Evanxeo: Lc 12, 13-21
Comentario:
Unha pregunta sobre cousas de herdades, que a Xesús lle parece impertinente, dálle pé para entrar nun tema que para el si que era realmente importante: o tema dos cartos, da riqueza, da acumulación de bens. Parécelle importante, porque ao redor diso xira o sentido da vida, o uso dos cartos, a xestión da economía, a solidariedade ou o egoísmo, a vida das familias, a construción da sociedade, as formas dunha relixiosidade auténtica; en definitiva, a felicidade das persoas, que é o que Deus, Xesús, quere para todos, todas e cada unha de nós. O tema dos cartos segue a ser un tema ben actual -en realidade a crise actual ten como base a cobiza dos cartos da que Xesús alertaba-; por iso tamén o é a ensinanza de Xesús. Iranos mellor se nos deixamos afectar, converter polas palabras, pola proposta de Xesús.
Hai que notar que o que Xesús hoxe nos di vai máis orientado ás persoas que tendo moito, se poden encontrar ante a dúbida de qué facer co moito que teñen; é dicir, as persoas ricas. Ou as que, sendo pobres, teñen espírito e aspiración de ricas, que de todo hai. Para os que non teñen, como lles pasa a tantos contemporáneos nosos de Galicia, de España e doutros países, para a xente pobre, Xesús acompáñaos no soño e na loita polo pan de cada día, Xesús anúncialles a benaventuranza de quen se vai ver farto, Xesús súmase a quen demanda o perdón das débedas e hipotecas, Xesús faraos beneficiarios da xustiza que, aplicada en conversión aos ricos, lles fai devolver cinco veces máis o que antes roubaron.
Os bens fannos falla; o pan de cada día, a sanidade pública, os servizos sociais básicos, a ensinanza pública, un fogar; Xesús non nos di o contrario, aínda que el non tiña onde reclinar a súa cabeza. Xesús prevennos contra a cobiza, que é outra cousa; é o afán tolo de ter e ter, de acumular, sexa como sexa, que normalmente é mediante trampas e inxustizas, ou renunciando a aspectos da propia persoa e da propia familia que van quedando abandonados por aquilo de xuntar e xuntar sen medida. “Atención: gardádevos da cobiza, que, por moito que un teña, non por iso a súa vida depende dos seus bens.” A vida e a morte non dependen dos bens que un teña, nin a harmonía familiar, nin a integración na parroquia e na sociedade, nin o ser honrada, nin o atopar parella ou non, nin o ser feliz con ela, nin a felicidade, por moito que nos pareza que con cartos comemos o mundo. Cantos exemplos podiamos poñer!
O problema do home da parábola que conta Xesús foi non saber facer un uso adecuado dos moitos bens que a vida ou o traballo lle ían dando. Dedicouse a acumular, pensando no seu benestar persoal: comer, beber e a vivir!, pensando que o tiña ben merecido. Coa desgraza de morrer antes do previsto, ou sen esa desgraza, a decisión daquel home era equivocada; facíase rico para si, e non para Deus; facíase rico para si e non para a comunidade; acumulaba diñeiro, pero perdía os vínculos reais da irmandade que se fortalecen co compartir; envolvíase en riqueza, pero arredábase cada vez máis da maior riqueza, do maior ben, que é a comunidade, asentada en Deus, realizada na vida de cada día. Gozábase coa caricia dos billetes, pero ignoraba a caricia e o agradecemento das persoas coas que podería compartir a súa riqueza. Tendo moito, tendo tanto, e precisamente por telo así, facíase menos home, era menos home. Polo tanto estaba tamén máis pechado ao encontro con Deus, que anda sempre nos espazos da solidariedade.
O evanxeo de hoxe quere axudarnos a revivir aquela ensinanza forte dos Santos Pais da Igrexa que entendían que os bens das persoas ricas teñen un destino comunitario, social. É dicir, son para repartir con quen non ten. É posible que isto hoxe nos escandalice. Aínda que, se o miramos ben, os sistemas tributarios das sociedades modernas, se son xustos, pretenden precisamente isto: facer un reparto dos beneficios excesivos, para que as persoas e os grupos sociais máis marxinais teñan o elemental para vivir dignamente. Outra cousa é que realmente se faga así. Vállanos isto para entender que desde a participación política se lle poden dar cumprimento, ou non, as ensinanzas de Xesús. Vállanos isto para entender tamén que unha persoa cristiá, se quere que o soño do Reino vaia fermentando pouco a pouco a masa da sociedade, é necesario participar en política, integrarse nos partidos, sindicatos e asociacións, facendo elección por aqueles que, máis aló das palabras, se aproximen algo aos soños fraternos de Xesús.
Así que logo, no canto de volverse tolo/a por atesourar riquezas para un mesmo, Xesús proponnos facernos ricos/as para Deus, nas cousas de Deus, que andan sempre ao redor do acoller, do abrir a casa, do compartir, da comunidade, do gozo da irmandade. Algo que gustamos e adiantamos un chisco nas nosas Eucaristías cando as facemos ao estilo de Xesús.
Preces:
QUE COA TÚA AXUDA, DEUS, NOS GARDEMOS DA COBIZA
- Gardémonos da cobiza dos cartos, que destrúe tantas veces a unión familiar. Oremos.
- Gardémonos da cobiza dos cartos, que destrúe os dereitos do pobo e crea xente marxinada e sometida. Oremos.
- Gardémonos da cobiza dos cartos, pola que os poderosos acaban coa harmonía social, como nos está pasando nestes tempos de crise. Oremos.
- Gardémonos da cobiza dos cartos, pola que moitos manipulan os países débiles do Terceiro Mundo con prepotencia e con descaro. Oremos.
- Gardémonos da cobiza dos cartos, que leva a estragar a natureza, a manipular os alimentos, a deteriorar a saúde. Oremos.
- Gardémonos da cobiza dos cartos, que nos separa de Deus, porque nos separa da comunidade, da irmandade. Oremos.
Pregaria:
Rico para Deus!
Rica para Deus!
Quero ser, Señor, rica, rico para ti.
Quero ser, Señor, rica, rico para a comunidade.
Quero ser persoa rica
en sentimentos bos, en humanidade,
para que os máis atopen en min alivio
e razóns para seguir vivindo, para seguir loitando.
Quero ser persoa rica
en tenrura, en compaixón,
para amolecer as durezas da vida
e acompañar e acoller sen medida.
Quero ser persoa rica
en ollada limpa e fonda, sentida,
para entender a xente coas súas cruces e dores
e poder arrimar o lombo convenientemente.
Quero ser persoa rica
en participación e colaboración comunitaria
para axudar a experimentar o gozo grande
de sabérmonos irmáns, familia, fogar,
construíndonos uns a outros/as con firme decisión.
Quero ser persoa rica
en espírito de loita
para darlle cara ao moito que nos impide
sermos libres, xustos/as, felices,
sermos pobo fraterno e igualitario.
Quero ser persoa rica
en fe, en amor, en esperanza,
en alegría, en paz, en palabras de consolo e de alento,
gozosa de terte a ti, Deus, por Nai, por Pai,
e a todo canto me rodea
como razón para vivir e causa do meu agradecemento.
Quero ser...,
pero moitas veces sinto que non podo,
que as forzas non me chegan,
que só ti me podes enriquecer no teu,
e próstrome ante ti, meu Deus,
co desexo limpo e fondo
de verme colmado pola túa abundancia
para mérito e gloria túa,
para que a vida soleza en min con sol de primaveras.
Signo:
- Na primeira parte e preces: imaxes de diñeiro e de lugares de acumulación: caixas fortes, bancos...
- Na parte das preces: imaxes de apoio, de loita, imaxes de natureza viva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.