Evanxeo: Lc 16, 19-31
Comentario:
O evanxeo de hoxe podémolo ver coma un complemento do evanxeo do domingo pasado. O evanxeo do domingo pasado ensinábanos a non pretender servir a Deus e ao diñeiro, e indicábanos que un bo uso do diñeiro era “facer amigos coas riquezas inxustas”. O evanxeo de hoxe ponnos un exemplo moi claro de como non se fan amigos coas riquezas, de como se poden empregar o diñeiro, as riquezas, para arredarnos da xente, sobre todo da xente necesitada, e polo tanto para arredarnos moi seriamente de Deus.

O pobre Lázaro (Lázaro quere dicir “Deus auxilia”) representa hoxe a persoa parada que cada día sae á rúa na busca do traballo que sabe que non vai atopar; ou a familia desafiuzada que sabe que mañá ou pasado mañá ten que deixar a casa e non sabe moito a onde ir; ou os nenos e nenas, que na casa non teñen moito que comer, gozan coa comida do colexio, e choran cando no colexio non lla dan polos malditos recortes; ou o negro ou negra subsahariana que intentou e intentou entrar no portal do país dos opulento norte e non o deu conseguido, ou, se o conseguiu, anda agochada canto pode, e disimula a súa manta, non sexa que a detecte a policía e a remita ao país da sombra e da morte; ou a persoa marxinal que cada día vemos pola rúa, por drogata, por enfermo mental desafiuzado, por puta, e ante a que torcemos a cara e apartamos o paso, non sexa que nos cadre bater cara a cara con ela. O evanxeo di que Deus está alí, facéndose voz e chamada de auxilio. Atender a esas persoas é como atender a Deus; desatendelas é desatender a Deus, por moito que pretendamos conquistalo cos nosos rezos ou as nosas teorías relixiosas.

Para ver, logo, se como persoas ou como comunidades andamos na onda de Deus, na onda de Xesús, un test elemental, básico, simple, é este: dóenos a xente? Dóenos a xente fráxil concreta coa que batemos na vida? Facemos algo por ela? Facemos algunha caridade? Ademais da caridade, intentamos facer xustiza, colaborando para que os sistemas sociais cambien, de xeito que cada vez haxa menos pobres, cada vez haxa un reparto mellor dos bens da terra? Xa coñecemos o dito famoso de Herder Cámara: “Se dou comida a un pobre, chámanme santo; pero, se pregunto por que é pobre, chámanme comunista”. Ante as urxencias, é necesario facer caridade; pero a caridade mesmo pode ser un insulto para Deus e para a xente pobre, se vale para frearnos na participación social, política, que permita cambiar as formas inxustas da sociedade, que causan as pobrezas.
A Eucaristía, o encontro con Xesús e coa comunidade cristiá, estaría ben que fose un lugar onde quentar os corazóns para implicarnos mellor, en corpo e alma, coa dor e coas carencias de quen pasa necesidade.
Preces:
QUE NOS DOAMOS DO POBRE, SEÑOR,
QUE NOS DOAMOS DO POBRE.
- Que non evitemos a súa presenza, a súa ollada, que nos deixemos conmover polo clamor da xente pobre, moitas veces clamor calado. Oremos.
- Que descubramos nel a túa mesma presenza, e que o atendamos e adoremos e coidemos como dicimos atenderte, adorarte e coidarte a ti. Oremos.
- Que descubramos a liberdade e a alegría grande que hai en compartir os nosos bens con quen non ten, para que se enxuguen as bágoas de tantos ollos. Oremos.
- Que participemos con forza e honradez na vida política e social, buscando sempre por riba de todo a mellora da xente máis marxinada. Oremos.
- Agora que sentimos a crise de cerca, que caiamos na conta do moito que sofren países que levan toda a vida metidos en crises moito máis agudas aínda do que a nosa, e nos fagamos solidarios/as. Oremos.
Pregaria:
Bendito Lázaro,
benditos todos os Lázaros,
toda a xente pobre,
toda a xente marxinada ao pé da abundancia e o gasto alegre,
non por ser pobre,
senón por ser obxecto da túa ollada entrañable
e por telos convertido, Deus,
en xuíces do mundo, da historia,
nos nosos mesmos xuíces!
Maldita a riqueza, a abundancia e o gasto alegre
que pecha os ollos e o corazón,
que non sabe alongar a man e compartir,
que pretende festa e esmorga,
mentres tres cuartos da humanidade morre de fame
ao pé mesmo da súa porta pechada!
Benditas as persoas que son coma o can de Lázaro,
que lamben e curan as súas feridas
--as túas feridas, Deus--,
que acompañan as súas soidades,
que calman os seus desalentos,
que se fan voz da súa protesta calada!
Maldita en cambio a indolencia,
o pasotismo, a indiferenza
de quen pasa, ve, e segue ao seu.
ignorando a dor humana que se esgota,
ignorando a Deus, que nela se fai carne rota!
Bendita a dor, a condolencia,
benditos os corazóns brandos e os petos abertos,
benditos os amores responsables,
que dan coa man e pensan coa cabeza,
buscando cousas e remedios dignos,
que coloquen a cada quen no seu sitio:
de irmán a irmán, de irmá a irmá,
no corazón de Deus,
e na rúa de cada aldea, vila ou cidade,
no corazón do mundo!
Bendito Lázaro, Deus!
Bendito Deus, Lázaro!
Signo:
- A foto do capitel coa escena do can lambéndolle as chagas a Lázaro (pé de foto: capitel da igrexa de San Martiño de Foz, Lugo).
- Fotos de escenas de moito luxo, e, en contraste, fotos de escenas de moita pobreza.
- Imaxes de xente dá rúa, de quen vive e dorme na rúa.
- Imaxes subsaharianos asaltando os aramados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.