16 setembro, 2013

22 de setembro: Domingo XXV do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 16,1-13

Comentario:

A presenza e o uso do diñeiro nas nosas vidas é unha das cuestións fundamentais do desenvolvemento humano, persoal e social; moitas ansias nosas de cada día andan ao redor da forma de gañar e de administrar o diñeiro; a crise fonda que estamos vivindo ten moito que ver cos métodos do acceso ao diñeiro de ricos e pobres e co uso que dese diñeiro se fai a grandes ou a pequenas escalas. E por iso é tamén unha das cuestións nas que Xesús marcou unha postura forte e moi definida: non podedes servir a Deus e ao diñeiro, non podedes converter o diñeiro en Deus para servilo e poñervos aos seus pés coa vosa vida cada día. Xesús vía aí un grande perigo para o seu proxecto de vinculación fonda con Deus e coa xente no seu ideal de fraternidade limpa e real.
Como o diñeiro sempre estivo e está aí, coa súa carga de necesidade e de aguda tentación, é urxente que os cristiáns/ás nos preguntemos se estamos ou non estamos na onda de Xesús en relación co diñeiro. Acabo de ler estas palabras nun comentario ao evanxeo de hoxe: “Se non convertemos o noso corazón aos criterios de Xesús sobre o diñeiro, os bens e a riqueza, renunciemos a ser cristiáns. Non valemos para iso, aínda que aparentemos levar unha vida piadosa e cultualmente observante. Porque o culto ao diñeiro crea incompatibilidade evanxélica”. Estou de acordo con estas palabras; suavizaríaas dicindo: “Se non imos dando pasos para converter o noso corazón aos criterios de Xesús...

E ir dando pasos pode ser poñernos á escoita das palabras de Xesús. A parábola do administrador trampulleiro podiámolo ver actualizada no comportamento do famoso Bárcenas, outro agudo administrador que parece que ideou maneiras de se enriquecer manexando arteiramente as bazas que lle daba o seu posto especial. Pero corremos o perigo de poñer o problema fóra de nós, como se iso de manexar o diñeiro indebidamente fose soamente cousa de xente poderosa. Canto máis poder teñamos, máis estaremos tentados de aproveitalo en beneficio propio, pero a tentación peta tamén ás portas da xente humilde. Xesús non chufa os obxectivos inxustos do administrador, pero si a imaxinación que poñía para resolver unha situación apurada. Onde poñemos nós a imaxinación, en arrimarnos ao poder para sacar tallada, ou na busca decidida de socializar os poucos ou moitos bens que teñamos para facelos instrumentos de fraternidade?

Que pistas nos dá Xesús para acertar na adquisición e no uso do diñeiro? Xesús ofrécenos dúas pautas para acertar nesta complexa cuestión. A primeira e fundamental é que o diñeiro non encha o corazón, a vida; que non o poñamos como obxectivo básico da nosa existencia. Un non nace para facerse rico/a, por moito que ese pareza ser o obxectivo de moitas vidas. Un nace para a felicidade, que implica ter de que vivir con dignidade, pero que se realiza sobre todo na experiencia de ser persoa amada, respectada, por Deus e pola xente, na experiencia de sentirse integrado/a nun proxecto común de irmandade. Se escoitamos ben o noso corazón, se lle facemos caso ás experiencias que na vida nos van dando realmente paz e satisfacción, vemos que as cousas van por aí e non polo lado do poder e dos cartos. Que lugar están ocupando os cartos nos obxectivos da miña vida?

A segunda pista que Xesús nos ofrece depende da anterior. Os cartos están ao servizo da nosa felicidade permitíndonos vivir cando menos con pobreza digna, e converténdose nas nosas mans nun instrumento precioso para fomentar o coidado, a solidariedade coa xente que precise de nós. Así o diñeiro permítenos entrar nas moradas santas da xustiza solidaria, que é onde se encontra Deus e onde nós nos atopamos coa nosa identidade máis auténtica, coa nosa felicidade polo tanto. E aquí é onde se nos pide imaxinación, para que no momento presente poidamos facer dos nosos bens, persoais ou comunitarios, instrumento de solidariedade firme. Por exemplo, o Papa hai uns días incitaba á Igrexa a converter os conventos pechados en fogar para inmigrantes. Algo no que as persoas e comunidades cristiás, nos poderíamos distinguir: na creatividade para inventar maneiras de compartir bens e de incitar ao mesmo. Cáritas faino en boa medida. Todos somos moi desconfiados con isto dos cartos; soamente os exemplos claros desmontan esas desconfianzas e nos axudar a abrir os petos.

A participación en asociacións, sindicatos, partidos políticos cústanos moito ás persoas cristiás. Sen embargo, desde eses lugares é desde onde se moven as estruturas sociais, que permiten que os bens teñan unha redistribución xusta entre as persoas e pobos. Desde aí penso que Xesús, no nome do ben da xente máis pobre, nos está pedindo unha participación política seria e honesta.

A Eucaristía é un espazo de comuñón fonda, que só se fai auténtico se se traduce nunha comuñón dos bens, cousa que as primeiras xeracións cristiás tiñan moi claro.

Preces:

NON PODEDES SERVIR A DEUS E MAILO DIÑEIRO
  • Para sabermos buscar o traballo e os cartos necesarios para vivir, sen deixar que nos coman a cabeza e o corazón, acollemos coma discípulos/as as palabras de Xesús.
  • Para tomar conciencia de que os bens todos teñen unha finalidade social, que nos afecta loxicamente a nós, pero tamén a toda a xente que precisa deles, acollemos coma discípulos/as as palabras de Xesús.
  • Para defender a honradez, a honestidade, en todos os nosos contactos co diñeiro e para esixir iso tamén a todos, sobre todo a quen estea no goberno, acollemos coma discípulos/as as palabras de Xesús.
  • Para implicarnos na actividade social e política con honradez absoluta, de xeito que cheguemos a unha redistribución xusta dos bens e dos servizos, acollemos coma discípulos/as as palabras de Xesús.
  • Para loitar firmemente contra quen pretenda privarnos dunha sanidade pública, dunha ensinanza pública, duns servizos públicos dignos e para toda a xente por igual, acollemos coma discípulos/as as palabras de Xesús.
  • Para non esquecer que hai millóns e millóns de seres humanos que morren por falla de auga, de comida, de menciñas elementais, e desde aí apoiar políticas mundiais que busquen solucións a iso, acollemos coma discípulos/as as palabras de Xesús.



Pregaria:

Quen nos liberará, meu Deus, quen,
dese fondo apego a ter e posuír,
a encher ata rebordar os nosos fardos,
nun afán tolo por atopar seguridades
ante todo o posible e imposible?
Quen senón ti, meu Deus, quen?

Quen nos liberará, meu Deus, quen,
desa trampa maldita e pezoñenta,
que baixo aparencia de luz e liberdade
pecha, cega e encadea
os nosos pasos da mañá e da noite?
Quen senón ti, meu Deus, quen?

Quen nos abrirá os ollos, quen,
para descubrir a gloria de non ter,
a ledicia e a paz de andar no pouco,
a saborosa potencia do pequeno
para facer vidas nutridas e redondas?
Quen senón ti, meu Deus, quen?

Quen nos alixeirará, meu Deus, quen,
para voar cal bolboretas de mil cores
sobre do peso das cousas, dos afectos,
para vivir no aire, do aire levemente,
gozándoo todo sen apegarse a nada?
Quen senón ti, meu Deus, quen?

Quen nos acenderá o corazón, meu Deus, quen,
para entender que nada é meu e todo é noso,
que se humanizan os bens cando se ofrecen,
e se enchen as vidas que converten
en pan común os propios soños?
Quen senón ti, meu Deus, quen?

Quen nos fortalecerá, meu Deus, quen,
para armarnos de audacia e persistencia
na loita diaria contra o poder dos cartos
e contra as mañas de quen fai deles
instrumento de abuso e desamparo?
Quen senón ti, meu Deus, quen?


Signo:
  • Montón de moedas ou/e de billetes.
  • Títulos ou imaxes de BANCA ÉTICA, MANS UNIDAS, MÉDICOS SEN FRONTEIRAS, ...
  • Bolboretas voando, paxaros voando, gaivotas voando.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.