30 decembro, 2013

1 de xaneiro: Solemnidade de Santa María


Evanxeo: Lc 2, 16-21

Comentario:

Na celebración de hoxe, 1 de xaneiro, xúntanse varias cousas moi importantes: hoxe empeza un ano novo, o 2014, cousa que sempre nos conmove dunha maneira algo especial; hoxe é a Xornada Mundial da Paz, entendida non só coma vivencia persoal sinxela e fonda, senón tamén como ausencia de conflitos armados, nos que con tanta frecuencia morre moita xente e da máis débil e inocente da sociedade. E, a maiores, a liturxia segue axudándonos a entrar na fondura do misterio de vida que celebramos no Nadal, e para iso proponnos que reparemos especialmente en María de Nazaré, mamá de Xesús, da que tantas cousas sinxelas e auténticas podemos agradecer, celebrar e aprender.

O cadro que nos ofrece o evanxeo de hoxe é ben sinxelo: uns pastores que baten nunha casopa cuns pais que acaban de ter un neno, ao que ven deitado no presebe, como era costume facer entre familias pobres. O nacemento dun neno ou nena sempre é un acontecemento fermoso; se ademais está rodeado de espírito, de humildade, de alegría, de soños de pan e de paz, de compartir...; se ademais o pai é un home xusto e santo, e a nai é unha bendita, qué máis queremos. Aquilo ulía a corte, a vaca e burro, a bosta, a suores: aquilo ulía a Deus. Cantas cousas semellantes a esta vivimos nós ou vemos vivir a outra xente cada día! O Nadal invítanos a reparar que Deus nace sempre en formato humilde, e por iso avísanos tamén para que andemos pola vida cos ollos abertos, co corazón asentado no amor, co espírito en alerta, espelido, para que descubramos a Deus nacendo entre nós, en nós mesmos, en moitas circunstancias humildes da nosa vida, sobre todo cando as sabemos encher deses detalles que percibimos no nacemento de Xesús, o fillo de María e de Xosé.

Foto: Manuel López Gutiérrez
Pode resultar ben proveitoso que reparemos nas accións que realizan as persoas que participan na escena do nacemento que hoxe nos relata o evanxelista Lucas. Os pastores van correndo: oíron, sospeitaron que algo denso, de vida, de liberdade, estaba acontecendo e aló foron todo decididos. Andamos así nós, dispostos a coñecer e a integrarnos naquelas cousas que levan o sinal da humanidade, o sinal de Deus, na familia, no barrio, na parroquia, nos movementos sociais? (Sinalar algún destes feitos que en cada comunidade estean acontecendo.) Estaría ben que os que queremos ser bos cristiáns/ás coidáramos moito esta disposición.

Chegan, ven, contan, escoitan outros/as o que uns/unhas contan, falan do feito, valórano, admíranse da fondura que vai agochada naqueles sucesos humildes, saen loando a Deus, que así se lles mostrara. Que sinxelo todo, e que precioso todo! Non é isto algo no que debiamos ser expertas as persoas que formamos a nosa comunidade cristiá parroquial? No canto de transmitirnos murmuracións de tal ou cal persoa ou feito negativo (cousas nas que deseguida entramos), sería mellor andar con ollada limpa, inocente, pola vida, e contarnos uns a outras o que imos vendo de ilusionante, e gozar co que outros contan, e quentar os ánimos, e enchernos de agradecementos, e vir ás celebracións traendo todo iso no corazón e facéndoo motivo das nosas loanzas a Deus! (Nomear tamén algunha cousa positiva que se estea dando na comunidade, a modo de exemplo.)

En todo isto María xoga un papel excepcional. María é a nai, a primeira que advirte que en todo o que estaba pasando na súa vida andaba metido a tope o Espírito de Deus. Pero Deus desbórdaa, ata o punto de que non dá entendido ben. Oe o que uns e outras din. Intenta descubrir o paso de Deus pola súa vida, pola vida do seu propio fillo, pola vida da xente, pola vida do mundo. Trata de comprender, e para iso vai gardando no seu corazón todo o que acontece, cheo de detalles simples e significativos, para ilo remoendo con calma, para sacarlle todo o proveito posible, para deixar a Deus ser Deus a tope na súa historia miúda e na historia do pobo do que forma parte. María é nai da escoita, do silencio, da dispoñibilidade, da obediencia libre, do compromiso, da descuberta dos pasos firmes de Deus polos rostros do pobo, polos acontecementos da historia. Unha calidade espiritual coa que foi agrazada por Deus sen dúbida; unha calidade espiritual que foi acadando a base de esforzo, de unha e mil veces calar, sosegarse, escoitar, valorar, decidir, optar polo que humaniza, por Deus.

A Eucaristía, como dixemos, é un lugar especialmente destinado para contarnos as bendicións de Deus que vemos na xente, en nós, no mundo, para alegrarnos por elas, agradecelas diante de Deus, e animarnos á súa defensa e promoción no medio das nosas familias, pobos e comunidades.


Preces:

QUE O SEÑOR NOS BENDIGA E NOS GARDE

  • Que no ano novo vivamos coa confianza firme de que Deus –como di o nome Enmanuel— está sempre ao noso lado, acompañándonos, alentándonos, porque nos quere. Oremos.
  • Que no ano novo esteamos moi atentos/as ás vidas da xente máis pobre, humilde, marxinal, para escoitar nesas vidas a voz de Deus que nos chama á solidariedade, ao compromiso, á loanza.
  • Que durante todo o ano novo, en todo momento, apostemos pola paz, polo diálogo, polo entendemento, polo respecto, para acadar unha convivencia solidaria e feliz nas nosas familias, nos nosos barrios e parroquias. Oremos.
  • Que no ano novo vivamos con agradecemento e satisfacción a nosa saúde, se a temos; e, se temos enfermidade, que non nos falle a paciencia e unha boa sanidade pública e o servizo coidadoso de quen nos rodea. Oremos.
  • Que no ano novo nos comprometamos coa mellora da nosa comunidade cristiá, para facela máis apegada ao estilo de vida de Xesús, o noso mestre e irmán maior. Oremos.

Pregaria:

Ditosa a xente non violenta, pacífica,
porque o futuro da terra está nas súas mans.

Ditosas as persoas que buscan a paz seguindo as prácticas de Xesús,
porque abrirán camiños de vida ao seu redor.

Ditosos os homes e mulleres que renuncian ao poder,
porque o poder non os enredará na súa corrupción.

Ditosa a xente que non aspira a ser rica,
porque atopará nos demais irmáns e irmás e non competidoras.

Ditosas as persoas que non contestan ao mal con mal,
porque axudarán a baleirar as nefastas arcas da maldade.

Foto: León Dario Peláez / SEMANA
Ditosa a xente que sabe bicar e dar apertas,
porque fará que medre a preciosa árbore da tenrura.

Ditosos os homes e mulleres que buscan a paz a través da xustiza,
porque non manipularán as esperanzas das máis pobres.

Ditosos os gobernos que reducen os gastos de armamento,
porque terán máis cartos para a saúde e a cultura.

Ditosas as persoas que se ollan a si mesmas con audacia e tenrura,
porque atoparán os camiños da paz interior.

Ditosa a xente que descobre e espanta medos,
porque matará a raíz de toda violencia.

Ditosos os gobernos que lle chaman paz ao pan, ao traballo, aos dereitos,
porque así acadarán a dignidade de todas as persoas.

Ditosas as persoas que desenmascaran o negocio e o tráfico de armas,
porque lle abrirán á paz as portas da esperanza.

Ditosos os homes e mulleres que en toda hora din e fan a paz,
porque nos axudarán e crer que por fin a paz será posible.


Signo:

  • Algunha imaxe do portal de Belén, que sexa sinxela, realista.
  • A cabeceira do manifesto pola Paz editado pola Coordinadora de Crentes Galegos.
  • Foto de algunha manifestación pola paz.
  • Algunha imaxe de armas rotas.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.