Evanxeo: Lc 9,11b-17
Comentario:
O evanxeo de hoxe non describe unha celebración eucarística, onde o Corpo e o Sangue de Cristo sexan expresamente mostrados e expresamente recoñecidos e comungados pola xente con agradecemento, pero ábrenos un moi interesante fondo desde o que poder comprender de forma conveniente o sentido, a orientación dunha celebración cristiá da Eucaristía, e polo tanto tamén o sentido do recoñecemento, acollida e adoración agradecida do Corpo e do Sangue de Cristo.
Xesús está coa xente, co pobo; fálalles da novidade do Reino de Deus, que, polo que ía mostrando coa súa palabra e cos seus feitos, era un movemento de renovación para as persoas e para o conxunto da sociedade, baseado na desbordante misericordia de Deus, e na inclinación especial por aquelas persoas e grupos sociais que máis especialmente estaban sendo marxinados, diminuídos por calquera clase de poder político ou relixioso, por calquera clase de abandono ético ou espiritual. Xesús falaba e curaba, atendía a saúde, os corpos e os espíritos da xente, o benestar total das persoas que o rodeaban. Xesús manda asumir a organización dunha comida de pan e peixe, para que a xente famenta non volva ás súas casas derreada, a base de compartir o pouco que había nas faldriqueiras dalgúns ou dalgunhas asistentes. Sobra comida cando non se amorea con egoísmo e cando se comparte con xenerosidade. Ninguén foi excluído daquel banquete solidario, porque, aínda que o evanxelista se encarga que sinalar de que os asistentes eran cinco mil homes, ben sabemos todos que onde había homes había tamén mulleres, e seguro que tanto ou máis devotas de compartir e repartir do que calquera outro. O de menos é saber se todo o contado polo evanxelista foi certo ou foi ficción, porque o interese do relato non está na súa historicidade, senón no seu dinamismo interior, no marco que ofrece dunha maneira nova de ser persoa relixiosa no medio do pobo, no soño de Deus no medio do pobo.

Co tempo as Misas, as Eucaristías cristiás foron evolucionando moito. Ata chegar ás nosas Misas de hoxe, moi ritualizadas, moi ordenadas, moi iguais unhas ás outras, moi frías en xeral, moi cheas de formas solemnes, que para algunhas persoas son condición imprescindible para achegarnos ao misterio de Deus, ao que nas Misas podemos acceder; Misas en xeral pouco vinculadas á realidade da xente que máis lle doía a Xesús, a xente que andaba derreada polo peso da vida. Misas abertas ao todo o mundo, si, ninguén é excluído, pero que no momento da comuñón, na hora precisa da comida no Corpo e co Corpo e o Sangue de Xesús pecha portas e nega o ofrecemento de Xesús a aquelas persoas polas que Xesús sentía especial predilección: pecadores e pecadoras, marxinados e marxinadas polos ben pensantes relixiosos de cada tempo.

Como persoas, como comunidades cristiás, todos, todas debemos cuestionarnos que temos feito coa celebración eucarística, que temos feito co Corpo e co Sangue de Cristo entregados por nós, e por todo o mundo, sen exclusión ningunha. Os evanxeos ofrécennos o marco axeitado para unha boa práctica da Eucaristía, da Misa. Caer na conta da identificación, como o mesmo Xesús dixo, do seu Corpo e do seu Sangue co Corpo e co Sangue de todo ser humano, e especialmente co das persoas máis abusadas, que máis o teñen lesionado, deteriorado, iso parece ser a clave para unha correcta integración da veneración do Corpo e do Sangue de Xesús o Cristo na celebración da Misa e en toda a vida cristiá.
Preces
DÁDELLES VÓS DE COMER
- Vemos, Xesús, a tanta xente precisada de pan e de menciñas, no noso mesmo país e tamén polo mundo adiante, e acollemos con seriedade as palabras que nos dis:
- Vemos tamén, Xesús, a xente precisada de acollida, de afecto, de acompañamento para as complexidades da vida, e, como persoas e como comunidade cristiá, escoitamos a túa voz urxente:
- Vemos, Xesús, persoas famentas de espazos relixiosos sinxelos e fondos a un tempo, de celebracións vivas, sentidas, alentadoras, onde ninguén se sinta excluído, onde todos/todas teñamos un lugar, e escoitámoste dicirnos:
- Vemos tamén, Xesús, como ti convertiches o teu corpo e o teu sangue en mantenza e vigor para cantas persoas se teñen achegado a ti, e invítasnos a que tamén nós fagamos do noso corpo e sangue mantenza para a xente máis fráxil e diminuída, e oímos que nos dis:
- Vemos, Xesús, persoas tristes, apagadas, nas nosas parroquias, nos nosos pobos; xente precisada de encontros, de alegrías, de festas, de ilusións, de palabra quente e animadora, e escoitámoste dicirnos:
- E aínda cando nós mesmos/as estamos tan precisados/as do teu Corpo e do teu Sangue, do teu vigor e da túa compaña, nunha fonda chamada á solidariedade que a todos/todas nos renova, oímos a túa voz alentadora dicindo:
Pregaria
para a vida, para a festa, para o gozo da comunidade!
Faise comunidade coa graza de todos e todas.
Faise parroquia cos brazos de todos e todas.
Faise pobo cando todos e todas arrimamos o lombo.
Faise Reino de Deus co Corpo e co Sangue de todos e todas.
Busca, rebusca
no teu peto, no teu bolso, no teu corazón.
Mira para as túas mans,
escoita as túas propias palabras,
pon a man sobre o teu peito.
Canto vales! Canto sabes! Canto podes!
Xunta o teu pan aos cinco pans daquel veciño,
xunta o teu peixe aos dous peixes daquela veciña,
para facer posible o milagre da abundancia,
o gozo da mantenza para a xente famenta,
a alegría de sermos, sentirnos comunidade,
en Deus, alento e vigor de todo canto une.
Non teñas medo a perder, a quedar baleira/a;
canto pos en servizo da comunidade
--casa, cartos, afectos, tempos, ansias, gozos, soños...--,
multiplicarase nas túas mans
porque Deus non é Deus de escasezas, senón de abundancias,
e ten para dar moito máis do que deixa dado.
Experimenta con Xesús, ben achegada/o a el,
a enorme liberdade e alegría de ser Pan e Viño,
Corpo e Sangue santos,
para a ledicia da xente,
para a festa e liberación do pobo.
E entrarás sinxelamente na rolda amorosa de Deus,
que é e atopa gloria no resplandor da comunidade.
Signo
- Unha mesa con pan e viño.
- O corpo, a imaxe de Cristo, e, xunto a elo, o corpo a imaxe de persoas marxinadas.
- Unha imaxe da Última Cea de Xesús cos seus discípulos e discípulas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.