06 decembro, 2013

8 de decembro: Domingo 2 de Advento (A)



Evanxeo: Mt 3,1-12

Comentario:

O evanxeo deste domingo e máis o do domingo seguinte están centrados na persoa e na obra de Xoán Bautista. Xoán Bautista foi un personaxe moi querido e venerado polas primeiras comunidades cristiás; liderou un movemento relixioso, do que, sendo adulto, Xesús formou parte, aínda que despois de distanciou del. A figura e as actividades de Xoán Bautista pódennos axudar a poñernos na actitude correcta para prepararnos a acoller ao Xesús, do que axiña celebraremos o seu nacemento, e a acoller tamén ao Xesús que a diario, de mil maneiras, se quere facer presente no medio de nós.

O anuncio fundamental de Xoán Bautista ten todo o valor para nós hoxe: Anuncia a chegada de Deus que bota a andar o seu proxecto de humanización de todas as persoas e institucións, e úrxenos a que lle prestemos atención, a que nos volvamos cara a el, a que fixemos nel a ollada, o corazón, a vida. Se vemos como andan as cousas entre nós, se ollamos para o corazón e a vida de cada un, cada unha de nós, canto nos fai falla esa humanización a fondo que Deus nos ofrece! É moi importante que como persoas e como comunidade cristiá nos preguntemos con sinxeleza, con verdadeiro interese, que podemos facer para acoller o que Deus nos ofrece. O que a continuación vai dicindo o Evanxeo pódenos axudar a entender como lle podemos prestar a Deus a atención debida, e así beneficiarnos do seu ofrecemento.

Xoán vestía e comía austeramente. Non era, desde logo, un representante dunha sociedade de consumo. O seu afán de cada día non era adornarse coas mellores vestimentas, nin alimentarse coas mellores comidas. Era sobrio. Era libre, coa liberdade que pode ofrecer a pobreza, a sobriedade querida e abrazada como forma normal de vivir, en todo. O seu corazón estaba posto en Deus e no pobo conxuntamente. O seu afán era que o pobo puidese probar, experimentar o boas que son as cousas de Deus: o seu amor, a súa xustiza, o seu perdón, o seu respecto por todas e cada unha das persoas, a súa preferencia apaixonada pola xente máis débil. A iso dedicaba todo o seu empeño. Era un profeta de Deus. Alguén que o propoñía de forma ben convencida e apaixonada. Para iso invitaba a un bautismo, que simbolizaba a limpeza de quen quería presentarse ante Deus e ante o pobo limpo, libre, dispoñible. Como persoas cristiás que somos, como comunidade cristiá que somos, todos, todas estamos chamados a acoller a Xoán e as persoas coma Xoán que, onte e hoxe, nos ofrecen as bendicións de Deus. O Papa Francisco igual está facendo hoxe para nós as funcións de Xoán Bautista. Ao mesmo tempo tamén estamos chamados a ser un pouco profetas, a vivir sobriamente, a ser persoas libres, a darlle cara á tentación do consumo estéril, a loitar para que a ninguén lle falte iso elemental que permite cando menos vivir con dignidade, co necesario, a soñar cun pobo bendicido por Deus e cos modos e maneiras de que iso se vaia dando entre nós. O consumismo non salva o mundo, como moitas veces se afirma, senón que só salva o sistema capitalista actual que tanto nos está afogando. Acollemos os profetas? Facemos algo de profeta?

Xoán vía que chegaba onda el xente que non tiña intención de cambiar de estilo de vida. Saduceos e fariseos, xente do sistema. Viñan curiosear ou simplemente finxir. Xente convencida de que estaban ben onde e como estaban, aínda que non houbese coherencia nas súas vidas, e os seus feitos non cadrasen coa súa fe, coas súas palabras. Non crían na novidade de Deus para eles, para o pobo todo. Xente crida, xente segura, xente que non deixaba ningún oco ao imprevisible de Deus. Xente fiada máis dos seus dereitos de raza, de Igrexa, ca non da forza de Deus que nos chama ao reto da fraternidade real, que case nos parece imposible. A actitude dos saduceos e fariseos non vale para a gran aventura do Advento, para a gran aventura do Nadal: facerlle oco amplo a Deus nas nosas vidas.

Por último Xoán invítanos acoller con humildade o regalo de quen vén, de quen é forte, de quen, máis aló da auga que lava por fóra, pode introducir en nós unha revolución imparable, un Espírito Santo, un lume, que queima, limpa, quenta, alenta, empuxa, fortalece as nosas vidas rotas, a nosa sociedade rota, para que todos, todas, deamos o bo froito que se espera de quen foi sementado co vigor de Deus.

Cada eucaristía é un tempo no que podemos facer a experiencia de acoller a quen vén, ao irmán forte que nos cura, nos arrexunta, nos vigoriza para a grande tarefa de poñer nas nosas vidas, nas nosas comunidades, na nosa sociedade, unha sólida palabra de esperanza, avalada por unhas vidas humildemente proféticas.


Preces:

PREPAREMOS OS CAMIÑOS DO SEÑOR

  • Para que poida curar as nosas vidas feridas, rotas, tristes, apagadas, inxustas. Oremos.
  • Para que as nosas comunidades recuperen o amor e o entusiasmo primeiro, e nos fagamos así capaces de contribuír á esperanza da xente que nos rodea. Oremos.
  • Para que Deus tome asento de verdade nas nosas vidas, e nos encha do seu Espírito de festa e de loita. Oremos.
  • Para que nos poidamos converter en xente dada ao comunitario, disposta a compartir e servir, de xeito que medre e medre entre nós a irmandade. Oremos.
  • Para que o Nadal se faga realidade e festa nas nosas vidas. Oremos.

Pregaria

(Soñando con Isaías 11,1-10)

Que descanse sobre nós o teu Espírito, Señor.
Espírito de sabedoría e discernimento,
Espírito de consello e fortaleza,
Espírito de respecto e amor por ti.

Que a nosa compracencia maior sexa sempre
estar fondamente vinculadas a ti
e ás cousas todas,
a xente toda,
o mundo todo,
polos lazos dun amor solidario.
Que non falemos nin actuemos nunca
levados pola aparencia, polos falares da xente,
polos prexuízos preguiceiros,
senón que a xustiza mida sempre os nosos pasos,
para así defender con ela o dereito
da xente pobre e oprimida,
que hoxe tanto abunda.

Que acabemos con toda violencia,
propia e allea,
a base de palabras axustadas
que saquen á luz os seus perversos mecanismos,
a base de xustiza exquisita
e de fidelidade a proba de provocacións.

Que entre nós,
e en calquera recanto da nosa terra,
o lobo habite tranquilamente cos años,
e o leopardo cos cabritos;
que o becerro e o leonciño pazan xuntos
e que unha criatura de peito os alinde.

(Que os israelitas festexen cos palestinos;
que os veciños/as encontrados/as se sempre
se xunten para celebrar o Patrón;
que se disolvan as grande cúpulas financeiras
e repartan os seus beneficios
entre as persoas e pobos moribundos;
que se suspenda definitivamente a produción de armamento
e se dedique o seu custe a matar a fame e curar enfermidades...)

Que o respecto, o amor, os coidados, a inocencia
cubran a terra
coma un manto de paz e de esperanza.

Que o mundo enteiro se encha do teu coñecemento, Señor,
do teu afecto, da túa tenrura,
o mesmo que o mar se enche coas augas.


Signos:

  • Unha imaxe de Xoán Bautista.
  • Unha imaxe de augas bautismais, augas correndo, saltando.
  • Unha imaxe, para o final, de montóns de armas que se tiran.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.