28 abril, 2013

Oración na enfermidade

Benqueridas compañeiras e compañeiros,

Como igual xa sabedes, hoxe pola tarde ingreso no hospital de Lugo para a operación dun cancro de colon, algo que neste último mes se me confirmou. Parece que a cousa está controlada, en principio, e todo apunta a que as cousas non se complicarán máis do normal.
 
     Eu estou en paz, con ánimo, con esperanza, aínda que é a primeira enfermidade que teño ao longo dos meus xa 66 anos de vida. Na casa, a miña muller Delia, a nosa filla María, e os demais familiares, estamos con bo ánimo, dispostos todas/todos a poñer de parte de cada unha todo o necesario para que todo saia ben.
 
     Como podedes supoñer, quero vivir todo isto coma unha persoa crente, coma un fillo de Deus Pai/Nai, coma un irmán menor de Xesús, coma unha persoa posuída polo Espírito de Deus, coma un membro da comunidade cristiá máis inmediata, dentro da que todas/todos vós tamén estades incluídos, e da comunidade cristiá grande.
 
     Sei que Deus está da miña parte, non lle temos que pedir que sexa benevolente comigo. Si que desexo --e pídovos que na vosa pregaria de comuñón así o expresedes diante de Deus— que este convencemento entre ben no meu interior, para sentirme en todo momento acollido, amparado, acompañado, amado, sostido, mimado incluso por Deus; porque esa de verdade é a realidade na miña, na nosa relación con el.
 
     Tamén desexo que por iso mesmo, pola presenza de Deus na miña vida e pola presenza do voso recordo e pregaria, non perda a paz, o ánimo, a esperanza; que poida vivir todo isto desde unha pacificación fonda que, coido eu, só Deus é capaz de ofrecer, aínda que para facelo se valla dos servizos humildes que todas/todos nós nos podemos ofrecer.
 
     Non quero afogarme na miña propia dor, na miña propia enfermidade. O meu non é nada, polo menos no que presenta, comparado coa dor doutras moitas persoas, infinitamente máis desamparadas en moitos sentidos. Espero e desexo que a miña enfermidade, aínda que me achique unha miguiña o corpo, me poida abrir o corazón, e, por contactos lóxicos e normais que irei tendo con outras persoas que compartirán habitación, hospital, problema e dor comigo, amplíe a tenda da miña vida para acoller nela a máis xente, a máis familia. Así, espero, a miña enfermidade mesmo será un paso adiante nese camiño lento cara á plenitude no amor á que Deus insistentemente me convoca, a min como a todas e todos vós.
 
     E tamén quero coidar o agradecemento. Xa puiden palpar a eficacia dun Servizo Galego da Saúde que atende convenientemente a enfermidade; e cantos millóns de persoas no mundo non poden dicir outro tanto! Non sei se palparei tamén as consecuencias dos recortes nos coidados da xente enferma. Sei que haberá moita xente da enfermería ao meu coidado, para que todo saia ben, e canta bendición de Deus hai nisto! E sei, xa o estou comprobando, que hai moita xente familiar, amiga e coñecida que se preocupa por min, que pregunta, que me chama, que me desexa moito ben. Seguro que vai ser un tempo durante o que con emoción experimentarei a proximidade de Deus, da xente, e terei que practicar moito o agradecemento e medrar, polo tanto, nese aspecto tan básico en calquera persoa humana, e tamén en min, que tanto debo a tanta xente, desde que nacín ata hoxe.
 
     E máis nada. Por mor da enfermidade, igual non podo participar nalgún dos encontros que tiñamos previsto. Que lle imos facer! Seguimos unidos/as no mesmo empeño humilde e agradecido de vivir, gozar e transparentar na nosa vida a bondade de Deus, a forte tenrura de Deus. Ánimo e adiante.

Oración

Eu, fráxil, enfermo, con cancro...,
coma un de tantos e tantas,
se cadra, coas mesmas ansias,
coas mesmas dores,
cos mesmos desesperos,
coas mesmas esperanzas.

Eu teño ao meu redor moita xente,
empezando pola Delia e a María,
próxima,
que me quere,
que me coida,
que me transmite a forza do amor,
que me abre a un mundo maior
do circunscrito polas catro paredes do meu ser,
que me permite saír de min mesmo,
do meu,
e facerme un
con todo o que é e vive e sofre e espera e goza no mundo.

Eu téñote a ti,
amándome,
sosténdome,
solidarizándote comigo,
meténdome no mundo das solidariedades,
para que non afogue nas miñas soas inquietudes,
para que as inquietudes doutras/doutros me liberen
e me abran a un espazo maior,
un espazo de vida,
un espazo de amor,
un espazo de comuñón.

No entanto,
día a día,
coma sempre,
eu invitado por ti a gozar a vida e a saúde,
a loitar a vida e a saúde,
sostido por ti para iso,
acompañado por ti para iso.
Grazas, meu Deus.

Que te sinta así,
ou como ti queiras estar comigo.
Que sexas ti quen leve a iniciativa.
Lévame por onde queiras,
como queiras,
ata onde queiras.
E eu sempre da túa man,
sempre,
eternamente.
Grazas.
 

5 comentarios:

  1. Querido Manuel,em cada dia, quando de manhã nos encontramos com o Abba-paizinho, vamos ter presente a tua vida, que tem sido dádiva para tantas e tantos, como yem também sido para nós...
    Guardamos-te nos nossos corações.
    Abraços fraternos da Emília e do Mário, de Forjães

    ResponderEliminar
  2. De seguro estarás nas miñas oracións. Eu tamén paséi por un momento difícil hai seis anos, fun unha gran queimada, e parece que lle pasou a outra persoa. Deus danos unha gran capacidade para superar a dor e pon no noso camiño a xente inesperada para axudarnos. Non perdas a esperanza, mirar cara adiante é o que che empurra a seguir.

    Unha forte aperta desde Ponteareas. Nuria

    ResponderEliminar
  3. Mª Carmen Saavedra, deixounos esta mensaxe:

    Enterada da súde de Manolo Regal. Pedirei coa mesma oración que él fixo e comparte con todos nós. Decídelle que somos moitos os que o queremos e que siga transmitíndonos tantas cousas coa súa vida. Queremos, e así o esperamos, que isto sexa pasaxeiro, porque o necesitamos.
    Gracias

    ResponderEliminar
  4. Querido Manolo:
    Ao compartir contigo a esperanza neste Deus Pai/Nai que nos acolle, que nos acompaña en todo momento da nosa vida e mais nos de preocupación, non podemos ter máis que verdadeira certeza de que sentiráste amparado, sostido e até mimado por El. Tamén sabes que contas coa nosa oración, e con toda a forza destes teus irmáns que esperan verte moi pronto con novos folgos para sentirte abanderado da nosa oración.
    Unha aperta fonda. Chema e Isabel

    ResponderEliminar
  5. Anónimo13:56

    Nesta mañá espléndida de Pascua e coa esperanza que aniña no noso corazón facemos oración común co noso irmán Manuel, pois sabémonos vencedores de todo mal.
    Apertas e bicos para todos en especial para Manolo
    Saúdos
    Rosa García

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.