05 marzo, 2013

Terceiro Encontro


Símbolo: 
A flor do toxo: insignificante, servizo humilde, persistencia, incomodador, espabilador, fermoso, rural. En todo coma Deus.

Centradas/os no Deus que é amor-xustiza, e que nos abre ao amor-xustiza.
Cantiga:

CON LEDICIA VIMOS ONDA TI, SEÑOR,
SOMOS PEREGRINAS, SEDENTAS DE AMOR,
ES TI O CAMIÑO QUE HAI QUE ANDAR,
A PALABRA AMIGA E MÁIS O PAN
PARA NÓS CAMIÑAR.

Lectura de Apoc 3, 14-22

Silencio.

Pregaria sobre o Sermón do monte (Mt 5-7)

DEIXÉMONOS RECREAR POR DEUS,
IRMÁNS/IRMÁS,
DEIXÉMONOS RECREAR POR DEUS.

Que descubramos e vivamos contigo, Xesús,
a dita que ti lles anunciabas
ás multitudes pobres, chorosas,
non violentas, famentas e sedentas de xustiza.

Que nos atopes, Xesús, a todos/todas nós
entre as limpas de corazón,
os que traballan pola paz,
as perseguidas pola xustiza,
os que se alegran na persecución e calumnia.

Que agarrados á túa man,
empuxadas polo teu Espírito,
poñamos na terra a nosa pinga de sal e luz,
con humildade, sen arrogancias.

Que teñamos moi claro contigo, Xesús,
que a reconciliación debe preceder á ofrenda,
que o amor realizado na xustiza
debe marcar a medida da nosa devoción.

Desexamos, Señor, ollos limpos, corazóns libres,
para acoller e agradecer a nosa sexualidade,
para vivila, gozala, compartila
e facer dela un camiño de encontro contigo.

Que saibamos, Xesús, valorarnos e respectarnos
como homes e mulleres,
iguais no valor e nas responsabilidades,
sen trampas na relación nin violencias.

Que sexamos persoas amigas da verdade,
amigas do si/si e do non/non en toda hora,
dispostas a empeñar a palabra coa vida
e a dicir a vida coa palabra verdadeira.

Que o corazón non se nos torza
para devolver mal por mal,
antes amemos sen exclusións
como o Pai/Nai do ceo fai con nosoutros/as.

Que saibamos compartir os nosos bens,
na medida do posible abundantemente,
sen que saiba unha man qué fai a outra,
para non danar a graza do compartir.

Que gocemos rezando ao teu carón,
coa confianza dun fillo ou filla co seu Pai/Nai,
empeñados/as coma ti na causa de Deus,
entregados/as á humanización da xente.

Que non abusemos do consumo vivindo libre e sobriamente,
poñendo o corazón nos tesouros que non fallan,
limpando a ollada das tebras da cobiza,
servindo só a Deus, nunca ao diñeiro.

Que saibamos pousar a nosa angustia
nas firmes mans do Deus dono da vida;
que encha a nosa ansia en toda hora
o Reino e a xustiza que o constrúe.

Que quitemos humildes a viga dos nosos ollos
antes de reparar no aruxo do ollo alleo;
e abracemos con cariño a porta estreita
que leva con certeza cara á vida.

Nesta hora precisada de profetas,
que o sexamos repletos de bos froitos,
fuxindo do “Señor, Señor” inútil,
poñendo en práctica o amor que coñecemos.

Lectura de novo de Apoc 3, 14-22.
Saúdo e invitación á conversión: N., déixate recrear por Deus.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.