22 agosto, 2013

25 de agosto: Domingo XXI do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 13, 22-30

Comentario:

Unha persoa faille unha pregunta a Xesús que soa a simple curiosidade. Xesús, ao contestar, sitúase nun plano vital, comprometido; non valen os xogos retóricos, as curiosidades inútiles –parece dicirlle--, o que importa é a vida que pasa diante de nós, os homes e mulleres que son os nosos irmáns e irmás, e o noso compromiso con eles, con elas. Por iso a pregunta hoxe poderiamos formulala, dunha maneira máis viva e comprometida, así: de que maneira poderemos ser persoas cristiás, comunidades cristiás, que se vinculen a fondo coa sociedade de hoxe, para poñer vida nela, de xeito que esa vida nos cure, nos libere, nos dea o gusto de vivir, nos devolva a alegría e o alento, nos faga de verdade irmáns, irmás? De que maneira ser hoxe bo fillo, boa filla de Deus, unha comunidade de fillos e fillas de Deus entre a xente?
     E Xesús contesta que a cousa non é doada. E certamente non o é. Xesús di que é coma unha porta estreita pola que custa entrar. E advírtenos deseguida que non se entra por ela simplemente rezando, nin participando en mil celebracións, encontros, cursiños, nos que aparentemente intimamos entre nós e con Deus, coas nosas oracións, cos nosos cantos, coas nosas reflexións, cos nosos escritos,... “Non sei quen sodes”, repite o dono da casa da pequena parábola que conta Xesús; “arredade de min os que practicades a inxustiza”. É dicir, que por moito que se rece, non se establecen vínculos serios con Deus e non se fai unha humanidade nova, se non se anda en cousas de xustiza, de legalidade, de honradez, de dereitos recoñecidos para todos/as por igual, e se non se promoven con forza desde a mesma comunidade cristiá da que formamos parte. E iso no nome de Deus, co empuxe de Deus, levándoo sempre na mente e no corazón, e mesmo na palabra, como facía Xesús. Canto terían que aprender os políticos de hoxe, envoltos como andan en cousas de corrupción! Pero canto temos que aprender tamén os cristiáns e cristiás de hoxe, as comunidades cristiás de hoxe, que parece termos perdido fol, “fuelle”, e ás veces mesmo parece que nos dá igual sermos ou non sermos en verdade do grupo de Xesús, compañeiros e compañeiras del!
      Lucas advírtenos que moitas veces persoas que nos parece que non están próximas a Deus, nin á Igrexa, nin ao Reino de Deus, en realidade son as que máis dentro del están, as que máis reciben o beneplácito por parte de Deus. E, ao revés, tamén nos advirte que moitas veces xente que se pode crer moi amiga de Deus, moito de Igrexa, moi metida no Reino de Deus, á hora da verdade están máis ben fóra, e todo porque non se deixan cuestionar polo que pasa no mundo. O Papa Francisco, nunha entrevista na TV brasileira “O globo”, dicía que mentres un neno ou nena estea morrendo de fame no mundo, as relixións, todas as relixións, calquera relixión, non podiamos durmir, nin rezar, nin vivir tranquilas, como non sexa implicándonos a fondo para que iso deixe de suceder.      
     E quen di un neno/a morrendo de fame no mundo, pode dicir tamén un neno/a sen cobertura social en España, tendo que ir comer de misericordia; pode dicir tamén un neno/a sen escola, sen menciñas; pode dicir un velliño/a sen coidados e recoñecementos, pode dicir unha familia desafiuzada por efecto dos mecanismos perversos do capital, pode ser unha muller abusada, discriminada na sociedade, na Igrexa; pode dicir unha persoa alcohólica ou drogodependente que recibe desprezos e non acompañamento e coidados cara á rehabilitación; pode dicir nenos/as, mozos/as deixadas/os da man de Deus na súa boa formación, con caprichos, mimados/as, consentidos/as, co que se lles poñen as bases seguras dunha vida infeliz, etc.

     Realmente, como dicía Xesús, a porta é estreita. Pero, por outra banda, sendo as cousas así, que doado sería entrar no Reino de Deus, tal como Xesús o entendía, que non é unha cousa de rezos misteriosos, senón simplemente de ser persoa solidaria e amadora. E ser persoa solidaria e amadora todos, todas, o podemos facer, porque vai nos nosos xenes humanos: somos froito do amor, levamos a semente do amor dentro de nós, e amar é o que nos sae como máis natural, cando nos deixamos ser o que realmente somos.
      A celebración achéganos a un campo de amores e solidariedades, ao redor de Xesús, que nos poden recuperar para o Reino de Deus de verdade. Deixémonos coller pola paixón servidora de Xesús.


Preces:

XESÚS, NÓS QUEREMOS SEGUIRTE

  • Que, guiadas/as polo teu Espírito, saibamos rezar sen nos poñer de costas á vida, á quen a goza ou á quen a sofre. Oremos.
  • Que, iluminados/as pola túa palabra, acertemos a intimar con Deus, intimando de verdade coas persoas que poidan necesitar da nosa palabra, do noso afecto, dos nosos cartos. Oremos.
  • Que, coa túa compaña diaria, non andemos con aires de chulería créndonos mellores ca ninguén, senón que saibamos aprender dos demais, ofrecendo as nosas calidades con humildade. Oremos.
  • Que, ilusionadas/os por ti, fagamos da nosa comunidade cristiá un espazo de moita acollida, onde todo o mundo se sinta comprendido e axudado, coma na súa casa. Oremos.
  • Que, empuxadas por ti, non sexamos nunca indiferentes ante o que pasa no mundo, e aprendamos a acoller e agradecer o ben que vexamos, e a implicarnos para acabar co mal que fire sobre todo á xente máis débil. Oremos.

Pregaria:

Loitade, loitade,
loitade para entrar pola porta estreita,
porque a proposta é maior, pero non doada:
deixarte amar ata perderte en quen te ama,
amar ata perderte en quen ti amas,
baleiro e plenitude ao mesmo tempo,
Deus e a xente no mesmo abrazo sen fin
nas pequenas apertas cotiás que poden construír a túa vida.

Loitade, loitade,
porque a proposta non é para vagos,
nin lacazanas, nin preguiceiros, nin nugallás;
é para valentes humildes,
é para débiles confiados/as,
que saben que as súas forzas, que son súas,
beben no pozo inesgotable de todas as augas vivas
que sosteñen cada alento en cada hora.

Loitade, loitade,
aproveitade o tempo
sen angustias, coa paz na man, no corazón,
sen engurrar as cellas,
porque as horas pasan, as oportunidades van e non volven,
o tempo de facerte conclúe
e os estómagos famentos (todos os estómagos famentos)
non poden agardar máis polo teu anaco de vida.

Loitade, loitade,
buscade intimidades fondas con Deus, coa xente, cos máis pobres,
afacédevos a afectos limpos,
a solidariedades construtivas,
pois é doado perder o camiño,
e soñar con ilusións que nunca chegan
e atoparte coas mans baleiras e o corazón turbo, balorento (enmohecido).

Loitade, loitade,
non vos fiedes de falsas seguridades,
que aquí non hai enchufes nin comenencias,
cada quen ten que andar o seu propio camiño
pola carreiro franco da xustiza
onde baten e avalan todos os ventos.

Loitade, loitade,
loitade, que a porta é estreita;
pero confiade,
non ides sos, non ides soas,
estades arroupadas por milleiros, millóns, de irmáns e irmás,
a comunidade vai convosco,
eu mesmo vou convosco,
eu nunca nos deixo da miña man.


Signo:

  • De forma repetida, porta estreita e porta ampla, porta estreita, porta ampla.
  • Xente dándose as mans en actitude de afán compartido.
  • Algún grupo grande que dea imaxe de esforzo comunitario, compartido.
  • Xesús dando a man, acollendo, alentando.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.