14 febreiro, 2014

16 de febreiro: Domingo 6 do Tempo Ordinario


Evanxeo: Mt 5,17-37

Comentario:

O texto do Evanxeo de hoxe forma parte do que se chama o "Sermón do monte" de Mateu, un sermón no que se adiantan xa unhas liñas orientadoras de por onde ía o de Xesús, a súa doutrina, o seu estilo de vida, a proposta que el facía para responder desde a fe en Deus Pai á realidade das persoas e da sociedade na que se encontraba Xesús e, despois de el, as primeiras comunidades cristiás. Despois o Evanxeo de Mateu irá ofrecendo palabras e feitos de Xesús, que completarán e concretarán na vida, na historia real, o que estas primeiras ensinanzas xa adiantaban.


En concreto o evanxeo de hoxe co evanxeo do domingo que vén compoñen unha parte significativa dese Sermón do monte, na que se contrasta a maneira de entender certas "prácticas" da tradición relixiosa xudía, coa maneira como Xesús e os seus seguidores e seguidoras foron entendendo esas mesmas prácticas. Percíbese ben isto no texto coas entradas: "Tendes oído que se ten dito...", acompañadas sempre das contraposicións: "Pero eu dígovos...". Despois dunhas palabras nas que se afirma a postura xeral de Xesús fronte á tradición relixiosa xudía, concretada na Lei e nos Profetas ("non vin para derrogar, senón para levar á súa plenitude"), abórdanse seis cuestións candentes nos tempos de Xesús; destas seis cuestións, catro coméntanse no evanxeo de hoxe, e dúas quedan para o evanxeo do domingo que vén. Pararnos a ver como Xesús se sitúa antes estas cuestións concretas pódenos axudar a situarnos nós, co espírito de Xesús, a calquera cuestión que a vida nos vaia poñendo diante nos nosos tempos.

En xeral, o estilo de Xesús consiste en non limitarse a un cumprimento simple da norma, co que quedar xa moi tranquilos/as, senón en introducirse na fondura do sentido da norma, para descubrir e vivir a súa riqueza; non é tan doado, pero é moito máis gratificante, máis enriquecedor, introdúcenos con fondura no precioso mundo do propio corazón, da propia persoa, das relacións entre as persoas, das relacións co funcionamento social, e polo tanto tamén no mundo da experiencia de Deus na nosa vida.

Así matar pode ser simplemente matar, quitarlle a vida a outra persoa, o cal non se nega; pero, por exemplo, matar é tamén insultar, violentarse co irmán/á, denigrar, ningunear, achicalo, fundilo, quitarlle o gusto pola vida, metelo en espazos de marxinación económica ou social, privalo de alegría, de esperanza, etc... Cantas veces cos nosos comportamentos entramos nestas cousas! Non era o mesmo Papa Francisco o que nos dicía que este sistema capitalista, tal como se está instalando entre nós, é asasino, mata a xente? Todas estas cousas entran dentro do non respectar a vida da xente; para Xesús a honra e o culto debido a Deus debe empezar por un exquisito coidado das nosas relacións co próximo; senón, o culto non vale para nada, e mesmo se pode converter nun insulto a Deus.

Outro exemplo desta fondura á que Xesús nos invita: o adulterio dáse cando unha persoa ten relacións sexuais con alguén que non é a súa parella. Pero Xesús advírtenos que se pode adulterar co corazón, co pensamento; que no interior de cada un, de cada unha, pode ir asentando o mal de maneira severa, ata o punto de introducirnos en mundos de infidelidades familiares ou doutro tipo, aínda que non se dea o feito concreto de deitarse con outra parella. Algo semellante a aquilo de ser limpos de corazón, de ter a ollada iluminada e limpa, deixando que a transparencia de Deus penetre toda a nosa vida, as nosas palabras, as nosas accións.

Nos tempos de Xesús era moi doado romper as relacións de parella; simplemente se pedía cumprir co requisito de darlle á muller un acta de repudio; algo denigrante para as mulleres, que as deixaba socialmente nunha condición de verdadeira marxinación. Xesús revélase contra esa práctica discriminatoria, e esixe tomarse moi en serio a vinculación que un home tiña establecida coa súa muller. Que diría Xesús da facilidade coa que hoxe, tanto homes coma mulleres, rompemos os vínculos de parella? Andar no espírito de Xesús seguro que nos axudará a non tomar as cousas á "chirigota", e a ter suma consideración coa persoa que temos diante; e desde aí as solucións que tomemos serán sen dúbida de moita calidade humana e cristiá.

Por último o de xurar ou non xurar en falso; nos tempos de Xesús era unha práctica frecuente e nada edificante, que mesmo intentaba xustificar en Deus as trapalladas humanas. Xesús rebélase contra iso; a conduta dos seus seguidores e seguidoras é o Si-Si, e o Non-Non, é dicir, a palabra franca, honrada, honesta. Só así se pode construír unha boa convivencia familiar, social. Vémolo ben nos nosos tempos, cando palpamos as consecuencias de tanta mentira e corrupcións sociais, políticas.

Na Eucaristía celebramos, agradecemos o Espírito co que Xesús desenvolveu a súa vida toda, e así alentámonos para orientar e dinamizar co seu Espírito todas as circunstancias da nosa vida.


Preces:

QUE O TEU ESPÍRITO, SEÑOR, GUÍE SEMPRE AS NOSAS DECISIÓNS
  • Para facernos valentes e humildes defensores da vida e de todo o que a favorece e expande nas persoas, nos animais, na natureza, no medio ambiente. Oremos.
  • Para vivir con gozo e fondura a nosa realidade sexual, sexamos xente casada ou non, respectando a fondo as nosas parellas, movéndonos sempre con ollada e corazón limpo e transparente. Oremos.
  • Para non participar en ningunha discriminación de xénero, e non permitirnos ningunha práctica que ofenda, rebaixe, lesione a dignidade da muller, en todas as institucións sociais, por suposto tamén e especialmente dentro das nosas comunidades cristiás, dentro da Igrexa. Oremos.
  • Para sermos sempre xente de palabra franca e honrada, que non enganemos a ninguén nin coa palabra nin coa nosa vida, amigos da transparencia e da verdade sempre, en todo. Oremos.
  • Para afrontar todas as decisións da nosa vida, deixando que a autenticidade, a sinxeleza, envolva as nosas vidas, e nos permita crear unha convivencia social nova para unha sociedade nova tamén. Oremos.



Pregaria:

Non, non,
a lei non chega,
o seu estrito cumprimento non é a medida.

Debaixo do mandado,
máis aló do mandado,
cumprido ou non cumprido,
ás veces, tantas veces!,
está a vida,
está un ser humano
co seu misterio de vida e morte,
de excelencia e de miseria,
que cómpre escoitar e respectar,
valorar,
sen condenar.

Non, non,
a lei non chega,
nin o seu exquisito cumprimento.

Máis aló da lei
e das súas pautas precisas
case sempre, sempre,
está o mellor, o mellorciño,
o máis nobre do mundo;
está cada un, cada unha de nós,
cos seus repregues íntimos,
coas súas capacidades ilimitadas,
co seu corazón alerta ou enconicado,
onde se xoga a fermosura da vida,
o encontro coa inocencia,
a comuñón limpa co propio ser,
aberto ao próximo sen lindeiros,
asentado en Deus,
con paz,
sen medo.

Non, non,
a lei non chega,
mesmo pode afogarte, destruírte.

Das mans da lei, da pura lei,
podes entrar no tenebroso mundo da autocompracencia,
créndote persoa xusta, cabal, perfecta,
ollando de esguello aos incompetentes;
deberías saber a estas alturas
que o cumprimento da lei non vale para nada
se non nace nas fontes limpas do amor,
se non te deixas levar polos fascinantes carreiros da tenrura
cara á xustiza redonda, total,
cara á fraternidade que cura e que libera.

Non, non,
a lei non chega.
Dínolo Xesús,
sabedoría de Deus,
que nos ensancha a vida e nola aleda.


Signo:
  • Unha árbore seca (a lei), e unha árbore florida ou chea de froitos (a lei levada a plenitude).
  • Unha fonte seca, que non deita auga, vida (a lei), e unha fonte deitando auga (a lei levada a plenitude).


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.