Evanxeo: Lc 21, 25-28.34-36
Comentario
Empezamos o tempo do Advento, tempo da chegada, tempo do Deus que chega e das cousas de Deus que chegan. Un tempo para decatarnos de que Deus e as súas cousas de vida están chegando sempre; elas están aí ofrecéndose permanentemente, en cada caso, iso si, envoltas nas circunstancias persoais, comunitarias, sociais, que van variando segundo tempos e lugares. Polo tanto, e a diferencia do que habitualmente se di e se canta e reza neste tempo do Advento, non é tanto un tempo de clamar: Ven, Señor Xesús!, senón tempo de abrir os ollos, o corazón, a casa, a vida, a comunidade, a un Señor Xesús que está chegando –el nunca falta á cita--, que se nos está ofrecendo en cada caso, xa o dixemos antes, a través das circunstancias concretas que esteamos vivindo. Por iso o Advento é un tempo especial para pararnos a ver qué é o que está a pasar, o que nos está a pasar, o que lle está a pasar aos veciños e veciñas, ao pobo do que formamos parte, e ver aí a presenza de Deus, a súa voz, o seu ofrecemento, a súa chamada.
“Haberá sinais”, di o Evanxeo. E sinais hai nos tempos que estamos vivindo; sinais a nivel do planeta terra: o quecemento do planeta, a contaminación ambiental, o deterioro alimenticio, o deterioro da saúde, cánceres...; sinais a nivel das relacións sociais: concentración en poucas mans, en poucos países, do poder, dos cartos, das posibilidades de vida, alimentos, saúde, auga; desmantelamento de certos niveis de vida digna nunha maioría, para que se manteña o poder dunha minoría, cousa que nos axuda a ver, palpar, o que esta minoría xa estaba practicando coa inmensa maioría dos países do mundo, aos que sometía á mesma presión que nós hoxe estamos vivindo. Sinais a nivel persoal: xente angustiada, con medo, con desacougos fortes, polo que está vindo, polo que virá enriba das súas vidas. “Os astros abalarán”, di o Evanxeo: aquilo que parecía ter maior consistencia nas nosas vidas, en moitos casos estásenos indo das mans. A paz fonda, a esperanza forte, o amor, a solidariedade como método de relación e de compensación social, política, perden consistencia.



Preces
PORQUE CHEGA O DÍA DA NOSA LIBERACIÓN
- Solidarizámonos coas persoas que camiñan en angustia e desacougo por razóns laborais, por débedas e hipotecas, por violencia de xénero. Que coa nosa axuda poidan poñerse en pé e levantar a cabeza. Oremos.
- Presentámonos ante Deus levando nas mans os nosos medos, as nosas incoherencias, os nosos egoísmos. Que poidamos recuperarnos para a esperanza. Oremos.
- Para que non pechemos os ollos ao que sucede no noso corazón e no noso arredor; que esteamos vivos/as e alerta, dispostos/as a acoller ao Deus que nos visita cada día. Oremos.
- Queremos acompañar na vida de cada día ás persoas máis fundidas que hai entre nós, desesperadas, que xa non cren en nada, en ninguén, nin sequera en Deus. Oremos.
- Que as comunidades cristiás saibamos transmitir con solidez a esperanza de Deus, e sexamos fogares quentes para quen anda triste e desasistido/a na vida. Oremos.
Pregaria
¡Por fin só, sentado, quieto,
contigo,
vendo pasar algún coche,
sentindo o silencio da mañá,
o frío desta mañá,
pousando os ollos sobre o manto multicolor
deste amencer plácido de outono!
Placidez que non teño,
placidez que vexo que non temos.
Sensación de fracaso a moitas bandas,
de non dar acadado o pretendido,
de non ver realizados os soños,
en min mesmo,
no me grupo, na miña comunidade, na miña Igrexa,
no meu sindicato, no meu partido,
en Galicia, en España, no mundo...
dor, amargura, desespero...
Así estou, meu Deus,
achegándome a ti pola porta de atrás,
con vergonza.
Vexo que ti tampouco es plácido,
ou elo dun xeito moi especial,
moi vivo.
Como poderei sentirte, vivirte, coma o que es:
un fogo vivo nun fogar quente,
que dá paz e alento para a vida, para a convivencia.
Un sunami de amor,
que contaxia e arrastra todo o que encontra,
con maneiras contrutivas.
Un punto de enerxía, un corazón pleno
que dinamiza toda a miña vida?
Sentirte así, vivirte así, meu Deus,
canté!, quen puidese!
Na miña pobreza e debilidade, a túa acollida.
No meu pecado, a túa aperta.
No meu desalento, o teu consolo.
No meu cansazo, o teu vigor.
Sentirte así en min, en todos e todas,
coma o que es:
reclamo dos soños,
servidor dos soños,
alentador dos soños,
construtor dos soños.
Sempre.
Canté!
Signo
- Rostros variados de xente abatida.
- Rostros ou escenas de persoas do terceiro mundo e do primeiro mundo, alternándose.
- Polo medio tamén un rostro luminoso, pacífico, vigoroso, de Xesús.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.