08 agosto, 2013

11 de agosto: Domingo XIX do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 12, 32-48

Comentario:

Camiñando cara a Xerusalén, Lucas séguenos ofrecendo palabras e feitos que nos axudan a medrar como persoas e como comunidade cristiá. Estamos preocupados por acertar nos camiños que nos leven a unha experiencia cristiá sólida, a unha axeitada construción da comunidade e a un bo servizo ao noso pobo, á nosa sociedade. O Evanxeo de hoxe ábrenos camiños ben interesantes. Acollámolo con boa disposición, coma bos seguidores/as de Xesús.

     No mundo hai medos, na comunidade cristiá hai medos, cada un/unha de nós levamos medos no corazón. Un elemento importante da constitución humana, desde sempre, é ter medos, e, polo tanto, buscar a maneira de protexerse deses medos. Xesús ofrécenos un camiño para iso. Invítanos a non ter medos: “Non teñas medo, miña grea pequena”, e dános a maneira principal para conseguilo: “O Pai compraceuse en darche o Reino”; é dicir, estamos baixo a ollada benevolente, gratuíta, xenerosa de Deus; as cousas no fondo non dependen de nós, están en boas mans. Podemos confiar.
     Xesús tamén nos ofrece un camiño para construír esa confianza, que non cadra coas maneiras que habitualmente escollemos para ter confianza e vencer os medos. Nós intentamos vencer os medos acumulando: cartos, poder, prestixio, afectos, mando, enchufes, relacións co poder, privilexios. É esta unha tentación grande, na que con frecuencia caemos como persoas e como comunidade cristiá, como Igrexa. O camiño de Xesús vai por outro lado, e pódenos chamar moito a atención. A confianza, a victoria sobre os medos, adquírese vendendo os nosos bens, é dicir, o contrario de acumular, compartindo, abríndonos ao comunitario, establecendo relacións sólidas de amizade, de fraternidade. Iso permite facernos con bolsas que non se estragan, con tesouros que ninguén rouba. O corazón posto no comunitario, na fraternidade, no servizo, é un corazón saneado, limpo, libre, ousado, valente, sen medos. Hai aquí un grande reto para cada un, para cada unha de nós, para a nosa comunidade cristiá, para a Igrexa enteira. Hai moita xente na Igrexa que se ten lanzado a esta aventura de Xesús. Son un referente vivo para nós, sobre esas persoas descansa o futuro da Igrexa.     
     A total confianza en Deus, como que todo depende del, non nos priva do traballo diario, como se todo dependese de nós. As palabras de Lucas, dirixidas a unhas comunidades que vían que iso da volta gloriosa de Cristo se alongaba, válennos tamén para nós: poñerse roupa de traballo, ter as lámpadas acesas e estar en vela. A confianza non casa coa vagancia, senón con ser espelidos/as e esixentes. O momento presente chámanos a unha viva participación no persoal, no comunitario, no social. Deus estanos petando á porta de moitas maneiras imprevistas, solicitando a nosa atención, a nosa colaboración. As palabras do Papa Francisco poden ser a voz de Deus para nós hoxe. Pero tamén o poden ser o clamor da xente parada, o medo crecente dos/das inmigrantes de cor, a corrupción repetida dos representantes públicos, a soidade de moitos velliños/as nas aldeas e nas cidades, a anguria de quen se sabe cun cancro destrutor, as bágoas, golpes e feridas da muller maltratada, ou o desconcerto dos presos e presas que teñen a vida hipotecada quizabes para sempre. Con confianza, con paz, sumarse ao grupo das persoas loitadoras, arroupándonos para que o cansazo, aínda que nos fira, non nos destrúa.     
     Lucas ofrécenos tamén unhas palabras de aviso para as persoas que tiñan autoridade nas comunidades, a autoridade do servizo, que corrían o risco de convertela en autoridade de poder e de dominio. Algo que nos vale perfectamente para os tempos de hoxe. Os xeitos do mundo poden tentar aos líderes das Igrexas, curas, bispos, Papa. O Papa Francisco estanos avisando moito sobre diso. Quere pastores que non teñan aires de príncipes, que cheiren a ovella, que estean metidos no pobo, entendendo e compartindo as súas angustias, medos e felicidades. É tarefa de todos/as conseguir que as nosas comunidades estean presididas por persoas que teñan o estilo de Xesús. É tarefa de todos/as, porque todos, todas, podemos colaborar, denunciar, esixir, apoiar, para que as cousas da autoridade vaian por onde Xesús coa súa vida nos ensinou que fosen.
     A Eucaristía de cada domingo, no que ten de palabra e de experiencia comunitaria ao redor de Xesús servidor, pódenos axudar moito a irnos enchoupando do Espírito de Xesús.

Preces:

NON TEÑAS MEDO, MIÑA GREA PEQUENA (meu rabaño pequeno)
  • Que vivamos confiadas/os, Señor, abríndonos contigo a Deus, á súa forza de amor sen mesura, á súa capacidade de alento e de consolo. Oremos.
  • Que coa túa forza e compaña saibamos desapegarnos do diñeiro, do poder, dos enchufes, para sermos libres a fondo e boas servidoras do comunitario sempre.Oremos.
  • Que grazas a ti acertemos a mesturar confianza e espírito de loita, implicándonos a fondo na honradez e na lealdade que nos constrúen como persoas, como comunidade, como pobo. Oremos.
  • Que o Espírito nos manteña en vela, Señor, atentas/os ao teu paso, á túa chamada nas vidas das persoas máis feridas pola crise. Oremos.
  • Que saibamos traballar e descansar, ordenarnos e relaxarnos, espabilarnos e confiarnos ante calquera circunstancia da vida, sabéndonos sempre nas mans de Deus. Oremos.
  • Que guiadas/os por ti, Xesús, construamos comunidades fraternas, con curas fieis e prudentes, que non señoreen nin abusen, e que coiden a comunidade con esmero, sobre todo as persoas máis débiles dela. Oremos.


Pregaria:

Cando menos o espere, meu Deus,
estarás petando á miña porta.
Que teña a humildade e valentía
de abrircha sen receos.

Cando menos o espere, meu Deus,
ofrecerasme a túa cálida compaña.
Que saiba acollela e gozala,
agradecela e compartila con quen precise dela.

Cando menos o espere, meu Deus,
oirei a voz da túa crítica e corrección.
Que non me negue a escoitala
por moito que me revolva e me esixa.

Cando menos o espere, meu Deus,
sentireite ao meu lado,
descubríndome con sinxeleza os camiños da solidariedade.
Que saiba seguilos con empeño e fidelidade.

Cando menos o espere, meu Deus,
de día ou de noite,
na dor ou na festa,
na soidade ou na compaña da xente,
cando estou rezando ou cando ando nos trafegos da vida,
ti sempre aí, ao meu carón,
velando pola obra das túas mans.

Cando menos o espere, meu Deus, ...
Só ti me podes dar luz para adiviñarte,
afecto e paz para acollerte,
vontade e forza para seguirte.
Dáma! E dásma, que iso é o teu.
Canto cho agradezo!

--Cando menos o espere, meu Deus, ...
--Cando menos o esperes, miña filla, meu fillo, ...


Signo:
  • Alguén petando a unha porta.
  • Unha aldraba (aldaba) golpeando nunha porta.
  • Rostros distintos de persoas distintas, que poden ser chamada de Deus para nós hoxe: Papa, inmigrante, velliño/a, neno, mozo, parado/a, anónimo...


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.