QUE SENTIDO TEN QUE FAGAMOS ORACIÓN?
Igual demos por feito que todos, todas, tiñamos claro o sentido que tiña a nosa oración, o por que é bo, necesario, útil, axeitado, facer oración co ritmo e coas formas que cada quen vaia vendo convenientes para a súa vivencia espiritual concreta.
Pero quizabes non todos o teñamos claro, e a todos, todas, nos conveña pararnos un pouco a pensar sobre disto. Propóñovos algunhas reflexións, que recollen a miña maneira propia de ver as cousas, que non ten por que ser a única, nin a que haxa que aceptar.
“Orar es elevar el corazón a Dios pidiendo mercedes”. Deus era un Señor todopoderoso, distante, que se podía conmover coas nosas oracións, que basicamente eran oracións de petición. Rezábase, logo, desde a conciencia de fraxilidade, para conseguir de Deus cousas, “mercedes”, as que fosen.
Pero é esa a imaxe que responde ao Deus de que nos fala Xesús, ao Deus que estamos descubrindo na Escola de Espiritualidade e seguro que tamén noutras instancias da nosa vida? Coido que non.
b) Como poderiamos describir a Deus, con que comparanzas máis apropiadas poderiamos falar del, imaxinalo, facelo presente na nosa vida, dunha maneira coherente coa ensinanza de Xesús e coa ensinanza que vai aparecendo en moitos lugares e persoas, en moitos e moitas crentes de hoxe?
Xesús vivíao coma un Pai amante, preocupado polos seus fillos e fillas, especialmente polos que andaban en maior debilidade. Un pai desmedido nas súas ansias por nós, que o dá todo e que espera resposta, pero que non o cega o rexeite das persoas. E desde aí oraba Xesús. A gratitude e a confianza parece que eran as características máis fortes da súa oración. E con elas a decisión de facer a súa vontade, de enredarse con Deus no seu empeño de coidar e recuperar os seus fillos e fillas nunha experiencia grupal, social, nova, iso que chamaba el o reino de Deus.
A min gústame velo coma unha persoa que é unha enerxía de amor en expansión, desenvolvendo o mundo, desenvolvéndonos a todos e cada un, cada unha de nós, coma persoas, coma comunidade, coma pobo, seguindo a forza, o Espírito, dese amor, que nos constrúe, que nos implica a homes e mulleres, uns cos outros/as, nunha realización de amor, comunitaria, na que queda todo incluído: natureza, terra, aire, animais, cosmos. Deus é o creador e sustentador permanente desta dinámica de amor. O seu fillo Xesús foi o realizador exemplar desta dinámica de Deus, deixándose coller e arrastrar por ela, e converténdoa nunha experiencia mística persoal, pero tamén nunha realización social moi concreta, que lle trouxo conflitos, e que puxo en evidencia a forza, a densidade e a fraxilidade do amor; a súa forza creativa, a pesar de todo.
c) Que sentido ten orarlle a este Pai ou Mai amante, solícita, ou a esa persoa que é enerxía de amor que nos está enredando permanentemente no seu amor?
- O proxecto humano que nos constrúe, que nos humaniza realmente, que nos permite estar en Deus, tal cal é a nosa condición de criaturas amadas, é o que resulta de deixarnos envolver pola dinámica de amor, que inclúe moitas cousas para que sexa un amor verdadeiro: sentimentos, palabras, xestos, estilos de vida marcados polo amor, que é servizo, que é solidariedade real con feituras moi diversas, desde o amor do noivado ata o da militancia política.
- A mellor maneira de manternos vinculados/as a esa fonte de amor inesgotable que é Deus, é amar. Amando, coas moitas cousas que implica o amor, é como mellor nos estamos vinculando con Deus, como mellor respondemos á nosa condición humana, é como mellor somos nós mesmos/as, en Deus. Amor interpersoal, amor familiar, amor comunitario, amor social, amor político, amor organizado, etc.
- Amar na vida diaria, amar con realismo, é máis importante que a oración, que a confesión relixiosa orante. Recordamos palabras e parábolas de Xesús neste sentido. “Non todo o que me di: Señor!, Señor! entrará no Reino dos Ceos, senón o que fai a vontade do meu Pai celestial” (Mt 7, 21). “Se ao presentares a túa ofrenda no altar te acordas entón de que o teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo, diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve a presentar a túa ofrenda” (Mt 5,23-24).
- Por que oramos entón? Para qué oramos? Que papel xoga, pode xogar a oración nesta dinámica de introducción, de identificación coa dinámica fonda do amor real que estrutura na verdade as nosas vidas humanas? Sinalo algunhas funcións, servizos, que a oración nos pode prestar nesta busca de realización no amor:
- Oramos para tomar conciencia desa persoa, desa forza que nos sustenta e nos dinamiza. É real, pero cunha realidade non perceptible corporalmente. A súa presenza pode diluírse dentro de nós, ou pode fortalecerse.
- Oramos para tomar conciencia de nós mesmos, como seres humanos que descansamos e nos mobilizamos nesa forza de amor que chamamos Deus. Tamén aquí esa razón constituínte da nosa realidade pode estar viva dentro de nós ou apagada. E as consecuencias serán moi diferentes nun caso e no outro.
- Oramos para agradecer a forza de amor que vemos no mundo, nas persoas que nos rodean, e que o practican de formas variadas que nos poden asombrar e alentar ao mesmo. Os feitos de amor que cada día podemos ver son un bo nutriente para a nosa oración. Son tamén o bo nutriente para o noso fortalecemento na actitude de amor, solidariedade, servizo.
- Oramos para agradecer a forza de amor que actúa en nós, e que nos empuxa a determinados comportamentos, servizos coa xente, que está moi ben que recoñezamos e valoremos. Tamén aquí os feitos de amor de cada día son algo básico na nosa oración. Non é cuestión de chulearnos do bonitos/as que somos, senón de agradecer que, por estarmos sustentados/as en quen o estamos, somos capaces de cousas tan sinxelas, pero tan preciosas como é amar coas palabras e cos feitos de vida.
- Oramos para descubrir en nós e nos demais as carencias do amor, o noso egoísmo, os nosos intentos de escape desa corrente de amor que nos iría construíndo. Amar é un arte, dicía Eric From, un arte con momentos de gloria e momentos de dificultade, dos que escapamos facilmente. Amar é esixente, como nolo recorda a experiencia diaria de cada un de nós. E as tentacións de fuxir desa esixencia son enormes; e moitas veces caemos nesa tentación. Orar é neste caso recoñecer momentos concretos, situacións concretas, encontros concretos, demandas concretas, onde fallamos no amor, onde lle demos as costas a quen nolo demandaba. Orar vale entón para recoñecer iso e non fundirse, e non desalentarse, e levantarse frescos/as no empeño de seguilo intentando.
- Orar é enrabecharnos, indignarnos diante de Deus con nós mesmos/as, cos demais, con quen máis xoga e tripa o amor con formas de abuso e de explotación, con quen xoga coas persoas máis débiles da sociedade; enrabecharnos e indignarnos para dispoñernos e organizarnos internamente, externamente, no corazón e nas tarefas e compromisos, para que o Amor non sexa ninguneado, para que o Amor colla forza e figura entre nós, na sociedade, no mundo. A oración que non leva a indignarnos e a organizarnos é unha oración que se debe revisar a fondo.
- Oramos para beber na fonte do amor, para nutrirnos, para alimentarnos, para capacitarnos máis e máis para o amor, que, repito, non é doado, aínda que sexa algo sublime. Nós non somos autosuficientes, necesitamos forzas, alentos que non temos, que están máis alá de nós. Que nos veñen de Deus, que nos veñen da xente.
- Oramos para aprender a ser abertos e para aprender a buscar apoios nas persoas que nos rodean, a través das cales é moi normal que nos chegue o potencial de amor que hai en Deus, que é Deus. Unha boa oración notarase no afán co que, despois de estar con Deus, buscamos con paixón a compaña da xente para empuxarnos mutuamente cara ao amor real.
- Oramos para facernos receptivos/as a ese potencial de amor que Deus pon á nosa disposición (el mesmo e as persoas que no amor o representan cualificadamente), e que pode manter en tensión construtiva a nosa opción polo amor, pola solidariedade real.
- Oramos para expresar a nosa confianza en quen é a fonte e garantía do amor para a nosa propia vida e para a vida da demais xente e de todo o mundo. Para expresar a confianza nun amor que é máis forte ca o noso egoísmo, cá nosa actitude pechada, e que fará que o proxecto de amor trunfe a pesar de todo, por riba de todo.
- Oramos polo pracer de estar vivamente acompañados/as por quen nos ama, por quen nos sustenta no amor. Orar pode ser, entón, estar, estar simplemente, estar calado, estar acompañado (por Deus que ama e polas persoas que en cada caso entran na roda do noso amor por presenza ou por ausencia). Orar pode parecerse moito, neste momento, a un encontro de namorados/as, nos que o estar simplemente, en silencio ou entre murmurios ou poucas e curtas e intermitentes palabras, abastece a propia existencia daquelas forzas básicas necesarias para erguerse cada día e seguir inquebrantables na tarefa, sustentados/as por iso maior ca nós mesmos/as, que sabe a Deus, que é Deus, aínda que sexa na fe e no misterio, aínda que sexa na dúbida e na noite, como dicía Xoán da Cruz.
Todo isto vai dito pensando máis ben na oración persoal, aínda que, en boa medida, tamén se pode realizar na oración comunitaria.
Pero podemos preguntarnos tamén: que sentido especial ten, pode ter, para nós o feito de orar en grupo, en comunidade? Velaquí algunhas cousas que me parecen merecentes de ser tidas en conta ao respecto.
a) Somos individuos que, como persoas, estamos sustentados permanentemente na fonte de amor que é Deus. Pero esta condición persoal ten constantemente unha referencia comunitaria. Somos persoas, pero, ao tempo, somos persoas en comunidade, en pobo. Nisto somos tamén un reflexo, unha imaxe e semellanza de Deus, que é un, pero é relación, é comunidade, é trindade. Deus créanos, susténtanos como persoas para a relación, para a sociabilidade, para a comunidade, para o pobo, para o Reino.
b) O soño de Deus para cada un, cada unha de nós, non é un soño individualista, senón un soño comunitario, que nos colle a nós, que colle a todos os animais, a toda a natureza, a todo o cosmos. Nunca nos realizamos en plenitude desde o individual, senón desde o comunitario, no comunitario.
c) A oración comunitaria responde perfectamente a esta dimensión da nosa identidade. Quen é persoa en comunidade debe orar sendo como persoa en comunidade, como pobo; polo menos en certos momentos, que deberían ser moitos. É bo pensar se cultivamos estas dúas dimensións da nosa oración dunha maneira equilibrada.
d) Que me aporta a oración comunitaria que non me ofrece a oración persoal, individual? Estas poden ser algunhas das achegas máis importantes da oración comunitaria:
- Axúdame a situarme no contexto lóxico que me corresponde como ser humano en Deus, que é un contexto comunitario, popular.
- Axúdame a non pecharme no meu pequeno mundo, nos meus problemas ou nos meus gozos.
- Permíteme coñecer algo polo menos o camiño espiritual que outras persoas da comunidade, do grupo, están recorrendo.
- En consecuencia, permíteme comprender as persoas, respectalas, solidarizarme con elas, facer miña a súa pregaria, acompañala máis a fondo, con máis coñecemento de causa, sufrir con ela se é o caso, gozarme tamén con ela.
- E á inversa, permíteme darme a coñecer en dimensións profundas, abrir o meu corazón, a miña sensibilidade, para atopar tamén solidariedades, apoios, alentos...
- Podo compensar as miñas securas na oración coa frescura das outras persoas, e, á inversa, podo contribuír cos meus bos momentos ao pesar que outros estean sufrindo.
- É, polo tanto, unha escola de aprendizaxe de moitísimas cousas densas, un obradoiro diario de humanidade, de fe, de solidariedade, de Deus mesmo.
- O experimentado no pequeno grupo de oración pódeme facer máis sensible, máis forte, para facerme tamén comunitario, comunitario a fondo, en todas as demais áreas da miña existencia.
- A través das outras persoas, e do que as outras persoas viven e oran, seguramente chegarei ao coñecemento de terceiras persoas, doutras situacións, que eu podo incorporar tamén ao meu mundo de oración e de vida.
- Orar en común axúdanos a facernos máis comunidade, máis pobo.
Este comentario foi eliminado polo autor.
ResponderEliminarMARISA MORENO, trasládanos o seguinte comentario:
ResponderEliminarMuchas gracias por tantas atenciones y delicadeza, se agradece mucho, es necesario orar siempre.