Evanxeo: Xn 20,19-31
Comentario
Os evanxeos, os textos bíblicos en xeral, das semanas que seguen á Pascua, axúdannos a ir remoendo, pouquiño a pouco, a densidade humana, espiritual que se realiza na resurrección de Xesús, para el mesmo e para os discípulos e discípulas que o seguían daquela e que o seguimos agora.
Pero, por que é tan importante o feito da resurrección? Que transcendencia pode ter para nós, para a xente, para o pobo, para o pobo máis ferido que hoxe medra en número e pesares, que importa a resurrección de Xesús? Gústame entendelo contemplando a Xesús, en fidelidade ao Pai, comprometido ata as últimas consecuencias --coa suma humildade da xente máis pobre, coa máxima valentía da xente máis ousada--, na causa completa e fonda dos seres humanos, sobre todo das persoas que peor o estaban pasando polos abusos dos poderes relixiosos e civís do momento, e polas súas propias ruindades; un Xesús que afronta a morte, con máis confianza ca medo, coma o punto máis álxido dun amor que non ten límites, e que pon vida e proxectos, experiencias e soños, nas mans todopoderosas de Deus, que non sabe de límites, cando de amar e servir se trata. E Deus non lle falla. Recolle esa existencia densa, totalmente abastecida polo Espírito, e dálle continuidade en si mesmo, pois de si mesmo, de Deus, saíra todo ese mundo de amor e servizo, de paixón por Deus e polo ser humano, que caracterizaron a Xesús. O de Xesús valeulle a Deus, e por iso Deus deulle continuidade. E por iso Deus ofrécenos o de Xesús coma continuidade tamén para as nosas vidas de discípulos e discípulas, de persoas que nos entusiasmamos na tarefa de ser comunidade cristiá e de manter no día a día, na historia nosa, as apostas de Xesús. Deus ofrécenos o de Xesús como remedio, como cura, coma salvación para todos os homes e mulleres do mundo, e non coma algo máxico (o sangue vertido, Deus acalmado, o pecado perdoado), senón coma algo a acoller e realizar: a novidade da implicación do amor e do servizo de Xesús contaxiando a todas as persoas de boa vontade que se deixen arrastrar por esa onda de revolta substancial.
E quen nos di que todo isto é así e non doutra maneira? Os trazos míticos dos evanxeos falándonos de fenómenos extraordinarios non son máis ca un débil intento de explicar o que se viviu con fondura, en clave de fe, pero para o que non hai explicacións racional. Coma cando nos piden que expliquemos unha experiencia amorosa intensa, e non nos chegan as palabras, e váisenos a mente cara ás imaxes, e nin con esas. Pois algo así. “Benia as persoas que creron sen ver”, afirma o evanxelista, cerrando case o relato das aparicións de Xesús. É máis importante iso ca non as probas das mans furadas ou do costado ferido. Un engano, logo? Unha fantasía que arrinca no corazón amante de persoas iluminadas? Non: os ollos do amor, que con ollada fonda son capaces de ver e entender o que sen eles sería imposible percibir.
É ben importante a función das testemuñas. Todos, todas, imos crendo grazas ás testemuñas. E todo arrinca no corazón roto, curado e amante daquela muller, María de Magdala, que afirmaba con convicción que Xesús vivía, porque llo confirmaba aquela palabra maior que seguía viva no seu corazón, pronunciando amorosamente o seu nome: María. As testemuñas fóronse sumando, despois de pasar por experiencias similares. E así, ano a ano, século a século, todos, todas fomos crendo arrastradas pola experiencia narrada doutras persoas, que, coa palabra ou co silencio, co seu estilo de vida sobre todo, foron para nós un testemuño vivinte de que Xesús vive, de que todo o de Xesús (o seu nome, a súa persoa, a súa palabra, o seu estilo de vida, as súas conviccións, os seus soños), todo, está tendo continuidade nas nosas experiencias vacilantes. Seguro que cada un de nós temos por tras e por diante da nosa historia persoal unha boa presa de testemuñas que nos confirman que el, Xesús, está vivo. Feliz quen cre sen ver! E a tarefa principal da comunidade cristiá e dos homes e mulleres que a conformamos, é simplemente este: ser nos nosos tempos testemuñas vivas do mesmo: Xesús, o de Xesús, todo o de Xesús, está vivo.
O relato de Xoán, que hoxe lemos, ofrece aspectos desa experiencia de encontro co resucitado que lles conmocionou as vidas. Pódennos axudar a discernir o noso desexado encontro con Xesús. O encontro crea paz, paz fonda, a proba de calquera incidencia. A paz de quen se sabe toda nas mans de Deus rompe os medos e xera valentía. Valentía que fai falla para estender a experiencia de Xesús sobre todo polas zonas marxinais da sociedade, dos pobos, das aldeas. Valentía para o traballo fondo da reconciliación persoal, familiar, social, política, cósmica. Tarefa de Xesús, que Xesús resucitado nos pon nas mans para que a continuemos. Tarefa para a que nos dá o Espírito, que o animou a el.
Preces
MEU SEÑOR E MEU DEUS!
- Que te busquemos, Xesús, coa paixón de María Magdalena, vivo e alentador, entre as persoas máis débiles, que son as túas preferidas sempre. Oremos.
- Que a túa paz, Xesús, inunde as nosas vidas, e lles dea seguridade e confianza aínda no medio de problemas, enfermidades, angustias económicas. Oremos.
- Que nos entusiasmemos contigo e co Papa Francisco, en traballar día a día por unha Igrexa pobre ao servizo da xente máis pobre sobre todo. Oremos.
- Que sexamos coma ti, Xesús, persoas de loita contra calquera cousa que roube a dignidade e a esperanza da xente, para facermos un bo servizo de reconciliación na nosa sociedade. Oremos.
- Que o teu Espírito, Xesús, nos acompañe sempre, que nos dea a valentía necesaria para ser, coa nosa vida, boas testemuñas túas no medio dos nosos veciños e veciñas. Oremos.
Pregaria
Agora que todo acabou, Xesús,
agora que é a Pascua,
agora que hai que empezalo todo de novo,
como nos queres, Señor?,
como lle dar continuidade ao teu grupo
no que ti pretendías empuxar o novo de Deus?
Quéresnos, acaso, encerradas/os por medo,
remoendo temores e temidas agresións,
ou coas portas abertas, saíndo
onde o pobo sofre, peca, soña, vive?
Quéresnos limpas coma unha patena,
co corpo e a alma sen mancha sen engurras,
ou quéresnos feridas, co corpo roto,
coas mans desfeitas e o corazón conmovido?
Como nos queres, Xesús,
ulindo a pulcritude e perfumería,
ulindo a salón, ulindo a sancristía,
ou cheirando a vaca e a ovella,
a silo e a terra, a suor e a bar,
ulindo a xente, a pobo?
Quéresnos coa paz
de quen ten a vida ben posta en Deus,
ou co corazón quebrado
de quen mendiga refuxios en todo canto se anuncia e se consome?
Quéresnos con Espírito ou sen Espírito,
con alas ou sen alas,
con soños ou sen soños,
dispostas a dar vida, horas, ansias, cartos
ou a gardalo todo no peto das miserias?
Como nos queres, Xesús,
como nos queres,
para sermos xente de paz e de reconciliación,
de vida e de esperanza,
para sermos xente de Pascua?
Que ben que nos collas da man,
para andar cabo de ti os teus camiños,
os nosos camiños!
Grazas, Xesús!
Signo
- Ir salpicando o texto con rostros de persoas-testemuñas, defuntas ou aínda vivas: Xesús, María Magdalena. San Francisco, Tareixa de Xesús, Oscar Romero, Casaldáliga, o Papa Francisco, un rostro anónimo en representación desas persoas sen nome especial que están detrás de moitas realizacións e esperanzas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.