11 xullo, 2013

7 de xullo: Domingo XIV do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 10, 1-12. 17-20

Comentario:

Foi práctica de Xesús mandar os discípulos, e discípulas, de dous en dous, por vilas e lugares, anunciando o novo de Deus, ou foi cousa pensada máis tarde polas primeiras comunidades cristiás? Vén ser o mesmo. As primeiras comunidades cristiás aprenderan de Xesús que achegarse de veras ao corazón de Deus e ao seu dinamismo de amor solidario era algo moi bo para todo o pobo, especialmente para as persoas máis marxinadas do pobo, e por iso ansiaban que fosen moitos e moitas, de dous en dous, de tres en tres, de catro en catro, como fose, as que, máis aínda cos feitos que coas palabras, o fosen introducindo na vida das persoas e dos pobos. Así que había que remover o ceo e máis a terra, para que a cousa fose adiante, porque diso dependía o benestar fondo de moita xente. Temos nós ese mesmo convencemento? Somos así apaixonados/as do pobo, como o era Xesús e como o eran aquelas primeiras comunidades cristiás?

     E Xesús ensináballes cousas sinxelas, pero ben prácticas, que nos valen tamén para as persoas que hoxe seguimos soñando coas cousas de Xesús. Por exemplo, ter en conta que nos manda “coma años no medio de lobos”. É dicir, que falemos e vivamos o de Deus con mansedume, sen ningunha violencia, nin imposición, nin ameazas, nin nada parecido. Tanto cando somos ben acollidas, como cando non o somos. Tanto cando nos abren as portas, como cando nos dan con elas nos fociños. Xente de paz, na boca e no corazón. Houbo e hai moitas veces exceso de ameazas na linguaxe e na práctica relixiosa. Deus propón, non impón. Deus ofrece, non obriga. A Deus non lle vai a xente obrigada, senón as persoas que desexan as cousas de Deus, porque descobren o bo gusto de vivir nas ondas do amor, do servizo, dos coidados, coas persoas, coa natureza, cos animais. Ao oír iso de sermos “coma años no medio de lobos”, pensamos máis nos feroces lobos –por suposto, os lobos sono sempre os outros, non nós— ca nos mansos años, que si debemos ser nós.
     Xesús ensínanos a non andar nas cousas de Deus e no servizo ao pobo pola comenencia, polos cartos, por facer carreira, senón con pobreza. Xesús, coma o Papa Francisco, quere que sexamos unha Igrexa pobre ao servizo da xente pobre. Sen orgullo, sen vana gloria, Xesús invítanos a ser persoas que co noso estilo de vida lle paremos os pés aos que se din servidores do pobo, pero logo vemos que o que buscan é encherse de cartos, de poder, de prestixio idiota. As comunidades cristiás estamos chamadas a ser escola de servidores sen comenencias. Sen saco, sen alforxa, nin calzado sequera, dicía Xesús. Sen ningún signo de posesión, de acumulación, que rompa o soño igualitario, fraterno, de Deus.
     As persoas que se dedicaban á creación de grupos cristiáns falaban coa xente, compartían con normalidade a súa casa, os seus alimentos, poñíanse ao servizo das persoas enfermas, das máis débiles, para que entendesen que era certo iso de que o bo de Deus se estaba facendo presente entre eles e elas; e non cobraban nada, pero si eran mantidas, en pobreza, polas persoas e familias que os recibían, xa que “o obreiro, a obreira, ten dereito ao seu xornal”. É dicir, estamos ante o comezo de comunidades que se autofinanciaban, que mantiñan aos seus liberados/as, que non cobraban do Estado, que eran absolutamente transparentes no económico, para que o demo do diñeiro non tivese entrada no corazón das persoas e das comunidades.
     Coa acción de Xesús os homes e mulleres podémonos facer fortes, para repoñernos ao mal e a quen o intenta espallar entre nós. As cobras, os alacráns, como animais velenosos, mortais, son una imaxe, unha comparanza, dos enormes males que seremos capaces de vencer. Canto poderío, do bo, do que se constrúe sobre o servizo, poderemos adquirir se andamos nos camiños de Xesús! Cales son os maiores demos que ameazan a convivencia fraterna nas nosas parroquias, vilas e cidades? Para combatelos fainos fortes Deus, Xesús.
     Podemos pensar en todas estas cousas, nalgunha delas polo menos. Como as vivimos nas nosas comunidades cristiás, na nosa Igrexa? En que poderiamos cambiar para achegarnos ao que Xesús pedía e ofrecía aos seus seguidores e seguidoras? Coñecemos persoas que son para nós confirmación desta ensinanza de Xesús: xente pobre, pacífica, humilde, vigorosa, chea do poderío de Deus? Que facemos por achegarnos a esas persoas, por seguir os seus camiños?

Preces:

SABEDE QUE VOS MANDO COMA AÑOS ENTRE LOBOS
  • Por toda a xente de paz, que loita por unha paz xusta dentro das familias, nas parroquias, nas nacións todas do mundo, para que non cansen nin desistan. Oremos.
  • Pola xente que aspira a vivir con modestia, sen afán de riquezas, con ganas de compartir, mirando polas persoas máis débiles, para que sintan a compaña e o vigor de Deus ao seu lado. Oremos.
  • Polas comunidades cristiás que se esforzan por vivir e transmitir o que Xesús nos ensinou coa súa vida, para que non decaian, e se manteñan firmes na súa ilusión. Oremos.
  • Polo conxunto da Igrexa, para que se faga ben pobre e servidora, para mellor cumprir coa tarefa que Xesús lle puxo nas mans. Oremos.
  • Polos cidadáns da república Centroafricana, que están sufrindo tantos abusos por parte do exército golpista; pola xente de Siria, de Exipto, que de diferente forma se están revelando contra os abusos de poder e a morte. Para que o seu drama teña eco entre nós, entre quen poden tomar decisións de pacificación verdadeira. Oremos.

Pregaria:

Señor, Señor,
polo teu amor!,
xornaleiros, xornaleiras,
homes, mulleres de acción,
que enchan cidades e aldeas
da alegría do teu don.

Señor, Señor,
polo teu amor!,
xente mansa, xente humilde,
arriscada e con paixón,
que ofreza sen violencias
a túa liberación.

Señor, Señor,
polo teu amor!,
pobres de corpo, de mando
e coa paz no corazón
petando ás portas da xente
compartindo canto son.

Señor, Señor,
polo teu amor!,
con casa e mesa de irmás,
á voz prestando atención
de quen ri e de quen chora,
de quen alza o seu clamor.

Señor, Señor,
polo teu amor!,
loitadores, loitadoras,
con humildade e vigor
sen achicarse ante os grandes,
sen ceder á tentación.

Señor, Señor,
polo teu amor!,
alegres, agradecidas/os,
sen buscar admiracións,
sabendo que ti es a forza,
ti, só ti, a salvación.


Signo:
  • Algunhas persoas camiñando.
  • Un saco, unha alforxa, unhas sandalias, soas.
  • Persoas en actitudes de servizo a débiles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.