18 xullo, 2013

21 de xullo: Domingo XVI do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 10, 38-42

Comentario:

Chama unha vez máis a atención o lugar, o momento concreto no que suceden as cousas, nas que Xesús intervén. Xesús non era un sacerdote da súa relixión, era un laico, e, coma bo laico, os espazos tidos por sagrados non eran para el os máis apropiados para desenvolver a súa actividade de anunciador dunha Boa Nova por parte de Deus. Os espazos para el máis idóneos eran os da vida normal, profana, o mundo, as aldeas, o pobo, a xente, os camiños, os encontros, os comedores, as cociñas...; todo lle valía, todo lle daba pé para ir espallando, popularizando a novidade de Deus; todo se ía facendo para el espazo sagrado. Parémonos agora a ver cal é en concreto a proposta nova de Xesús neste encontro ocasional con dúas mulleres, Marta e María, na casa destas.

     A primeira lección é a da acollida. Para a sensibilidade xudía, acoller era moi importante. Abrir a tenda, a casa, poñer enriba da mesa algo que alivie a quen chega, conversar, compartir, escoitar..., costume que vén de vello, tal como queda recollido na primeira lectura da liturxia de hoxe. As sociedades rurais son as que mellor manteñen este costume; nas aldeas de Galicia practícase isto con frecuencia e con emoción. No fondo está a importancia da acollida, da apertura a quen vén, do compartir, do gratificar e deixarse gratificar pola persoa que se achega á nosa casa, á nosa vida. E agradecer esas novas presenzas.     
     Acoller ten, pode ter, hoxe dimensións ben importantes: acoller a quen vén de fóra, e se distingue de nós na cor da pel, nas ideas, na relixión, nos costumes; acoller a quen ten ideas políticas diferentes das nosas, a quen na mesma Igrexa entende as cousas de modo moi diferente, ata o punto de case escandalizarnos; acoller a quen non cre, a quen entende a vida, a moral, o uso do tempo ou do diñeiro de maneira distinta de nós. Acoller, respectar, dialogar, transmitir vivamente tamén o que nós pensamos, sentimos e vivimos; escoitar con escoita vulnerable, é dicir, expoñendo a nosa forma de vida ao que de novo nos pode vir da persoa que temos diante. Canto necesitamos no momento presente da acollida! Canto nos perdemos pechando as portas, o corazón, as ideas, os sentimentos, ao distinto do noso! Como vivimos isto nas nosas comunidades cristiás?

     O texto céntrase bastante en comentar dúas maneiras distintas de acoller a quen chega. Hai unha acollida máis activa, de preparar e dispoñer cousas, alimentos, bebidas, que seguramente son moi necesarias. E canto agradecemos eses detalles que nos ofrecen as persoas que nos acollen! Marta era unha muller moi disposta para iso, como tantas das nosas mulleres, que teñen unhas mans benditas para agasallarnos co mellor da casa. Pero Marta non acougaba, andaba nerviosa, axitada, non tiña tempo nin para falar, nin para escoitar. María, en cambio, “sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras”, como tantas tamén das nosas mulleres, que, ás veces mesmo desde a submisión indebida, aprenderon a calar á forza, a escoitar, a madurar dentro, a medrar en conciencia, en expectativas, en soños.
     Xesús, que gustaba de comer e beber, valoraba sen dúbida os agasallos de Marta, pero, ao tempo, proponlle a escoita de María; así, entre doces e silencios, constrúese o espazo onde se realiza de verdade o encontro entre as persoas. Entre bocado e bocado, pódese falar, pódese escoitar, pódese meter no fondo da persoa o alimento do corpo e o alimento da alma, que nos permita vivir, renovarnos, pacificarnos, alentarnos, medrar coma persoas, soñar...     
     O Evanxeo, sen dúbida, sitúanos ante a urxencia de escoitar a Xesús, no que foi a súa vida e a súa ensinanza, no que domingo a domingo imos lendo del nos evanxeos. Escoitar a Xesús é o remedio da Igrexa, das comunidades cristiás, de todos e cada un dos seus seguidores e seguidoras. Escoitalo a fondo, coma María, que “sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras”. Escoitar sen prexuízos, sen fundamentalismos, sen ideoloxías por diante, cunha escoita vulnerable, sabendo que moitos dos nosos modos de ser, de pensar e de actuar serán seguramente sacudidos para a vida pola palabra viva de Xesús.
     Estamos en tempos de vacacións. Viaxemos pouco ou moito, seguro que son tempos de encontros, de visitas, de conversas, de diálogos. Poderemos poñer moi en práctica esta ensinanza de Xesús, que responde a algo fondamente humano. Poderemos tamén poñernos á escoita de Xesús, de forma tranquila, aberta, dispoñible. Non fan falla cartos para facelo, nin viaxes, nin grandes medios. Simplemente a vontade de querer e deixar que a vida sexa alentada por alguén que, se en algo se caracterizou, foi en acoller as persoas, escoitalas a fondo, e transmitirlles unha enerxía nova, capaz de abrir as súas vidas a algo nunca antes pensado. Pero, iso si, se non acollemos, escoitamos, á xente, non estaremos capacitados/as para acoller e escoitar a Xesús, a Deus.

Preces:

UNHA MULLER CHAMADA MARTA ACOLLEUNO NA SÚA CASA
  • Para que teñamos un corpo e un espírito acolledor con todas as persoas que se crucen na nosa vida, especialmente coas máis precisadas de acollida. Fagamos oración.
  • Para que nos esforcemos por compartir a fondo, falando e escoitando, abrindo o noso corazón, as nosas vidas, e aceptando a quen se confía con nosoutros/as. Fagamos oración.
  • Para que as comunidades cristiás, as parroquias todas, nos fagamos casas de acollida, fogares de vida e de convivencia para quen o precise. Fagamos oración.
  • Para que as nosas casas se abran a quen ande canso/a e necesitado/a nos camiños da vida, e gocemos compartindo con quen non ten. Fagamos oración.
  • Para que acollamos a voz de quen non ten voz, o clamor das persoas e familias que nestes tempos, en Galicia e fóra de Galicia, en calquera parte do mundo, máis sofren a avaricia dos mercados, dos poderosos. Fagamos oración.
  • Para que a acollida, o silencio, sexa en nós o espazo necesario para dispoñernos a actuar, a unirnos a outros/as na defensa de quen padece. Fagamos oración.


Pregaria:

Escoller a mellor parte,
que é, Xesús, escoller a mellor parte,
esa que nunca nos será quitada?

Vale máis xantar pobre en harmonía
ca mesa fina en desconfianzas.

Vale máis achegarse ao corazón da xente
que asombrarse das lindezas dos seus bens.

Vale máis abrir con poucas palabras a propia vida
que esbardallar e esbardallar sen xeito nin medida.

Vale máis o silencio humilde e acolledor
ca todos os agasallos do mundo.

Vale máis unha aperta solidaria
ca centos de proclamas sobre a solidariedade.

Vale máis o bico dun neno, dunha nena,
ca todas as pomposas cerimonias sobre alfombra roxa.

Vale máis motivarse mutuamente polo que leva a humanizarse
que as discusións acaloradas sobre quen é xa máis humano/a.

Vale máis o silencio calmo dunha mañá labrega
ca todos os barullos nocturnos entre sexo, droga e borracheira.

Vale máis o perdón dado e recibido
que a incriminación e a violencia.

Vale máis a vida calada dunha velliña de aldea
que as biografías sonoras de tanto xerifalte.

Vale máis o corazón cálido, os sentimentos,
que a cabeza fría e calculadora.

Valen máis as bágoas dun orfo/a
ca todas as urxencias da xente acomodada.

Vale máis unha mazá traballada con mans respectuosas coa terra
que camións delas producidas con técnicas agresivas.

Vale máis o recendo natural dun atardecer labrego
ca todos os perfumes da Francia.

Vale máis un pouquiño de sexo entre coidados e afectos
que as máis grandes orxías a corazón baleiro.

Vale máis a pobreza digna
que a riqueza insolidaria.

Vale máis andar á túa sombra, Xesús,
que camiñar ao abeiro de ricos e potentados.

Xesús,
que ao teu lado, pouco a pouco,
vaiamos aprendendo
a discernir e valorar,
a decidirnos e escoller
sempre o mellor,
o que máis nos fai homes e mulleres de moito ben,
o que máis nos fai seguidores e seguidoras túas.


Signo:
  • Xestos variados de escoita mutua, atención, acollida.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.