02 xaneiro, 2014

5 de xaneiro: Domingo 2 despois do Nadal


Evanxeo: Xn 1, 1-18

Comentario:

O evanxelista Xoán non conta nada sobre as orixes e nacemento de Xesús. Sen embargo, con este himno que abre o evanxeo responde ás mesmas preguntas e inquedanzas de fondo ás que tamén queren responder os evanxeos que contan o nacemento e infancia de Xesús (Mt e Lc): Quen é, quen foi Xesús? Que o iguala e que o distingue de cada un, cada unha de nós? Onde están as fontes do seu ser, da súa liberdade, da súa rebeldía, do seu servizo, da súa tenrura? Non é unha curiosidade inútil intentar responder a estas preguntas, porque, no fondo, o que pasou en Xesús dunha maneira plena, redonda, pasa tamén en cada un, cada unha, de nós, dunha maneira, iso si, parcial, incompleta. Pero o misterio de Deus presente en Xesús é o mesmo que nos envolve e dá identidade a todos, todas nós.

Podemos estar vivindo o Nadal superficialmente, sen decatarnos de que no Nadal debúxanse as marcas fundamentais de todos os homes e mulleres do mundo, polo tanto as nosas tamén. O himno antigo co que se abre o evanxeo de Xoán empeza dicindo como entende el a Deus: Deus é Palabra, é comunicación, é un ser aberto, que bota para fóra todo o ben e bondade, toda a vida que leva dentro. Deus é vida, Deus é luz, Deus é calor, para encher de vida, de luz, de calor este mundo, a todas as persoas que xeración tras xeración o imos habitando, esteamos na parte do mundo onde esteamos, sexamos da raza ou da relixión que sexamos. Todo o que somos, todo o que vemos e tocamos, todo o grande, todo o diminuto, todo o vivido, todo o soñado, todo sen excepción ten a súa fonte neste Deus que o enche todo de vida. Como non vivir no agradecemento! Como non vivir querendo imitar a Deus, sendo nós tamén xente de palabra, de apertura, de comunicación, de vida, de compartir, renunciando a acaparar e engordar a costa da penuria doutra xente; renunciando a sermos nós mesmos centros de nada e vivindo con paz e humildade a nosa existencia fraterna asentada neste Deus de vida!

Este Deus estivo sempre en relación co ser humano; estao tamén con todos e cada un, cada unha, de nós. Ofrécesenos. Hai quen o recibe, quen lle abre as portas, o corazón, a vida; hai quen non o recibe, quen lle pecha as portas. Por que esta diferenza? Entre quen nos situamos nós? Como se lle pechan as portas a Deus? Péchanselle as portas a Deus, se se lle pechan as portas ao amor, á solidariedade, á xente, ás persoas débiles, ...As persoas que o reciben, que lle abren as portas da vida, que deixan que a súa forza de amor e de xustiza marque todos os seus movementos e accións, esas persoas así, simplemente, fanse fillos, fillas de Deus; un nacemento que, coma o de Xesús, tampouco se fai ao xeito humano, mediante a unión de sexos, senón ao xeito de Deus, pola forza do Espírito. Que bo sería que nas comunidades cristiás se nos impulsase para vivir a fondo esta aventura humana: chegar a ser no Espírito, no amor, no servizo, fillas e fillos de Deus!

E a Palabra de vida de Deus fíxose carne, ser humano, fíxose historia, limpamente, rotundamente, na persoa de Xesús de Nazaré: nel resplandeceu todo o que de Deus nos parece o mellorciño: a súa tenrura, a súa liberdade, a súa forza de protesta, a súa mansedume, a súa total humanidade, a súa alegría, a súa paz, a súa rebeldía, o seu perdón... Foi coma unha fervenza de graza, de verdade, de vigor, de alegría, de festa, de esperanza, de futuro, de abundancia da que nós podemos ir bebendo, manténdonos, sosténdonos. E Deus quérese facer carne, ser humano, historia, en cada un, en cada unha de nós, para que a súa vida trunfe nas nosas vidas, nas nosas relacións, nos nosos pobos e parroquias. Como conseguilo? Ollando para Xesús. Seguindo a Xesús. Vivindo as nosas vidas, os nosos traballos, as nosas tensións humanas, a nosa participación social, ao estilo de Xesús. Porque “a Deus ninguén o viu”, pero Xesús, “o Unixénito que está no seo do Pai”, que naceu e viviu entre nós, “foi quen nolo revelou”.

Cada celebración eucarística permítenos entrar en contacto co estilo de vida, coa morte de Xesús, coa súa resurrección. Permítenos compartir entre nós e con Xesús as maneiras cristiás de sentir e de vivir a Deus nas nosas vidas; permítenos caer na conta de que é o amor, o servizo á xente máis débil e marxinal, o que nos permite abrirlle as portas a Deus na nosa vida, e facernos así de verdade fillos, fillas del.


Preces:

DA ABUNDANCIA DE XESÚS, IRMÁNS, IRMÁS,
RECIBIMOS TODAS NÓS
  • Que da túa misericordia, Xesús, recibamos misericordia, para recrearnos nela e doernos de verdade de quen padece miserias e aflicións. Oremos.
  • Que dos teus coidados amantes e respectuosos, Xesús, recibamos abundancia de solicitude para irmos madurando como persoas, e para saber educar os nosos nenos/as e adolescentes con liberdade, respecto e rectitude. Oremos.
  • Que da forza de ben que hai en ti, Xesús, recibamos abundancia de fortaleza, para darlle cara aos problemas familiares, económicos, sociais, de convivencia que a vida cada día nos presenta. Oremos.
  • Que da total dispoñibilidade para o servizo que hai en ti, Xesús, recibamos abundancia de dispoñibilidade, para servir na familia, na comunidade cristiá, no pobo. Oremos.
  • Que do amor e do respecto absoluto que hai en ti, Xesús, por todas as criaturas, recibamos abundancia de amor e de respecto, para saber valorar as persoas que non teñen os nosos costumes, as nosas ideas, a nosa moral. Oremos.


Pregaria:

Agora que empeza o ano, meu Deus,
que nos saibamos sempre acompañados por ti,
pola túa presenza, pola túa palabra,
pola túa forza de vida, pola túa luz.

Fonte: Blog Ártabra 21
Que nos descubramos a nós mesmos/as vivindo en ti
e a ti vivindo en nós,
felices de pertencerche a ti
e de terte a ti coma herdanza nosa.

Que a túa Palabra, a túa luz, ti mesmo
ilumines hora a hora os nosos pasos,
nestes tempos confusos, de crise,
que tanto nos poden levar á desesperación
e a pensar en como solucionar unicamente o noso.

Que a túa luz ilumine as nosas vidas,
para abrilas máis ca nunca
ao pensamento e á práctica comunitaria,
descubríndonos en ti irmáns, irmás,
membros dunha mesma familia humana,
tan ampla como amplo é o mundo enteiro.

Que día a día teñamos a audacia de realizar
iso que de verdade xa somos:
fillos, fillas túas,
nacidas polo Espírito a unha nova fraternidade.

Que nos namoremos cada día máis de Xesús de Nazaré
e das súas prácticas solidarias;
pois el veu plantar entre nós a súa tenda,
para acoller nela primeiramente a xente máis débil e marxinada.

Abel Rivas, cunha das nenas que rescatou do tren.
Foto: Xoán A. Soler / Mónica Ferreirós 
Que nos saibamos abrir á abundancia do seu don,
da súa verdade,
para construírnos como homes e mulleres de ben,
para facer un pobo, un país, un mundo máis humano,
para así ir vendo e coñecendo ao Pai/Nai,
vivindo con Xesús a dita sinxela, cotiá,
de ser simplemente irmás, irmáns.


Signo:
  • Imaxes de solidariedade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.