispostos a vivir con menos para que outros teñan o imprescindible. Oremos.
- Que aproveitemos este tempo do Advento para asentar as nosas vidas, para pacificalas e fortalecelas ao abeiro do Espírito renovador de Deus. Oremos.
Pregaria
Que queres de min, meu Deus?
Que queres de min?
En que podo axudarche?
En que podo axudarche eu,
tan necesitado/a da túa mesma axuda?
Ámasme
e gozas véndome medrar
ao abeiro do teu Espírito de vida.
e gustaríache abrir todas as portas
que impiden o teu acceso liberador.
Amas a comunidade da que formo parte
e estás disposto a investir nela
as túas innumerables enerxías.
Amas a comunidade
e invítasme a gozar con ela,
a facerme servidor/ra dela
ao teu estilo, coas túas maneiras.
Amas o pobo do que formo parte,
dóenche as súas crises, as súas carencias,
como che doen xa, de moito atrás,
as de todos os pobos do mundo.
e invítasme a preparar nel
os camiños do teu acceso,
para que todo o mundo vexa e experimente
a quentura do teu corazón,
a forza do teu brazo,
a solidez do teu camiñar
cara ao novo insospeitado
que gratuitamente nos ofreces.
Que queres de min, meu Deus,
que queres de min?
Signo
- Portas e ventás abertas.
- Camiños accidentados, con pedras e fochancas, e camiños limpos e libres.
- Rostros humanos expectantes, coa ollada cara ao futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.