28 marzo, 2013

30-31 de marzo: Vixilia Pascual e Domingo de Pascua (C)


Evanxeo: Vixilia: Lc 24, 1-12; Misa do día:Xn 20, 1-9.

Comentario

A morte de Xesús, tal como aconteceu, foi un acontecemento difícil de vivir e asimilar por el mesmo; cando os evanxelistas narran a morte de Xesús, poñen nas súa boca palabras que eliminan ou suavizan esa dificultade de comprensión vital, pero non eliminan de todo o escándalo que para o mesmo Xesús, e sobre todo para a comunidade de seguidores e seguidoras, supuxo unha morte en ignominia, que no seu medio cultural e relixioso era considerada como a morte dunha persoa deixada da man de Deus.
     Que pasou polo corazón de Xesús? Que pasou polo corazón daqueles homes e mulleres que se atoparon ante o tremendo drama de ver a Xesús coma unha persoa excepcional, totalmente chea do Espírito bo de Deus e por iso mesmo totalmente entregada á causa de Deus e da xente máis débil, que, sen embargo, era executada no nome dos representantes de Deus e dos representantes dos poderes deste mundo? Cal foi o paso de fe, de nova comprensión, que os seguidores e seguidoras de Xesús houberon de dar para bater coa resurrección de Xesús, mellor dito, co Xesús resucitado, e así ver iluminadas as súas dúbidas, e aclarados tantos porqués que escurecían as súas conciencias? Os relatos dos evanxeos que narran a resurrección de Xesús son un intento, plural, complementario, aínda que tamén seguramente incompleto, dese proceso lento que as levou á convicción de que Xesús estaba vivo en Deus, na súa experiencia vital, e que seguía liderando o grupo de homes e mulleres que, agora na fe, descubrían e seguían a súa presenza, que os alentaba a unha aventura nova, coma crentes e coma cidadáns/ás daquelas aldeas e cidades.
 
     Ler o texto de Lucas e ler o texto de Xoán, un detrás do outro, pódenos valer para aclararnos en certas cousas: 1.- Os relatos, aínda que próximos, varían en moitos detalles. Eses detalles, logo, non eran para nada o importante. 2.- Salta á vista a importancia das mulleres, que en Lucas son María Magdalena, Xoana, María a de Santiago, e tamén as outras que as acompañaban, e en Xoán unicamente María Magdalena. As mulleres foron a matriz das comunidades cristiás, da Igrexa. Parece que o afecto, o amor ía por diante no feito de descubrir e gozar a nova presenza de Xesús. Isto percíbese igualmente no relato de Xoán, onde é o discípulo a quen amaba Xesús, o primeiro en crer, antes ca Pedro. 3.- En ambos relatos fálase de lousas retiradas, de sepulcros baleiros, e en Xoán incluso de lenzos e sudarios tirados; pero iso non crea a fe; de feito os relatos din que os viron e non por iso creron. 4.- Case todos os relatos da resurrección fálannos de personaxes “raros” que aparecen na escena, que máis ben se veñen sinalando coma anxos. Podemos dicir que, cando na Biblia se nos fala de anxos, estásenos falando dunha realidade grande, maior, de Deus entre a xente, dunha presenza súa, que as persoas non somos capaces de captar en por nós, e polo tanto facémonos necesitados de algo gratuíto por parte de Deus, que busca irromper nas nosas vidas. O anxo é o símbolo mítico da incapacidade da xente e da gratuidade de Deus. 5.- Para a fe na resurrección de Xesús, dáse sempre un plus de maduración persoal, espiritual; un caer na conta que ás veces sitúase coma un elemento de reflexión: o que Xesús lles dixera en Galilea, por exemplo; ou, en xeral, o que as Escrituras dicían.

     Quen anda en cousas de amor e servizo está máis capacitado/a ca ninguén para captar a forza do amor, a pervivencia do amor máis alá da morte, a posibilidade de vivir unidos/das por esa onda de amor nunha nova experiencia de trato e relación. Quen anda en cousas de amor e servizo coa xente da casa, cos veciños e veciñas, coas persoas que na sociedade o están pasando máis mal, quen así anda está na disposición necesaria para que nela prenda a fe na permanencia do amor, a fe na permanencia das persoas que fixeron do amor e do servizo a razón primeira e última da súa existencia.

      Crer na resurrección é un regalo de Deus, pero nós podémonos dispoñer para aceptar ese regalo situándonos na onda de Deus, que é a onda de Xesús, que é a onda dunha vida amante, servidora, madrugadora á busca de Xesús e do estilo de vida que o caracterizaba. 

      Con frecuencia oímos dicir iso de que os cristiáns e cristiás somos, estaría ben que fósemos, as testemuñas de Cristo resucitado, como o foi María Magdalena, como o foi o discípulo amado e despois tamén Pedro. Pero, que é ser testemuña de Cristo resucitado? Para ser testemuña, é necesario ter experimentado, vivido ao calor desa nova presenza. E para isto, como dixemos, é condición imprescindible andar envoltos/as nos mesmos camiños nos que Xesús andaba. Se andamos canda el no estilo de vida, apaixonadas por Deus e pola xente, daquela a experiencia da resurrección xurdirá en nós mesmo con espontaneidade, coma unha secuencia lóxica e normal da vida que vivimos. O resto, o salto, é cousa de Deus, é regalo seu.
 

 
Preces

POR QUE BUSCADES ENTRE OS MORTOS A QUEN ESTÁ VIVO?
  • Coa creación enteira, Xesús, que na primavera renova a súa vida e os seus dons, proclamamos a túa resurrección.
  • Cos ánimos recreados de quen se ilusiona por unha vida persoal, familiar e social máis irmandada e xusta, proclamamos a túa resurrección.
  • Con todas as persoas que protestan polo clima de desorde social no que estamos e apostan por unha maneira máis auténtica de vivir e de organizarnos socialmente, proclamamos a túa resurrección.
  • Coas persoas que aman, serven e acompañan a quen anda en debilidade, á espera dun mañá mellor para todos, proclamamos a túa resurrección.
  • Coas mulleres que traballan por unha presenza delas máis igualitaria e fraterna na sociedade e na mesma Igrexa, proclamamos a túa resurrección.

Pregaria

Cremos na resurrección, cremos na vida.
 
Ollando para a primavera
que nos agasalla con flores, gromos e promesas,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Escoitando o Papa Francisco
que soña cunha Igrexa pobre ao servizo da xente pobre,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Observando a indignación de tanta xente
que loita por unha sociedade máis xusta, con máis humanidade,
cremos na resurrección, cremos na vida.


 Oíndo as risas dos picariños/as
e a ledicia e esperanzas da xente nova,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Vendo a tenrura de tantas persoas
que aman, coidan, serven á xente débil gratuitamente,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Contemplando á xente máis débil,
que confía, soña, espera a pesar de todo,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Descubrindo a forza desmedida do amor,
que é capaz de facer novas todas as cousas,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Desde os corpos humildes e esgotados
dos nosos veciños e veciñas queridas
--Xeluca, María, Amancia, Isolina, ...--,
que soñaron o mellor para si e os seus,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Sostidos/as por Deus Pai/Nai que ama sen medidas
e mantén con fidelidade as súas fortes promesas,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Levados/as da man de Xesús, irmán maior,
que coa súa vida e a súa morte nos descubre e ofrece as fontes da vida,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Alentados/as polo Espírito Santo de Deus,
que alumea as nosas dúbidas e canseiras,
cremos na resurrección, cremos na vida.

 
Signo
  • Algo da natureza en primavera: xermolos, flores...
  • Nenos, mozas, xente nova rindo.
  • Fontes, fervenzas de auga.
  • Rostros de xente unida en loitas.
  • Xesús resucitado dunha Icona.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.