Evanxeo: Lc 15, 1-3. 11-32
Comentario
Estamos unha vez máis ante a parábola coñecida tradicionalmente como a “parábola do fillo pródigo”, un título nada apropiado, porque a parábola –verémolo— non debería estar centrada no fillo menor, fose cal fose o seu comportamento, senón no fillo maior, pola súa actitude pechada ante o perdón que o pai ofrece esplendidamente e, sobre todo, debería estar centrada no mesmo pai, que non se mide o máis mínimo á hora de acoller, perdoar e festexar pola volta do fillo extraviado. De xeito que a parábola máis ben debería chamarse a “parábola do pai pródigo”, porque efectivamente se prodigou ata o extremo na acollida do fillo errante.

E segue logo a parábola. Desde logo Xesús era xenial. Non sabemos que escribise cousa ningunha. O seu era a palabra directa, viva, o seu era a fantasía creadora posta ao servizo dun Deus que se lle ofrecera a el mesmo como inmensamente próximo e coidador das persoas; e o de Xesús era tamén a fantasía creadora posta ao servizo da mesma xente pecadora, arredada de Deus pola razón que fose, á que lle quería transmitir con suma viveza que Deus nunca se arredaba da xente, por moito que a xente non empeñásemos niso.

A parábola merece ser lida con moita calma, co corazón e coa vida na man, anaco a anaco, case palabra a palabra. E merece ser lida estando nós, como persoas e como comunidade, moi dispostos/as a deixarnos tocar por ela. Porque con frecuencia resolvémola dunha maneira moi simple: ou ben no fondo dándolle a razón ao fillo maior e situándonos en consecuencia fronte a Xesús e o seu Deus, ou ben deixándonos envolver por un sentimento fácil do perdón recibido e tamén dado, cousa á que non apuntan para nada as palabras de Xesús. O proceso que Xesús abre con esta parábola non é nada banal. A acollida do pai, desbordante de intensidade e emoción, non remata cunha muiñeira bailada a coro polo grupo das persoas perdoadas e os fieis da casa. A conmoción do pai inúndao todo, o gozo que iso botou a andar mobiliza a existencia concreta de cada persoa, e todo empeza a ser novo desde agora, sustentado no pracer da acollida experimentada e na intuición de que un pode vivir autonomamente, en familia, en comunidade, desde un marco diferente: non no marco de quen cumpre e é retribuído por iso, senón no marco de quen descubre que non hai nada máis marabilloso ca amar e ser amado, perdoar e ser perdoado, servir e ser servido, dar a vida de mil maneiras cada día, e recibir con gozo a vida dada por outros e outras de mil maneiras tamén cada día.
Como vivir isto nas nosas familias e comunidades? É unha boa pregunta, unha boa urxencia coresmal. Como trasladar isto ás nosas relacións sociais, para que a sociedade perciba tamén o aroma novo da boa nova de Xesús e se enriqueza con el? Outra urxencia coresmal non menos importante. A ambas cousas nos invita Xesús.
Preces
FAGAMOS UNHA GRANDE FESTA
- Señor Xesús, que saibamos percibir coma ti a fondura do amor e do perdón de Deus. Oremos.
- Señor Xesús, que aprendamos de ti a ollar ás persoas, mesmo as máis extraviadas, coa ollada fonda, viva e sempre esperanzada coa que ti as ollabas. Oremos.
- Señor Xesús, que nas nosas comunidades cristiás aprendamos a vivir dunha maneira nova, non coma inquisidores, senón coma irmáns, irmás, en todo. Oremos.
- Señor Xesús, que sexamos serios/as co pecado, auténticas/os e fondamente alegres co perdón recibido e dado. Oremos.
- Señor Xesús, que sabéndonos tamén nós pecadores/as, acertemos a situarnos ante a falta de honradez, ante a trampa institucionalizada destruíndo a maldade e abrindo portas a quen a realiza. Oremos.
- Señor Xesús, que o novo Papa sexa algo coma ti, apaixonado por Deus e pola xente máis débil. Oremos.
Pregaria
Pero, ti es serio, Xesús?
A onde vas ti regalando perdóns?
nestes tempos severos
nos que o mal invade as nosas vidas
e as institucións podrecen
e os parados/as se amorean por millóns
e as desafiuzadas son botadas das súas vivendas
mentres o capital engorda e engorda
á conta da miseria da xente máis débil?
Cres, Xesús, que o perdón é o remedio,
cando, se miramos para o Terceiro Mundo,
os froitos do pecado multiplícanse sen medida
e as súas vítimas calan silenciadas á forza
ou erguen as voces maldicindo as súas desventuras?
A onde vas co teu perdón,
cos teus soños de reconciliación,
coas túas festas piadosas e inútiles?
Cres de verdade que ese é o remedio?
Non nos viría mellor a vara da xustiza
cruzando sen medida os lombos opresores
de quen abusa e abusa e abusa
facendo da preciosa terra da promesa
un insoportable val de bágoas?
Por que calas, Xesús?
Por que persistes nos teus enredos?
Non che doe a xente,
non che doe esa ringleira interminable de vítimas
que o teñen que aturar todo?
a lei do premio e do castigo aplicada estritamente
só lle vai ben á xente xusta,
e quen hai xusto/a neste mundo?
É hora de soñar,
ollando para as mans e o corazón da xente.
É hora de implicarse a fondo
--abundan e insultan as palabras baleiras--,
co perdón nas mans,
coa vida nas mans,
dispostos/as a dálo todo,
a loitalo todo,
ata a cruz, ata a morte,
desde a paixón tola pola xente débil.
Eu creo nisto.
Eu aposto por esta novidade.
Quen queira seguirme, que me siga.”
Signo
- Escena de comidas, para recordar as comidas famosas de Xesús.
- Imaxes de reconciliación, mesmo algún cadro dos moitos que hai de pintores famosos.
- Imaxes de indignación, para a pregaria.
- Unha póla ou árbore seca que reverdece.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.