Evanxeo: Xn 13, 31-33ª. 34-35
Comentario
De novo estamos ante un texto do evanxelista Xoán; neste caso collido do comezo da longa conversa, que segundo este evanxelista, Xesús tivo coas persoas que o acompañaban coma discípulas e discípulos no transcurso da cea de despedida, a última cea, que Xesús celebrou con esas persoas. A esta conversa longa chámaselle con frecuencia o “testamento” de Xesús, testamento que hai que entender non en sentido xurídico, senón no sentido próximo e cordial, case íntimo, de quen, adiviñando próxima a súa morte, comparte coas persoas queridas que o rodean recordos e consellos, vivencias habidas e desexos de futuro.
A cuestión de fondo que conmove ao evanxelista Xoán é o significado da vida e da morte de Xesús para el, e para a comunidade de seguidores, seguidoras, que lerían o seu escrito. Entender, asimilar a aparente derrota de Xesús e a súa morte vergoñenta foi unha cuestión clave para as primeiras comunidades cristiás. A nós case que non nos inquieta o asunto, porque fomos mamando desde nenos/as certas explicacións, máis ou menos consistentes, pero o feito está aí con toda a súa provocación: como é posible que un home coma Xesús, xusto, santo, apaixonado por Deus, totalmente entregado en servizo sobre todo á xente máis débil e marxinal, acabe a súa vida cravado nunha cruz, ao xeito da xente malvada daqueles tempos? O aparente fracaso de Xesús, a súa morte vergoñenta, vémolo repetido en moita xente que, coma el, ao longo da historia, viu coroada co fracaso aparente unha traxectoria de amor e de servizo á comunidade.
Xoán chámanos a atención sobre dúas realidades presentes en Xesús, o Fillo do Home, o ser humano, home e/ou muller, por excelencia. Cambiando a orde coa que aparecen no evanxeo de hoxe, a primeira destas realidades é a de que todo o de Xesús era cuestión de amor e de servizo. Todo o del, todo o seu vivir, todo o seu estilo de vida, todas as súas palabras, os seus feitos, os seus encontros, as súas relacións con pobres e ricos, con asoballados/as e asoballadores/as, todos os seus enfrontamentos e conflitos, todo, todo se resumía nisto: amar e servir, amar servindo, convertendo o servizo na mostra da calidade e transparencia do seu amor. Xesús era así, porque bebía diariamente da fonte de todo amor e de todo servizo que é Deus mesmo, para quen o poder é tamén un poder de amor e de servizo, de misericordia e de fidelidade.
Xesús, agora a través das palabras de Xoán, pero en todo momento e de mil maneiras, estanos recordando que o que nos caracteriza a quen somos de verdade seguidores/as del é o amor. O amor que nos propón ten unha referencia importante, que é a súa propia persoa, o seu propio estilo de vivir, as súas maneiras de entender e de realizar o amor día a día, momento a momento, durante toda a súa vida. Os evanxeos, que imos coñecendo ben, fálannos disto con toda claridade. Xesús ofrécenos o amor/servizo coma unha forma de sermos persoas cristiás, coma unha forma de sermos membros da comunidade cristiá na que estamos participando, coma unha forma de levar cara a fóra a nosa convicción de vida, coma o miolo da nova evanxelización que dicimos nestes tempos. E vémolo ben claro, o que realmente ennobrece a experiencia relixiosa, o que a fai crible para a xente dos nosos tempos e de todos os tempos, nas nosas parroquias, nos nosos pobos, é, son as persoas que aman e serven en seguimento de Xesús, no nome do Deus no que din crer. Xoán, Xesús mesmo a través del, proponnos un grande reto: aceptamos vernos e vivirnos hoxe nos tempos que corren como persoas de servizo? Que pode significar para todos/todas nós facer esta aposta? Que teriamos que cambiar, que teriamos que intensificar?
Casa Nazaret de Tánger |
É a segunda das dúas realidades de que falabamos ten que ver xa co remate dunha vida que se entende e vive, en seguimento de Xesús, coma vida de amor e de servizo. Sexa cal sexa a forma do final da vida, a vida en amor/servizo é sempre unha glorificación para Deus mesmo, porque Deus, que é amor, atopa nesas persoas unha estupenda transparencia. Deus certamente é glorificado nelas, porque o amor/servizo, que explica a Deus, habita, brilla nesas persoas. E Deus tamén as enche de gloria, porque nel atopará a súa culminación ese dinamismo de amor e de servizo. Deus pecha sempre honrosamente a vida de quen anda en cousas de amor e de servizo e ábrea a un futuro ditoso no seu propio seo. Son experiencias fondas de vida e de morte, que o evanxeo de hoxe nos propón realizar nas nosas vidas. Só a consistencia interior nos permitirá vivir no día a día ao estilo de Xesús. E só a vivencia diaria do estilo de Xesús nos permitirá ir adquirindo unha consistencia interior, cristiá, a proba de loita, de cruz e de morte. Coma Xesús.
Preces
QUE NOS AMEMOS, XESÚS, COMO TI NOS AMACHES
- Que nos amemos respectando a demais xente nas súas ideas, nas súas opcións de vida, nos seus sentimentos. Oremos.
- Que nos amemos ofertando con humildade e valentía as propias conviccións, para que a comunidade, o pobo, se enriqueza coas nosas achegas. Oremos.
- Que nos amemos servindo, e que sirvamos tenramente as persoas coas moitas caras e maneiras que pode ter o servizo. Oremos.
- Que nos amemos e coidemos persoalmente, visitándonos, acompañándonos, escoitándonos, prestándonos axudas, compartindo alegrías, rezando uns/unhas polos outros/outras, cos outros/outras. Oremos.
- Que nos amemos a través das estruturas sociais, participando honrada e limpamente nos partidos políticos, nos sindicatos, nas asociacións de todo tipo, sempre coa idea de mellorar a condición de vida da xente máis débil, e nunca coa intención oculta de utilizar iso para o noso engorde. Oremos.
- Que nos amemos con capacidade de sacrificio, de sufrimento, de morte, se fai falla, para que o amor/solidariedade se espalle e sexa o motor dunha nova sociedade. Oremos.
Pregaria
por nos contar as túas cousas, as túa intimidades,
poñendo ao noso alcance a riqueza de vida
que levabas e levas dentro de ti.
Grazas por ese fondo de amor
que era e é a razón de ser da túa existencia toda,
ao que ti lle deches confiadamente o nome de Pai/Nai.
Grazas pola túa intensa fidelidade
ao amor que levabas nas túas entrañas,
sen te arredares nunca del,
sen xogar con el, sen banalizalo nunca.
Grazas, Xesús, porque para ti
o amor nunca foi palabra baleira,
nin palabra falsamente consoladora,
nin concesión narcisista ao teu propio egoísmo.
Grazas, Xesús, porque o amor foi para ti
homes e mulleres concretas,
nomes e relacións,
apaixonamento e tensión,
paz e confortos,
doazóns e decepcións,
morte e vida,
vida e morte,
tempo e eternidade.
nolo ofreciches limpo e encarnado.
preñado de vivencias interpersoais fondísimas
e aberto sempre ao grupo, ao social, ao comunitario.
Grazas, Xesús, porque por amor
lle plantaches cara ás institucións relixiosas e políticas
nas que aniñaba a enorme tentación de burlar o amor,
poñendo as persoas ao seu servizo,
Grazas, Xesús, por tanto e tan fondo e limpo amor!
Saberemos nós amar e servir
como ti amaches e serviches?
Poderemos nós amar e servir coma ti,
sen a túa axuda, sen o teu alento, sen o teu Espírito?
Grazas, Xesús, polo teu amor limpo e forte.
Que nos deixemos coller e arrastrar, Xesús,
pola forza e limpeza do teu amor!
Signo
- Algún rostro de xesús, algunha momentos nos que el exercía o amor e a acollida.
- Imaxes variadas de amor e de solidariedade, interpersoal e política, social.,
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.