11 xullo, 2013

14 de xullo: Domingo XV do Tempo Ordinario (C)


Comentario:

Cando se fala de posibles cambios na vida dos cristiáns e cristiás, na vida das comunidades cristiás e do conxunto da Igrexa, fálase da necesidade de facernos persoas samaritanas, comunidades samaritanas, Igrexa samaritana. Por iso é tan importante achegarnos con ollos limpos, con corazón limpo, unha vez máis a este texto do evanxeo de Lucas, que podería ser un estupendo resume de todo o Evanxeo de Xesús; unha especie de Evanxeo do Evanxeo.

     Unha Igrexa samaritana é unha Igrexa, son uns cristiás/ás que se preguntan constantemente “que teño que facer para herdar a vida eterna”; unha pregunta substancial, que poderiamos traducir así: que teño que facer para acertar na vida, para desenvolver a miña existencia dunha forma acertada, xusta e feliz, que cadre con esa chamada básica que Deus puxo no fondo do noso ser de criaturas? Pero esa pregunta básica poderíamos logo concretala en preguntas como: que podería facer para ser un bo cristián/á hoxe, para axudar a renovar a miña comunidade cristiá, a miña Igrexa, para acompañar ben os nosos fillos e fillas neste momento, para medrar en solidariedade, para reacción e actuar coma cristián/á nestes tempos de crise que vivimos, para vincularnos a Deus a fondo, para vincularnos cos nosos veciños e veciñas a fondo? Para ser comunidades cristiás samaritanas é importante deixar de lado a convicción de que temos respostas para todo, e deixar que as boas preguntas de humanidade nos crucen a vida.
     Unha Igrexa samaritana é unha Igrexa que segue a Xesús, e que, polo tanto, coma el se constrúe diariamente a partir destas dúas vinculacións; unha vinculación a fondo con Deus; non unha vinculación de aparencias, que non daría case nada de si, senón unha vinculación a fondo, deixando que Deus nos colla por fóra e por dentro: pensamentos, afectos, accións, todo. Tal como Xesús o fixo; e unha vinculación a fondo coas persoas, e sobre todo coas que sofren, deixándose afectar, remover por elas. Tal como Xesús o fixo tamén.
     Unha Igrexa samaritana é unha Igrexa que sabe que para comprobar se está fortemente vinculada con Deus o que ten que ver é como está vinculada coas persoas. Para Xesús a consideración polas persoas era a mellor medida indicadora da nosa consideración por Deus. E por iso unha Igrexa samaritana, unha comunidade cristiá samaritana, observa con todo detalle a parábola de Xesús que hoxe lemos. Xesús con frecuencia era provocador, pero non por meterse coa xente, senón para que ás persoas se lles abrisen os ollos e caesen na conta da razón ou do desatino das súas vidas. A provocación aquí está entre os comportamentos do sacerdote e do levita (ou sancristán), xente por suposto moi correcta no seu credo e na súa práctica relixiosa, e o samaritano, que era considerado coma un perdido a nivel relixioso.
     Unha Igrexa non samaritana sería unha Igrexa moi coidadosa por unha boa teoría relixiosa e moi amante do culto, pero que, cando na vida bate con situacións humanas comprometidas, dá un rodeo, refúxiase no seu templo, e ignora a misericordia. O cura e o levita fan iso. Non quere dicir que hoxe os curas e frades fagan iso tamén. Teñen ese perigo certamente. Hai moitos homes e mulleres da Igrexa moi entregadas ao servizo É un aviso para todos, para todas, que con frecuencia pasamos máis tempo do debido discutindo sobre teorías de pureza relixiosa ou cultual, sobre ideas no fondo, sobre ideoloxías.
     Unha Igrexa samaritana, en cambio, é unha Igrexa que, primeiro, anda os camiños da xente; como di o Papa Francisco, unha igrexa que sae dos seus “rollos” e vai á periferia, é dicir, alí onde a vida pasa deixando víctimas e marxinadas. Despois é unha Igrexa que abre os ollos e ve. Despois, a diferencia do sacerdote da parábola, non dá un rodeo, achégase, déixase afectar e conmover, preocúpase do caso, implícase, cura, coida, pon dos seus medios, fai un seguimento da situación... E todo isto faino un samaritano, un herexe daqueles tempos. Xesús aproba o comportamento do samaritano, o herexe, e non o do sacerdote e do levita, que eran moi correctos nas súas ideas e prácticas relixiosas.
     Xesús coa súa vida abriunos o camiño, indicounos as liñas básicas para responder ás preguntas vitais que nos fagamos. El dános ese Espírito bo que garante o acerto. A nós quédanos loxicamente o traballo de ver como vivir iso ante as circunstancias humanas concretas que estamos vivindo. Só unha Igrexa samaritana reponde ao que Xesús quería dos seus seguidores e seguidoras. Teremos exemplos de cristiáns/ás que non responden a isto, e igual nós mesmos estamos nese grupo; pero tamén, grazas a Deus, coñecemos xente que, no Espírito de Xesús, nos segue indicando o camiño. Adiante, por aquí hai acerto e boa ventura.

Preces:

POIS VAI TI E FAI OUTRO TANTO
  • Que teñamos pés ou coche de samaritano, para achegarnos ás persoas necesitadas, marxinais. Oremos.
  • Que teñamos ollos de samaritana, para ver as carencias da xente e entendelas a fondo. Oremos.
  • Que teñamos sentimentos de samaritana, para doernos do sufrimento alleo e para deixarnos afectar por el. Oremos.
  • Que teñamos carteira de samaritano, para compartir xenerosamente os nosos medios de vida con quen carece deles. Oremos.
  • Que teñamos intelixencia de samaritana, para ir ás causas da pobreza e marxinación, e superar a fondo as feridas da xente. Oremos

Pregaria:

(Sobre a coñecida canción de Mercedes Sosa, que reproducimos ao final e que se pode baixar moi doadamente en internet)

Que nada na vida, meu Deus,
nada,
nada me sexa nunca indiferente!

Que a inmigración non me sexa indiferente
cos seus rostros curtidos en pobrezas,
coa súa ollada esperanzada e quente.

Que a marxinación nosa non me sexa indiferente,
nomes e vidas coñecidas, resignadas ou amargas,
á espera dunha man alongada e quente.

Que o gran drama da crise non me sexa indiferente
coas súas acedas consecuencias e ensinanzas
sobre o vivir e non vivir da xente.

Que África non me sexa indiferente,
moreas de persoas, de bens e de promesas,
afogadas, espoliadas descaradamente.

Que Galicia non me sexa nunca indiferente
coa súa memoria histórica, coa súa fala,
coa súa verdade fonda e silente.

Que o cárcere non me sexa nunca indiferente,
misterio de vidas en suspenso e en suspense,
clamor de amor, de solidariedade creativa, ardente.

Que a aldea non me sexa nunca indiferente,
cruces e glorias en desconcertante mestura,
o sinxelo, o humilde, o pequeno, gratuitamente.

Que a Boa Nova, o Evanxeo de Xesús, non me sexa indiferente,
co seu poder alternativo, humilde, servidor,
para encher de vida a crentes e non crentes

Que a natureza non me sexa indiferente
coa súa capacidade de vida e de mantenza
ameazada polas teimas do mercado, friamente.

Que a causa palestina non me sexa indiferente,
co seu particular gulag de horror e espanto,
ao abeiro do noso silencio compracente.

Que ti mesmo, meu Deus, non me sexas nunca indiferente,
a pesar da incoherencia de quen che canta,
a pesar da miña propia cegueira impenitente.

Que ningún rostro humano me sexa indiferente,
co seu camiño propio, de po e lama, fráxil,
que nada, meu Deus, nada, me sexa nunca indiferente,
e que a morte non me colla sen ter feito o suficiente.



Sólo le pido a Dios
que el dolor no me sea indiferente,
que la reseca
muerta no me encuentre
vacio y solo sin haber hecho lo suficiente.

Sólo le pido a Dios
que lo injusto no me sea indiferente,
que no me abofeteen la otra mejilla
despues que una garra me araño esta suerte.

Sólo le pido a Dios
que la guerra no me sea indiferente,
es un monstruo grande y pisa fuerte
toda la pobre inocencia de la gente.

Sólo le pido a Dios
que el engaño no me sea indiferente
si un traidor puede mas que unos cuantos,
que esos cantos no lo olviden facilmente.
Sólo le pido a dios
que el futuro no me sea indiferente,
desahuciado está el que tiene que marchar
a vivir una cultura diferente.


Signo:
  • Diferentes imaxes de pobrezas, marxinacións e solidariedades.
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.